Cando rezamos desde os textos da palabra de Deus, e máis alá
da necesidade de superar a tentación de lelos de maneira literal e convertelos
en xustificación das nosas teimas, temos que partir da premisa de que é Deus o
que se achega a nós. Non son as nosas teimas nin as nosas accións as que
entenrecen o seu corazón. El non necesita entenrecerse, porque nos quere desde
sempre, desde a primeira hora; non necesita dos nosos sacrificios, das nosas
promesas nin das nosas renuncias para querernos e acollernos como somos. Que
Deus cruel sería ese que só abrandase o corazón se lle pagamos para que conceda
canto lle pedimos? A pouco que o pensemos, descubririamos que nunca podería ser
un Deus amor; ao contrario, sería un deus sádico, malévolo e interesado. Pero
non, o Deus de Xesús, non é así. El dá o primeiro paso, sae ao noso encontro,
atópase e chama por nós. E todo, por amor. Non temos que conquistar o corazón
de Deus con dor e sufrimento. El xa conquistou o noso por amor, por iso nos
chama, nos quere e nos acompaña. Escolleunos!
Un anticipo do que
vai ser a plenitude dese amor que El nos ten vivímolo a través da fe. Logo,
esta non é un concepto teórico, pechado e abstracto, senón unha resposta
persoal a unha invitación. A invitación que El nos fai de acollelo e seguilo.
Como podemos facelo?. A resposta descubrímola se somos capaces de fixar a nosa
atención nos textos da palabra que cada día imos proclamando nas celebracións.
A súa palabra vainos mostrando que a salvación na que camiñamos, e que un día
viviremos en totalidade ao seu lado, vaise desenvolvendo cada día por medio do
noso actuar, das actitudes que imos pondo en práctica cos demais e con nós.
Esas actitudes fannos percibir a súa tenrura, o seu agarimo... e o que é máis
importante, a súa presenza en cada unha das cousas que facemos ben, no esforzo
por non deixarnos superar pola tentación do presentismo, do “agora e xa“ no que
tantas veces caemos e nos impide percibir as cousas con perspectiva, gustar
delas, saborealas pouco a pouco. A fe non é un remedio milagroso, senón o pisco
de sal que vai facendo saboroso o actuar e o sentido que lle imos dando a ese
actuar. Por iso é anticipo do que esperamos en plenitude: un anticipo da
salvación. Como Abrahán, tamén nós somos invitados -sen présa, gozando das
cousas ben feitas-, a confiar, a deixar a un lado a tentación materialista que
cre ter resposta para todo, para comezar a construír bos cimentos que nos axuden
a valorar a importancia da paciencia como actitude desde a que crecer e
atoparnos con El, ao facelo cos irmáns. E que mellor arquitecto que Deus para
axudarnos a proxectar este edificio? El ofrécenos os planos. A nós
correspóndenos levantar o edificio.
Canto vimos dicindo
lévanos a ter moi en conta a necesidade de non deixar as cousas para a última
hora. Tal e como fan os malos estudantes; temos que vencer a tentación da présa
do último momento; debemos esforzarnos por superar a preguiza de non facer nada
porque inda hai tempo. O edificio que Deus deseñou hai que ilo levantando desde
xa, para que as présas non nos leven a utilizar malos materiais, que co paso do
tempo deterioren a construción. Os mellores materiais son os valores que nos
invita a vivir e a non renunciar a eles, inda que moitos, mesmo a maioría,
renuncien. Os mellores materiais son os que fan que non cansemos inda que
andemos a modo, e non caiamos na tentación de apurar facendo trampas,
enganando, mentindo ou utilizando aos demais segundo a comenencia. Temos que
estar preparados para non chegar tarde, sabendo que o mellor tesouro non está
nin fóra nin lonxe de nós, senón “no noso corazón“, pero é necesario que o
descubramos, que o saibamos. Porque quen non coñece, dificilmente pode actuar;
e quen non actúa, convértese nun aproveitado e nun parasito. E iso non é o que
quere Deus de nós. Hai que saber prender ao seu tempo as lámpadas para que dean
luz, e deste xeito nin nos perdamos nin nos firamos por dar contra do que nos
manca. E as lámpadas das que nos fala Xesús, son as que nos chaman a abrir
camiños novos, sen medo e con ilusión; son as que non deixan que miremos atrás
con nostalxia e nos deixemos levar do medo que impide mirar ao hoxe sen
desconfianza e dispostos a unir mans e esforzos por facer do ser humano o
centro da vida. E nisto, a luz da fe, si que nos achanda moito o camiño.
Remol
No hay comentarios:
Publicar un comentario