domingo, 22 de junio de 2014

LECTURAS

SANTÍSIMO CORPO E SANGUE DE CRISTO  CICLO A


Primeira Lectura     Dt 8, 2-3. 14b-16a
LECTURA DO LIBRO DO DEUTERONOMIO
Deuche de comer o maná, que ti non coñecías nin teus pais

      Faloulle Moisés ao pobo e díxolle:
     Has de te lembrar do camiño que o Señor, o teu Deus, te fixo percorrer polo deserto durante estes corenta anos para aflixirte e pórte a proba e sabes o que había nas túas inten­cións, se ti querías gardar os seus mandamentos ou non. El aflixiute, facéndote pasar fame, e logo deuche de comer o maná, que ti non coñecías nin teus pais, para che mostrar que o home non ha de vivir só de pan, senón de toda palabra que sae da boca do Señor.
     Acordaraste do Señor, o teu Deus, que te sacou do país de Exipto, da situación de escravitude e foi o teu guía por un deserto grande e terrible, entre serpentes de mordedura queimante e escorpións, a través dunha terra reseca, sen gota de auga; e que fixo saír para ti auga da máis dura das pedras e che deu a comer no deserto o maná, que teus pais non coñecían.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL    Sal 147, 12-13. 14-15. 19-20
R/.  (12a):  Glorifica ao Señor, Xerusalén.
Ou:  Aleluia.

Glorifica o Señor, Xerusalén,
loa, Sión, o teu Deus,
que reforza os ferrollos das túas portas,
e bendí os teus fillos no teu seo.

El establece paz nos teus confíns,
é el quen te farta con flor de trigo.
El mándalle á terra a súa mensaxe,
e a súa palabra corre lixeira.

Anuncia a súa palabra a Xacob,
os seus estatutos e mandatos a Israel.
Non fixo así cos outros pobos,
non lles manifestou os seus mandatos.
Aleluia.


Segunda Lectura    1 Cor 10, 16-17
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
Moitos formamos un único pan, un só corpo
 
            Irmáns:
            A copa da bendición que bendicimos, non é unha comuñón co sangue de Cristo? O pan que partimos, non é unha comuñón co corpo de Cristo?
            E como hai un único pan, tamén nós, sendo moitos, formamos un único corpo, porque todos participamos dese único pan.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SECUENCIA, AD LIBITUM: Lauda, Sion, Salvatorem

Loemos o Salvador,
o noso guía e pastor,
cun cantar afervoado.

Loémolo xenerosos,
pois don tan marabilloso
nunca o daremos loado.

A razón de tal loanza,
o pan vivo no que alcanza
o pobo gozosa vida.

Ós doce en leda irmandade
fora entregado en verdade
na cea de despedida.

Ampla e sonora cantiga:
que fale a alma e bendiga
con indicible ledicia.

Hoxe é a recordación
da primeira institución
desta mesa sen malicia.

Na mesa do novo Rei,
nova Pascua, nova lei,
o tempo vello termina.

O novo vence ao que é vello,
a verdade ao seu espello,
e a luz a noite ilumina.

Cristo mándanos facer
na súa memoria e querer
o que na Cea el fixera.

Seguindo no seu camiño
consagramos pan e viño
cal hostia de amor sincera.

Dogma para o pobo cristián:
en carne tórnase o pan
e o viño faise sangue.

A fe confirme animosa
o que a razón pretensiosa
non entende nin abrangue.

Baixo unha humilde aparencia
de signos, late a presenza
de cousas marabillosas.

Mantenza a carne, e bebida
o sangue, Cristo todo vida
en cada parte gozosa.

Quen o come, toma enteiro
o seu corpo sobranceiro
non diviso nin rompido.

Come un e comen mil,
tanto este coma aquil,
e non se dá consumido.

Os bos e os malos o comen,
con dispar sorte o consomen:
lance de vida ou de morte.

Morte ao malo, vida ao bo,
única mesa de unión
pero moi distinta sorte.

Partido xa o sacramento,
non dubides, olla atento
que tanto encerra o fragmento
coma todo o corpo enteiro.

Non hai no fondo fisura,
só o signo se fractura,
nin o amor nin a feitura
reve do que é verdadeiro.

O pan dos anxos foi feito
de camiñantes proveito;
pan para os fillos é feito,
que non para darlle aos cans.

En símbolos persignado:
con Isaac inmolado,
año pascual ofrendado,
para os devanceiros maná.

Bo pastor, pan sobranceiro,
pan para o pobo esmoleiro,
mantennos e sé o guieiro
que nos conduza certeiro
ata as fontelas da vida.

Ti, Señor de canto hai,
que termas de nós, mortais,
fainos os teus comensais
coas multitudes triunfais
na mesa en ti compartida. Amén.




Ou, máis breve:  Ecce panis

O pan dos anxos foi feito
de camiñantes proveito;
pan para os fillos é feito,
que non para darlle aos cans.

En símbolos persignado:
con Isaac inmolado,
año pascual ofrendado,
para os devanceiros maná.

Bo pastor, pan sobranceiro,
pan para o pobo esmoleiro,
mantennos e sé o guieiro
que nos conduza certeiro
ata as fontelas da vida.

Ti, Señor de canto hai,
que termas de nós, mortais,
fainos os teus comensais
coas multitudes triunfais
na mesa en ti compartida. Amén.


ALELUIA    Xn 6, 51
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Eu son o pan vivo, que baixou do ceo, di o Señor;
quen coma deste pan, vivirá para sempre.
Aleluia.


Evanxeo     Xn 6, 51-58
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
A miña carne é verdadeira comida, o meu sangue é verdadeira bebida


             Naquel tempo, díxolles Xesús aos xudeus:
            - Eu son o pan vivo que baixou do ceo: se alguén come deste pan, vivirá para sempre; e o pan que eu darei, é a miña carne, para a vida do mundo.
            Discutían entón entre eles os xudeus:
            Como pode este darnos a comer a súa carne?
            Díxolles entón Xesús:
            Con toda verdade volo aseguro: se non comedes a carne do Fillo do Home e non bebedes o seu sangue, non teredes vida en vós. Quen come a miña carne e bebe o meu sangue, ten vida eterna e eu resucitareino no derradeiro día. Pois a miña carne é verdadeira comida e o meu sangue é verdadeira bebida.
            Quen come a miña carne e bebe o meu sangue, permanece en min e eu nel. Do mesmo xeito que o Pai que me mandou vive e eu vivo polo Pai, así tamén quen me coma vivirá por min. Este é o pan que baixou do ceo; non semellante ao que comeron os vosos pais, que mesmo así morreron: quen come este pan, vivirá para sempre.


            Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo           

REFLEXIÓN

*ALIMENTO: Nunca coma hoxe houbo tanta comida no mundo. Pero tamén nunca coma hoxe son millóns as persoas que non teñen pan para comer e alimentarse cada día. É máis, neste primeiro mundo do que disque nós formamos parte, son cada vez máis as persoas que non teñen que comer. Escoitamos unha e outra vez novas que se refiren a nenos aos que as súas familias non poden alimentar; escoitamos como servizos sociais e organizacións solidarias fan campañas para recadar cartos ou alimentos cos que poder paliar as carencias de, cada vez máis familias que por non ter traballo non teñen nin para comer. Acostumados a escoitar isto unha e outra vez, volvémonos indiferentes e non lle prestamos atención. Pero detrás destas novas atopamos persoas de carne e oso coma nós, ás que a dureza da vida vai facendo sentir que a fraternidade da que tantas veces falamos os cristiáns, non é tal. Por iso nunca tanto coma hoxe urxe que tomemos conciencia da nosa misión de ser alimento para os irmáns. Alimento de pan, pero tamén alimento de canto supoña que a dignidade é igual para todos, inda que moitos non acaben de crelo; que a xustiza , inda que tarde, sempre chega e pon a cada quen no seu sitio; que a solidariedade non é unha palabra baleira e desgastada de tanto usala, senón unha actitude permanente e sincera das persoas que seguen crendo que as cousas poden cambiar....que outra Igrexa, que outras parroquias, que outros cristiáns son posibles. E non esquezamos que ser alimento suponnos deixar de mirar atrás e camiñar cos pés na terra e construíndo futuro; decatándonos de que falar de cambios na Igrexa é falar de cambios en nós; cambios na maneira de comportarnos, cambios en volver ao Evanxeo -o importante-, e non vivir das rendas de ritos e costumes, que na maioría dos casos non entendemos, non chegan ao fondo dos corazóns, pero seguimos mantendo por unha cuestión puramente rutineira e estética: sempre se fixo así, e que preciosos son!. Se ao falar de outras realidades da vida ofreceramos este argumento, seguro que aínda estariamos a lavar no río, a acender a luz de carburo ou a bañarnos quecendo a auga na lareira. Pero non: nestas cousas todos queremos cambiar e aproveitar o que nos favoreza a vida. Por que nos custa tanto seguir este mesmo argumento cando falamos da nosa vida de fe?. Poñamos o oído atento á Palabra de Deus, e esforcémonos por ser alimento ante tantas fames como atopamos ao noso redor neste mundo tan tecnoloxizado, pero que cada vez reduce ás persoas á máis absoluta das soidades.

*COMPARTIDO E REPARTIDO: Pero este alimento ten que ser compartido ou non será. E ha ser así porque o que nos define e identifica aos cristiáns é o ser comunidade. Isto supón poñer en común posibilidades, capacidades e medios, para que todos poidamos gozalo. A dificultade vén de que levamos tantos anos sen pensar nisto nin prestarlle atención que nos resulta estraño. Mesmo coidamos que non ten nada que ver coa fe, á que reducimos a oracións memorizadas ou celebracións sen vida. Paulo, na carta aos corintios que acabamos de escoitar, lémbranos algo que deberiamos coñecer en profundidade: formamos un só corpo. Pero é un corpo conformado por moitos membros, e cada un deles é igual de importante. Como importantes son cada unha das persoas que estamos no mundo. A grandeza deste día do Corpo e Sangue de Xesús está na chamada que se nos fai a ter altura de miras para que este corpo que conformamos sexa corpo vivo e solidario; corpo que loita pola xustiza e non cala diante do engano; corpo que non se deixa dominar polo poder nin polos poderes que buscan acalarnos ou entreternos para quen non tomemos conciencia da realidade do mundo. Se cada un dos que celebramos esta festa deixaramos a un lado o puramente folclórico e comezaramos a pensar desde as persoas que xa chegou o tempo de dicir basta, a festa do Corpo e Sangue do Señor sería verdadeira revolución evanxélica ao servizo da xente, e non dos intereses dos que mandan e gustan que calemos. Compartir e repartir fainos caer na conta de que xuntos somos capaces de acadar moito. Separados e cada un ao seu, non só non acadamos nada, senón que seguimos favorecendo que os de sempre se enriquezan á conta nosa.

*NUNHA EXPERIENCIA DE AMOR: A toma de conciencia de todo isto vémola no significado da Eucaristía: pan ofrecido, compartido e repartido. Non pan para sacarlle ao que menos ten. Tampouco pan para ofrecelo como esmola por parte de quen ten moito e dá do que lle sobra, senón pan que se reparte porque o amor é o guieiro que nos leva a recoñecer ao irmán que o necesita. Un amor que non xulga, senón que sae ao encontro para ofrecerse e darse. Este si que é verdadeiro alimento!.


sábado, 14 de junio de 2014

LECTURAS

  SOLEMNIDADE DA SANTÍSIMA TRINDADE  -  CICLO A
 
  
Primeira Lectura     Ex 34, 4b-6. 8-9
LECTURA DO LIBRO DO ÉXODO
O Señor, o Señor Deus, compasivo e benfeitor
 
     Naqueles días, Moisés ergueuse cedo e subiu ao monte Sinaí, conforme lle mandara o Señor, levando consigo as dúas táboas de pedra.
     O Señor baixou na nube e presentouse alí onda Moisés, que invocaba o nome do Señor. O Señor, pasando diante del, proclamou:
     O Señor, o Señor, Deus compasivo e benfeitor, tardo á ira, rico en amor e lealdade.
     Moisés, ao tempo que se prostraba polo chan e adoraba, dixo:
     Se acadei graza na túa presenza, Señor, pídoche que veñas ti connosco; este é sen dúbida un pobo de dura caluga, pero ti perdoarás as nosas culpas e pecados e farás de nós a túa herdade.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Dn 3, 52. 53. 54. 55. 56
R/.  (52b):  Ti es digno de gloria e loanza por sempre.

            Bendito es Ti, Señor, Deus dos nosos pais,
            bendito o teu nome, santo e glorioso.

            Bendito es Ti no templo santo da túa gloria,

            Bendito es Ti sobre o trono do teu reino,

            Bendito es Ti que sondas os abismos,
            e estás sentado sobre querubíns.

            Bendito es Ti no firmamento do ceo.


Segunda Lectura     2 Cor 13, 11-13
LECTURA DA SEGUNDA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
A graza de Xesús Cristo, o amor de Deus e a comuñón do Espírito Santo
 
            Irmáns:
            Estade alegres, camiñade cara á perfección, dádevos azos, andade de acordo, vivide en paz e o Deus do amor e da paz estará convosco.
            Saudádevos uns aos outros co ósculo santo. Mándanvos saúdos todos os cristiáns.
            Que a graza do Señor Xesús Cristo, o amor de Deus e a comuñón do Espírito Santo vos acompañen a todos.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


ALELUIA    Cf. Ap 1, 8
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Gloria ao Pai e ao Fillo e ao Espírito Santo,
ó Deus que é, e que era, e que virá.
Aleluia.


Evanxeo     Xn 3, 16-18
(https://www.youtube.com/watch?v=TQVCqze1g8Y)
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Mandou Deus o seu Fillo para que, por El, se salve o mundo
 
            Naquel tempo, díxolle Xesús a Nicodemo:
            - De tal xeito amou Deus o mundo, que lle deu o seu Fillo Unixénito, para que todo o que cre nel non se perda, senón que teña vida eterna.
            Non mandou Deus o Fillo ao mundo para que xulgue o mundo, senón para que por el se salve o mundo. O que cre nel, non é xulgado; mais o que non cre, xa está xulgado, porque non creu no Fillo Unixénito de Deus.


                                   Palabra do Señor                    R/. Loámoste, Cristo           

Comentario

  Moisés non se deixa ir, non queda quieto, senón que se move. E faino cunha dirección crara e ben determinada: camiña cara Deus. No seu fondo e pleno encontro con Deus, Moisés sentíase tocado pola súa man e pola súa presenza, por iso non ten medo, e non se deixa levar da tentación máis doada: mirar cara atrás, cara Exipto e queixarse. Para el o paso xa estaba dado, a confianza xa estaba posta en Deus, non era tempo nin de nostalxias nin de laios. Se Deus non falla, como non ían seguir confiando nel? Por iso non se deixa levar do desánimo e a tristura. Tamén nós hoxe deberiamos poñer a nosa mirada nesta actitude de Moisés, que é fondamente pedagóxica e madura. E debemos facelo así porque no momento no que todo vai ben é moi fácil dicir si, seguir o que fan todos ou deixarnos levar da retórica do que non compromete nin nos esixe nada...Pero cando as cousas se torcen, só aqueles que de verdade teñen as cousas ben asentadas –Moisés era destes- son capaces de facerlle fronte ás dificultades e problemas que se van presentando, sen deixarse levar do que fan todos, nin do abandono sen antes terse esforzado.
A isto mesmo nos invita Paulo desde este fragmento da carta que lle escribe aos corintios. Só quen entende o que significa estar alegres –que non é disimulo nin sorriso falso– é capaz de entender a Xesús e a súa proposta de vida. Unha alegría que ten que ir enchoupando canto somos e tamén o noso xeito de facer as cousas. Porque a fe non se reduce a un ascetismo moral nin tampouco a unha actitude mística de alta escola de espiritualidade. Os seguidores de Xesús estamos chamados a facer de cada paso que damos e de cada palabra que sae da nosa boca, unha experiencia de encontro cos demais; de paz ofrecida; de solidariedade compartida e de encontro sincero e fraterno con quen, coma nós, sabe recoñecer nos outros a presenza dun igual, dun coma nós, dun irmán... non polo sangue, senón pola esperanza compartida no amor con Aquel que é todo El amor.

E o broche a todo isto pono Xoán ao recoller no evanxeo que vimos de ler a síntese na que podemos resumir a mensaxe de Xesús: o amor de Deus foi total e tan grande que nin gardou para si ao seu Fillo, senón que o entregou para que se fixese un de nós; pois só así a ese amor pleno se lle podía poñer rostro. De aí que o rostro de Cristo, un coma nós, é rostro de esixencia, participación, unión na procura da xustiza ou paz de igualdade e respecto. E isto non se pode facer vida e realidade se andamos constantemente coa escopeta cargada para dispararlle a quen é distinto, a quen pensa e actúa diferente a nós, a quen non busca poder senón servizo e dispoñibilidade; a quen non mira ao pasado, senón que constrúe futuro asentándose con forza no presente de cambio e transformación. Nunha palabra: non será posible darlle rostro, vida e realidade ao proxecto de Xesús se sempre andamos xulgando, e non somos nunca capaces de escoitar nin de poñernos no lugar do outro. Iso que agora se chama intelixencia emocional. Sen ela, a salvación quédase en rito, e a fraternidade e beneficencia.

domingo, 8 de junio de 2014

Lecturas

DOMINGO DE PENTECOSTE A  -  MISA DO DÍA

  
Primeira Lectura     Feit 2, 1-11
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Quedaron cheos do Espírito Santo e puxéronse a falar
 
            Cando se cumpriron os días de Pentecoste, estaban todos xuntos no mesmo sitio. De súpeto, veu do ceo un ruído coma dun forte golpe de vento que encheu toda a casa onde estaban; e apareceron talmente coma linguas de lume, que, repartidas, foron pousando unha sobre cada un deles.
            Quedaron cheos do Espírito Santo e puxéronse a falar noutras linguas, conforme lles concedía o Espírito.
            Había daquela en Xerusalén xudeus piadosos de todas as nacións da terra. Ao se producir aquel estrondo, xuntouse a xente e ficou moi desconcertada, porque cada un os sentía falar na súa propia lingua. Pasmados e admirados, dicíanlles uns a outros:
            "Olla! E todos estes que están aí a falar non son galileos? E logo como é que os sentimos falar cada un de nós no noso propio idioma nativo? Partos, medos, elamitas, xente da Mesopotamia, Xudea, Capadocia, Ponto, Asia, Frixia e Panfilia, do Exipto e da parte de Libia contra Cirene, forasteiros romanos tanto xudeus coma prosélitos, cretenses e árabes, sentimos falar nas nosas linguas das grandezas de Deus".

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL      Sal 103, 1ab e 24 ac. 29bc-30. 31 e 34
R/. (30): Manda, Señor, o teu Espírito e renova a cara da terra.
Ou: Aleluia.

Alma miña, bendí o Señor.
Señor, meu Deus, ti es moi grande,
Cantas son, Señor, as túas obras,
A terra está chea das túas criaturas.

Retiras o teu alento, e expiran,
volvendo ao seu po.
Mandas o teu alento, e son creados
e renovas a cara da terra.

Gloria ao Señor por sempre,
alégrese o Señor coas súas obras.
Que El acolla o meu cantar
e alegrareime eu no Señor.


Segunda Lectura      1 Cor 12, 3b-7. 12-13
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS Todos nos bautizaron nun único Espírito, para formarmos un único corpo

            Irmáns:
            Ninguén que diga "Renegado sexa Xesús", fala movido polo Espírito de Deus; e ninguén é capaz a dicir "Xesús é o Señor", se non é baixo o influxo do Espírito Santo.
            Hai diversidade de dons, pero un mesmo Espírito. Hai diversidade de servizo s, pero un mesmo Señor. Hai diversidade de realizacións, pero un mesmo Deus, que é quen realiza todo en todos.
            A cadaquén dáselle a manifestación do Espírito para o ben común.
Porque igual que o corpo, sendo un, ten moitos membros e todos estes membros, con seren moitos, non fan máis dun corpo: así tamén Cristo.
            Porque a todos nos bautizaron nun único Espírito, para formarmos un único corpo: tanto xudeus coma gregos, tanto escravos coma libres. E a todos se nos deu a beber un único Espírito.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


             SECUENCIA                
VÍDEO MÚSICA: https://www.youtube.com/watch?v=WjyT48zd1Uc&feature=youtu.be

Ven, Espírito divino,
manda a túa luz do ceo.
Pai amoroso do pobre
don, nos teus dons xeneroso,
luz que penetra nas almas,
fonte de todo consolo.

Ven, hóspede desexado,

descanso do noso esforzo,
tregua no duro traballo,
brisa nas horas de afogo,
gozo que as bágoas enxuga
e reconforta na dor.

Entra ata o fondo da alma,
divina luz, e enriquécenos.
Mira o baleiro do home
se Ti lle faltas por dentro,
mira o que pode o pecado
cando falta o teu alento.

Lava en nós todo o manchado,
rega o árido e sedento,
sanda as feridas do pobo;
amolece o que está teso,
pon calor onde hai friaxe,
dános bo discernimento.

Reparte os teus sete dons
segundo a fe dos teus servos.
Segundo a túa bondade,
dálle ao esforzo o teu premio,
salva a quen busca salvarse
e dános o gozo eterno.
Amén. Aleluia.


ALELUIA
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Ven, Espírito Santo, enche o corazón dos teus fieis;
e acende neles o lume do teu amor.
Aleluia.


Evanxeo       Xn 20, 19-23
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Como me mandou a min o Pai, así vos mando eu a vós: recibide o Espírito Santo
 
            Naquel día, o primeiro da semana, ao serán, estando pechadas as portas onde estaban os discípulos, por medo dos xudeus, chegou Xesús e, poñéndose no medio, díxolles:
            Paz convosco.
            Dito isto, mostroulles as mans e mais o costado. Os discípulos alegráronse, vendo o Señor.
            El díxolles outra vez:
            Paz convosco: coma o Pai me mandou a min, tamén eu vos mando a vós.
            E dito isto alentou sobre eles, e díxolles:
            Recibide o Espírito Santo: a quen lles perdoedes os pecados, quedaranlles perdoados; a quen llelos reteñades, quedaranlles retidos.


                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo           

Reflexión

     Do mesmo xeito que os apóstolos foron capaces de facerse entender- inda que non falaban o mesmo idioma que aqueles que estaban en Xerusalén-, tamén nós somos hoxe chamados a poñer todas as nosas gañas e ilusións para darlle rostro de renovación, de vida, de esperanza e de buscar canto une ás persoas, aos que somos Igrexa e non temos nin medo nin vergoña de testemuñar esta convicción. Acoller a presenza do Espírito en nós supón abrilo tamén para que esa presenza se pouse nas nosas comunidades. Unhas comunidades que moitas veces parecen cansadas e vellas, faltas de ilusión e sen gañas de cambiar, de renovarse, de saír da súa comodidade e dos seus ritos. Nas nosas comunidades é verdade que non hai xente nova; e se a hai, esta é ben escasa, pero iso non debera ser motivo para deixarnos ir, para volvernos conformistas, para reducir a fe a facer xuízos sobre os demais (aos que xulgamos como peores ca nós); ou a tentar repetir comportamentos e xestos que inda que teñan moitos anos, e sempre se foran facendo así, xa non teñen nin vida nin son capaces de transmitir a graza e a ledicia do evanxeo. Razón ten Francisco cando nos chama a revisar os nosos percorridos e a recoñecer que nos falta audacia e gozo para sentírmonos agarimados, -todos e sen exclusión-, por Deus. Só quen é capaz de arriscar, de saír da comodidade do que se fixo sempre para ir na procura do novo, está respondendo á invitación de Xesús de deixarnos entender. E isto non podemos facelo se non é tendendo pontes e derrubando muros. Pentecostes é a festa que, un ano si e outro tamén, nolo vai recordando.
     A desesperanza, a tristura, o fastío, a vergoña, o medo... son actitudes sempre contrarias a quen se sente e se sabe acompañado por Deus. Lembremos, e insistamos as veces que faga falta: non estamos solos!. O Espírito é forza, compañía, presenza, alento, luz... e calquera outra imaxe que nos axude a entender que El espílenos e reforza as nosas conviccións dándonos os empurróns que esteamos dispostos a aceptar del. El vaise manifestando de xeito quedo, pero sempre presente en cada un; se sabemos descubrilo. Entenderemos entón a razón pola que temos que unir forzas e deixar atrás vellas pelexas que nos debilitan e restan forza para ser verdadeiras testemuñas no medio do mundo. Un mundo entristecido e falto de ilusión, dentro do que nós temos hoxe, de xeito máis insistente que nunca, a tarefa de facelo xermolar. Como ten dito Xesús, “se o gran non cae na terra e podrece, non pode dar froito”. Aí temos que estar nós, podrecendo para que o froito se mostre como esforzo de todos e presenza comunitaria. Se un é o Espírito, por que non pode ser unha tamén a comunidade?. Pero non unha comunidade uniforme, aburrida e sen empuxe, senón unha comunidade plural, complementaria e esforzándose por deixar pegada. A pegada ilusionante da Boa nova de Xesús.

     Por iso, como nos di o Evanxeo, non podemos estar nin con medo nin coas portas pechadas. Non pode ser o sinal de identificación dos seguidores de Xesús o temor nin o afastamento dos demais. Non somos para refugarnos en cuarteis de inverno, senón para estar presentes nas praias abertas do mar de esperanza que é o Evanxeo, e que se vai estendendo de xeito calmo e gozoso para que poidamos bañarnos nel con tranquilidade e cheos de confianza. Un mar que nos trae non tambores de guerra, senón brisa de paz e entendemento. Un mar que non ten medo a que se anoxe e se volva contra nós. O agasallo do Espírito que nos deixa Xesús posibilita que naveguemos sen medo por este mar, acollendo a compaña do Espírito que nos axuda a crecer e sentírmonos comunidade humana que busca canto dignifica e alenta todo aquilo que supoña aceptar a pluralidade dunhas comunidades que non se resignan a estar caladas ou a ser meros repetidores do que se fixo sempre. Que saibamos acoller e aceptar o agasallo que nos fai Xesús, para deixarnos estimular por El.

domingo, 1 de junio de 2014

Lecturas

A ASCENSIÓN DO SEÑOR   -  A

Primeira Lectura     Feit 1, 1-11
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Elevouse á vista deles
 
            O primeiro libro fíxeno, Teófilo, acerca de todo o que Xesús obrou e ensinou desde o comezo, ata o día que foi levado ao ceo, logo de ter dado instrucións polo Espírito Santo aos apóstolos que escollera.
            Ós mesmos que tamén se lles amosara vivo, con moitas probas despois da súa paixón, aparecéuselles durante corenta días e faláballes das cousas referentes ao Reino de Deus.
            E comendo con eles, encomendoulles que non se retirasen de Xerusalén, senón que agardasen a promesa do Pai que me escoitastes a min: porque Xoán bautizou con auga, mais a vós bautizarásevos co Espírito Santo, de aquí a poucos días.
            Os que estaban reunidos preguntábanlle:
            Señor, é agora cando vas restablecer o Reino de Israel?
            El respondeulles:
            Non vos acae a vós coñecer o tempo ou a oportunidade que o Pai fixou co seu propio poder. Pero recibiredes a forza do Espírito Santo, que virá sobre vós e seredes as miñas testemuñas en Xerusalén, en toda a Xudea e Samaría e ata os confíns da terra.
            En dicindo isto, elevouse á vista deles e unha nube quitóullelo da súa vista. E estando eles fitando para o ceo mentres el marchaba, presentáronselles dous homes con vestidos brancos, que dixeron:
             Galileos, que facedes ollando para o ceo? Este Xesús que vos foi levado de entre vós ao ceo, ha volver do mesmo xeito que o vistes ir.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL      Sal 46, 2-3. 6-7. 8-9
R/. (6): Deus sobe entre aclamacións, o Señor, ao son de trompetas.
Ou: Aleluia.

Aplaudide, pobos todos,
aclamade a Deus con cancións.
O Señor é excelso e terrible,
o gran rei de toda a terra.

Deus sobe entre aclamacións,
o Señor, ao son de trompetas.
Cantádelle a Deus, cantádelle,
cantádelle ao noso rei, cantádelle.

Deus é o rei de toda a terra:
cantádelle con xeito.
Deus reina sobre as nacións,
sentado no seu trono sagrado.


Segunda Lectura      Ef 1, 17-23
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS EFESIOS
Sentouno á súa dereita no ceo
 
            Irmáns:
            O Deus do noso Señor Xesús Cristo, o Pai da gloria, vos conceda espírito de sabedoría e de revelación, para o coñecerdes ben; que manteña iluminados os ollos da vosa alma, para que comprendades cal é a esperanza da súa chamada, cal a riqueza da gloria da súa herdanza nos crentes, e cal o extraordinario portento do seu poder verbo de nós, os crentes, en consonancia co vigor da súa potencia e da súa forza, que exerceu con Cristo resucitándoo de entre os mortos e sentándoo á súa dereita nos ceos, por riba de todo principado e potestade, de toda virtude e dominación, e por riba de todo título de honra recoñecido neste mundo e tamén no vindeiro. 
            Someteullo todo baixo os seus pés e púxollo por riba de todo como cabeza á Igrexa, que é o seu corpo, a plenitude daquel que o enche todo en todas as cousas.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


ALELUIA      Mt 28, 19a. 20b
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Ide e ensinade a todas as xentes, di o Señor:
eu estou convosco todos os días ata a fin do mundo.
Aleluia.


Evanxeo       Mt 28, 16-20
LECTURA DO FINAL DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Déuseme todo poder no ceo e mais na terra
 
            Naquel tempo, os once discípulos foron a Galilea, ao monte onde Xesús os citara. Vendo a Xesús, prostráronse perante el, aínda que algúns dubidaban.
            Entón acercouse Xesús e díxolles:
            Déuseme todo poder no ceo e mais na terra. Ide, pois, e facede discípulos meus a todos os pobos, bautizándoos no nome do Pai e do Fillo e do Espírito Santo, ensinándolles a gardar canto vos mandei. Asegúrovos que eu estarei sempre convosco ata a fin do mundo.

                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo          


sábado, 31 de mayo de 2014

LECTIO

Ese é o camiño: a opción pola vida e a opción por Deus son idénticas. O Señor dio no evanxeo de san Xoán: "Esta é a vida eterna: que che coñezan". A vida humana é unha relación. Só podemos ter a vida en relación, non encerrados en nós mesmos. E a relación fundamental é a relación co Creador; pola contra, as demais relacións son fráxiles. Por tanto, o esencial é escoller a Deus. Un mundo baleiro de Deus, un mundo que se esquece de Deus, perde a vida e cae nunha cultura de morte. Por conseguinte, escoller a vida, facer a opción pola vida é, ante todo, escoller a opción-relación con Deus.

Pero inmediatamente xorde a pregunta: con que Deus? Aquí, de novo, axúdanos o Evanxeo: co Deus que nos mostrou o seu rostro en Cristo, co Deus que venceu o odio na cruz, é dicir, co amor até o extremo. Así, escollendo a este Deus, escollemos a vida. (Benedito XVI, 2 de marzo de 2006).

Reflexión

Se quixésemos unha síntese dos requisitos para alcanzar a vida eterna, está aquí: que che coñezan a ti, o único Deus verdadeiro e ao que ti enviaches, Xesucristo. Se coñecer a Deus é o primeiro interese dos crentes, coñecer a Xesús debe ser o primeiro interese dos cristiáns.

Xesús ben sabía que unha vez que lle coñecésemos de verdade, non poderiamos deixar de amalo e de seguilo. Porque non se pode coñecer a Xesús sen caer presa do seu amor. Non se pode coñecer a Xesús sen contaxiarse da esperanza que infunde a súa mensaxe. Non se pode coñecer a Xesús sen crer na súa Paixón, Morte e Resurrección.

Alguén dixo que un crente é un namorado, un que se namorou de Deus. Se lle pides que che dea razóns do seu amor, quizá non logre facelo, non porque non teña razóns ou non as pensou, senón porque terá tantas que se lle amontoarán na boca e non poderán saír. Coñecer a Xesús, non nos pode deixar indiferentes, como non é indiferente o home ante o amor da súa esposa, ou da súa noiva. O verdadeiro cristinano é aquel que coa súa vida tentará corresponderlle regalándolle as súas boas obras.


Por isto, Xesús encomenda os cristiáns ao coidado do Pai. El sabe que chega a súa hora. Pero non quere deixarnos desamparados. Pide ao Pai por aqueles que crerán no Evanxeo ao longo de toda a historia. Por todos os que, coñecendo o que Deus fixo polo home, corresponderanlle cunha vida de auténticos discípulos: amando ao próximo, como Deus nos amou. A pesar de que o mundo nos ignore, nos desprece e nos tache de ilusos e idealistas, cando rememos contra corrente, lembremos que Xesús rogou por nós, simplemente porque somos seus.

UNHA VIAXE HISTÓRICA

Xunto á visita ao pequeno e antergo rebaño católico, tres foron os obxectivos desta memorable visita apostólica da Papa Francisco a Terra Santa: servir a causa da paz, reafirmar e potenciar o inexcusable compromiso ecuménico e fortalecer o diálogo interrelixioso. As catros finalidades quedaron esplendidamente desenroladas e visibilizadas.
Foi, sen dubida, unha peregrinación en estado de graza, plena de contidos verbais e simbólicos, callada de sementes de esperanza para un futuro mellor. Non nos gusta de todo a expresión, pero se é gráfica e facilmente comprensible: a viaxe papal o País de Xesús, o corazón de Oriente Medio, foi un extraordinario éxito. Foi un “don” do Espírito, que non quedará so nos anais da historia, aínda cando Francisco, como fai medio século Pablo VI, fixeron historia en Terra Santa, senón que tamén está repleta de proxección e expectativas. Se nada foi igual na vida da Igrexa despois daquela peregrinaxe de xaneiro do 1964, pensamos que despois desta de Francisco, de maio de 2014, tampouco o será nin na Igrexa e moi probablemente na mesma situación sempre conflitiva e lacerante entre israelís e palestinos.
Francisco sirveu á paz, como tamén o fixeran en marzo do 2000 Xoán Paulo II e en maio do 2009 Bieito XVI, medindo cabalmente os tempos e os espacios, as palabras e os xestos.. Francisco denunciou as inxustizas que xeran a case permanente situación de alerta e hasta violencia en Terra Santa. Puxo en evidencia a vergoña do comercio de armas e o drama de miles e miles de refuxiados. Clamou por unha solución xusta o conflito mediante a implementación práctica, real “do dereito a existir dos dous Estados –Israel e Palestina- e a disfrutar da paz e seguridade dentro duns confíns recoñecidos internacionalmente”. E, nun providencial xesto de profecía e valentía, invitou ós presidentes de Israel e de Palestina a rezar xuntos e con él, co Papa e no Vaticano, pola paz, unha paz que nin se compra nin se vende, senón que so é posible mediante un traballo artesanal, a humildade, a paciencia, a capacidade de perdoar a busqueda da reconciliación, a mansedumbre e a oración profunda.

A DIMENSIÓN ECUMENICA.-
A dimensión ecuménica da peregrinaxe foi de extraordinaria importancia. Era o seu obxectivo principal, a súa ocasión con motivo do cincuentenario do histórico encontro en Xerusalén entre Pablo VI e Atenagoras. A súa reedición de agora foi un espaldarazo a este medio século de ecumenismo. Foi todo un “decreto” de validez e de recoñecemento o camiño emprendido en xaneiro do 1964, continuado no Concilio Vaticano II e despois mediante notables e constantes pasos –diálogo teolóxico, coñecemento e aprecio mutuos, oración compartida e encontros constantes- na mesma dirección, E, ademais, foi renovado o compromiso de seguir na mesma dirección sen desanimarse, conscientes de que a unidade, nin pode nin debe esperar.
En relación co encontro ecuménico do 25 de maio, non queriamos pasar por alto o feito de que tivera lugar na tarde dun domingo de Pascua e no Santo Sepulcro de Xerusalén. O Simbolismo e a interpelación están servidos: o sepulcro está valdeiro, Xesucristo resucitou e vive, a pedra foi removida e debe seguir sendo removida…

Por último, e como, por outra parte, a cidade santa das tres relixións así o requería, Francisco serviu esplendidamente ao diálogo interrelixioso. E como mostra, unha nova imaxe: o abrazo de Francisco, no Muro das Lamentacións, con un rabino e un imán, ambos arxentinos e íntimos amigos do Papa.

sábado, 24 de mayo de 2014

Lecturas

DOMINGO  VI  DE PASCUA   -   CICLO A



Primeira Lectura      Feit 8, 5-8. 14-17
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Impuxéronlles as mans e recibían o Espírito Santo
 
            Naqueles días, Filipe baixou á cidade de Samaría e predicoulles o Mesías. O pobo, dun acordo, atendía ao que dicía Filipe, sentindo e vendo os sinais que facía; pois de moitos posuídos saían espíritos impuros a berros, e moitos paralíticos e coxos quedaban curados.
            A cidade encheuse de alegría.
            Ao sentiren dicir os apóstolos, que estaban en Xerusalén, que Samaría acollera a palabra de Deus, mandáronlles a Pedro e a Xoán.
            Baixaron logo alí, e oraron polos samaritanos, para que recibisen o Espírito Santo, pois aínda non baixara sobre ningún deles: só os bautizaran no nome do Señor Xesús.
            Entón, fóronlles impoñendo as mans e recibiron o Espírito Santo.

                        Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 65, 1-3a. 4-5. 6-7a. 16 e 20
R/. (1): Aclama a Deus, terra enteira.
Ou:  Aleluia.

Aclama a Deus, terra enteira,
canta a gloria do seu nome;
réndelle o honor da loanza,
dille: Que sorprendentes son as túas obras!

Próstrase a terra toda diante de ti
e canta salmos ao teu nome.
Vinde e vede as obras do Señor,
os seus sorprendentes feitos entre os homes.

El mudou o mar en terra seca
e pasaron o río a pé:
felicitémonos por iso.
Co seu poder domina o mundo.

Vide os que temedes o Señor,
e contareivos o que el fixo por min.
Bendito sexa Deus,
que non desbotou a miña súplica
nin afastou de min o seu amor.


Segunda Lectura    1 Pe 3, 15-18
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PEDRO
Mortal na carne, pero vivificado no espírito
 
            Benqueridos irmáns:
            Adorade a Cristo como Señor, estade sempre dispostos a responder a todo aquel que vos pida razón da esperanza que levades dentro.
            Pero respondede con bo xeito e con respecto; tede a conciencia limpa, de xeito que os que desprezan o voso bo comportamento cristián, se vexan confundidos naquilo mesmo de que vos calumnien.
            Pois sempre sería mellor sufrir, se tal fose a vontade de Deus, por facerdes o ben, que por facerdes o mal.
            Tamén Cristo morreu unha vez polos vosos pecados,
o xusto polos pecadores, para vos achegar a Deus;
sufriu a morte na carne, pero recibiu vida no espírito.

                        Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


ALELUIA      Xn 14, 23
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Se alguén me ama gardará a miña palabra, di o Señor;
e o meu Pai amarao e viremos a el.
Aleluia.

Evanxeo     Xn 14, 15-21
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Pedireillo a meu Pai e ha darvos outro Paráclito
 
            Naquel tempo díxolles Xesús aos seus discípulos:
            -Se me amades, gardaredes os meus mandamentos, e eu rogareille ao Pai, e daravos outro Paráclito para que decote estea convosco: o Espírito da Verdade.
            O mundo non o pode acoller, pois non o ve nin o coñece; mais vós coñecédelo, pois permanece onda vós e está en vós.
            Non vos deixarei orfos; logo volvo onda vós. Un pouquiño máis e o mundo xa non me verá; pero vós habédesme de ver, que eu vivo e tamén vós habedes vivir.
            Naquel día coñeceredes que eu estou en meu Pai, e vós en min, e eu en vós. Quen ten os meus mandamentos e os garda, ese ámame; o que me ama será amado por meu Pai, e eu amareino e manifestareime a el.

                        Palabra do Señor                                         R/. Loámoste, Cristo

           

Comentario

Moitas veces, a nosa maneira de entender a relación con Deus é semellante á que temos co supermercado, tenda ou comercio ao que imos habitualmente: recorremos a El para suplir as nosas carencias. É mais, tentamos compralo para o noso interese prometéndolle grandes cousas -case sempre materiais que pouco ou nada teñen que ver co eixe vital ao que nos chama Xesús desde o evanxeo: “Cada vez que llo fixestes a un destes máis pequenos...”. Mal sabemos nós que, a diferenza nosa, Deus nin se compra nin se deixa comprar. Seguro que mesmo se ri das nosas ocorrencias materialistas. Para El o fundamental, o importante, o máis urxente son sempre as persoas; e de xeito máis privilexiado, as que están a pasar por situacións de especial dificultade. Deus é alegría, e busca que nós, seguidores seus, saibamos vivir e levar esta alegría a quen puidera necesitala. E todos sabemos -nisto a experiencia tennos chegado a todos-, que a enfermidade, pola dureza, dor e tristura que provoca, necesita persoas alegres -que non falsas de sorriso postizo-, que se fagan presentes para levar a alegría de corazón que tamén levaba Xesús, e que souberon poñer en práctica os apóstolos na primeiras comunidades, tal e como nos di a primeira lectura que temos proclamado hoxe.



   Desde esta alegría entendemos este texto que tan ao cerne chega do sentido cristián da vida, da primeira carta de Pedro: “saber dar razón da nosa esperanza”; é dicir, saber trasladar as nosas conviccións ao que facemos e dicimos, o que supón convencemento e sinceridade. Deus non é un estraño que nos fala por control remoto, senón que se fai presente como forza e dinamismo na nosa vida. Para que nos tería valido un Deus de moita grandiosidade que se esquece da vida, dos sufrimentos e da dor dos seus?. Para nada!!!!!!!!. Si, porque un Deus das e nas alturas nin dá sentido nin pode ocupar espazo no corazón das persoas. E xa sabemos: cando alguén non é capaz de estar no corazón, convértese en baleiro e non significa nada. Porén, o deus cristián, o deus de Xesús, non só significa moito, senón que ao facerse un coma nós, a súa identificación converteuno no mellor testemuño do que os seus seguidores estamos chamados a facer da nosa vida. E para iso é necesario saber a razón e o por que da súa presenza en nós. De aí que Pedro insista en que temos que saber dar razón da nosa esperanza. Non nos valen, xa pasou o tempo, as palabras ocas, inda que soen moi ben e se digan moi alto, senón os xestos sinxelos e convencidos a través dos que manifestamos que El si ocupa un lugar fundamental nos nosos corazóns. Tan fundamental que necesitamos mostralo servindo aos demais desde e con amor. Porque alí o recoñecemos. E isto é necesario facelo sen impoñer, senón propoñendo, para que quen queira, e desde a súa liberdade poida dicir: sígote e acóllote...Inda que iso supoña incomprensión e, moitas veces, sufrimento.


   Por iso, se seguimos esta folla de ruta trazada por Xesús, e tan ben recollida polos Apóstolos cando puxeron por escrito a súa mensaxe, entendemos, sen necesidade de moitas explicacións, que o amor é cerne e guieiro da nosa vida, de canto fagamos e sexamos capaces de compartir. Desde ese amor somos capaces de superar as contradicións do mundo, non para condenalo, senón para facelo mellor, para colaborar na súa transformación, para dar a coñecer nel e desde el, o traballo compartido na pluralidade de opcións e visións presentes nel. E nesta tarefa nunca estaremos orfos nin ao pairo. A presenza do Espírito faranos sentir que o noso traballo, o noso esforzo e a nosa esperanza nin son palabras baleiras nin recurso lingüístico para embobar aos que nos escoitan. Son verdadeiras conviccións que nos levan a facer da fe expresión da caridade, cumio e cerne da mensaxe de Xesús, que cura corazóns e sanda feridas dos irmáns que van quedando nas beiras desta sociedade de mercadores, incapaz de termar dos máis débiles e mancados.

sábado, 17 de mayo de 2014

Lecturas

DOMINGO V DE PASCUA - CICLO A

Primeira Lectura      Feit 6, 1-7
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Escolleron sete varóns cheos do Espírito Santo
 
            Por aqueles días, como ía medrando o número dos discípulos, orixinouse un descontento dos helenistas contra os hebreos, porque se desatendía ás viúvas de fala grega no servizo diario. Entón os Doce reuniron a asemblea dos discípulos e dixeron:
            Non está ben que deixemos a palabra de Deus para nos dedicarmos ao servizo das mesas.
            Polo tanto, irmáns, escollede de entre vós sete homes de bo creto, cheos de Espírito e sabedoría, e poñerémolos para este oficio. Nosoutros continuaremos dedicados á oración e ao servizo da palabra.
            A proposta gustou á asemblea, e elixiron a Estevo, home cheo de fe e do Espírito Santo, a Filipe e Prócoro, Nicanor, Timón, Pármenas e Nicolao, prosélito de Antioquía; presentáronllelos aos apóstolos, e, despois de orar, impuxéronlles as mans.
            A palabra de Deus crecía, e medraba moito o número dos discípulos en Xerusalén e unha gran cantidade de sacerdotes aceptaban a fe.
                                                                                                                                           
            Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 32, 1-2. 4-5. 18-19
R/. (22): Veña a nós, Señor, a túa misericordia, como de ti o esperamos.
Ou: Aleluia.

Alegrádevos, xustos, no Señor:
ós homes rectos acáelles loarte.
Festexade o Señor coa cítola,
tocade para el con arpa de dez cordas.

A palabra do Señor é recta
e todas as súas obras son leais:
el ama o dereito e a xustiza,
a súa misericordia enche a terra.

Os ollos do Señor están postos nos que o temen,
nos que esperan na súa misericordia,
para librar as súas vidas da morte,
para os manter no tempo da miseria.


Segunda Lectura     1 Pe 2, 4-9
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PEDRO
Vós sodes raza escolleita, sacerdocio de reis

            Benqueridos irmáns:
            Ó achegárdesvos ao Señor, pedra vivificadora de refugallo para os homes, pero pedra escollida e apreciada aos ollos de Deus , sede tamén vós, coma pedras vivas, parte da construción do templo espiritual: para os cultos dun sacerdocio santo e para ofrecer sacrificios espirituais, aceptables a Deus por medio de Xesús Cristo. Por iso lese na Escritura:
            Ollade que eu poño en Sión unha pedra
angular, escollida e digna de honra,
de xeito que quen confíe nela, non levará desengano.
            A súa honra é para vós, os que credes, pero para os que non cren é
a pedra que refugaron os canteiros
e que se converteu en esquinal,
e aínda máis:
en pedra onde se tropeza,
en couce onde un se esnafra.
            Eles tropezan contra a Palabra, porque non lle fixeron caso: tropezar era o seu destino.
Pero, en cambio, vós sodes raza escollida, sacerdocio de reis, nación santa, pobo adquirido por Deus, para pregoardes as marabillas daquel que vos chamou das tebras á súa luz admirable.

                        Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


ALELUIA     Xn 14, 6
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Eu son o camiño, a verdade e a vida, di o Señor;
ninguén chega onda o Pai máis ca por min.
Aleluia.


Evanxeo     Xn 14, 1-12
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Eu son o camiño e a verdade e a vida

            Naquel tempo, díxolles Xesús aos seus discípulos:
            - Non vos agoniedes: crede en Deus e mais crede en min. Na casa do meu Pai hai moitas moradas; doutro xeito, teríavos dito que vos ía arranxar un lugar?
            E cando vaia e vos arranxe un lugar, volverei e collereivos comigo, para que, onde estea eu, esteades tamén vós. E a onde eu vou, vós ben sabedes o camiño.
            Dille Tomé:
            Señor, se non sabemos onde vas, como imos saber o camiño?
            Xesús respondeulle:
            Eu son o camiño, a verdade e a vida: ninguén chega onda o Pai máis ca por min. Se me coñecésedes, coñeceriades tamén a meu Pai; aínda que xa desde agora o coñecedes e o tedes visto.
            Filipe díxolle:
            Señor, móstranos o Pai e abóndanos.
            Xesús replicoulle:
            Pero, Filipe, levo tanto tempo convosco e aínda non me coñeces? Quen me viu a min, viu o Pai. Como dis entón "móstranos o Pai"?
            Non cres que eu estou no Pai e o Pai en min? As palabras que eu vos digo non as falo pola miña conta; é o Pai, que permanece en min, quen fai as súas obras.
            Crédeme que eu estou no Pai e o Pai en min. Se non, polo menos crede por esas mesmas obras.
            Con toda verdade volo aseguro: quen cre en min fará el tamén as obras que eu fago, e faraas meirandes aínda, pois estou para irme onda o Pai.


                        Palabra do Señor                                         R/. Loámoste, Cristo