DOMINGO XXII DO TEMPO ORDINARIO, CICLO B
PRIMEIRA LECTURA Dt 4, 1-2. 6-8
LECTURA DO LIBRO DO DEUTERONOMIO
Non engadades nada á palabra que vos falo... cumpride os
mandamentos do Señor
Faloulle Moisés ó pobo dicindo:
E agora, Israel, escoita as leis e decretos que eu vos
ensino a cumprir para que vivades, entredes e tomedes posesión da terra que o
Señor, Deus dos vosos pais, vos entrega. Non engadades nada ás palabras dos
mandamentos que eu vos ordeno, nin lles quitedes nada, cumprindo as ordes do
Señor, o voso Deus, que eu vos impoño.
Observádeos e poñédeos en práctica, pois isto será a vosa
pericia e a vosa sabedoría ós ollos dos pobos. Estes, ó escoitaren todos estes
mandamentos, dirán: esta gran nación é o pobo máis experto e máis sabio, pois,
¿que gran nación ten os seus deuses tan cerca de si como está o Señor, noso
Deus, sempre que o invocamos? E ¿que gran nación ten mandamentos e preceptos
tan xustos coma esta lei que hoxe eu vos propoño?
SALMO RESPONSORIAL
Sal 14, 2-3a. 3cd-4ab. 5
R/ (1a): ¿Quen, Señor, se hospedará na túa tenda?
Aquel que anda rectamente e practica a xustiza:
o que non lle fai mal ó veciño
e non difama ó seu próximo;
o que estima desprezable ó malvado
e apreza ós que temen ó Señor;
o que non presta con usura o seu diñeiro
e non se deixa subornar contra o inocente.
Quen así se comporte,
endexamais non perecerá.
SEGUNDA LECTURA Sant 1, 17-18. 21b-22. 27
LECTURA DA CARTA DE SANTIAGO APÓSTOLO
Cumpride a palabra
Benqueridos irmáns e irmás:
Todo bo regalo e toda dádiva perfecta vén de arriba, do Pai
dos luceiros, en quen nin hai cambios nin tempos de sombras. Pola súa vontade
tróuxonos á vida coa palabra da verdade, para que fosemos como as primicias das
súas criaturas.
Acollede docilmente a Palabra enxertada en vós, que pode
salva-las vosas vidas. Sede cumpridores da Palabra e non vos contentedes con
escoitala xustificándovos con razóns enganosas.
A relixión limpa e sen lixo ningún ós ollos de Deus Pai é
esta: mirar polos orfos e polas viúvas nas súas coitas e gardarse da
contaminación deste mundo.
ALELUIA Sant 1, 18:
Libremente enxendrounos o Pai por medio da palabra da
verdade
para sermos primicias da súa creación
EVANXEO Mc 7, 1-8. 14-15. 21-23
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Rexeitáde-los mandados de Deus e agarrádesvos ás tradicións
dos homes.
Reuníronse con Xesús
un grupo de fariseos con algúns letrados chegados de Xerusalén, e viron ós
discípulos comer con mans impuras, é dicir, sen antes lavaren as mans. (É
sabido que os fariseos e os xudeus todos non comen sen lavaren ben as mans,
seguindo así as vellas tradicións; e cando chegan da rúa, tampouco comen sen se
bañaren antes; tamén están moi apegados a outras tradicións, coma o lavar
vasos, xerras e bandexas). Por iso os fariseos e mailos escribas
preguntáronlle:
No hay comentarios:
Publicar un comentario