sábado, 25 de agosto de 2012

Comentario


O sentido de pobo está sempre marcado polo esforzo de camiñar xuntos, de unir, de prantexar tarefas e propostas en común. Por iso Xosué reúne ás tribos para compartir co pobo canto lles pasaba, afastando a tentación do individualismo, de ir cada un ao seu, do tan habitual entre nós: sálvese quen poida. Reunidos, comparte co pobo a súa inquedanza, á vez que fai unha sentida confesión de fe: “eu e a miña familia serviremos ao Señor”. Terémolo nós así de claro como Xosué?. Ou tamén somos dos que nos gusta nadar entre dúas ou máis augas, e buscamos xustificacións porque estamos cómodos adecuando a vivencia da fe á nosa comenencia, rebaixándoa das súas esixencias e caendo na mediocridade que non fai máis que producir baleiro en nós e conformidade para non achegarse aos que non ven en nós testemuño algún, senón beatería ritualista puramente externa e sen fondura algunha?. É Deus para nós todo, ou é que temos outros deuses que nos enchen o tempo, pero que dificilmente poden dar sentido á nosa vida?. Somos o suficientemente humildes como para descubrir a súa presenza no día a día da nosa vida?. Temos feito algunha vez o exercicio -tan reparador!- de pensar que tería sido a nosa vida sen a presenza de Deus?. Ou a planicie na que habitualmente vivimos fainos tan preguiceiros que mesmo nos impide preguntarnos sobre os porques e para que da nosa vida?. Verdadeiramente, Deus é o noso Deus?.
Como o pobo de Israel, tamén nos hoxe somos invitados a preguntarnos se é a Deus a quen loamos, na humildade e na ledicia; se é o que descubrimos cando traballamos e nos comportamos con xustiza, con capacidade de escoita, con sensibilidade e cercanía aos problemas e dificultades que as persoas máis achegadas están a sufrir. Reunirnos os domingos, dedicar este tempo a compartir e celebrar a fe non é unha cousas máis que facemos ao longo da semana, senón o momento privilexiado no que nos atopamos xuntos os que sabemos que Deus non só é importante na nosa vida, senón o cimento desde do que imos desenvolvendo todas e cada unha das nosas opcións e das decisións que debemos tomar, persoal ou comunitariamente, sobre aquelas cuestións nas que está en xogo o ser un non ser felices. E iso non o poderiamos facer, se como nos di Paulo, non somos ben guiados uns cos outros por respecto a Cristo.
De aí que as súas palabras, cando son acollidas con sinceridade, sen dobreces, sen buscar o que nos convén -que non se identifica moitas das veces nin co xusto nin co mellor-, non poden ser outra cousas mais ca espírito e vida. É dicir, alento, estímulo, forza, esperanza, sentido, guieiro... camiño de salvación e realización persoal. Claro que nos custa, dado o ritmo de vida que levamos e a pouca atención que prestamos á reflexión á hora de tomar decisións importantes na nosa vida. Porque, acostumamos a axudarnos da oración, da reflexión e meditación da palabra de Deus cando temos que tomar decisións que poden marcar presente e futuro?. Deixamos que esa Palabra vaia enchoupándonos para que sexa medio desde o que poder analizar, sen presas e con sinceridade, a vida e as diferentes vertentes que nela nos van aparecendo?. Ou mais ben somos dos que dicimos crer en Deus porque poñemos velas, pedimos misas, facemos promesas... pero nunca facéndonos as preguntas desde o corazón da Palabra de Deus; Palabra sempre viva e actual e que non pasa de moda. Tamén podemos actuar, como lle ocorría as veces aos discípulos, porque non lles conviña, xustificándonos e dicindo que como a aplicación desa Palabra á nosa vida é moi dura e difícil, buscamos vivir ao “meu xeito” no “cumpro e no minto”, é dicir: falar unha cousas e facer outra totalmente contraria, producindo unha bipolaridade coa que pretendemos enganarnos a nós mesmos e aos demais, pero dificilmente conseguiremos facelo con Deus. Si de verdade sabemos que as súas palabras son espírito e vida, comecemos, desde xa, a poñelas en práctica. Non esperemos máis.
Remol.

No hay comentarios:

Publicar un comentario