miércoles, 24 de julio de 2013

Comentario

Unha frase que seguro temos escoitado moito a curas, bispos e papas cando falan da necesidade que ten a Igrexa de manter sempre vivo o seu compromiso de evanxelizar é a de que temos que estar atentos aos “sinais dos tempos”, é dicir, que non podemos escapar da realidade, dar de costas ao que está pasando ao noso redor. Non, porque canto ocorre e nos ocorre, debe interesarnos e preocuparnos, pois como moi ben di o concilio Vaticano II, “nada hai verdadeiramente humano que non atope eco no seu corazón”. De aí que teñamos que prestar atención e implicarnos en todo o que se relacione coa vida e realidade das persoas. Só así, poderemos ser verdadeiros xermolos de renovada evanxelización no medio do mundo. Se nos illamos, se estamos como se as cousas non foran con nós, se non nos preocupamos do que lle pasa á xente, dificilmente podemos chamarnos, e selo, seguidores de Xesús, cristiáns.
Canto vimos dicindo axúdanos a entender por que na celebración de hoxe, Santiago Apóstolo e Día de Galicia, rezamos pola nosa terra, pola nosa xente, polos políticos, polos que traballan nos diferentes ámbitos da realidade galega: naval, automoción, cultura, construción, sanidade... porque só comprometéndonos cos problemas e realidades da nosa sociedade, poderemos responder á misión á que nos envía Xesús de ser fermento no medio da masa. Un fermento que fai que a masa creza e se expanda.

            Que mellor ca hoxe para, unha vez máis, lembralo e poñelo en practica.

No hay comentarios:

Publicar un comentario