sábado, 1 de noviembre de 2014

REFLEXIÓN

MIREI UN MUNDO DE XENTE, DE TODAS AS NACIÓNS, TRIBOS, POBOS E LINGUAS: Na festa de Todos os Santos, a Palabra, unha vez máis, volve falarnos de universalidade. E é que Deus non cansa nunca de insistir en que El non fai distingos nin exc1usións, que para El todos posuímos a mesma dignidade, que chama por todos e todas nós. O abrente está, pois, preñado de esperanza. Somos invitados a mirar cara adiante e a alegramos, porque os plans de Deus vanse cumprindo. A nosa contabilidade, que peca de mesquiña, non coincide coa de Deus. Hoxe celebramos a ese mundo de xente do que se nos fala no libro da Apocalipse. Algunhas destas persoas foron canonizadas, son coñecidas e mesmo veneradas dentro da Igrexa; pero nesta morea de xente tamén hai persoas que non aparecen nos santorais, que non contan nas nosas listas pero si nas de Deus. Persoas sinxelas que, no medio das dificultades, souberon ser fieis a Deus e vivir como nos ensinou Xesús: polo camiño das benaventuranzas.

CANDO XESÚS APAREZA SEREMOS COMA EL, PORQUE O VEREMOS TAL COMO É: Porque de certo que se collemos o camiño que Deus nos marca, atoparemos sentido para a nosa vida. Nós, pola fe, sabemos que non camiñamos sen rumbo, que Deus é a nosa meta. A resurrección de Xesús abriunos a porta e marcounos a orientación. Nas nosas mans está aplicar o sentido común, fiamos e deixamos guiar por ela, como fixeron ao longo da historia tantas e tantas persoas boas que pasaron polo mundo facendo o ben e que agora están ao seu carón, participando da súa resurrección.
Por iso a festa de hoxe, a pesar de que nos lembra cemiterios e nos deixa un pouso de tristura, é unha chamada á esperanza, á ledicia: camiñamos cara ao encontro con Deus.
  
BENAVENTURADOS VÓS: Porque se de verdade poñemos nel a nosa esperanza, traballaremos por realizar, cadaquén no seu ambiente e segundo a súa personalidade, o sentido das benaventuranzas. Porque ser santo e santa é ...
- seguir sendo unha persoa normal, que sinte a insatisfacción que produce unha visión do mundo na que a xente acepta como necesidade ter moitos cartos.
- sentir a preocupación do desemprego e do paro, e solidarizarse con quen o sofre, traballando para que os responsables teñan unha mentalidade menos lucrativa e busquen o ben común.
- ofrecer a nosa amizade a quen se atopa só.
- non aceptar a violencia á que nos leva a competición, a xenreira que esperta en nós a separación de persoas con barreiras económicas, sociais, relixiosas ou raciais.
- buscar a superación de todas as situacións negativas que producen sufrimento nas persoas.
- saberse fillos de Deus, o que significa querer estreitar lazos de irmandade
- vivir coa limpeza de corazón suficiente como para camiñar pola vida sen segundas intencións, ofrecendo sinceridade e confianza.
- ter confianza, esperanza e ledicia, porque Xesús está connosco facendo posible unha convivencia nova que inverta, coma as benaventuranzas, todo o noso sistema de valores.
- decidir construír esa nova humanidade na que as persoas se aman, son solidarias e capaces de axudarse, sen que haxa rexeitamentos por mor da cor, dos cartos ou do poder.
- manter o espírito combativo a pesar de que sabemos que é unha tarefa difícil e lenta, e na que somos conscientes de que moitas veces seremos criticados.

É entón cando poderemos falar de santidade, porque a pesar de todo  mantemos a esperanza de que a tarefa realizada por e con Xesús terá un bo final e a fraternidade irá facéndose realidade ata que todos sexamos autenticamente irmáns, santos, felices, ditosos e benaventurados.

No hay comentarios:

Publicar un comentario