sábado, 24 de agosto de 2013

Reflexión

O Deus cristián non é un Deus excluínte. El non crea guetos sectarios nos que só poden entrar uns poucos elixidos. Non. Como acabamos de escoitar no texto de Isaías, o Deus que acompañou e termou de Israel deixounos unha mensaxe de universalidade, de non rexeitamento, de non deixar a ninguén nas beiras. As portas da súa mensaxe están sempre abertas para todos. El é claro no seu legado, pero, témolo nós, que nos chamamos seguidores seus, o mesmo de claro?. Polos nosos comentarios, polas nosas indiferenzas, polos silencios diante de situacións inxustas... moitas veces parece que teñamos perdido esa claridade. E se fose así, deberiamos preguntarnos en que cremos, ou que sentido e importancia ten a nosa fe. Porque a fe, sendo unha mensaxe de salvación desde a que ir orientando e desenvolvendo a nosa vida cara un futuro en esperanza –resucitar e entrar a formar parte da compaña de Deus, logo de ter chegado ao final do noso camiño persoal- non é algo abstracto e cheo de neboeiras, senón que se vai clarificando e adquirindo contornas de comprensión no vivir e actuar segundo os grandes eixes: valores e actitudes, que continuamente imos descubrindo nos textos da palabra de Deus. E non nos vale dicir que iso é imposible,de que é algo utópico –entendido este como irrealizable, e non como motivador de esforzo continuo polo aínda non acadado- e, como tal, irreal. Vivir a fe para un cristián ten que ser unha tarefa continua de ir convertendo esa oferta de salvación en xestos, comportamentos e maneiras de vivir que vaian mostrando, na nosa relación con nós, co mundo e cos demais, que tomamos a Deus en serio. Que El non é unha distracción nin tampouco un “tapaburatos” das nosas limitacións e incapacidades. A universalidade de fe da que tantas veces temos escoitado falar, ou nos mesmos temos falado, ten que irse despregando a través do noso comportamento concreto e real –nunca abstracto nin xenérico– alí onde esteamos. Desde ela, e vivida deste xeito, poderemos entender a razón que nos leva a chamarnos irmáns uns aos outros, rompendo co reducionismo da irmandade adscrito unicamente aos lazos do sangue. A irmandade de quen ten ao Deus cristián como sentido e referente da súa vida –nós– vennos dada porque compartimos non só a intelixencia e a liberdade cos demais, senón por ter sido creados, modulados á súa imaxe e semellanza, o que nos fai dignos de respecto e iguais. Entrando así no sagrado que o mesmo Deus nos merece, recoñecémolo naqueles aos que chamamos irmáns –“nada hai verdadeiramente humano, que non atope eco no corazón dun cristián” G.S 1- e comparten con nós a súa andaina no mundo. Non é o sectarismo pechado do gueto, senón a apertura gozosa aos demais, como entendemos e podemos vivir o ser homes e mulleres de fe.  E como nos di o Salmo 116, a nosa tarefa é ir polo mundo e anuncialo coa coherencia da nosa vida.


O Señor dinos: arredade de min os que non practicades a xustiza. Pero claro, para algunhas persoas iso é menos importante. A xustiza, a austeridade, o ben común, a participación... son pecata minuta, miudezas, cousas sen importancia. Porque claro, a verdade é que ás veces dentro da nosa Igrexa temos comportamentos que son ou para botar a correr e non parar ou para botar a chorar e non parar. Así, rapidamente se pon o grito no ceo por unha xenuflexión mal feita, por non axeonllarse na consagración, por comulgar na man, por asistir a unha celebración da palabra...; rapidamente facemos sinónimos pecado e sexo, pecado e muller; rapidamente se nos di que debemos ser persoas frías e calculadoras, que a sexualidade é mala e hai que reprimila, que ..... pero nunca se nos fala de que os inxustos non teñen cabida no Reino de Deus. E así seguimos: facendo da relixión un negocio rendible, vagueando e reducindo o noso traballo e a nosa entrega, desbaldindo, explotando, facendo distincións entre a xente segundo teña máis ou menos cartos, máis ou menos estudos ou segundo o posto laboral que ocupe e que nos permita utilizala de cando en vez, querendo sempre saír na foto... porque iso,.... iso non ten que ver coa fe, verdade?. Pois mire, non, vostede está entrando pola porta ancha, pola porta fácil, pola porta da fe desencarnada. Esa non conduce á salvación, vai errado no camiño. Porque é verdade que a salvación esixe esforzo, renuncia, sacrificio, valentía, coherencia.... pois pasa polo camiño da xustiza e da fraternidade. Por iso a súa porta é estreita, porque esixe de nós unha fe comprometida coa xente, coa sociedade, co mundo, e non co noso grupo burbulla. Por iso para salvarnos, grazas a Deus, non fai falla presentar un currículum con haber-debe, coma unha libreta do banco, senón que cómpre practicar a xustiza e o amor. Por iso é complicado, porque o noso egoísmo e a nosa soberbia son tan grandes, que non caben por esa porta. Por iso, hoxe máis ca nunca, podemos dicir, sen medo a equivocarnos: non son todos/as os que están nin están todos/as os que son. Non podía ser de outro xeito: un Deus universal, ofrece unha salvación universal que se desenvolve no día a día do achegamento de uns aos outros.

No hay comentarios:

Publicar un comentario