domingo, 1 de septiembre de 2013

Comentario

Constantemente os textos da biblia atribúenlle a Deus características humanas, pero presentadas de maneira sublime e plena. A analoxía, así se chama este xeito de referirse a Deus, serve para ir vendo cal é o camiño que nós necesitamos realizar para chegar a esa plenitude e a esa esixencia que xa se dá en Deus. Un exemplo claro disto atopámolo hoxe no texto da primeira lectura, cando se afirma que Deus actúa con humildade, o que lle serve ao autor para poñelo en relación co que debe ser o actuar do ser humano se quere seguir o vieiro que leva a gozar de Deus en plenitude. Actuar con humildade supón revisar as actitudes coas e desde as que abordamos as respostas que imos dando nas relacións cos demais e no ir construíndo a nosa persoal escala de valores que nos supón crecer e ir acadando a madureza como persoas. A humildade, na que nós temos que ir crecendo, ábrenos á tarefa de esforzarnos por afastar a tentación de pensarnos os mellores, de crer que xa o sabemos todo e que os demais o que teñen que facer é escoitarnos; namentres nós non facemos outra cousas que escoitarnos só a nós mesmos. Isto orixina que nos afastemos da realidade –comezamos a vivir nunha percepción irreal do mundo-, impedíndonos facer autocrítica e contrastar o noso comportamento e o noso xeito de ver as cousas cos outros. Se non somos capaces de poñer distancia para prezar a diferenza, acabamos vivindo nunha burbulla imaxinaria que nos deshumaniza converténdonos, ben en intolerantes e incapacitados para entender e atoparnos cos demais –lonxe do que hoxe chamamos intelixencia emocional–, ben en afastados sociais, incapaces de sentir e percibir aos outros como iguais e enriquecedores da nosa propia existencia. Neste mesmo senso incide o salmo responsorial ao presentar a Deus actuando coa bondade que posibilita o encontro e a disposición para acoller e tratar desde a igualdade aos demais, único camiño no que ir construíndo a ética da fraternidade.

Todo isto que vimos de dicir, non pode facerse máis que convertendo o día a día de cada un de nós nun esforzo permanente por ser sinxelos -que non simples-, á hora de facer as cousas, pondo sempre por diante non o “eu” da egolatría, senón o “nós” da comuñón e da vivencia comunitaria. Só quen ten descuberto isto, será capaz de entender o porqué da historia de amor entre Deus e nós. Un amor concretado e vivido na encarnación de Xesús quen, asumindo a nosa mesma condición, mostrounos que si é posible, por riba de culturas e tempos, converter a súa mensaxe en motor que dá sentido a moitos homes e mulleres, os cales rompendo co pensamento líquido e débil, se esforzan por non caer na mediocridade do que está de moda nin no mimetismo do que fan todos. É deste xeito como temos que entender as palabras de Xesús en relación á exaltación e á humillación. Non é necesario nin sacar peito para mostrar que estamos aquí mandando, impoñendo e obrigando aos demais; nin tampouco apoucarse e someterse aos ditados dos que escravizan marcando e impoñendo modas que non nos diferencian e nos fan perder e esquecer o “propium” de cada un e de cada pobo.

A humillación da que nos fala Xesús non consiste en volvernos amocados, infantís e sometidos aos máis fortes, senón que é toda unha invitación a non deixarnos reducir á nada, a romper cadeas que escravizan e converten ás persoas en números e estatísticas sen nome, como se detrás delas nun houbera seres humanos coas súas propias traxedias e tamén coas súas ilusións. A humillación á que nos invita Xesús supón e esíxenos ter criterio, non deixarnos asoballar, nin tampouco caer na tentación de asoballar aos demais e impoñer o noso criterio. Humildade na liberdade e respecto na diferenza -mesmo na discrepancia-, como camiño no que ir recoñecendo a presenza de Deus en cada unha das persoas coas que imos topando e tratando cada día.

No hay comentarios:

Publicar un comentario