Moisés non se deixa
ir, non queda quieto, senón que se move. E faino cunha dirección crara e ben
determinada: camiña cara Deus. No seu fondo e pleno encontro con Deus, Moisés
sentíase tocado pola súa man e pola súa presenza, por iso non ten medo, e non se
deixa levar da tentación máis doada: mirar cara atrás, cara Exipto e queixarse.
Para el o paso xa estaba dado, a confianza xa estaba posta en Deus, non era
tempo nin de nostalxias nin de laios. Se Deus non falla, como non ían seguir
confiando nel? Por iso non se deixa levar do desánimo e a tristura. Tamén nós
hoxe deberiamos poñer a nosa mirada nesta actitude de Moisés, que é fondamente
pedagóxica e madura. E debemos facelo así porque no momento no que todo vai ben
é moi fácil dicir si, seguir o que fan todos ou deixarnos levar da retórica do
que non compromete nin nos esixe nada...Pero cando as cousas se torcen, só
aqueles que de verdade teñen as cousas ben asentadas –Moisés era destes- son
capaces de facerlle fronte ás dificultades e problemas que se van presentando,
sen deixarse levar do que fan todos, nin do abandono sen antes terse esforzado.
A isto mesmo nos invita Paulo desde este fragmento da carta
que lle escribe aos corintios. Só quen entende o que significa estar alegres
–que non é disimulo nin sorriso falso– é capaz de entender a Xesús e a súa
proposta de vida. Unha alegría que ten que ir enchoupando canto somos e tamén o
noso xeito de facer as cousas. Porque a fe non se reduce a un ascetismo moral
nin tampouco a unha actitude mística de alta escola de espiritualidade. Os
seguidores de Xesús estamos chamados a facer de cada paso que damos e de cada
palabra que sae da nosa boca, unha experiencia de encontro cos demais; de paz
ofrecida; de solidariedade compartida e de encontro sincero e fraterno con
quen, coma nós, sabe recoñecer nos outros a presenza dun igual, dun coma nós,
dun irmán... non polo sangue, senón pola esperanza compartida no amor con Aquel
que é todo El amor.
E o broche a todo isto pono Xoán ao recoller no evanxeo que
vimos de ler a síntese na que podemos resumir a mensaxe de Xesús: o amor de
Deus foi total e tan grande que nin gardou para si ao seu Fillo, senón que o
entregou para que se fixese un de nós; pois só así a ese amor pleno se lle
podía poñer rostro. De aí que o rostro de Cristo, un coma nós, é rostro de
esixencia, participación, unión na procura da xustiza ou paz de igualdade e
respecto. E isto non se pode facer vida e realidade se andamos constantemente
coa escopeta cargada para dispararlle a quen é distinto, a quen pensa e actúa
diferente a nós, a quen non busca poder senón servizo e dispoñibilidade; a quen
non mira ao pasado, senón que constrúe futuro asentándose con forza no presente
de cambio e transformación. Nunha palabra: non será posible darlle rostro, vida
e realidade ao proxecto de Xesús se sempre andamos xulgando, e non somos nunca
capaces de escoitar nin de poñernos no lugar do outro. Iso que agora se chama
intelixencia emocional. Sen ela, a salvación quédase en rito, e a fraternidade
e beneficencia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario