sábado, 13 de julio de 2013

Lecturas

XV DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO - CICLO C

Primeira Lectura  Dt 30, 10-14
LECTURA DO LIBRO DO DEUTERONOMIO
A palabra está cerca de ti para a cumprires

     Faloulle Moisés ao pobo e díxolle:
     Escoita a voz do Señor, o teu Deus, gardando os seus mandamentos e os seus preceptos, o escrito no libro desta lei.
     Convértete ao Señor, o teu Deus, con todo o teu corazón e con toda a túa alma.
      Esta lei, que eu che prescribo hoxe, non está posta por enriba de ti nin tampouco lonxe de ti. Non está enriba, no ceo, para poderes dicir: Quen su
birá por nós ata o ceo e nola collerá e nola fará escoitar para que nós a cumpramos?
            Tampouco está lonxe, da outra banda do mar, para poderes dicir: Quen cruzará por nós ao outro lado do mar e nola collerá e nola fará escoitar para que nós a cumpramos?
            Ó contrario, a palabra está moi cerca de ti, na túa boca e no teu corazón, para a cumprires.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL     Sal 68, 14 e 17. 30-31. 33-34. 36ab e 37
R/. (cf. 33): Humildes, buscade o Señor, e vivirá o voso corazón


Eu, Señor, suplico cara a ti,
na hora, meu Deus, do teu favor.
Pola túa moita bondade,
respóndeme, pois ti es o socorro verdadeiro.
Respóndeme, Señor, conforme ao teu amor,
pola túa misericordia, vólvete a min.

Mais a min, pobre e doente,
érgueme, Deus, co teu socorro.
Loarei a Deus con cantos,
gabareino con acción de grazas.

Olládeo, humildes, e alegrádevos,
avivecede o corazón os que buscades o Señor,
pois o Señor escoita os humildes,
non despreza os seus na cadea.

Abofé, salvará Deus a Sión:
recomporá as vilas de Xudá.
Herdaranas os fillos dos seus servos,
habitaranas os que aman o seu nome.


Ou:  Sal 18, 8. 9. 10. 11
R/.  (9a):  Os mandatos do Señor son rectos: aledan o corazón.

A lei do Señor é perfecta:
reconforta a alma;
a declaración do Señor é firme:
fai sabio ao inxenuo.

Os mandatos do Señor son rectos:
aledan o corazón;
o precepto do Señor é limpo:
ilumina os ollos.

A vontade do Señor é pura:
permanece por sempre;
as decisións do Señor son verdadeiras:
enteiramente xustas.

Son máis cobizables có ouro,
máis có metal precioso;
son máis doces có mel,
máis có zume da antera.



Segunda Lectura     Col 1, 15-20
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS COLOSENSES
Por El e para El foron creadas todas as cousas
 
            Cristo Xesús é imaxe do Deus invisible,
o primoxénito de toda criatura,
e por medio del fixéronse as cousas:
as da terra e tamén as do ceo,
as vistas cos ollos e as por eles non vistas;
señoríos sexan ou ben dominacións,
sexan principados, tamén potestades;
el é modelo e fin do universo creado.
            Antes ca todo está el
e todo nel se cimenta aínda hoxe.
            É tamén a cabeza do corpo
o corpo é a Igrexa .
            El é o principio,
o primoxénito de entre os mortos,
de xeito que en todo sexa sempre o primeiro.
            Porque nel quixo Deus habitar
coa súa total plenitude:
reconciliar así o universo consigo, por el;
e no sangue da cruz poñer paz
entre os seres da terra e do ceo, servíndose del.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus



ALELUIA    Cf. Xn 6, 63c. 68c
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
As túas palabras, Señor, son espírito e vida;
ti tes palabras de vida eterna.
Aleluia.


 
Evanxeo     Lc 10, 25-37
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Quen é o meu próximo?

            Naquel tempo, ergueuse cert
o xurista e preguntoulle a Xesús para o poñer á proba:
            Mestre, que teño que facer para herdar a vida eterna?
            El respondeulle:
            Que pon a Lei? Que les?
            Contestou:
            Amarás o Señor teu Deus con todo o teu corazón, con toda a túa alma, toda a túa forza e con todo o teu entendemento, e o próximo coma a ti mesmo.
            El díxolle:
            Contestaches perfectamente; cúmpreo e vivirás.
            Pero o xurista, querendo xustificarse, preguntoulle a Xesús:
            E quen é o meu próximo?
            Xesús replicou:
            Dunha vez un home baixaba de Xerusalén a Iericó, e asaltárono uns bandidos, que, despois de o roubaren e bouraren nel, deixárono medio morto. Cadrou a baixar polo mesmo camiño un sacerdote, que, ao velo, deu un rodeo e pasou de largo. Igual fixo un clérigo que pasaba por alí: ao chegar e velo, deu un rodeo.
            Pero un samaritano, que ía de camiño polo mesmo lugar, ao velo, sentiu mágoa; e achegándose a el, curoulle as feridas con aceite e viño e vendoullas. Logo, montouno na súa cabalgadura, levouno a unha pousada e coidouno.
            Ó outro día colleu dous denarios, deullos ao pousadeiro, e díxolle: "Coida del, e cando volva xa che pagarei o que gastes de máis".
            Quen dos tres che parece que foi próximo do que caeu nas mans dos bandidos?
            El respondeu:
            O que practicou a misericordia con el.
            Díxolle Xesús:
            Pois ti vai e fai outro tanto.


                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo

No hay comentarios:

Publicar un comentario