XXIV DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO -
CICLO C
Primeira Lectura
Ex 32, 7-11. 13-14
LECTURA DO LIBRO DO ÉXODO
O Señor renunciou ao castigo co que ameazara ao seu pobo
Naqueles días, o
Señor díxolle a Moisés:
‑ Anda, baixa da montaña, porque o
teu pobo, o que ti sacaches de Exipto, perverteuse. Desviáronse axiña do
camiño que eu lles indicara. Fixeron un becerro de metal, próstranse diante
del, ofrécenlle sacrificios e pregoan: "Este é o teu Deus, Israel, o que
te sacou de Exipto".
E díxolle o Señor
aínda a Moisés:
‑ Vexo que ese é un pobo de dura
caluga. Deixa, pois, que agora se acenda a miña ira contra eles e os consuma. Pero
a ti convertereite nun gran pobo.
Entón rogou
Moisés ante o Señor, o seu Deus:
‑ Por que, Señor, se ten que acender
a túa ira contra o teu pobo, que con moito poder e con man rexa ti sacaches de
Exipto? Lembra os teus servos Abrahán,
Isaac e Israel, aos que con xuramento prometiches: "Multiplicarei os vosos
descendentes coma as estrelas do ceo, e dareilles este país de que vos
teño falado, para que o posúan a perpetuidade.
E o Señor
renunciou ao castigo co que ameazara ao seu pobo.
Palabra do
Señor
R/. Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL
Sal 50, 3-4. 12-13. 17 e 19
R/. (Lc 15, 18): Levantareime e irei onda meu pai.
Compadécete de min, oh Deus, pola túa bondade;
pola túa gran misericordia, borra o meu pecado;
lávame enteiro da miña iniquidade,
límpame da miña culpa.
Crea, oh Deus, en min un corazón puro,
renóvame por dentro con espírito firme;
non me botes da túa presenza,
e non tires de min o teu santo espírito.
Abre, Señor, os meus labios,
e a miña boca pregoará a túa loanza.
O meu sacrificio a Deus é un espírito contrito:
un corazón contrito e humilde
Deus, ti non o desprezas.
Segunda Lectura 1
Tim 1, 12-17
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO A TIMOTEO
Cristo veu salvar os pecadores
Benquerido
irmán:
Doulle
grazas a Cristo Xesús, noso Señor, que me fortaleceu, porque confiou en min,
encomendándome o ministerio; a min que fora un blasfemo, perseguidor e
inxuriador. Pero compadeceuse porque o fixera por ignorancia, sen ter aínda fe;
e a graza do noso Señor desbordou coa fe e o amor, que hai en Cristo Xesús.
Esta é
palabra segura, merecente de que todos a acollan: que Cristo Xesús veu ao mundo
para salvar os pecadores, dos que eu son o primeiriño.
Pero por
iso mesmo compadeceuse, a fin de que Cristo Xesús amosase en min, o primeiro,
toda a súa paciencia como exemplo para os que habían crer nel para lograr a
vida eterna.
Ó Rei da
eternidade, inmortal, invisible, único Deus: honra e gloria polos séculos dos
séculos! Amén.
Palabra do
Señor
R/. Grazas a Deus
ALELUIA 2 Cor 5, 19
Se non se canta, pódese omitir.
Aleluia, aleluia.
Deus estaba en Cristo reconciliando o mundo consigo,
e poñendo en nós a mensaxe da reconciliación.
Aleluia.
Evanxeo Lc 15,
1-32
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Haberá grande alegría nos ceos por un pecador que fai
penitencia
Naquel
tempo, os publicanos e pecadores achegábanse a Xesús para o escoitaren. Por iso
os fariseos e letrados murmuraban:
‑ Este acolle os pecadores e come
con eles.
Entón
Xesús contoulles esta parábola:
‑ Quen de vós, se ten cen ovellas e
perde unha delas, non deixa as noventa e nove no descampado, e vai en busca da
perdida, a ver se a atopa? E cando a atopa, volve todo contento para a casa,
con ela no lombo; e, chamando por amigos e veciños, dilles:
"Alegrádevos comigo, que atopei a ovella que perdera".
Pois
asegúrovos unha cousa: no ceo haberá máis alegría por un pecador que se
converta que por noventa e nove xustos que non precisan conversión.
E, que
muller que teña dez moedas e perde unha, non acende a luz, e non varre a casa,
buscándoa con coidadiño ata atopala? E cando a atopa, chama polos amigos e
veciños para lles dicir: "Alegrádevos comigo, que atopei a moeda
perdida". Asegúrovos que outro tanto se alegran os anxos por un só pecador
que se converta.
E dixo
tamén:
‑ Un home tiña dous fillos. O máis
novo díxolle ao pai: "Papá, dáme a parte da herdanza que me
corresponde". El repartiulles os seus bens. Días despois, este fillo
recibiu todo xunto e marchou para un país remoto, onde malgastou a súa
fortuna vivindo coma un perdido.
Despois de
o gastar todo, houbo unha gran fame naquela terra, e empezou a pasar
necesidade. Entón, acudindo a un natural do país, entrou a servir, e mandouno a
unha granxa a coidar os porcos. Alí chegou a ter gana de encher o estómago coas
landras que comían os porcos, pero ninguén llas daba.
Recapacitando, pensou: "Hai que ver! Cantos xornaleiros do meu pai
teñen pan a fartar, e eu morro coa fame. Si, vou volver á de meu pai e voulle
dicir: Papá, pequei contra o ceo e contra ti; xa non son digno de que me trates
coma un fillo, trátame coma un xornaleiro".
Levantouse
e volveu onda seu pai. Aínda estaba lonxe cando este, enxergándoo, saíu
emocionado a recibilo, e botándoselle nos brazos, bicouno agarimosamente. O
fillo exclamou: "Papá, pequei contra o ceo e contra ti, xa non son digno
de que me trates coma un fillo".
Pero o pai
díxolles aos seus criados: "Axiña, sacade a túnica mellor e vestídella;
poñédelle un anel na man e calzado nos pés. Preparade un cuxo cebado para
comelo e facer unha gran festa. Porque este fillo meu estaba morto e volve á
vida, estaba perdido e atopámolo". E empezou a festa.
Pero
resulta que o fillo máis vello estaba na leira e cando viña para casa, oíu a
música e mais o baile. Chamou por un criado e preguntoulle que pasaba. O criado
contestoulle: "Éche que volveu teu irmán, e teu pai mandou matar o cuxo
cebado por recuperalo san e salvo". Entón alporizouse moito, e non quería
entrar.
Pero o
pai, saíndo, intentouno convencer.
El díxolle: "Tantos anos como levo servíndote sen che
faltar nunca en nada, e nunca un cabrito me deches para troulear cos meus
amigos; e agora resulta que vén ese teu fillo, que queimou os teus bens con
mulleres de mala vida, e matas o cuxo cebado".
O pai
contestoulle: "Meu fillo, ti sempre estás comigo e todo o meu é teu, que
menos que celebrar unha festa cheos de alegría, xa que ese teu irmán estaba
morto e volve á vida, estaba perdido e atopámolo?".
Palabra do
Señor
R/. Loámoste, Cristo