28º DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO CICLO B
Primeira Lectura
Sab 7, 7-11
LECTURA DO LIBRO DA SABEDORÍA
En nada considerei as riquezas comparándoas coa sabedoría
Roguei e
foime dada a prudencia,
supliquei e veu a min o espírito da sabedoría.
Preferina
a cetros e tronos,
en comparanza a ela, coidei ser nada a riqueza;
non se lle asemella a alfaia de máis prezo,
pois todo o ouro, ao
seu lado, é unha manchea de area,
e xunto a ela a prata é coma a lama.
Ameina por
riba da saúde e da beleza,
escollín posuíla en troques da luz,
pois o seu raiolar non ten solpor.
Con ela
viñéronme xuntos todos os bens,
polas súas mans, riquezas incontables.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL
Sal 89, 12-13. 14-15. 16-17
R/. (14): Énchenos da túa misericordia, Señor, e
brincaremos de ledicia.
Ensínanos a contar os nosos días,
para que acheguemos o corazón á sabedoría.
Volve, Señor. Por canto aínda?
Apiádate dos teus servos.
Dános de mañá a fartura da túa misericordia,
para que teñamos felicidade e ledicia toda a nosa vida.
Alégranos polos días en que nos aflixiches,
por tantos anos de coitas.
Que se vexa a túa obra nos teus servos,
e a túa gloria nos seus fillos.
Que a bondade do Señor, noso Deus, sexa connosco,
que el consolide as obras das nosas mans.
Segunda Lectura
Heb 4, 12-13
LECTURA DA CARTA AOS HEBREOS
A palabra de Deus xulga pensamentos e intencións do corazón
A palabra
de Deus é viva e dinámica, máis cortante ca unha espada de dobre fío e que
penetra mesmo alí onde se diferencian a alma e o espírito, as xuntas e a
medula.
Ela xulga
os proxectos e os pensamentos.
Non hai
cousa que se lle esconda, todo está nu e penetrable aos seus ollos: é a ela a
quen lle temos de dar contas.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
ALELUIA Mt 5, 3
Se non se canta, pódese omitir
Aleluia, aleluia.
Ditosos os pobres no espírito
porque deles é o Reino dos Ceos.
Aleluia.
Evanxeo Mc 10,
17-30
LECTURA DO SANTO
EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Vende todo o que tes, e repárteo entre os pobres, e despois
ven e sígueme
Naquel
tempo, estaba Xesús saíndo para se pór en camiño, e chegou correndo un home,
que se axeonllou diante del e que lle preguntou:
‑ Mestre bo, que teño que facer para acadar a vida eterna?
Xesús
respondeulle:
‑ Por que me chamas bo? Ninguén é bo fóra de Deus. Xa sabes os
mandamentos: Non mates, non cometas adulterio, non roubes, non deas falso
testemuño, non defraudes, honra a teu pai e mais a túa nai.
El
replicoulle:
‑ Mestre, todas esas cousas gardeinas desde a miña mocidade.
Xesús
fitouno cunha mirada chea de agarimo e engadiu:
‑ Aínda che falta unha cousa: Vai, vende todo o que tes, e repárteo
entre os pobres, e terás un tesouro no ceo; e despois ven e sígueme.
Pero el
tornou triste ante estas palabras e marchou moi apesarado, pois tiña moitos
bens.
Xesús,
mirando arredor, díxolles aos discípulos:
‑ Que difícil lles vai ser aos ricos entrar no Reino de Deus!
E os discípulos ficaron moi sorprendidos
por estas palabras. Pero Xesús volveu insistir:
‑ Fillos, que difícil é entrar no Reino de Deus! É máis doado para un
camelo pasar polo ollo dunha agulla, do que para un rico entrar no Reino de Deus.
Eles,
aínda máis asombrados, comentaban entre si:
‑ E quen se vai poder salvar?
Xesús
fitounos coa súa mirada e dixo:
‑ É imposible para os homes, pero non para Deus; porque todo é posible
para Deus.
Entón comezou Pedro a dicirlle:
‑ Mira que nós deixámolo todo e seguímoste.
Dixo
Xesús:
‑ Dígovolo de verdade: Non hai ninguén que deixe casa ou irmáns ou
irmás ou nai ou pai ou fillos ou leiras por cousa miña e por cousa do
Evanxeo, que pase sen recibir agora, neste tempo, cen veces máis en casas,
irmáns, irmás, nais, fillos e leiras, xunto con persecucións, e no mundo
futuro, a vida eterna.
Palabra do Señor R/. Loámoste,
Cristo
No hay comentarios:
Publicar un comentario