Pouco a pouco, o avance da ciencia e da técnica vannos
facendo crer que as persoas podémolo todo, que elas responden a todas as nosas
preguntas e non hai ningún interrogante que se lle resista. Dun xeito
equivocado, cremos que Deus é alguén de quen podemos prescindir, pois somos
persoas autónomas, maduras e libres que non precisan de Deus na súa vida. Pero
como paradoxo a isto, atopámonos que cada vez son máis as persoas que recorren
a magos, adiviños, astrólogos... buscando respostas no medio dunha sociedade
tan avanzada como triste. Porque si hai dúas características que definan a nosa
sociedade son: crispación e tristura. Desgraciadamente, o progreso técnico non
sementou igualdade, xustiza, respecto... senón que, pola contra, cada día
medran máis o desamor e a desconfianza diante de todo e de todos. Poderemos
entón prescindir daquel que se presenta como sentido, paz, acollida,
misericordia.... AMOR?
* Pois só sabendo vivir a vida como experiencia de
fraternidade, poderemos entender a mensaxe dun Deus que en Cristo nos fai
irmáns e irmás, o que esixe de nós saír da indiferenza e do egoísmo que nos
levan a preocuparnos e mirar só para o noso embigo para abrírmonos á ocuparnos
e preocuparnos polo que lle pasa a quen comparte con nós o camiño da vida. Que
ben o entendeu Paulo e que ben llo transmite a Filemón cando lle pide unha
segunda oportunidade para o seu escravo Onésimo, facéndolle ver que o tempo dos
prexuízos é algo pasado, que temos que acoller a todos, que temos que servir a
todos; pois “por riba das nosas distancias hai unha fe que nos une” e que nos
invita a non esquecer que todos temos a mesma dignidade.
* Porque tal e como nos lembra Xesús no evanxeo que vimos de
proclamar, ser discípulo implica unha vida chea de riscos. Por iso antes de dar
un si que vai cambiar e orientar a nosa vida, cómpre examinar paseniñamente os
pros e as contras e decidir en consecuencia. Calcular os gastos é un elemento
de todas as invitacións a entrar no Reino. Non podemos actuar por arroutadas,
senón que temos que reflexionar, ponderar, examinar a nosa realidade persoal.
Non se constrúe como é debido nin se traballa con posibilidades de éxito se non
se coñecen os efectivos. O seguimento de Xesús non pode, entón, depender dun
impulso fácil, dunha necesidade de seguridade, dunha herdanza e moito menos
dunha rutina. Non é un xogo. Tampouco un conxunto de verdades nin unha
colección de dogmas. É unha decisión que non se pode facer á lixeira. É unha
resposta persoal, situada no aquí e agora concreto... por iso é tamén unha resposta
realista, que ten en conta as nosas limitacións e as nosas capacidades. El
invítanos a escoller o mellor; pero, a diferenza de nós, non obriga, só ofrece
e invita. E con claridade fala dos custos... Oxalá teñamos oídos e corazón
abertos para escoitar a súa chamada e, desde unha opción persoal, responder con
coherencia... e coa vida.
No hay comentarios:
Publicar un comentario