sábado, 25 de agosto de 2012

LECTURAS


DOMINGO XXI DO TEMPO ORDINARIO

PRIMEIRA LECTURA  Xos 24, 1-2a. 15-17. 18b
LECTURA DO LIBRO DE XOSUÉ
Serviremos ó Señor, porque El é o noso Deus

Xuntou Xosué a tódalas tribos de Israel en Xequem, e chamou ós anciáns de Israel, ós xefes, ós xuíces e mais ós oficiais, e presentounos diante de Deus. E Xosué falou a todo o pobo deste xeito:

Se vos anoxa servir ó Señor, escollede hoxe a quen ides servir: se ós deuses que serviron vosos pais na outra banda do río, ou ós deuses dos amorreos, os da terra que habitades. Eu e maila miña familia serviremos ó Señor".

E respondeu o pobo:
-"Lonxe de nós arredármonos do Señor para servir a outros deuses, pois o Señor, o noso Deus, fíxonos subir a nós e a nosos devanceiros da terra de Exipto, da casa do asoballamento, e fixo diante de nós aqueles grandes prodixios e protexeunos ó longo de todo o camiño que percorremos, e mais por tódolos poboados por onde pasamos. Así que tamén nós serviremos ó Señor, pois El é o noso Deus".


SALMO RESPONSORIAL Sal 33, 2-3. 16-17. 18-19. 20-21. 22-23
R/ (9a): Gustade e vede que bo é o Señor

Eu bendigo ó Señor en todo instante,
teño sempre na boca a súa louvanza;
gloríome no Señor,
e os humildes alégranse, ó escoitalo.

Os ollos do Señor están cara ós xustos,
os seus oídos cara ó seu clamor;
mais o Señor mira con enfado ós malvados,
para borrar da terra a súa memoria.

Claman aqueles, e o Señor escoita,
líbraos de tódalas angustias.
O Señor está preto do aflixido,
salva ó asoballado.

Moitos son os males dos xustos,
pero de todos os libra o Señor.
El coida dos seus ósos,
nin un só romperán.

A maldade mata ó impío;
quen aborrece os xustos será castigado.
O Señor redime os seus servos:
non será castigado quen a El se acolle.


SEGUNDA LECTURA Ef 5, 21-32
LECTURA DA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS EFESIOS
Este é un sacramento grande, falo de Cristo e da Igrexa

Irmáns e irmás:

Sede ben guiados uns cos outros por respecto a Cristo: as mulleres sométanse ós propios maridos, coma se fose o Señor, pois o marido é cabeza da muller, coma tamén Cristo é cabeza da Igrexa, o salvador do corpo. E, coma a Igrexa se somete a Cristo, así tamén as mulleres ós seus maridos, en todo.

Homes, amade as vosas mulleres, coma tamén Cristo amou a Igrexa e se entregou por ela para santificala, purificándoa co baño de auga na palabra, e para presentala deste xeito diante de si, radiante, sen lixo nin enruga nin cousa polo estilo senón santa e inmaculada. Así deben tamén os maridos ama-las súas mulleres coma os seus propios corpos. Quen ama a súa muller, ámase a si mesmo, porque ninguén odiou endexamais a súa propia carne senón que a mantén e aquece, como fai Cristo coa Igrexa, porque somos membros do seu corpo.
Por iso deixará o home a seu pai e maila súa nai e unirase á súa muller e serán os dous un único ser. Grande misterio é este e eu refíroo a Cristo e á Igrexa.


ALELUIA Cf Xn 6, 63c. 68c:
As túas palabras, Señor, son espírito e vida;
tes palabras de vida eterna.


EVANXEO Xn 6, 60-69
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
E ¿onda quén imos ir? Ti tes palabras de vida eterna

Moitos dos discípulos de Xesús dixeron:
-¡Que dura é esta doutrina! ¿Quen pode admitir tal cousa?
Comprendendo Xesús que os seus discípulos murmuraban do asunto, díxolles:
-¿Escandalízavos iso? ¿E logo se viséde-lo Fillo do Home subindo a onde estaba antes? O espírito é quen dá vida, a carne non vale para nada; as palabras que eu vos falei, son espírito e son vida. E, aínda así, hai algúns de vós que non cren.

Pois ben sabía Xesús desde o principio quen eran os que non crían e mais quen o había de entregar. E proseguiu:
-Por iso téñovos dito que ninguén pode vir a min, se non llo concede o Pai.

Desde aquela moitos dos seus discípulos botáronse para atrás, e xa non andaban con el.
Preguntoulles entón Xesús ós Doce:
-¿Vós tamén vos queredes ir?

Respondeulle Simón Pedro:
-Señor, ¿e onda quen imos ir? Ti tes palabras de vida eterna, e nós cremos e recoñecemos que ti e-lo Santo de Deus.

No hay comentarios:

Publicar un comentario