sábado, 27 de julio de 2013

Lecturas


XVII DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO CICLO C

Primeira Lectura     Xén 18, 20-32
LECTURA DO LIBRO DA XÉNESE
Que non se me enfade o meu Señor se me atrevo a falar
 
            Naqueles días, dixo o Señor:
            "O clamor contra Sodoma e Gomorra é moi grande; o seu pecado é grave.
            Vou baixar e ver se este clamor que chega onda min corresponde cos feitos; e se non, sabereino".
            Os homes dirixíronse desde alí cara a Sodoma, pero Abrahán quedou diante do Señor.
            Abrahán adiantouse cara  ao Señor e preguntoulle:
            "Por caso aniquilarías os inocentes cos culpables? Se houbese cincuenta xustos na cidade, aniquilaríalos tamén, e non perdoarías o lugar por mor dos cincuenta xustos que houber nel?
            Lonxe de ti facer tal cousa! Matar o inocente co culpado, e que teñan os dous a mesma sorte. Lonxe de ti! O que xulga a terra enteira, non vai facer xustiza?"
            O Señor respondeu:
            "Se houbese cincuenta xustos en Sodoma, perdoaría a toda a cidade por mor deles".
            Abrahán insistiu:
            "Perdoa o atrevemento de lle falar  ao meu Señor, sendo eu po e cinsa. Se para cincuenta xustos faltan cinco, aniquilarías por culpa dos cinco toda a cidade?"
            Respondeu o Señor:
            "Non a destruirei, se atopo corenta e cinco".
            Abrahán insinuou:
            "Se cadra, hai corenta".
            El respondeu:
            "Non o farei, en vista dos corenta".
            Abrahán dixo:
            "Que non se enfade o meu Señor, se volvo falar aínda. E se houbese trinta?"
            El respondeu:
            "Non o farei, se atopo trinta".
            Abrahán teimou aínda:
            "Voume atrever a lle falar outra vez  ao meu Señor. Podería ser que houbese vinte".
            Respondeu o Señor:
            "Non a destruirei en graza aos vinte".
            Abrahán dixo:
            "Que non se alporice o meu Señor, e falarei aínda unha vez. E se houbese dez?"
            El respondeu:
            "Non a destruirei por mor dos dez".

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 137, 1-2a. 2bc-3. 6-7ab. 7c-8
R/.  (3a):  Cando te chamo, Señor, respóndesme.

Douche grazas, Señor, de todo corazón,
hei cantar para ti diante dos anxos.
Hei prostrarme cara  ao teu santo templo.

Dou grazas  ao teu nome,
pola túa misericordia e a túa fidelidade,
Cando te chamo, respóndesme
e acrecentas as miñas forzas.

O Señor é excelso, e pon os seus ollos no humilde,
e coñece de lonxe o soberbio.
Cando me vexo en apuro,
ti consérvasme a vida.
Contra o furor dos meus inimigos
estendes a túa man.

E libérame a túa dereita.
O Señor completará os seus favores comigo.
A túa misericordia, Señor, é para sempre,
non abandones a obra das túas mans.


Segunda Lectura     Col 2, 12-14
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS COLOSENSES
Deuvos a vida con el, perdoándovos todos os pecados
 
            Irmáns:
            Sepultáronvos con Cristo no bautismo e tamén resucitades nel pola fe na forza de Deus, que o resucitou de entre os mortos.
            E a vós que estabades mortos polos vosos pecados e por non ter circuncidado os vosos instintos, deuvos a vida con el.
            El perdoounos todos os pecados, anulando a cédula dos preceptos legais que ía contra nós: quitouna de diante e espetouna na cruz.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus

  
ALELUIA     Rm 8, 15bc
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Recibistes o espírito de adopción de fillos;
nel clamamos: Abba, Pai.
Aleluia.



Evanxeo     Lc 11, 1-13
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Pedide e recibiredes
 
            Unha vez, despois de estar Xesús orando en certo lugar, un dos discípulos pediulle:
            Mestre, apréndenos a rezar, como lles aprendeu Xoán aos seus discípulos.
            Respondeulles:
            ‑ Cando recedes, dicide:
Pai, sexa santificado o teu Nome!
Pai, veña o teu Reino!
Dános cada día o noso pan.
E perdoa os nosos pecados,
como tamén perdoamos nós
a todo o que nos debe;
e non nos sometas á tentación.
            Logo continuou:
            Botade de conta que un de vós ten un amigo, que vos presentades na casa del pola noite, fóra, e que lle dicides: "Amigo, déixame tres bolos de pan, que me veu un amigo de viaxe, e non teño nada que lle poñer diante". E que aquel, desde dentro, responde: "Non me amoles, está a porta pechada, eu e mailos nenos estamos na cama: non me podo erguer agora para chos dar". Desde logo que, se non se levanta para llos dar por se tratar dun amigo, polo menos por ser teimudo, erguerase e hallos dar.
            Por iso dígovos: "Pedide e recibiredes, buscade e atoparedes, petade a abrirásevos. Que todo o que pide, recibe; o que busca, atopa; e a quen peta, abriráselle".
            Ou logo, que pai hai entre vós que, se o seu fillo lle pide un peixe, lle dá unha cobra? Ou se lle pide un ovo, dálle un alacrán? Pois se vós, sendo ruíns, ben lles sabedes dar cousas boas aos vosos fillos, canto máis o Pai celestial dará o Espírito Santo aos que llo pidan!


                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo

Reflexión

A nosa voz ten que ser a voz de Deus. Mellor, debera ser a voz de Deus. Si, porque a través do que nós imos dicindo, se verdadeiramente tomamos en serio o ser crentes, tería que ir aparecendo no xeito de dicir, facer e desenvolver as nosas relacións duns cos outros, o que son os valores e as actitudes que van emanando da historia de amor que Deus, desde o comezo, quixo vivir connosco: a historia da salvación. Unha salvación que non se xoga nin nas nubes nin no ceo, senón no día a día no que nos imos atopando coas nosas ilusións, as esperanzas, os fracasos ou as tristuras. No día a día no que nos imos atopando con outras persoas –irmás– que viven situacións parellas ás nosas, e que tamén agradecen que nos paremos, as escoitemos, ou lles botemos unha man. Porque a través desta relación de reciprocidade é como podemos ir escoitando a voz do Deus que nos fala, nos urxe ao amor, e nos chama a desenvolver no noso andar cotián actitudes e comportamentos que alenten e fagan agromar e medrar a esperanza. Non unha esperanza palabra, recurso ou tópico, senón unha esperanza que fai que diante dos problemas e dificultades non nos veñamos abaixo; que nas situacións difíciles saibamos buscar axuda e afrontalas; que ante momentos nos que parece que non hai máis saída que o fracaso e a desesperación lle prestemos atención á voz de Deus que nos segue a falar desde a confianza e o realismo de que ás situacións hai que facerlle fronte sen medo, e non escapar delas. Coma o pobo de Israel, tamén nós necesitamos abrirnos a El e dicirlle con convicción profunda: “cando te invoquei, escoitáchesme”. Pero non podemos escoitalo se pechamos ollos e oídos ao que pasa ao noso redor. Descubramos a Deus no medio de problemas e dificultades, e unámonos na tarefa de loitar por superalos.

En Cristo é onde atopamos con toda a súa claridade esta confianza a modo de reciprocidade: de Deus para connosco, e de nós para con Deus. Nel reconstruímos canto a nosa preguiza, o noso egoísmo, o desencanto que tantas veces aflora na vida foi levándonos á tristura, o aburrimento, o desinterese por todo o que supoña esforzo e loita. Cristo non é un personaxe mitolóxico, tampouco un heroe de conto. Non. É un dos nosos, é coma nós. Asumiu a nosa condición humana e sufriu os problemas, as dores, -tamén as alegrías- dos que estaban ao seu redor. Pero non quedou aí, senón que nos tendeu unha ponte, pola que nos invita a pasar, para que a reconciliación, a misericordia, o perdón e o encontro sexan actitudes que poñamos en práctica e nos reencontren con quen nos tiñamos afastado. O seu amor aprémanos, a súa liberdade é a nosa, desde a súa luz vánsenos abrindo tamén a nós camiños de luz. Por iso non é o noso quedar na tristura, nin na dor nin tampouco converter o engano, a corrupción, a inxustiza, o asoballo... en luz. Non, todo isto nunca pode ser luz nin saír de Cristo. E se nós queremos ser os seus seguidores, xa sabemos por onde temos que camiñar: non cara á tebra, senón cara á luz. E só nel a podemos atopar. Aprendamos a acollela.
  

E só a acolleremos se adoptamos o mesmo rumbo ca El. O pedide e recibiredes, fainos caer na conta de que a oración non é un sen sentido; tampouco unha perda de tempo, senón unha profunda experiencia de confianza, encontro e diálogo, sempre desde a vida, desde o que nos pasa, con aquel que é a razón da nosa esperanza. Non tentemos buscar a solución concreta aos nosos problemas, coma se Deus fose tan inxusto para amañar os meus e desatender os dos demais. Non. Busquemos atopar nel a forza desde a que abordar as situacións, non sempre doadas, que a vida vai pondo no noso camiño; e desde a nosa liberdade, sabendo que El é o caxato no que poder apoiarnos, avanzar para dar resposta, solución e tamén sentido á nosa realidade. Desde esta confianza temos que entender o pedide e darásevos ao que se refire Xesús.

miércoles, 24 de julio de 2013

Lecturas

SANTIAGO, APÓSTOLO

PATRÓN DE GALICIA E DE ESPAÑA

Solemnidade

Primeira Lectura  Feit 4, 33.  5, 12. 27b-33; 12, 1b.
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
O rei Herodes fixo decapitar a Santiago
 
            Naqueles días, os apóstolos, con gran poder, daban testemuño da resurrección do Señor Xesús, e facían moitos sinais e prodixios entre o pobo.
            Levados á presenza do Sanedrín, o xefe dos sacerdotes interrogounos:
            - Expresamente vos mandamos que non ensinásedes nese nome, e vós enchestes Xerusalén coa súa doutrina. Vós queredes botar sobre nosoutros o sangue dese home.
            E Pedro e os apóstolos responderon:
            - Cómpre obedecer a Deus antes que aos homes. O Deus de nosos pais resucitou a Xesús, a quen vós matastes colgándoo dun madeiro; pois a este enxalzouno Deus coa súa dereita, facéndoo Xefe e Salvador, a fin de lle outorgar a Israel a conversión e o perdón dos pecados. E nós somos testemuñas destas cousas e tamén o Espírito Santo, que Deus dá aos que o obedecen.
            Ó sentiren isto rabiaban de carraxe e queríanos matar, e o rei Herodes mandou decapitar a Santiago, o irmán de Xoán.

                        Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL   Sal 66, 2-3. 5. 7-8
R/.  (4): Lóente os pobos, oh Deus, lóente todos os pobos.

Deus teña piedade de nós e nos bendiga,
faga brillar o seu rostro sobre nós;
Que se coñeza na terra o teu camiño,
en todas as nacións a túa salvación.

Alégrense e canten as nacións,
porque xulgas os pobos rectamente
e na terra gobernas as nacións.

A terra deu o seu froito;
que nos bendiga Deus, o noso Deus;
que nos bendiga Deus e que o teman
os confíns todos do mundo.


Segunda Lectura        2 Cor 4, 7-15
LECTURA DA SEGUNDA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
Sempre levamos no noso corpo a paixón de Cristo
 
            Irmáns:
            Levamos ese tesouro en vasos de barro, para que tal prodixio de forza apareza como cousa de Deus, e non nosa.
            Aflíxennos por todas partes, pero non nos abaten; andamos en apuros mais non desesperados; perseguidos pero non abandonados; derrúbannos pero non nos rematan.
            Por todas partes levamos no noso corpo a morte de Xesús, para que a vida de Xesús se manifeste tamén no noso corpo.
            Pois a nós, que estamos con vida, entrégannos decote á morte por causa de Xesús, para que tamén a vida de Xesús se manifeste na nosa carne mortal. E así a morte actúa en nós, e a vida en vós.
            Mantendo, sen embargo, o mesmo espírito de fe, segundo o que está escrito "creo e por iso falo", tamén nós cremos e por iso falamos, sabedores de que Aquel que resucitou a Xesús hanos resucitar tamén a nós con Xesús e hanos colocar convosco onda El.
            Todo isto acontece por causa vosa, de modo que, ao estenderse a graza, se multiplique o número dos que dean grazas para gloria de Deus.

                        Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


ALELUIA
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Astro brillante de España, Apóstolo Santiago,
o teu corpo descansa na paz;
a túa gloria pervive entre nós.
Aleluia.


Evanxeo   Mt 20, 20-28
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
O meu cáliz beberédelo
 
            Naquel tempo, a nai dos fillos do Zebedeo acercouse cos seus fillos a Xesús, e prostrouse para pedirlle algo.
            El preguntoulle:
            Que queres?
            Ela respondeulle:
            Manda que estes dous fillos meus senten un á túa dereita e outro á túa esquerda no teu Reino.
            Replicou Xesús:
            Non sabedes o que pedides. Podedes beber o cáliz que eu teño que beber?
            Respondéronlle:
            Podemos.
            Replicoulles Xesús:
            O meu cáliz beberédelo; pero o sentar á miña dereita ou á miña esquerda, iso non depende de min concedelo; é para quen o meu Pai o ten preparado.
            Os outros dez, que estaban oíndo, anoxáronse cos dous irmáns. Entón Xesús chamounos a todos onda el e díxolles:
            Sabedes que os xefes das nacións as tiranizan, e que os grandes as dominan. Non ha ser así entre vós; ao contrario, quen queira entre vós chegar a ser grande, ha de ser voso criado; e quen queira entre vós ser o primeiro, ha de ser voso servo; porque o Fillo do home non veu a que o sirvan, senón a servir e a entregar a súa vida en rescate por todos.


Palabra do Señor                                      R/. Loámoste, Cristo

Comentario

Unha frase que seguro temos escoitado moito a curas, bispos e papas cando falan da necesidade que ten a Igrexa de manter sempre vivo o seu compromiso de evanxelizar é a de que temos que estar atentos aos “sinais dos tempos”, é dicir, que non podemos escapar da realidade, dar de costas ao que está pasando ao noso redor. Non, porque canto ocorre e nos ocorre, debe interesarnos e preocuparnos, pois como moi ben di o concilio Vaticano II, “nada hai verdadeiramente humano que non atope eco no seu corazón”. De aí que teñamos que prestar atención e implicarnos en todo o que se relacione coa vida e realidade das persoas. Só así, poderemos ser verdadeiros xermolos de renovada evanxelización no medio do mundo. Se nos illamos, se estamos como se as cousas non foran con nós, se non nos preocupamos do que lle pasa á xente, dificilmente podemos chamarnos, e selo, seguidores de Xesús, cristiáns.
Canto vimos dicindo axúdanos a entender por que na celebración de hoxe, Santiago Apóstolo e Día de Galicia, rezamos pola nosa terra, pola nosa xente, polos políticos, polos que traballan nos diferentes ámbitos da realidade galega: naval, automoción, cultura, construción, sanidade... porque só comprometéndonos cos problemas e realidades da nosa sociedade, poderemos responder á misión á que nos envía Xesús de ser fermento no medio da masa. Un fermento que fai que a masa creza e se expanda.

            Que mellor ca hoxe para, unha vez máis, lembralo e poñelo en practica.

lunes, 22 de julio de 2013

PENSA

SILENCIO!

Non fales tanto,
non prediques tanto,
non leas tanto,
non escribas tanto.

Pensa o que dis,
vive o que ensinas,
medita o que les,
mide o que escribes.

Tres palabra chegan: Aquí me tendes.
Unha ensinanza abonda: amádevos
Un libro é suficiente: o da vida.
Unha liña é bastante: Queridos irmáns.

O demais son:
labazadas no aire,
chocas no monte,
augas que pasan.

Palliñas que levou o vento.

domingo, 21 de julio de 2013

Lecturas

XVI DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO - CICLO C
  

Primeira Lectura     Xén 18, 1-10a
LECTURA DO LIBRO DA XÉNESE
Señor, non pases sen te deteres onda o teu servo

            O Señor apareceuse na carballeira de Mambré a Abrahán, estando este sentado á entrada da súa tenda, nas horas da calor.
            Abrahán ergueu os ollos e viu tres homes de pé diante del. En véndoos, correu ao seu encontro, desde a entrada da tenda, e prostrouse, dicindo:
            "Meu Señor, se merezo o teu favor, non pases sen te deteres onda o teu servo. Farei traer unha pouca auga, bañaredes os pés e descansaredes baixo a árbore. Coa mesma e xa que pasades por onda o voso servo, traerei un anaco de pan. Repararedes con el as forzas, para logo seguirdes camiño".
            Responderon eles:
            "Está ben. Fai como dis".
            Abrahán correu á tenda onda Sara, para lle dicir:
            "Trae tres cuncas de flor de fariña, axiña: amásaa, e prepara unha bica".
            E el foi correndo ao cortello, colleu o vitelo máis tenro e mellor, e deullo a un criado para que o guisase ao momento.      
            Despois, co vitelo guisado, colleu manteiga e leite, e servíullelos. Mentres eles comían, el estaba ao seu lado baixo a árbore.
            Nisto eles preguntáronlle:
            "Onde está Sara, túa muller?"
            El respondeu:
            "Aí dentro, na tenda".
            E un deles engadiu:
            "Volverei verte para o ano, e entón Sara, a túa muller, terá un fillo".

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 14, 2-3ab. 3cd-4ab. 5
 R/.  (1a):  Quen, Señor, se hospedará na túa tenda?

Aquel que procede honradamente
e practica a xustiza;
o que ten sinceridade no corazón
e non calumnia coa súa lingua.

O que non lle fai mal ao seu próximo
e non difama o seu veciño;
o que despreza os malvados,
mais enaltece os que temen o Señor.

O que non presta con usura o seu diñeiro,
e non se deixa subornar contra o inocente.
Quen así se comporta,
endexamais o abalarán.



Segunda Lectura     Col 1, 24-28
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS COLOSENSES
O misterio oculto de séculos, pero agora manifestado aos santos

            Irmáns:
            Agora alégrome do que teño que padecer por vós; así completo na miña carne o que lles falta ás penalidades de Cristo polo seu corpo, que é a Igrexa.
            Desta Igrexa fíxoseme servidor cando Deus me encomendou para o voso ben esta misión: predicar cumpridamente a palabra de Deus, ese misterio escondido desde séculos e xeracións, pero que se manifesta agora ao seu pobo santo.
            A este pobo quíxolle Deus amosar a espléndida riqueza de gloria que representa para os pagáns este segredo: que Cristo é para vós a esperanza da gloria!
            El é a quen nós anunciamos, aconsellando a todos, adoutrinándoos o mellor que sabemos para facer cristiáns como é debido.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


ALELUIA     Cf. Lc 8, 15
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Ditosos os que gardan a palabra de Deus en corazón recto e bo
e con paciencia dan o seu froito.
Aleluia.




Evanxeo     Lc 10, 38-42
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Marta acolleuno. María escolleu a mellor parte.

            Naquel tempo, cando ían de camiño, entrou Xesús en certa aldea, e unha muller chamada Marta acolleuno na súa casa. Esta tiña unha irmá chamada María
que, sentada aos pés do Señor, escoitaba as súas palabras. Marta, en troques, estaba moi apurada co labor da casa; e achegándose a el, díxolle:
            Señor, non che importa que a miña irmá me deixe a min o traballo? Dille que me bote unha man.
            Pero o Señor respondeulle:
             Marta, Marta, preocúpaste e desacóugaste con tantas cousas, pero soamente unha é a necesaria. María escolleu a mellor parte, e esa nunca se lle vai quitar.

                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo


Comentario

Dinos a primeira lectura que o pobo dirixíase ao Señor e dicíalle que non pasara de largo; é dicir, que non fose insensible ao que lle estaba ocorrendo; que non fose un Deus ausente e sádico diante das dificultades que estaban a experimentar. E é verdade. Nós, cando as cousas nos van ben, facemos o posible para que Deus non nos complique a vida... e a mellor forma de facelo é prescindir del, como se non existira. Así, a vida vaise convertendo nun dicir que cremos en Deus á vez que día a día imos vivindo como se El non fose, non existira, non estivera. Pero cando as cousas se torcen, entón si que todo tempo é pouco para pedir, prometer e comprometernos a facer mesmo o imposible. Que pouco entendemos, e que lonxe estamos do Deus cristián! Pero como na nosa relación con Deus nunca é tarde, podemos reconverter as palabras do libro da Xénese, e en vez de pedir que non pase de largo, comprometernos a abrirlle a porta da nosa casa e do noso corazón, para facerlle un sitio onde poida quedar. Porque non é que El pase de largo, senón que somos nós os que lle temos pechado a porta e vivido de costas a El, como se non existise. Comecemos desde xa a prepararlle ese lugar para que se senta acollido.

*    Porque todos podemos hospedarnos na súa tenda. E podemos facelo porque as dificultades non as pon El senón nós cando mentimos, enganamos, somos violentos, queremos ser máis ca ninguén, convertemos o noso actuar en comportamento altivo, soberbio como se fósemos máis e superiores aos demais. Entón, non é El que pecha a porta de súa tenda, somos nós os que queremos que pase de largo pechándolle a porta. El vén para hospedarse, pero nós non acabamos de fiarnos e deixalo pasar.


*    Os que si o deixaron pasar foron aqueles que tomaron en serio a súa mensaxe: os santos. A súa acollida dos demais, converteuse en hospitalidade evanxélica e evanxelizadora para todos nós, por iso merecen ser recoñecidos como auténticos e verdadeiros testemuños de fe e seguimento de Xesús. Sen separar o que facían do que crían; a súa fe da súa vida. Todo era un, e eles conseguiran convertelas en auténtico servizo, especialmente un servizo aos pobres e excluídos. Marta e María separaran unha cousa da outra. Cada unha foi ao seu, sen pensar que xuntos se enriquecían mutuamente. Porén, os santos uniron estas dúas facetas – presenza activa no mundo e fondura orante-, invítannos a nós a facer o mesmo, sen escisións e sen rupturas. Alí onde esteamos, debemos de esforzarnos por facer ben as cousas, e convertelas no mellor ofrecemento de acollida, hospitalidade e oración.

sábado, 13 de julio de 2013

Lecturas

XV DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO - CICLO C

Primeira Lectura  Dt 30, 10-14
LECTURA DO LIBRO DO DEUTERONOMIO
A palabra está cerca de ti para a cumprires

     Faloulle Moisés ao pobo e díxolle:
     Escoita a voz do Señor, o teu Deus, gardando os seus mandamentos e os seus preceptos, o escrito no libro desta lei.
     Convértete ao Señor, o teu Deus, con todo o teu corazón e con toda a túa alma.
      Esta lei, que eu che prescribo hoxe, non está posta por enriba de ti nin tampouco lonxe de ti. Non está enriba, no ceo, para poderes dicir: Quen su
birá por nós ata o ceo e nola collerá e nola fará escoitar para que nós a cumpramos?
            Tampouco está lonxe, da outra banda do mar, para poderes dicir: Quen cruzará por nós ao outro lado do mar e nola collerá e nola fará escoitar para que nós a cumpramos?
            Ó contrario, a palabra está moi cerca de ti, na túa boca e no teu corazón, para a cumprires.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL     Sal 68, 14 e 17. 30-31. 33-34. 36ab e 37
R/. (cf. 33): Humildes, buscade o Señor, e vivirá o voso corazón


Eu, Señor, suplico cara a ti,
na hora, meu Deus, do teu favor.
Pola túa moita bondade,
respóndeme, pois ti es o socorro verdadeiro.
Respóndeme, Señor, conforme ao teu amor,
pola túa misericordia, vólvete a min.

Mais a min, pobre e doente,
érgueme, Deus, co teu socorro.
Loarei a Deus con cantos,
gabareino con acción de grazas.

Olládeo, humildes, e alegrádevos,
avivecede o corazón os que buscades o Señor,
pois o Señor escoita os humildes,
non despreza os seus na cadea.

Abofé, salvará Deus a Sión:
recomporá as vilas de Xudá.
Herdaranas os fillos dos seus servos,
habitaranas os que aman o seu nome.


Ou:  Sal 18, 8. 9. 10. 11
R/.  (9a):  Os mandatos do Señor son rectos: aledan o corazón.

A lei do Señor é perfecta:
reconforta a alma;
a declaración do Señor é firme:
fai sabio ao inxenuo.

Os mandatos do Señor son rectos:
aledan o corazón;
o precepto do Señor é limpo:
ilumina os ollos.

A vontade do Señor é pura:
permanece por sempre;
as decisións do Señor son verdadeiras:
enteiramente xustas.

Son máis cobizables có ouro,
máis có metal precioso;
son máis doces có mel,
máis có zume da antera.



Segunda Lectura     Col 1, 15-20
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS COLOSENSES
Por El e para El foron creadas todas as cousas
 
            Cristo Xesús é imaxe do Deus invisible,
o primoxénito de toda criatura,
e por medio del fixéronse as cousas:
as da terra e tamén as do ceo,
as vistas cos ollos e as por eles non vistas;
señoríos sexan ou ben dominacións,
sexan principados, tamén potestades;
el é modelo e fin do universo creado.
            Antes ca todo está el
e todo nel se cimenta aínda hoxe.
            É tamén a cabeza do corpo
o corpo é a Igrexa .
            El é o principio,
o primoxénito de entre os mortos,
de xeito que en todo sexa sempre o primeiro.
            Porque nel quixo Deus habitar
coa súa total plenitude:
reconciliar así o universo consigo, por el;
e no sangue da cruz poñer paz
entre os seres da terra e do ceo, servíndose del.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus



ALELUIA    Cf. Xn 6, 63c. 68c
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
As túas palabras, Señor, son espírito e vida;
ti tes palabras de vida eterna.
Aleluia.


 
Evanxeo     Lc 10, 25-37
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Quen é o meu próximo?

            Naquel tempo, ergueuse cert
o xurista e preguntoulle a Xesús para o poñer á proba:
            Mestre, que teño que facer para herdar a vida eterna?
            El respondeulle:
            Que pon a Lei? Que les?
            Contestou:
            Amarás o Señor teu Deus con todo o teu corazón, con toda a túa alma, toda a túa forza e con todo o teu entendemento, e o próximo coma a ti mesmo.
            El díxolle:
            Contestaches perfectamente; cúmpreo e vivirás.
            Pero o xurista, querendo xustificarse, preguntoulle a Xesús:
            E quen é o meu próximo?
            Xesús replicou:
            Dunha vez un home baixaba de Xerusalén a Iericó, e asaltárono uns bandidos, que, despois de o roubaren e bouraren nel, deixárono medio morto. Cadrou a baixar polo mesmo camiño un sacerdote, que, ao velo, deu un rodeo e pasou de largo. Igual fixo un clérigo que pasaba por alí: ao chegar e velo, deu un rodeo.
            Pero un samaritano, que ía de camiño polo mesmo lugar, ao velo, sentiu mágoa; e achegándose a el, curoulle as feridas con aceite e viño e vendoullas. Logo, montouno na súa cabalgadura, levouno a unha pousada e coidouno.
            Ó outro día colleu dous denarios, deullos ao pousadeiro, e díxolle: "Coida del, e cando volva xa che pagarei o que gastes de máis".
            Quen dos tres che parece que foi próximo do que caeu nas mans dos bandidos?
            El respondeu:
            O que practicou a misericordia con el.
            Díxolle Xesús:
            Pois ti vai e fai outro tanto.


                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo

Comentario

O MANDAMENTO ESTÁ MOI PRETO DE TI, NO TEU CORAZÓN E NA TÚA BOCA. CÚMPREO: Desde pequenos ensináronnos o Decálogo, a lei de Deus, o que tiñamos que cumprir para non pecar, para fuxirmos do castigo de Deus, para irmos ao paraíso. Co paso do tempo fixémonos adultos e, ao peor, a nosa vida de fe non madurou, senón que permaneceu e permanece nun infantilismo constante que pouco a pouco vai facendo que detrás das nosas actuacións e das nosas palabras haxa calquera tipo de motivación (social, política, intereses particulares…) agás a motivación relixiosa. Noutras ocasións esta motivación relixiosa aparece coma algo negativo (non fagamos isto, non vaia ser que Deus nos castigue), detrás da cal está o medo, a maxia, a superstición ou un culto baleiro, ritualista, frío, sen sentido.
Porén, o cristianismo non recoñece máis que unha forma para relacionarnos con Deus: o amor. Nunca o medo ao castigo, nin o desexo dun premio, nin a lei que me obriga a facer algo baixo pena de pecado mortal ou venial, nin a tradición familiar. Ensinóusenos a doutrina, saturóusenos de nocións abstractas, definicións, normas morais e dogmas… pero ensinóusenos a amar a Deus?, ensinamos nós, coma testemuñas de Xesús, a amar a Deus?; preparóusenos para vivir a fe dunha forma serena, libre e responsable, para saber presentármonos diante de Deus sen medo e darlle unha resposta nosa, saída desde o fondo da nosa conciencia coma unha convicción persoal?. A primeira lectura que hoxe escoltamos déixanolo claro:”o precepto do Señor non é inalcanzable, non está no ceo, nin fóra deste mundo, senón que está no noso corazón”. Aí é onde temos que buscalo e atopalo.
  

FAI TI O MESMO: PRACTICA A MISERICORDIA CO TEU PRÓXIMO: A relixión, calquera relixión, é algo moi cómodo. Trátase de cumprir cunha serie de obrigas e xa somos bos. Ir ao templo, facer as miñas oracións, novenas.... pedirlle aos meus santos e xa está. E mesmo podemos facer unha relixión á carta. O importante é crer en algo... por se as moscas. O caso é que realizando algúns ritos, teñamos contento a Deus, que gañemos o ceo. Despois, xustificados, contentos e tranquilos... marchamos a outra cousa bolboreta, sen problemas. Ves, só hai que cumprir as normas, canto máis ao pé da letra mellor. Por iso a moit@s cristiáns de hoxe, que van máis alá, comprometendo a vida, díselles todo tipo de lindezas: roxos, revolucionarios, subversivos, que non son piadosos...., facendo realidade aquela frase de Helder Cámara “cando lle dou pan a un famento, chámanme santo; cando pregunto por que a xente pasa fame, chámanme comunista”. O sacerdote e o levita son representantes oficiais da relixión, preocupados polo templo, o culto e o servizo legal a Deus. Seguro que serían uns xudeus impecables, seguro que estarían ben vistos polas autoridades relixiosas, seguro que... pero estaban ben lonxe de descubrir que El é amor. Estaban enfermos de narcisismo. Só miraban coma os burros, cara adiante, sen ser quen de mirar en abano para descubrir a quen estaba ferido no camiño. Xesús descualifícaos, porque estar “oficialmente” ao servizo de Deus e pasar de longo diante da persoa necesitada é non entender o mandado de Deus, é
pasar de longo diante do que hai que facer para ter vida. O samaritano, en troques, estaba mal visto, era un revolucionario, un ninguén, un herexe, un proscrito; pero soubo mirar en abano para descubrir a quen estaba tirado na cuneta. E hoxe?. Pois podemos seguir afirmando o mesmo: a nosa Igrexa, a que formamos todos nós, tamén segue doente de narcisismo, segue a mirar só de fronte, pechándose a descubrir e a axudar a quen está desconsolado, marxinado, silenciado e abatido, ou o que é peor, sendo ela tantas veces quen pon o pé no pescozo de tanta xente para tirala e calala dunha vez por todas. Aquel home anónimo, viaxeiro solitario, sen nome nin compaña, maltratado por bandidos e medio morto, ten rostro e nome: o dos millóns de parados, o dos discapacitados, o das mulleres silenciadas e relegadas, o dos anciáns reducidos a caixeiros automáticos, o dos enfermos, relegados a un mero número, o das zonas rurais esquecidas, o dos países subdesenvolvidos... Pero claro, aínda hai moitos letrados dentro da nosa Igrexa que prefiren seguir preguntándolle ao vento quen é o meu próximo, pechándose á evidencia. Porén, a Palabra déixanos claro unha vez máis que Deus segue estando nas nosas mans, que o podemos tocar na persoa enferma, na famenta, na explotada, na inocente, na perseguida... Cando nos fartaremos de tanta teoría?. Cando inxectaremos a vacina contra a terrible enfermidade do narcisismo que tantas vítimas vai sementando ao noso redor?. Cando nos enchouparemos da misericordia do Señor e non da rixidez da letra?.

sábado, 6 de julio de 2013

Lecturas

XIV DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO -  CICLO C



Primeira Lectura     Is 66, 10-14c
LECTURA DO LIBRO DE ISAÍAS
Velaí mandarei sobre ela, coma choiva, a paz
 
            Alegrádevos con Xerusalén,
exultade por ela, todos os que a amades.
            Reloucade con ela de xúbilo
os que por ela levastes loito.
Mamaredes ao seu peito
e fartarédesvos das súas consolacións;
zugaredes con delicia
a riqueza do seu seo.
            Porque así fala o Señor:
            «Farei correr ata ela a fartura coma un río,
coma un río desbordado a riqueza das nacións.
            Collerán no brazo os seus meniños,
e aloumiñaranos sobre os xeonllos.
Coma unha nai que consola o seu fillo,
así eu vos consolarei;
en Xerusalén seredes consolados!
            Vós verédelo, e alegrarase o voso corazón,
e os vosos ósos florecerán coma un campo.
            A man do Señor daráselles a coñecer aos seus servos.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 65, 1-3a. 4-5. 6-7a. 16 e 20
R/.  (1):  Aclama a Deus, terra enteira.

Aclama a Deus, terra enteira,
canta a gloria do seu nome;
réndelle o honor da loanza,
dille: Que sorprendentes son as túas obras!

Próstrase a terra toda diante túa
e canta salmos ao teu nome.
Vinde e vede as obras do Señor,
os seus sorprendentes feitos entre os homes.

El mudou o mar en terra seca
e pasaron o río a pé:
felicitémonos por iso.
Co seu poder domina o mundo.

Vinde os que temedes o Señor,
e contareivos o que el fixo por min.
Bendito sexa Deus,
que non desbotou a miña súplica
nin afastou de min o seu amor.


Segunda Lectura     Gal 6, 14-18
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS GÁLATAS
Levo no meu corpo os sinais de Xesús
 
            Irmáns:
            A min Deus me libre de gabarme en algo que non sexa a cruz do noso Señor Xesucristo, na que o mundo está crucificado para min coma eu para o mundo.
            Pois tanto ten estar circuncidado coma estar sen circuncidar: o que importa é a nova creación.
            A paz e mais a misericordia virán sobre todos os que se axusten a esta norma e sobre o Israel de Deus.
            De hoxe en diante que ninguén me veña amolar, porque levo no meu corpo as marcas de Xesús.
            Irmáns, que a graza do noso señor Xesús Cristo acompañe ao voso espírito. Amén.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus



ALELUIA     Col 3, 15a. 16a
Se non se canta, pódese omitir.


Aleluia, aleluia.
Que a paz de Cristo reine nos vosos corazóns,
que a palabra de Cristo habite de abondo en vós.
Aleluia.


Evanxeo     Lc 10, 1-12. 17-20 
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Descansará nela a vosa paz

            Naquel tempo, designou o Señor a outros setenta e dous, e mandounos de dous en dous por diante del a todas as vilas e aldeas onde tiña pensado ir. Díxolles:
            A anada évos ben boa, pero os xornaleiros son poucos; así que rogádelle ao dono da colleita que mande xornaleiros á súa ceifa.
            Ide e sabede que vos mando coma años entre lobos. Non levedes saco, nin alforxa, nin calzado, nin vos paredes a parolar con ninguén polo camiño. Cando entredes nunha casa, antes de máis nada dicide: "Paz a esta casa". E se alí hai xente de paz, sobre ela repousará a vosa paz; se non a hai, volverá convosco.
            Permanecede na mesma casa, comendo e bebendo do que teñan, que o obreiro ten dereito ao seu xornal. Non andedes dunha casa para outra. Cando entredes nunha vila e vos acollan, comede do que vos poñan, curade os enfermos que haxa e dicídelles: "Xa chega a vós o Reino de Deus".
            Pero cando non vos acollan na vila na que entredes, saíde ás prazas dicindo: Non queremos levar da vosa vila nin o po que se nos pegou aos pés. Aí vos queda.
Pero sabede que xa chega o Reino de Deus. Asegúrovos que o Día do Xuízo será máis levadío para Sodoma do que para aquela vila.
            Entón volveron os setenta e dous moi contentos dicindo:
            Señor, aínda os demos tamén se nos someten no teu nome.
            El replicou:
            Eu vía a Satán caendo do ceo coma un raio. Porque vos dei poder para pisardes cobras e mais alacráns e poder sobre toda forza inimiga, e nada vos fará mal. Con todo, non vos alegredes de que os espíritos se vos sometan: alegrádevos, máis ben, de que os vosos nomes estean escritos no ceo.

                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo