Moitas veces sentimos a sensación de baleiro, tristeza,
desacougo ou incomprensión. Como se nada nin ninguén puidera valernos e
axudarnos a aquecer o corazón, que experimentamos como frío e sen gana de nada.
Nesta experiencia, que seguro todos temos pasado, hai Alguén, ao que non sempre
somos capaces de percibir, que está... inda que non o vexamos. E o seu estar
non é para pasarnos a conta do moito que ten feito por nós, nin para que lle
agradezamos que sempre teña sacado a cara na nosa defensa, ou para calquera
outra cousa que puidera refregarnos nos beizos. Non, a súa é unha presenza
silenciosa na que nos invita a mirar cara dentro para sacar o mellor de nós
–que o temos, inda que pensemos o contrario-. Ese Alguén é Deus. E cando
dicimos Deus imos ás imaxes que del nos van ofrecendo os textos da biblia, nos que
se nos mostra como o que está, acompaña, alenta, anima, reforza...e o que é
máis importante: o que nos quere e consola. Cantas veces non o temos botado en
falta pola nosa cegueira ou xordeira de corazón! A imaxe dese Deus a quen
rezamos, a quen queremos e en quen confiamos é a de quen sempre camiña, sen
parar, e coa man tendida para dicirnos: segue, paga a pena, non estás solo. O
Deus ao que tantas veces se refire o papa Francisco cando nos di que é o que
pon ás persoas por riba das cousas ou das ideas; dos proxectos ou dos grandes
logros. O Deus sensible que acompaña o noso silencio e non busca manipularnos,
senón querernos desde a súa misericordia chea de tenrura.

Dámonos conta do que significa poñer nos nosos beizos
expresións tales como: agarímanos coa túa tenrura, aloumíñanos na túa
misericordia ou renova en nós a esperanza? Si, temos que ir facéndonos
preguntas para poder descubrir e coñecer o verdadeiro rostro de Deus, non o que
moitas veces voces “autorizadas”, convertidas en interesadas, nos teñen
presentado. E convencernos dunha vez que é amor, agarimo, confianza, liberdade;
e non medo, castigo nin condena. Se somos capaces de facer este camiño de
maneira persoal e sentindo a forza e o alento da comunidade, acabaremos
entendendo por que Deus se converte no Alguén importante na nosa vida. Aquí
reside a súa grandeza, polo que, como facía o pobo de Israel, tamén nós podemos
dicir e sentir: Que o Señor estivo grande connosco e estamos alegres.
Nesta alegría imos poñendo, chanzo a chanzo, a nosa
esperanza, desde a que entender que celebrar, compartir, estar pendentes e
preocupados por canto lle pasa aos que temos máis preto e, sen esquecer aos que
son esquecidos e descartados, lonxe convértese nunha consecuencia de seguir a
Xesús para dar e construír vida alí onde esteamos. E a vida non se fai poñendo
atrancos, dificultades, normas e leis, senón testemuño, exemplaridade, entrega,
xenerosidade e capacidade de acollida. Unha acollida onde nunca somos moitos, e
sempre cabemos máis. Sen ter medo, porque como El ten dito outras veces: “fun
forasteiro e non me acollestes”. Neste verdadeiro mestre que non busca nada
máis ca nosa felicidade poñemos nós a confianza e, como aquel cego do evanxeo,
tamén hoxe lle dicimos: Mestre, que poida ver.
No hay comentarios:
Publicar un comentario