Para os que temos fe, e non aproveitamos as festas
relixiosas para aparcar a Deus e irnos lonxe, o día de hoxe quere ser unha
homenaxe e un recoñecemento a todas as persoas que teñen sido para nós
auténticas e verdadeiras testemuñas de entrega e xenerosidade. Nas súas vidas
vemos expresada a posibilidade de facer do proxecto de Xesús unha maneira de
ser feliz e de facer felices aos demais. Daquela, é un día para o recoñecemento
agradecido do moito que temos aprendido de tantas persoas, na maioría das veces
anónimas e sen presenza nin pretensión de aparecer nos programas de televisión
de máis audiencia.
Quen pasa facendo o ben non necesita nin ser famoso nin
aparecer nos medios de comunicación, senón que o seu paso é calado e entregado
a poñer sorriso e corazón quente aos desherdados deste mundo, tan sobrado de
tantas cousas, e tan falto de amor e tempo para os demais.
Participemos, xa que logo, desta celebración facendo memoria
agradecida do testemuño de vida de tódolos homes e mulleres que sen facer
barullo deixáronnos a súa entrega xenerosa pola que, inda sen estar no
calendario, son para nós exemplos de santidade.
Benaventurados os
misericordiosos: Hoxe é o día dos Benaventurados –felices-. E inda que adoitamos
ir ao cemiterio para rezar aos nosos seres queridos defuntos e tamén
aproveitamos para levar flores e limpar o panteón onde repousan os seus restos
non deberamos esquecer que o que celebra hoxe a Igrexa non é un día de tristura
e nostalxia, senón que para nós os crentes, este é o día da esperanza e o gozo.
Si, porque son estas as dúas grandes categorías teolóxicas e existenciais coas
que os crentes queremos expresar que logo do noso paso pola vida o que nos
espera é sentírmonos apertados pola tenrura dos brazos acolledores de Deus. De
aí que na celebración na que estamos a participar sexa o branco, sinal de
triunfo e vida plena en Deus, a cor litúrxica que utilizamos. Triunfo, gozo,
esperanza, resurrección e vida en plenitude son as palabras que mellor expresan
o que estamos a compartir neste primeiro de novembro. Unha mirada e experiencia
positiva en Deus, a través da vida de todas esas persoas que pasaron facendo o
ben, acollendo, acompañando e poñendo toda a súa enerxía vital ao servizo do
sorriso compartido e da construción dun mundo mellor, onde o humano prime sobre
o tecnolóxico, e as persoas estean por riba de ideas ou beneficios.
Benaventurados, porque fixeron da súa vida misericordia –poñer o corazón nos
máis míseros/pobres-, cantos fixeron da súa vida un canto solidario, xusto e
humanizador. E nós, sabedores de todo o seu esforzo, non podemos dicir máis ca
grazas.
Benaventurados os
que viven desde a misericordia: Grazas ao esforzo de todas estas persoas, ao
seu exemplo e perseveranza, tamén nós hoxe damos grazas a Deus polo testemuño
de tanta xente que dun cabo ao outro do noso mundo, non desfalece para levar a
misericordia que fai que non arrefríen os nosos corazóns e poidamos seguir
crendo na capacidade do ser humano de facer cousas, de xeito desinteresado,
polos demais. Vivir da misericordia ha ser, entón, tarefa permanente en cantos
queremos seguir chamándonos, porque nos entusiasma a súa mensaxe e a súa
persoa, seguidores de Xesús.
Benaventurados os
que fan da misericordia o seu estilo de vida: E porque falar de misericordia
non pode reducirse a unha discusión de escola teolóxica nin a unha
“performance” que chame a atención; pero non inflúa na nosa vida, damos tamén
hoxe grazas a Deus polo grandioso testemuño ofrecido nas persoas que fan do seu
estilo de vida a resposta da invitación de Xesús cando di: Vén e sígueme.
No hay comentarios:
Publicar un comentario