sábado, 13 de octubre de 2012

Comentario


         A experiencia que as persoas imos acumulando ao longo da vida fai que aprendamos a ver as cousas con certa perspectiva; unha perspectiva que non teñen as persoas máis novas, inda que moitas veces consideren o contrario e pensen que saben máis e mellor que os seus maiores. Isto, que é un feito que a pouco que reflexionemos podemos facilmente darnos conta del, fai que moitas veces xurdan desencontros ou mesmo enfrontamentos xeracionais entre novos e maiores. Uns desencontros nos que case sempre son os maiores os que saen perdendo, pois se lles acusa de estar fóra da realidade, de non comprender o que está a pasar ou de terse quedado no pasado. Porén, as palabras que hoxe escoitabamos como primeira lectura, cuestionan este xeito de ver as cousas, á vez que nos invitan a repensar un pouco o noso xeito de actuar e dicir. O libro da Sabedoría lémbranos algo que non deberiamos esquecer, e que só quen ten pasado ou coñecido situacións semellantes é capaz e entender: non está a felicidade e o atoparse a gusto cun mesmo na acumulación de riquezas e cousas materiais, senón en aprender a ver as cousas en perspectiva, desde todos os ángulos posibles. Unha perspectiva así só pode dala o tempo e a capacidade de reflexión. Non nos deixemos enganar, mocidade non é sinónimo nin de acerto nin de dominio e coñecemento, ao contrario, porque falta experiencia, porque o percorrido ten sido curto, necesitamos escoitar a outros que xa teñen andado; mesmo se teñen equivocado, para así poder aprender deles. Non deixemos logo que isto caia en saco roto.

       Por iso é tan importante ser sinceros. Sinceros con nós mesmos, e tamén sinceros cos outros. Ocorre que moitas veces, crendo que podemos enganar os demais, non dicimos toda a verdade, escondemos datos cando manifestamos algo, buscamos só a perspectiva que nos beneficia e non facemos o mesmo fincapé nas cousas que poderían clarificar as situacións inda que nós non saiamos tan beneficiados. En fin, que moitas veces actuamos coma se foramos resabidos estando de volta de moitas cousas, buscando unicamente sacar tallada e aproveitarse de quen vai sen segundas intencións, con confianza ou falando as cousas con e desde a sinceridade. Entronca isto que vimos dicindo co que acabamos de ler na carta aos Hebreos, onde se nos di que Deus “xulga os desexos e intencións do corazón”. De aí que teñamos que preguntarnos cales e como son as nosas intencións cando actuamos, cando buscamos algo ou cando necesitamos dos demais. É o noso actuar sincero e sinxelo, ou temos sempre preparada a retranca do que queremos conseguir?  Abordamos as cuestións con limpeza e claridade, ou móvennos, moitas das veces, segundas intencións?  Á luz da palabra que hoxe vimos de escoitar, si que poderiamos preguntarnos onde estamos, por que estamos e que pretendemos cando actuamos. Non vaia ser que por deixarnos levar da cobiza, ou do que nos din outros que non teñen intencións claras, acabemos nós tamén caendo na negrura da mentira e o engano.


       Seguir a Xesús vainos pedindo cada día sinxeleza no actuar, claridade no dicir e modestia no vivir. Sinxeleza porque aprendemos del que o noso vivir non debe levarnos nin a crernos superiores a ninguén nin tampouco máis espelidos para enganar aos outros; claridade á hora de manifestarnos, porque quen sabe o que quere e é capaz de comunicarllo aos demais, vaise labrando un camiño no que xera confianza, tanto á hora de ofrecela como de recibila dos demais, pois cando fala e se manifesta, sábese o que quere e como o quere, sen enganar nin deixar que o enganen. Estamos acostumados a ver aparecer entre nós persoas que, desde intencións escuras, inda que se presenten baixo unha falsa afabilidade, intentan enganarnos e buscar como sacar proveito para os seus interese, sexan estes do tipo que sexan. Xesús é claro á hora de marcar cales son os vieiros polos que debe descorrer a vida de quen está disposto a seguilo –e non esquezamos que a fe é básica e fundamentalmente seguimento de súa persoa, non un conxunto de imposicións ou tradicións impostas a través do tempo–. A invitación do Evanxeo de hoxe non deixa a menor das dúbidas ao respecto.

No hay comentarios:

Publicar un comentario