miércoles, 24 de julio de 2013

Lecturas

SANTIAGO, APÓSTOLO

PATRÓN DE GALICIA E DE ESPAÑA

Solemnidade

Primeira Lectura  Feit 4, 33.  5, 12. 27b-33; 12, 1b.
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
O rei Herodes fixo decapitar a Santiago
 
            Naqueles días, os apóstolos, con gran poder, daban testemuño da resurrección do Señor Xesús, e facían moitos sinais e prodixios entre o pobo.
            Levados á presenza do Sanedrín, o xefe dos sacerdotes interrogounos:
            - Expresamente vos mandamos que non ensinásedes nese nome, e vós enchestes Xerusalén coa súa doutrina. Vós queredes botar sobre nosoutros o sangue dese home.
            E Pedro e os apóstolos responderon:
            - Cómpre obedecer a Deus antes que aos homes. O Deus de nosos pais resucitou a Xesús, a quen vós matastes colgándoo dun madeiro; pois a este enxalzouno Deus coa súa dereita, facéndoo Xefe e Salvador, a fin de lle outorgar a Israel a conversión e o perdón dos pecados. E nós somos testemuñas destas cousas e tamén o Espírito Santo, que Deus dá aos que o obedecen.
            Ó sentiren isto rabiaban de carraxe e queríanos matar, e o rei Herodes mandou decapitar a Santiago, o irmán de Xoán.

                        Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL   Sal 66, 2-3. 5. 7-8
R/.  (4): Lóente os pobos, oh Deus, lóente todos os pobos.

Deus teña piedade de nós e nos bendiga,
faga brillar o seu rostro sobre nós;
Que se coñeza na terra o teu camiño,
en todas as nacións a túa salvación.

Alégrense e canten as nacións,
porque xulgas os pobos rectamente
e na terra gobernas as nacións.

A terra deu o seu froito;
que nos bendiga Deus, o noso Deus;
que nos bendiga Deus e que o teman
os confíns todos do mundo.


Segunda Lectura        2 Cor 4, 7-15
LECTURA DA SEGUNDA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
Sempre levamos no noso corpo a paixón de Cristo
 
            Irmáns:
            Levamos ese tesouro en vasos de barro, para que tal prodixio de forza apareza como cousa de Deus, e non nosa.
            Aflíxennos por todas partes, pero non nos abaten; andamos en apuros mais non desesperados; perseguidos pero non abandonados; derrúbannos pero non nos rematan.
            Por todas partes levamos no noso corpo a morte de Xesús, para que a vida de Xesús se manifeste tamén no noso corpo.
            Pois a nós, que estamos con vida, entrégannos decote á morte por causa de Xesús, para que tamén a vida de Xesús se manifeste na nosa carne mortal. E así a morte actúa en nós, e a vida en vós.
            Mantendo, sen embargo, o mesmo espírito de fe, segundo o que está escrito "creo e por iso falo", tamén nós cremos e por iso falamos, sabedores de que Aquel que resucitou a Xesús hanos resucitar tamén a nós con Xesús e hanos colocar convosco onda El.
            Todo isto acontece por causa vosa, de modo que, ao estenderse a graza, se multiplique o número dos que dean grazas para gloria de Deus.

                        Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


ALELUIA
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Astro brillante de España, Apóstolo Santiago,
o teu corpo descansa na paz;
a túa gloria pervive entre nós.
Aleluia.


Evanxeo   Mt 20, 20-28
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
O meu cáliz beberédelo
 
            Naquel tempo, a nai dos fillos do Zebedeo acercouse cos seus fillos a Xesús, e prostrouse para pedirlle algo.
            El preguntoulle:
            Que queres?
            Ela respondeulle:
            Manda que estes dous fillos meus senten un á túa dereita e outro á túa esquerda no teu Reino.
            Replicou Xesús:
            Non sabedes o que pedides. Podedes beber o cáliz que eu teño que beber?
            Respondéronlle:
            Podemos.
            Replicoulles Xesús:
            O meu cáliz beberédelo; pero o sentar á miña dereita ou á miña esquerda, iso non depende de min concedelo; é para quen o meu Pai o ten preparado.
            Os outros dez, que estaban oíndo, anoxáronse cos dous irmáns. Entón Xesús chamounos a todos onda el e díxolles:
            Sabedes que os xefes das nacións as tiranizan, e que os grandes as dominan. Non ha ser así entre vós; ao contrario, quen queira entre vós chegar a ser grande, ha de ser voso criado; e quen queira entre vós ser o primeiro, ha de ser voso servo; porque o Fillo do home non veu a que o sirvan, senón a servir e a entregar a súa vida en rescate por todos.


Palabra do Señor                                      R/. Loámoste, Cristo

No hay comentarios:

Publicar un comentario