sábado, 14 de septiembre de 2013

LECTURAS

XXIV DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO  -  CICLO C


Primeira Lectura     Ex 32, 7-11. 13-14
LECTURA DO LIBRO DO ÉXODO
O Señor renunciou ao castigo co que ameazara ao seu pobo

     Naqueles días, o Señor díxolle a Moisés:
     Anda, baixa da montaña, porque o teu pobo, o que ti saca­ches de Exipto, perverteuse. Desviáronse axiña do camiño que eu lles indicara. Fixeron un becerro de metal, próstranse diante del, ofrécenlle sacrificios e pregoan: "Este é o teu Deus, Is­rael, o que te sacou de Exipto".
     E díxolle o Señor aínda a Moisés:
     Vexo que ese é un pobo de dura caluga. Deixa, pois, que agora se acenda a miña ira contra eles e os consuma. Pero a ti convertereite nun gran pobo.
     Entón rogou Moisés ante o Señor, o seu Deus:
     Por que, Señor, se ten que acender a túa ira contra o teu pobo, que con moito poder e con man rexa ti sacaches de Exipto?  Lembra os teus servos Abrahán, Isaac e Israel, aos que con xuramento prometiches: "Multiplicarei os vosos descendentes coma as estrelas do ceo, e dareilles este país de que vos teño falado, para que o posúan a perpetuidade.
     E o Señor renunciou ao castigo co que ameazara ao seu pobo.

   Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL     Sal 50, 3-4. 12-13. 17 e 19
R/.  (Lc 15, 18):  Levantareime e irei onda meu pai.

Compadécete de min, oh Deus, pola túa bondade;
pola túa gran misericordia, borra o meu pecado;
lávame enteiro da miña iniquidade,
límpame da miña culpa.

Crea, oh Deus, en min un corazón puro,
renóvame por dentro con espírito firme;
non me botes da túa presenza,
e non tires de min o teu santo espírito.

Abre, Señor, os meus labios,
e a miña boca pregoará a túa loanza.
O meu sacrificio a Deus é un espírito contrito:
un corazón contrito e humilde
Deus, ti non o desprezas.



Segunda Lectura      1 Tim 1, 12-17
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO A TIMOTEO
Cristo veu salvar os pecadores
 
            Benquerido irmán:
            Doulle grazas a Cristo Xesús, noso Señor, que me fortaleceu, porque confiou en min, encomendándome o ministerio; a min que fora un blasfemo, perseguidor e inxuriador. Pero compadeceuse porque o fixera por ignorancia, sen ter aínda fe; e a graza do noso Señor desbordou coa fe e o amor, que hai en Cristo Xesús.
            Esta é palabra segura, merecente de que todos a acollan: que Cristo Xesús veu ao mundo para salvar os pecadores, dos que eu son o primeiriño.
            Pero por iso mesmo compadeceuse, a fin de que Cristo Xesús amosase en min, o primeiro, toda a súa paciencia como exemplo para os que habían crer nel para lograr a vida eterna.
            Ó Rei da eternidade, inmortal, invisible, único Deus: honra e gloria polos séculos dos séculos! Amén.

     Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus



ALELUIA    2 Cor 5, 19
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Deus estaba en Cristo reconciliando o mundo consigo,
e poñendo en nós a mensaxe da reconciliación.
Aleluia.



Evanxeo     Lc 15, 1-32 
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Haberá grande alegría nos ceos por un pecador que fai penitencia

            Naquel tempo, os publicanos e pecadores achegábanse a Xesús para o escoitaren. Por iso os fariseos e letrados murmuraban:
            Este acolle os pecadores e come con eles.
            Entón Xesús contoulles esta parábola:
            Quen de vós, se ten cen ovellas e perde unha delas, non deixa as noventa e nove no descampado, e vai en busca da perdida, a ver se a atopa? E cando a atopa, volve todo contento para a casa, con ela no lombo; e, chamando por amigos e veciños, dilles: "Alegrádevos comigo, que atopei a ovella que perdera".
            Pois asegúrovos unha cousa: no ceo haberá máis alegría por un pecador que se converta que por noventa e nove xustos que non precisan conversión.
            E, que muller que teña dez moedas e perde unha, non acende a luz, e non varre a casa, buscándoa con coidadiño ata atopala? E cando a atopa, chama polos amigos e veciños para lles dicir: "Alegrádevos comigo, que atopei a moeda perdida". Asegúrovos que outro tanto se alegran os anxos por un só pecador que se converta.
            E dixo tamén:
            Un home tiña dous fillos. O máis novo díxolle ao pai: "Papá, dáme a parte da herdanza que me corresponde". El repartiulles os seus bens. Días despois, este fillo recibiu todo xunto e marchou para un país remoto, onde malgastou a súa fortuna vivindo coma un perdido.
            Despois de o gastar todo, houbo unha gran fame naquela terra, e empezou a pasar necesidade. Entón, acudindo a un natural do país, entrou a servir, e mandouno a unha granxa a coidar os porcos. Alí chegou a ter gana de encher o estómago coas landras que comían os porcos, pero ninguén llas daba.
            Recapacitando, pensou: "Hai que ver! Cantos xornaleiros do meu pai teñen pan a fartar, e eu morro coa fame. Si, vou volver á de meu pai e voulle dicir: Papá, pequei contra o ceo e contra ti; xa non son digno de que me trates coma un fillo, trátame coma un xornaleiro".
            Levantouse e volveu onda seu pai. Aínda estaba lonxe cando este, enxergándoo, saíu emocionado a recibilo, e botándoselle nos brazos, bicouno agarimosamente. O fillo exclamou: "Papá, pequei contra o ceo e contra ti, xa non son digno de que me trates coma un fillo".
            Pero o pai díxolles aos seus criados: "Axiña, sacade a túnica mellor e vestídella; poñédelle un anel na man e calzado nos pés. Preparade un cuxo cebado para comelo e facer unha gran festa. Porque este fillo meu estaba morto e volve á vida, estaba perdido e atopámolo". E empezou a festa.
            Pero resulta que o fillo máis vello estaba na leira e cando viña para casa, oíu a música e mais o baile. Chamou por un criado e preguntoulle que pasaba. O criado contestoulle: "Éche que volveu teu irmán, e teu pai mandou matar o cuxo cebado por recuperalo san e salvo". Entón alporizouse moito, e non quería entrar.
            Pero o pai, saíndo, intentouno convencer.
El díxolle: "Tantos anos como levo servíndote sen che faltar nunca en nada, e nunca un cabrito me deches para troulear cos meus amigos; e agora resulta que vén ese teu fillo, que queimou os teus bens con mulleres de mala vida, e matas o cuxo cebado".

            O pai contestoulle: "Meu fillo, ti sempre estás comigo e todo o meu é teu, que menos que celebrar unha festa cheos de alegría, xa que ese teu irmán estaba morto e volve á vida, estaba perdido e atopámolo?".


     Palabra do Señor                                         R/. Loámoste, Cristo

Comentario

Cantas veces temos xogado a ser pequenos tiranos, falsos deuses! Cantas amizades perdidas por mor da nosa soberbia, da nosa autosuficiencia! Cantas bágoas lle fixemos verter aos irmáns e ás irmás a causa da dureza do noso corazón! Cantas palabras ferintes saen dos nosos beizos, sen pensar na dor que causan! En definitiva, canta indiferenza!!! E a indiferenza é, con moito, un dos peores defectos desta nosa sociedade, tan moderna, tecnolóxica e industrializada. Por que seremos así: fríos, insensibles, ególatras? Non será acaso porque nos cremos os mellores, os xustos, “o máis do máis”?

Porén, a Palabra que vimos de proclamar, volve lembrarnos unha vez máis que, se algo nos ten que caracterizar como cristiáns e cristiás é o achegamento e a misericordia; esas actitudes que Deus non se cansa de practicar con cada un e cada unha de nós e que nós tanto lle regateamos aos demais. Moisés é quen de suplicarlle ao Señor para que lle axude a reconducir ao seu pobo, que caera na idolatría; Paulo recoñécese seducido por Cristo, que lle axuda a superar un pasado non exento de erros. E nós? Somos capaces coas nosas actitudes, coas nosas palabras, cos nosos comportamentos de transmitir a misericordia e a tenrura de Deus ou máis ben seguimos ancorados nun Deus vingativo, xuíz, que premia aos bos e castiga aos malos? Se é así, quizás deberemos reler paseniñamente as parábolas que hoxe escoitamos no evanxeo e que nos falan de buscar a quen está perdido, de alentar a quen está triste, de escoitar a quen se sinte incomprendido, de acoller a quen é desprezado.... Porque moitas veces esquecemos que o punto de referencia das nosas actuacións debe ser Xesús; e por iso a nosa vida non expresa, non vive, non amosa… a fe que cremos e celebramos; por iso non estamos dispostos a saírmos das nosas seguridades para ir na busca de quen está perdido, desorientado ou esquecido. Ou, ao mellor, si estamos dispostos; pero non desde o respecto á súa liberdade, senón desde a imposición, desde o ordeno e mando.


Nunca tanto coma hoxe escoitamos dentro da nosa Igrexa un laio permanente polas ovellas perdidas. E é que mesmo parece que podemos afirmar, sen medo a equivocarnos, que en troques dunha ovella ou dunha moeda perdidas, sería máis propio falar de noventa e nove perdidas e unha que queda no curral, aínda que tamén cabería dicir que ás veces esta permanencia é froito do medo, do costume, da tradición e non dunha decisión persoal. En calquera caso, teriamos que preguntarnos por que se perderon esas 99 restantes. Por iso, aínda que sexa duro, haberá que facer unha autocrítica profunda, serena e sincera sobre a Igrexa que estamos a construír e que ás veces semella máis unha seita (na que a uniformidade, a obediencia cega e a falta de cuestionamento son o máis importante), que unha familia de irmáns e irmás con xeitos de pensar e de vivir diferentes, e que non esquezamos son froito da pluralidade do Espírito. Nós, moitas veces, considerámonos un grupo inmaculado e pechamos a nosa porta ás persoas que, por neglixencia, ignorancia ou calquera outro motivo, non levan unha vida “correcta”, segundo os nosos criterios. Ás veces somos nós, os de dentro da propia Igrexa, os que coa nosa intolerancia, co noso inmobilismo, cos nosos ritos baleiros e afastados da vida das persoas, cos nosos binomios bos-malos, cos nosos malos xestos e coa nosa carraxe, estamos desexando que se vaia a xente, ou polo menos os que non nos din amén a todo. A solución a este desastre atopámola na Palabra que vimos de escoitar; e é unha solución ben sinxela, aínda que esixe de nós tempo, esforzo, dedicación... amor. E esta solución chámase PROXIMIDDE... Vaia parvada, preguntas? Non das creto, dis? Fai a proba e quedarás abraiado!

sábado, 7 de septiembre de 2013

LECTURAS


XXIII DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO  -  CICLO C



PRIMEIRA LECTURA Sab 9, 13-19 (gr 13-18b)
LECTURA DO LIBRO DA SABEDORÍA
¿Quen se decatará do que quere o Señor?

¿Que home de feito poderá coñece-lo plan de Deus
 ou quen se decatará do que quere o Señor?
 Abofé, os pensamentos dos mortais son covardes
 e inseguros os nosos proxectos.
 Porque o corpo corruptible pesa na alma
 e a tenda terrestre oprime a mente cavilosa.
 Se con dificultade imaxinámo-lo que hai sobre a terra
 e con traballo atopámo-lo que está a man,
 ¿quen pescudará o que hai no ceo?
 ¿Quen coñecerá o teu consello se ti non lle dás sabedoría
 mandando o teu espírito santo desde o alto?
 Soamente deste xeito se endereitaron os vieiros dos terrestres,
 aprenden os homes o que é do teu gusto
 e son salvados pola Sabedoría.


              Palabra do Señor                  R/. Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL Sal 89 3-4. 5-6. 12-13. 14 e 17
R/ (1): O Señor foi o noso agarimo ó longo das xeracións



Ti podes volver en po os mortais,
con dicirlles:- "Fóra, homes". 
Mil anos ante ti 
son coma o onte que pasou
e coma unha vixilia da noite.

Ti falos pasar, e son coma sono mañanceiro,
coma herba que agroma:
de mañá florece e verdea
e á tarde ségana e seca.

Ensínanos a conta-los nosos días,
para que aprendamos a ser asisados.
Volve, Señor. ¿Por canto aínda?
Apiádate dos teus servos.

Dános axiña a fartura da túa misericordia,
para que a nosa vida teña felicidade e ledicia.
Que a bondade do Señor, noso Deus, sexa connosco
e que el asegure as accións das nosas mans.

SEGUNDA LECTURA Film 9-17
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO A FILEMÓN

Recíbeo non xa coma un servo, senón coma un benquerido irmán

Benquerido irmán:

Sen máis título que ser eu Paulo, un vello que agora está preso por Cristo Xesús: pídoche por Onésimo, o meu fillo, que enxendrei estando na cadea. Velaí cho mando. Velaí che vai unha parte de min. ¡Recíbeo!.

Pensei en me quedar con el, para que me axudase no teu lugar, mentres estou preso polo Evanxeo. Pero non quixen facer nada sen contar co teu consentimento, para que non fagas este ben á forza, senón porque che sae de dentro. Igual por iso marchou de onda ti algún tempo: a fin de que agora o recuperes para sempre, non xa coma escravo, senón coma algo máis ca escravo: coma un irmán benquerido. Para min é moi querido; ¡moito máis o vai ser para ti, coma home e coma cristián! Así que se me consideras un amigo, acólleo coma a min.

                           Palabra do Señor                       R/. Grazas a Deus



ALELUIA Sal 118, 135:
Fai brillar ante o teu servo a túa presencia
e ensíname os teus mandatos


EVANXEO Lc 14, 25-33
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Quen non renuncia a todo canto posúe, non pode ser discípulo meu

Nunha ocasión que seguía a Xesús moita xente, volveuse a eles e díxolles: 
-Se alguén me quere seguir e non está disposto a romper con seu pai e con súa nai, coa muller e mais cos fillos, cos irmáns e coa
s irmás, e incluso coa súa propia vida, non pode ser discípulo meu. O que non carga coa súa cruz e me segue, non pode ser discípulo meu.
Pois ¿quen de vós, querendo construír unha torre, non se para a pensar no presuposto, a ver se a pode rematar? Non vaia ser que bote os alicerces e non a dea rematado e a xente que o vexa faga riso del, dicindo: "Este empezou a construír e non deu rematado". 
Ou ¿que rei, que sae á guerra contra outro, non se senta primeiro a cavilar se lle chegarán dez mil homes para loitar contra vinte mil? E, se ve que non, cando aínda o ten lonxe, mándalle unha embaixada, pedindo condicións de paz. 
Pois así, como non renunciedes a todo o que tedes, non hai de vós quen poida ser
discípulo meu.




Palabra do Señor                                         R/. Loámoste, Cristo

Comentario

Pouco a pouco, o avance da ciencia e da técnica vannos facendo crer que as persoas podémolo todo, que elas responden a todas as nosas preguntas e non hai ningún interrogante que se lle resista. Dun xeito equivocado, cremos que Deus é alguén de quen podemos prescindir, pois somos persoas autónomas, maduras e libres que non precisan de Deus na súa vida. Pero como paradoxo a isto, atopámonos que cada vez son máis as persoas que recorren a magos, adiviños, astrólogos... buscando respostas no medio dunha sociedade tan avanzada como triste. Porque si hai dúas características que definan a nosa sociedade son: crispación e tristura. Desgraciadamente, o progreso técnico non sementou igualdade, xustiza, respecto... senón que, pola contra, cada día medran máis o desamor e a desconfianza diante de todo e de todos. Poderemos entón prescindir daquel que se presenta como sentido, paz, acollida, misericordia.... AMOR?

* Pois só sabendo vivir a vida como experiencia de fraternidade, poderemos entender a mensaxe dun Deus que en Cristo nos fai irmáns e irmás, o que esixe de nós saír da indiferenza e do egoísmo que nos levan a preocuparnos e mirar só para o noso embigo para abrírmonos á ocuparnos e preocuparnos polo que lle pasa a quen comparte con nós o camiño da vida. Que ben o entendeu Paulo e que ben llo transmite a Filemón cando lle pide unha segunda oportunidade para o seu escravo Onésimo, facéndolle ver que o tempo dos prexuízos é algo pasado, que temos que acoller a todos, que temos que servir a todos; pois “por riba das nosas distancias hai unha fe que nos une” e que nos invita a non esquecer que todos temos a mesma dignidade.


* Porque tal e como nos lembra Xesús no evanxeo que vimos de proclamar, ser discípulo implica unha vida chea de riscos. Por iso antes de dar un si que vai cambiar e orientar a nosa vida, cómpre examinar paseniñamente os pros e as contras e decidir en consecuencia. Calcular os gastos é un elemento de todas as invitacións a entrar no Reino. Non podemos actuar por arroutadas, senón que temos que reflexionar, ponderar, examinar a nosa realidade persoal. Non se constrúe como é debido nin se traballa con posibilidades de éxito se non se coñecen os efectivos. O seguimento de Xesús non pode, entón, depender dun impulso fácil, dunha necesidade de seguridade, dunha herdanza e moito menos dunha rutina. Non é un xogo. Tampouco un conxunto de verdades nin unha colección de dogmas. É unha decisión que non se pode facer á lixeira. É unha resposta persoal, situada no aquí e agora concreto... por iso é tamén unha resposta realista, que ten en conta as nosas limitacións e as nosas capacidades. El invítanos a escoller o mellor; pero, a diferenza de nós, non obriga, só ofrece e invita. E con claridade fala dos custos... Oxalá teñamos oídos e corazón abertos para escoitar a súa chamada e, desde unha opción persoal, responder con coherencia... e coa vida.

PIETRO PAROLIN, NOVO SECRETARIO DE ESTADO DO VATICANO

Cinco meses e medio despois da súa elección como sucesor do apóstolo Pedro, o Papa Francisco elixiu a quen será a súa man dereita no goberno da Igrexa. O 31 de agosto o Vaticano confirmaba que o próximo Secretario de Estado será o arcebispo italiano Pietro Parolin, de 58 anos quen dende hai catro se curtiu como Nuncio apostólico de Benedicto XVl na Venezuela de Hugo Chávez Chávez e Maduro. O día anterior, o Papa nomeaba aínda español, ao sacerdote don Fernando Vérgez Alzaga, membro dos Lexionarios de Cristo como número dous do Goberno da Cidade do Vaticano. O Papa configura así o seu equipo máis próximo de colaboradores en Roma. E, en poucas semanas, reunirá, por primeira vez, o grupo de oito cardeais de todo o mundo que o asistirá no goberno da Igrexa.
Nacido no norte de Italia, en Schiavon, Vicenza, Pietro Parolin é fillo dun comerciante de ferraxaría e dunha mestra de escola. O falecemento do seu pai sorprendeuno cando tiña tan só dez anos, quedando orfo xunto a unha irmá e un irmán, que nese momento só tiña oito meses. Tras entrar ao seminario de Vicenza aos 14 anos, e ser ordenado sacerdote en 1980, desempeñou o seu ministerio como vicepárroco durante dous anos, ata que o seu bispo lle propuxo pasar a formar parte da Academia Pontificia Eclesiástica, na que se forman os futuros nuncios apostólicos e representantes do Papa. Ao rematar os estudos, desempeñou o seu servizo ao Papa nas representacións pontificias de Nixeria e México, onde descubriu a súa paixón misioneira por Iberoamérica, así como na Secretaría de Estado do Vaticano. Durante o seu traballo en Roma, de 1996 ao ano 2000, foi director de Vila Nazaret, unha residencia universitaria para estudantes provenientes de familias desfavorecidas.
O 30 de novembro de 2002 foi nomeado Subsecretario da Sección para as Relacionés cos Estados da Secretaría de Estado, dedicándose en particular ás relacións cos países asiáticos, en concreto Vietnam e China. Durante esta etapa, Parolin converteuse no home do Papa que guiou os esforzos para a aprobación e posta en marcha do Tratado de Non Proliferación Nuclear. O 17 de agosto de 2009, Benedicto XVI confioulle unha misión particularmente difícil ao nomealo nuncio apostólico en Venezuela, onde a Igrexa sufría continuamente os ataques verbais e medidas discriminatorias de parte do Presidente Hugo Chávez. Foi ordenado bispo na basílica de San Pedro do Vaticano polo mesmo Benedicto XVI o 12 de setembro sucesivo.
BALANCE DO CARDEAL BERTONE
Na súa primeira entrevista, tras facerse público o seu nomeamento, monseñor Parolin recoñecía, nun estudo de televisión de Caracas, que «o reto do pontificado é a evanxelización" e «formar cristiáns que sexan verdadeiramente tales porque fan unha experiencia moi profunda de Xesucristo, namóranse del; a vida cristiá é unha vida de amor, non é o cumprimiento de certos ritos e normas, senón encontrar a persoa viva de Xesucristo, e sentir a urxencia de compartir cos demais este descubrimento. De aquí nace a evanxelización».

Monseñor Parolin substitúe a partir do 15 de outubro ao cardeal Tarcisio Bertone, que desempeñou o cargo de Secretario de Estado nun momento sumamente difícil, no que estalou o caso de Vatileaks, a fuga de noticias aos medios de comunicación por parte do mordomo do Papa. Ao día seguinte do anuncio da súa renuncia, o cardeal Bertone, nun encontro informal cos xornalistas, afirmaba: «Sempre o dei todo, aínda que certamente tiven os meus defectos. Se tivese que volver pensar agora en certos momentos; actuaría doutro modo. Pero isto non quere dicir que non tratase de servir sempre á Igrexa».

domingo, 1 de septiembre de 2013

Lecturas


XXII DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO  -  CICLO C



Primeira Lectura    Eclo 3, 19-21. 30-31 (gr 17-18. 20. 28-29)
LECTURA DO LIBRO DO ECLESIÁSTICO
Faite humilde; encontrarás graza diante de Deus
 
            Meu fillo, cando sexas rico procede modestamente
e virás a ser máis amado có que fai moitos agasallos;
faite pequeno diante das grandezas do mundo
e encontrarás favor onda Deus.
            Non vaias á procura do difícil de máis para ti
nin pescudes o que te supera;
            Non corras a sandar a ferida do burlón;
non ten cura pois é grelo de planta cativa.
            A mente sabia comprende os ditos dos Sabios,
o oído atento á Sabedoría aledarase.
          
                        Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL    Sal 67, 4-5ac. 6-7ab. 10-11
R/. (cf. 11b): Na túa bondade, Deus, dispuxeches unha casa para o pobre.

Os xustos alégranse, exultan na súa presenza,
reloucan de contento.
Loade o Señor, cantade o seu nome.
Chámase Señor: exultade diante del.

Os orfos teñen un pai, as viúvas un vingador:
Deus na súa morada santa.
Deus dálles fogar aos solitarios,
libra os presos e enriquéceos,

Vertiches, Deus, chuvia xenerosa,
Fortaleciches a herdade extenuada.
O teu rabaño apousentou no lugar
que ti, Deus, dispuxeras na túa bondade para os pobres.


Segunda Lectura     Heb 12, 18-19. 22-24a
LECTURA DA CARTA AOS HEBREOS
Estades diante do monte Sión, da cidade do Deus vivo

            Irmáns:
            Non estades diante de algo que se poida apalpar nin dun lume ardente nin dunha nube negra e borrascosa nin dunha tormenta, nin diante do bucinazo dunha trompeta nin do boureo dunhas palabras coma as que escoitaron aqueles que, ao sentilas, pediron que non se pronunciase ningunha máis.
            Vós, en cambio, estades diante do monte Sión, da cidade do Deus vivo, da Xerusalén celeste; diante de milleiros de anxos, da Igrexa dos primoxénitos censados no ceo, e diante de Deus, xuíz de todos, e das ánimas dos xustos que xa chegaron á súa perfección, e diante de Xesús, mediador da Nova Alianza.

                                    Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


ALELUIA    Mt 11, 29ab
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Cargade co meu xugo, di o Señor,
e aprendede de min, que son bo e humilde de corazón.
Aleluia.


Evanxeo     Lc 14, 1. 7-14
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Quen se exalta será humillado e quen se humilla será exaltado

             Un sábado ía Xesús comer á casa dun xefe dos fariseos; e eles vixiábano.
Decatándose de que os convidados buscaban os primeiros postos, contoulles unha parábola:
            Cando alguén te convide a unha voda, non te poñas no primeiro posto. Pode suceder que un máis distinguido ca ti tamén estea convidado e que veña o que vos convidou e che diga: "Déixalle o sitio a este", e cheo de vergonza teñas que ir para o derradeiro lugar.
            O revés, ti, cando te conviden, ponte de último, p
ara que cando chegue o que te convidou che poida dicir: "Amigo, sube máis arriba". E quedarás moi ben diante de todos os convidados. Porque a quen se ten por moito, hano rebaixar e a quen se rebaixe hano enaltecer.
E díxolle tamén ao que o convidara:
             E ti, cando deas un xantar ou unha cea, non chames os teus amigos, irmáns, parentes ou veciños ricos; non sexa que eles te recompensen convidándote tamén a ti.
            Cando deas un banquete, convida os pobres, eivados, coxos e cegos; e serás ditoso, porque non te poden recompensar; pero xa se che recompensará na resurrección dos xustos.


                                    Palabra do Señor                                         R/. Loámoste, Cristo

Comentario

Constantemente os textos da biblia atribúenlle a Deus características humanas, pero presentadas de maneira sublime e plena. A analoxía, así se chama este xeito de referirse a Deus, serve para ir vendo cal é o camiño que nós necesitamos realizar para chegar a esa plenitude e a esa esixencia que xa se dá en Deus. Un exemplo claro disto atopámolo hoxe no texto da primeira lectura, cando se afirma que Deus actúa con humildade, o que lle serve ao autor para poñelo en relación co que debe ser o actuar do ser humano se quere seguir o vieiro que leva a gozar de Deus en plenitude. Actuar con humildade supón revisar as actitudes coas e desde as que abordamos as respostas que imos dando nas relacións cos demais e no ir construíndo a nosa persoal escala de valores que nos supón crecer e ir acadando a madureza como persoas. A humildade, na que nós temos que ir crecendo, ábrenos á tarefa de esforzarnos por afastar a tentación de pensarnos os mellores, de crer que xa o sabemos todo e que os demais o que teñen que facer é escoitarnos; namentres nós non facemos outra cousas que escoitarnos só a nós mesmos. Isto orixina que nos afastemos da realidade –comezamos a vivir nunha percepción irreal do mundo-, impedíndonos facer autocrítica e contrastar o noso comportamento e o noso xeito de ver as cousas cos outros. Se non somos capaces de poñer distancia para prezar a diferenza, acabamos vivindo nunha burbulla imaxinaria que nos deshumaniza converténdonos, ben en intolerantes e incapacitados para entender e atoparnos cos demais –lonxe do que hoxe chamamos intelixencia emocional–, ben en afastados sociais, incapaces de sentir e percibir aos outros como iguais e enriquecedores da nosa propia existencia. Neste mesmo senso incide o salmo responsorial ao presentar a Deus actuando coa bondade que posibilita o encontro e a disposición para acoller e tratar desde a igualdade aos demais, único camiño no que ir construíndo a ética da fraternidade.

Todo isto que vimos de dicir, non pode facerse máis que convertendo o día a día de cada un de nós nun esforzo permanente por ser sinxelos -que non simples-, á hora de facer as cousas, pondo sempre por diante non o “eu” da egolatría, senón o “nós” da comuñón e da vivencia comunitaria. Só quen ten descuberto isto, será capaz de entender o porqué da historia de amor entre Deus e nós. Un amor concretado e vivido na encarnación de Xesús quen, asumindo a nosa mesma condición, mostrounos que si é posible, por riba de culturas e tempos, converter a súa mensaxe en motor que dá sentido a moitos homes e mulleres, os cales rompendo co pensamento líquido e débil, se esforzan por non caer na mediocridade do que está de moda nin no mimetismo do que fan todos. É deste xeito como temos que entender as palabras de Xesús en relación á exaltación e á humillación. Non é necesario nin sacar peito para mostrar que estamos aquí mandando, impoñendo e obrigando aos demais; nin tampouco apoucarse e someterse aos ditados dos que escravizan marcando e impoñendo modas que non nos diferencian e nos fan perder e esquecer o “propium” de cada un e de cada pobo.

A humillación da que nos fala Xesús non consiste en volvernos amocados, infantís e sometidos aos máis fortes, senón que é toda unha invitación a non deixarnos reducir á nada, a romper cadeas que escravizan e converten ás persoas en números e estatísticas sen nome, como se detrás delas nun houbera seres humanos coas súas propias traxedias e tamén coas súas ilusións. A humillación á que nos invita Xesús supón e esíxenos ter criterio, non deixarnos asoballar, nin tampouco caer na tentación de asoballar aos demais e impoñer o noso criterio. Humildade na liberdade e respecto na diferenza -mesmo na discrepancia-, como camiño no que ir recoñecendo a presenza de Deus en cada unha das persoas coas que imos topando e tratando cada día.

sábado, 24 de agosto de 2013

Lecturas

DOMINGO XXI DO TEMPO ORDINARIO. CICLO C

Primeira Lectura     Is 66, 18-21
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS
Traerán a todos os vosos irmáns de entre os xentís
 
            Isto di o Señor:
            Eu chego para xuntar todos os pobos e as linguas, para que veñan e vexan a miña gloria.
            Porei no medio deles un sinal e mandarei os superviventes de entre eles ás nacións:
a Tárxix, a Pul e a Lud, aos que tensan o arco, a Tubal e a Iaván, ás remotas nacións costeiras que non oíron o meu renome, nin viron a miña gloria.
            Eles manifestarán a miña gloria entre os pobos. Eles traerán a todos os seus irmáns como ofrenda para o Señor, en cabalos e en carros, en liteiras, en mulos e en dromedarios, ata o meu santo monte de Xerusalén dío o Señor , así como os fillos de Israel traen ao templo do Señor a ofrenda en vasillas limpas.
            Tamén collerei a algúns deles para sacerdotes e levitas dío o Señor .

                                    Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 116, 1. 2.
 R/.  (Mc 16, 15):  Ide predicalo Evanxeo a todo o mundo.
Ou:  Aleluia.

Loade o Señor, todas as nacións,
aclamádeo, todos os pobos.
Porque é firme connosco a súa misericordia,
e a fidelidade do Señor dura por sempre.


Segunda Lectura     Heb 12, 5-7. 11-13
LECTURA DA CARTA AOS HEBREOS
O Señor proba a quen ama

            Irmáns:
            Xa vos esqueceu aquel consello de Deus, que vos fala coma a fillos:
"Meu fillo, non despreces a corrección do Señor
nin esmorezas cando El te rife;
porque o Señor, a quen lle quere ben, corríxeo,
e zorrégalle a todo aquel que recoñece por fillo".
            Aturade a corrección, para o voso adestramento: é Deus que vos trata coma fillos. Porque, hai algún fillo a quen non corrixa seu pai?
            Certo que ningunha corrección resulta agradable de momento senón triste; pero co tempo aos que están exercitados nela págalles co froito sereno da xustiza.
            Por iso, entesade as vosas mans febles e os vosos xeonllos trementes e poñede os vosos pés en vieiros dereitos para que a perna coxa non escorde, senón que máis ben cure.
           
                        Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


ALELUIA     Xn 14, 6
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Eu son o camiño e a verdade e a vida, di o Señor;
ninguén chega onda o Pai máis ca por min.
Aleluia.


Evanxeo     Lc 13, 22-30
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Virán de oriente e de occidente e integraranse no reino de Deus

            Naquel tempo, atravesaba Xesús vilas e aldeas ensinando, camiño de Xerusalén.
            Un preguntoulle:
            Señor, e logo son poucos os que se salvan?

            El respondeu:
            Loitade para entrardes pola porta estreita, porque vos aseguro que moitos intentarán entrar e non poderán. Despois de que o dono da casa peche a porta e empecedes os de fóra a petar nela dicindo: "Señor, ábrenos", el responderá: "Non sei quen sodes".
            Entón empezaredes a dicir: "Se nós comemos e bebemos contigo e ti ensinaches polas nosas rúas!" El repetirá: "Non sei quen sodes. Arredade de min os que practicades a inxustiza!"
            Daquela habedes chorar e hanvos renxer os dentes: cando vexades que Abrahán, Isaac, Xacob e todos os profetas están no Reino de Deus, e que a vós vos botan para fóra. E chegarán de Oriente e Occidente, do norte e do sur a sentar na mesa do Reino de Deus.
            Si, hainos que son últimos e serán os primeiros, e hainos primeiros que serán os derradeiros.
          

                        Palabra do Señor                                         R/. Loámoste, Cristo

Reflexión

O Deus cristián non é un Deus excluínte. El non crea guetos sectarios nos que só poden entrar uns poucos elixidos. Non. Como acabamos de escoitar no texto de Isaías, o Deus que acompañou e termou de Israel deixounos unha mensaxe de universalidade, de non rexeitamento, de non deixar a ninguén nas beiras. As portas da súa mensaxe están sempre abertas para todos. El é claro no seu legado, pero, témolo nós, que nos chamamos seguidores seus, o mesmo de claro?. Polos nosos comentarios, polas nosas indiferenzas, polos silencios diante de situacións inxustas... moitas veces parece que teñamos perdido esa claridade. E se fose así, deberiamos preguntarnos en que cremos, ou que sentido e importancia ten a nosa fe. Porque a fe, sendo unha mensaxe de salvación desde a que ir orientando e desenvolvendo a nosa vida cara un futuro en esperanza –resucitar e entrar a formar parte da compaña de Deus, logo de ter chegado ao final do noso camiño persoal- non é algo abstracto e cheo de neboeiras, senón que se vai clarificando e adquirindo contornas de comprensión no vivir e actuar segundo os grandes eixes: valores e actitudes, que continuamente imos descubrindo nos textos da palabra de Deus. E non nos vale dicir que iso é imposible,de que é algo utópico –entendido este como irrealizable, e non como motivador de esforzo continuo polo aínda non acadado- e, como tal, irreal. Vivir a fe para un cristián ten que ser unha tarefa continua de ir convertendo esa oferta de salvación en xestos, comportamentos e maneiras de vivir que vaian mostrando, na nosa relación con nós, co mundo e cos demais, que tomamos a Deus en serio. Que El non é unha distracción nin tampouco un “tapaburatos” das nosas limitacións e incapacidades. A universalidade de fe da que tantas veces temos escoitado falar, ou nos mesmos temos falado, ten que irse despregando a través do noso comportamento concreto e real –nunca abstracto nin xenérico– alí onde esteamos. Desde ela, e vivida deste xeito, poderemos entender a razón que nos leva a chamarnos irmáns uns aos outros, rompendo co reducionismo da irmandade adscrito unicamente aos lazos do sangue. A irmandade de quen ten ao Deus cristián como sentido e referente da súa vida –nós– vennos dada porque compartimos non só a intelixencia e a liberdade cos demais, senón por ter sido creados, modulados á súa imaxe e semellanza, o que nos fai dignos de respecto e iguais. Entrando así no sagrado que o mesmo Deus nos merece, recoñecémolo naqueles aos que chamamos irmáns –“nada hai verdadeiramente humano, que non atope eco no corazón dun cristián” G.S 1- e comparten con nós a súa andaina no mundo. Non é o sectarismo pechado do gueto, senón a apertura gozosa aos demais, como entendemos e podemos vivir o ser homes e mulleres de fe.  E como nos di o Salmo 116, a nosa tarefa é ir polo mundo e anuncialo coa coherencia da nosa vida.


O Señor dinos: arredade de min os que non practicades a xustiza. Pero claro, para algunhas persoas iso é menos importante. A xustiza, a austeridade, o ben común, a participación... son pecata minuta, miudezas, cousas sen importancia. Porque claro, a verdade é que ás veces dentro da nosa Igrexa temos comportamentos que son ou para botar a correr e non parar ou para botar a chorar e non parar. Así, rapidamente se pon o grito no ceo por unha xenuflexión mal feita, por non axeonllarse na consagración, por comulgar na man, por asistir a unha celebración da palabra...; rapidamente facemos sinónimos pecado e sexo, pecado e muller; rapidamente se nos di que debemos ser persoas frías e calculadoras, que a sexualidade é mala e hai que reprimila, que ..... pero nunca se nos fala de que os inxustos non teñen cabida no Reino de Deus. E así seguimos: facendo da relixión un negocio rendible, vagueando e reducindo o noso traballo e a nosa entrega, desbaldindo, explotando, facendo distincións entre a xente segundo teña máis ou menos cartos, máis ou menos estudos ou segundo o posto laboral que ocupe e que nos permita utilizala de cando en vez, querendo sempre saír na foto... porque iso,.... iso non ten que ver coa fe, verdade?. Pois mire, non, vostede está entrando pola porta ancha, pola porta fácil, pola porta da fe desencarnada. Esa non conduce á salvación, vai errado no camiño. Porque é verdade que a salvación esixe esforzo, renuncia, sacrificio, valentía, coherencia.... pois pasa polo camiño da xustiza e da fraternidade. Por iso a súa porta é estreita, porque esixe de nós unha fe comprometida coa xente, coa sociedade, co mundo, e non co noso grupo burbulla. Por iso para salvarnos, grazas a Deus, non fai falla presentar un currículum con haber-debe, coma unha libreta do banco, senón que cómpre practicar a xustiza e o amor. Por iso é complicado, porque o noso egoísmo e a nosa soberbia son tan grandes, que non caben por esa porta. Por iso, hoxe máis ca nunca, podemos dicir, sen medo a equivocarnos: non son todos/as os que están nin están todos/as os que son. Non podía ser de outro xeito: un Deus universal, ofrece unha salvación universal que se desenvolve no día a día do achegamento de uns aos outros.

domingo, 18 de agosto de 2013

LECTURAS

XX DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO  - CICLO C

  
Primeira Lectura     Xer 38, 4-6. 8-10
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA XEREMÍAS
Fixéchesme varón de discordia en toda a terra (Xer 15, 10)

            Naquel tempo, as autoridades dixéronlle ao rei:
            Fágase morrer a este home, pois deste xeito está a afrouxar os ánimos dos homes de guerra que quedan nesta cidade e os ánimos de todo o exército, dicíndolles cousas coma estas. Certamente este home non está a buscar o benestar para o p
obo, senón que está a buscar a súa desgraza.
            O rei Sedecías repúxolles:
            Aí o tendes no voso poder, pois o rei non pode nada contra vós.
            Eles colleron a Xeremías e botárono na cisterna de Malaquías, príncipe real que estaba no patio da garda, baixando a Xeremías con cordas.
            No pozo non había auga, senón lama, e Xeremías enterrouse na lama.
            Saíu Ébed-Mélec do palacio real e faloulle ao rei nestes termos:
            Meu señor, meu rei, estes homes cometeron unha inxustiza con todo o que lle fixeron a Xeremías, o profeta, e con botalo na cisterna; vai morrer onde está por falta de pan, xa que non hai pan na cidade.
            Entón o rei deulle esta orde a Ébed-Mélec, o etíope:
            Colle ás túas ordes tres homes destes, e sube da cisterna o profeta Xeremías, antes de que morra.
                                    Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL    Sal 39, 2. 3. 4. 18
R/.  (14b):  Dáte presa, Señor, en socorrerme.

Esperei arelante no Señor:
el volveu cara a min os seus ollos
e escoitou o meu lamento.

Subiume dun abismo de desgraza,
dunha poza lamacenta;
Asentou os meus pés sobre unha rocha
e asegurou os meus pasos.

Púxome na boca un cantar novo,
un himno de loanza ao noso Deus.
Moitos, ao velo, quedaron abraiados
e confiaron no Señor.

Eu son humilde e pobre,
pero o Señor coida de min.
Ti es o meu auxilio, o meu liberador;
meu Deus, non te demores!


Segunda Lectura     Heb 12, 1-4
LECTURA DA CARTA AOS HEBREOS
Corramos con aguante a carreira que temos por diante

            Irmáns:
            Xa que nos vemos ateigados por unha tal morea de testemuñas, soltando todo o que nos estorba e o pecado que nos abouxa, corramos con tenacidade a carreira que temos por diante, fitos os ollos en Xesús, o primeiro guía e perfeccionador da nosa fe.
            El, sen amedrentarse polas aldraxes, soportou a cruz por mor da ledicia que o agardaba e está sentado á dereita do trono de Deus.
            Fixádevos, polo tanto, naquel que veu soportando tal oposición contra si mesmo de parte dos pecadores, para que non esmoreza o voso ánimo.
            Aínda non resististes ata o sangue na vosa loita contra o pecado.

                                    Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus

 
ALELUIA     Xn 10, 27
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, Aleluia.
As miñas ovellas escoitan a miña voz, di o Señor;
e eu coñézoas e elas séguenme.
Aleluia.


Evanxeo     Lc 12, 49-53
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Non vin traer paz, senón discordia

            Naquel tempo, díxolles Xesús aos seus discípulos:
            - Lume vin traer á terra: e que máis quería eu ca que xa estivese a arder! Hanme bautizar cun bautismo e xa me tarda a hora de que se cumpra! Pensades que vin traer a paz á terra? Abofé que non: vin traer división. Pois desde agora na casa onde haxa cinco, estarán divididos tres contra dous e dous contra tres.
            Estarán enfrontados pai con fillo e fillo con pai, nai con filla e filla con nai, sogra con nora e nora con sogra.
          

                        Palabra do Señor                                         R/. Loámoste, Cristo

Reflexión

* A paz verdadeira, a que Cristo veu traer á terra, non pode consistir nun conformismo resignado diante das inxustizas, das desigualdades e das marxinacións, nin nun sistemático silencio por medo a perder o noso status. A figura do profeta Xeremías que descubrimos na primeira lectura, pode representar a vida de cada un/unha de nós, ou polo menos, algúns momentos da mesma. Xeremías tiña o corazón partido entre o amor a Deus, que o elixira como profeta, e o amor ao seu pobo, que se afastaba do verdadeiro camiño. Que facer? Hoxe, en moitas ocasións, tamén a nós se nos presenta esta mesma dualidade: a de deixamos adormecer na branda almofada do conformismo, imos illando e repregando, declaramos en retirada, calar diante de tantas inxustizas, consentir que se siga pisando a dignidade de tantas persoas .... ou, pola contra, dar testemuño da nosa fe no noso mundo, transmitindo sen me do a mensaxe que recibimos, aínda que as veces non sexa política, social ou xerarquicamente correcta, aínda que as veces teñamos que dicir cousas que non son agradables de escoitar, aínda que o noso xeito de actuar non lle guste ás altas instancias? Nunha palabra, reclámase COHERENCIA, aínda que iso nos traia problemas, como lle ocorreu ao profeta. Así, mentres que algunhas persoas mal entenden a paz como comodidade, tranquilidade, que ninguén me amole ... a paz do seguidor/a de Xesús é a de quen se dá no servizo aos demais, preocupado en buscar solucións aos problemas alleos, porque os fixo propios.

 * A frase de Xesús no evanxeo de hoxe "non vin traer a paz, senón a guerra e a división ", mal entendida ou quitada do seu contexto, venlle coma anel ao dedo a todas aquel as persoas que, dentro da nosa Igrexa, se comportan coma auténticos cans de presa, criticando, crispando, envelenando, protestando sistematicamente por todo, berrando (porque seguen convencidos de que a intensidade do son emitido e a dose de razón que contén son magnitudes directamente proporcionais); pois parece que lles dá a razón de que a Igrexa ten que ir contracorrente, que a sociedade e o mundo son lugares de perdición ... Porén, o lume do que nos fala Xesús ten máis que ver co lume do amor e do Espírito que habita nos nosos corazóns.


 * Por iso cómpre que revisemos a nosa vida e ver se o lume que a quenta é o do amor. Porque non nos enganemos: cando falla o amor, falla o lume que move a vida. Sen amor, a vida apágase, vexeta e remata extinguíndose. Quen non ama, péchase e íllase cada vez máis (co cal cabería preguntármonos se as persoas das que falabamos non perderían a súa capacidade para amar de tanto escondela e negala). Substituír o amor pola doutrina relixiosa, a orde ou o coidado do culto fai que o cristianismo perda o seu poder transformador. Cando nos sacudiremos de riba esta "domesticación" da nosa fe e perderemos o medo a exercer coma verdadeiros discípulos de Xesús? Porque se só buscamos no evanxeo e no seguimento de Cristo un consolo e un bálsamo para os nosos males, ou a garantía de obter unhas grazas de Deus, quedámonos na superficialidade. O evanxeo, a fe, é algo revolucionario, dinámico e ata inquietante ... pero paga a pena arriscarse!
Remol.

sábado, 10 de agosto de 2013

Lecturas

XIX DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO - CICLO C
  
Primeira Lectura     Sab 18, 6-9
LECTURA DO LIBRO DA SABEDORÍA
Co mesmo feito co que castigabas os adversarios,
 déchesnos sona convocándonos a ti.

            Aquela noite fóralles anunciada de antemán aos nosos pais
de modo que, sabendo de certo a que promesas deran creto,
se sentisen fortes.
            O teu pobo estaba xa á espera
da salvación dos xustos e do exterminio dos inimigos;
co mesmo feito co que castigabas os adversarios
déchesnos sona convocándonos a ti.
            Ás agachadas facían sacrificios os piadosos fillos dos xustos
e, postos de acordo, impuxeron esta divina lei:
que os santos compartisen por xunto os bens e os perigos
ao tempo que xa entoaban os himnos dos antepasados .

                        Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 32, 1 e 12. 18-19. 20 e 22
R/.  (12b):  Feliz o pobo que o Señor escolleu como herdade.

Alegrádevos, xustos, no Señor:
ós homes rectos acáelles loarte.
Feliz a nación que recoñece a Deus por Señor,
o pobo que El escolleu como herdade.

Os ollos do Señor están postos nos que o temen,
nos que esperan na súa misericordia,
para librar as súas vidas da morte,
para os manter no tempo da miseria.

Nós agardamos o Señor:
El é o noso socorro, o noso escudo.
Veña a nós, Señor, a túa misericordia,
como de ti o esperamos.

Segunda Lectura     Heb 11, 1-2. 8-19
LECTURA DA CARTA AOS HEBREOS
Agardaba aquela cidade da que o arquitecto e construtor é Deus.

            Irmáns:
            A fe é un anticipo do que se espera e a proba convincente das cousas que non se ven. Pois en razón dela testemuñou Deus  dos nosos devanceiros.
            Deus chamou por Abrahán, e este, movido pola fe, obecedeuno e saíu para un lugar que había de recibir en posesión, sen saber onde ía.
            Movido pola fe, emigrou á terra prometida, como se fose terra allea, habitando en tendas de campaña, e o mesmo Isaac e Xacob, herdeiros da mesma promesa. Agardaba aquela cidade con bos cimentos, da que o arquitecto e construtor é Deus.
            Pola fe e por considerar fiel ao que lle fixera a promesa, recibiu poder para fundar descendencia, fóra xa da idade axeitada e con ser Sara estéril. Deste xeito, dun só e xa caduco para estas cousas, naceu un mundo de fillos, coma as estrelas do ceo e coma a area incontable da ribeira do mar.
            Todos estes morreron con fe, sen chegaren a conseguir as promesas, pero albiscáronas e saudáronas desde lonxe e confesaron que eles eran só estranxeiros e peregrinos nesta terra. Ao diciren estas cousas, daban a entender que degoiraban unha patria. Pois se lles acordaba aquela patria de onde saíran, estaban a tempo de se volveren.
            Pero máis ben suspiraban por outra patria mellor: a celestial. Por iso Deus non se avergonza de que o chamen o seu Deus, xa que lles preparou unha cidade.
            Pola fe Abrahán, posto a proba, ofrendou a Isaac: o que recibira de Deus as promesas, cando se lle dixo: "por Isaac terás descendencia", ofrendou o seu único fillo, pensando que Deus é poderoso, incluso para resucitar os mortos. Por iso recobrouno tamén como figura misteriosa.

                        Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus

ALELUIA    Mt 24, 42a. 44
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, Aleluia.
Vixiade e estade preparados
porque á hora que non pensades
virá o Fillo do Home.
Aleluia.


Evanxeo     Lc 12, 32-48
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
E vós, estade preparados

            Naquel tempo, díxolles Xesús aos seus discípulos:
            - Non teñas medo, miña grea pequena, que o teu Pai compraceuse en darche o Reino. Vendede os vosos bens e dádeos en e
smola, facede bolsas que non se estraguen, un tesouro inesgotable no ceo, onde o ladrón non pode chegar e onde a traza non o bota a perder. Pois onde está o teu tesouro, estache o teu corazón.

            Tede posta a roupa de traballo e as lámpadas acesas; sédeme coma os que agardan que volva o seu amo da voda, para que, cando chegue e chame, lle poidan abrir. Ditosos os criados a quen o amo atope agardando cando chega.
            Tede por certo que poñerá a roupa de traballo, sentaraos na mesa e serviraos un por un. Sexa pola anoitecida ou sexa pola alborada, se os atopa así, felices eles.
            Entendede ben: se o dono da casa soubese a que hora vai chegar o ladrón, non permitiría que lle asaltasen a casa. Así tamén: estade vós preparados, porque á hora menos pensada ha vir o Fillo do Home.
            Díxolle Pedro:
            Señor, a parábola que acabas de contar vai por nós ou por todos en xeral?
            Contestoulle o Señor:
            Quen é, logo, o administrador fiel e prudente, a quen o seu señor encargará o coidado de dar no seu tempo a ración de trigo á servidume? Ditoso o criado aquel, a quen o seu amo, cando chega, o atopa cumprindo coa súa tarefa! Tede por seguro que lle encomendará toda a facenda.
            Pero se o criado aquel di para si: "O amo aínda non vén para agora" e empeza a mallar nos criados, comendo e bebendo ata se emborrachar; o día menos pensado e á hora máis imprevista, chegará o amo do criado aquel, e botarao fóra cos infieis. O criado que, coñecendo as vontades do amo, non ten todo preparado nin feitas as cousas como a el lle gustan, levará moitos paus; pero o que non os coñece, aínda que faga algo que mereza castigo, levará poucos.
            A quen moito se lle dá, moito se lle esixirá; e a quen moito se lle confía, moito se lle pedirá.


                         Palabra do Señor                                         R/. Loámoste, Cristo

Comentario

Cando rezamos desde os textos da palabra de Deus, e máis alá da necesidade de superar a tentación de lelos de maneira literal e convertelos en xustificación das nosas teimas, temos que partir da premisa de que é Deus o que se achega a nós. Non son as nosas teimas nin as nosas accións as que entenrecen o seu corazón. El non necesita entenrecerse, porque nos quere desde sempre, desde a primeira hora; non necesita dos nosos sacrificios, das nosas promesas nin das nosas renuncias para querernos e acollernos como somos. Que Deus cruel sería ese que só abrandase o corazón se lle pagamos para que conceda canto lle pedimos? A pouco que o pensemos, descubririamos que nunca podería ser un Deus amor; ao contrario, sería un deus sádico, malévolo e interesado. Pero non, o Deus de Xesús, non é así. El dá o primeiro paso, sae ao noso encontro, atópase e chama por nós. E todo, por amor. Non temos que conquistar o corazón de Deus con dor e sufrimento. El xa conquistou o noso por amor, por iso nos chama, nos quere e nos acompaña. Escolleunos!

Un anticipo do que vai ser a plenitude dese amor que El nos ten vivímolo a través da fe. Logo, esta non é un concepto teórico, pechado e abstracto, senón unha resposta persoal a unha invitación. A invitación que El nos fai de acollelo e seguilo. Como podemos facelo?. A resposta descubrímola se somos capaces de fixar a nosa atención nos textos da palabra que cada día imos proclamando nas celebracións. A súa palabra vainos mostrando que a salvación na que camiñamos, e que un día viviremos en totalidade ao seu lado, vaise desenvolvendo cada día por medio do noso actuar, das actitudes que imos pondo en práctica cos demais e con nós. Esas actitudes fannos percibir a súa tenrura, o seu agarimo... e o que é máis importante, a súa presenza en cada unha das cousas que facemos ben, no esforzo por non deixarnos superar pola tentación do presentismo, do “agora e xa“ no que tantas veces caemos e nos impide percibir as cousas con perspectiva, gustar delas, saborealas pouco a pouco. A fe non é un remedio milagroso, senón o pisco de sal que vai facendo saboroso o actuar e o sentido que lle imos dando a ese actuar. Por iso é anticipo do que esperamos en plenitude: un anticipo da salvación. Como Abrahán, tamén nós somos invitados -sen présa, gozando das cousas ben feitas-, a confiar, a deixar a un lado a tentación materialista que cre ter resposta para todo, para comezar a construír bos cimentos que nos axuden a valorar a importancia da paciencia como actitude desde a que crecer e atoparnos con El, ao facelo cos irmáns. E que mellor arquitecto que Deus para axudarnos a proxectar este edificio? El ofrécenos os planos. A nós correspóndenos levantar o edificio.


Canto vimos dicindo lévanos a ter moi en conta a necesidade de non deixar as cousas para a última hora. Tal e como fan os malos estudantes; temos que vencer a tentación da présa do último momento; debemos esforzarnos por superar a preguiza de non facer nada porque inda hai tempo. O edificio que Deus deseñou hai que ilo levantando desde xa, para que as présas non nos leven a utilizar malos materiais, que co paso do tempo deterioren a construción. Os mellores materiais son os valores que nos invita a vivir e a non renunciar a eles, inda que moitos, mesmo a maioría, renuncien. Os mellores materiais son os que fan que non cansemos inda que andemos a modo, e non caiamos na tentación de apurar facendo trampas, enganando, mentindo ou utilizando aos demais segundo a comenencia. Temos que estar preparados para non chegar tarde, sabendo que o mellor tesouro non está nin fóra nin lonxe de nós, senón “no noso corazón“, pero é necesario que o descubramos, que o saibamos. Porque quen non coñece, dificilmente pode actuar; e quen non actúa, convértese nun aproveitado e nun parasito. E iso non é o que quere Deus de nós. Hai que saber prender ao seu tempo as lámpadas para que dean luz, e deste xeito nin nos perdamos nin nos firamos por dar contra do que nos manca. E as lámpadas das que nos fala Xesús, son as que nos chaman a abrir camiños novos, sen medo e con ilusión; son as que non deixan que miremos atrás con nostalxia e nos deixemos levar do medo que impide mirar ao hoxe sen desconfianza e dispostos a unir mans e esforzos por facer do ser humano o centro da vida. E nisto, a luz da fe, si que nos achanda moito o camiño.
Remol

sábado, 3 de agosto de 2013

Lecturas

XVIII DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO CICLO C

  
Primeira Lectura     Ecl 1, 2; 2, 21-23
LECTURA DO LIBRO DO ECLESIASTÉS
Que lle aproveita  ao home todo o seu labor?

            Vaidade de vaidades di Qohélet un lene sopro, un breve aire é todo.
            Pon por caso un home que lle debe o que gañou  ao seu saber, prudencia e éxito, e que o teña que deixar en herdanza a un que non o traballou. Évos tamén un gran sen sentido e gran mal.
            Abofé, que tira un home tal de todo o seu esforzo e de darlle voltas  ao maxín, traballando baixo o sol?
            "Dores todos os días,
            molestias do seu trasfegar,
            noites en branco matinando",
            E isto sonvos tamén andrómenas!

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL    Sal 89, 3-4. 5-6. 12-13. 14 e 17
 R/.  (1):  O Señor é o noso agarimo  ao longo das xeracións.

Ti repós no po os mortais,
con dicirlles: "volvede, fillos de Adán".
Mil anos son ante ti
coma o día de onte que pasou,
coma unha vixilia da noite.

Ti falos pasar, e son coma sono mañanceiro;
son coma herba que agroma:
de mañá florece e verdea,
á tarde ségana e seca.

Ensínanos a contar os nosos días,
para que acheguemos o corazón á sabedoría.
Volve, Señor. Por canto aínda?
Apiádate dos teus servos.

Dános de mañá a fartura da túa misericordia,
para que teñamos felicidade e ledicia toda a nosa vida.
Que a bondade do Señor, o noso Deus, sexa connosco,
que el consolide as obras das nosas mans.



Segunda Lectura     Col 3, 1-5. 9-11
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS COLOSENSES
Buscade as cousas de alá enriba, onde está Cristo
 
            Irmáns:
            Se resucitastes con Cristo, buscade as cousas de alá enriba, onde Cristo está sentado á dereita de Deus; arelade o de arriba e non o da terra.
            Vós morrestes e a vosa vida está agachada con Cristo en Deus. Cando se manifeste Cristo, que é a vosa vida, daquela tamén vós vos manifestades con El cheos de gloria.
            Así que, dádelle morte a todo canto tedes de terreal: a fornicación, a inmoralidade, a paixón, os malos desexos e a cobiza, que é unha idolatría.
            Non vos mintades uns a outros, xa que vos espistes do home vello cos seus malos feitos e vos revestistes do home novo, que se vai anovando conforme a imaxe de quen o creou, para chegar a un coñecemento total.
            Alí xa non hai máis nin grego nin xudeu, circuncisión nin non circuncisión, estranxeiro nin bárbaro, escravo nin libre, senón que Cristo é todo en todos.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


ALELUIA     Mt 5, 3
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, Aleluia.
Ditosos os pobres no espírito
porque deles é o reino dos ceos.
Aleluia.


Evanxeo     Lc 12, 13-21
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Para quen será todo o que fixeches?
 
            Naquel tempo, díxolle a Xesús un que estaba entre a xente:
            Mestre, dille a meu irmán que reparta a herdanza comigo.
            El contestoulle:

            Home, quen me nomeou xuíz ou testamenteiro entre vós?
            E logo díxolle á xente:
            Atención: gardádevos da cobiza, que por moito que un teña non por iso a súa vida depende dos seus bens.
            E propúxolles unha parábola:
            As terras de certo home rico déranlle moito froito. Púxose entón a cavilar: "Como vou facer, que non teño onde meter o froito?" E dixo: "Xa o sei: vou desfacer os meus celeiros, e constrúo outros máis grandes e alí meto o trigo todo e todos os meus bens. Logo direime a min mesmo: Amigo, xa tes aí reservas para moitos anos; descansa, come, bebe e, a vivir!" Pero Deus díxolle: "Insensato, esta mesma noite váiseche reclamar a túa vida: para quen será todo o que fixeches?"
            Así é quen atesoura riquezas para si, pero non é rico para Deus.


                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo