sábado, 24 de mayo de 2014

Comentario

Moitas veces, a nosa maneira de entender a relación con Deus é semellante á que temos co supermercado, tenda ou comercio ao que imos habitualmente: recorremos a El para suplir as nosas carencias. É mais, tentamos compralo para o noso interese prometéndolle grandes cousas -case sempre materiais que pouco ou nada teñen que ver co eixe vital ao que nos chama Xesús desde o evanxeo: “Cada vez que llo fixestes a un destes máis pequenos...”. Mal sabemos nós que, a diferenza nosa, Deus nin se compra nin se deixa comprar. Seguro que mesmo se ri das nosas ocorrencias materialistas. Para El o fundamental, o importante, o máis urxente son sempre as persoas; e de xeito máis privilexiado, as que están a pasar por situacións de especial dificultade. Deus é alegría, e busca que nós, seguidores seus, saibamos vivir e levar esta alegría a quen puidera necesitala. E todos sabemos -nisto a experiencia tennos chegado a todos-, que a enfermidade, pola dureza, dor e tristura que provoca, necesita persoas alegres -que non falsas de sorriso postizo-, que se fagan presentes para levar a alegría de corazón que tamén levaba Xesús, e que souberon poñer en práctica os apóstolos na primeiras comunidades, tal e como nos di a primeira lectura que temos proclamado hoxe.



   Desde esta alegría entendemos este texto que tan ao cerne chega do sentido cristián da vida, da primeira carta de Pedro: “saber dar razón da nosa esperanza”; é dicir, saber trasladar as nosas conviccións ao que facemos e dicimos, o que supón convencemento e sinceridade. Deus non é un estraño que nos fala por control remoto, senón que se fai presente como forza e dinamismo na nosa vida. Para que nos tería valido un Deus de moita grandiosidade que se esquece da vida, dos sufrimentos e da dor dos seus?. Para nada!!!!!!!!. Si, porque un Deus das e nas alturas nin dá sentido nin pode ocupar espazo no corazón das persoas. E xa sabemos: cando alguén non é capaz de estar no corazón, convértese en baleiro e non significa nada. Porén, o deus cristián, o deus de Xesús, non só significa moito, senón que ao facerse un coma nós, a súa identificación converteuno no mellor testemuño do que os seus seguidores estamos chamados a facer da nosa vida. E para iso é necesario saber a razón e o por que da súa presenza en nós. De aí que Pedro insista en que temos que saber dar razón da nosa esperanza. Non nos valen, xa pasou o tempo, as palabras ocas, inda que soen moi ben e se digan moi alto, senón os xestos sinxelos e convencidos a través dos que manifestamos que El si ocupa un lugar fundamental nos nosos corazóns. Tan fundamental que necesitamos mostralo servindo aos demais desde e con amor. Porque alí o recoñecemos. E isto é necesario facelo sen impoñer, senón propoñendo, para que quen queira, e desde a súa liberdade poida dicir: sígote e acóllote...Inda que iso supoña incomprensión e, moitas veces, sufrimento.


   Por iso, se seguimos esta folla de ruta trazada por Xesús, e tan ben recollida polos Apóstolos cando puxeron por escrito a súa mensaxe, entendemos, sen necesidade de moitas explicacións, que o amor é cerne e guieiro da nosa vida, de canto fagamos e sexamos capaces de compartir. Desde ese amor somos capaces de superar as contradicións do mundo, non para condenalo, senón para facelo mellor, para colaborar na súa transformación, para dar a coñecer nel e desde el, o traballo compartido na pluralidade de opcións e visións presentes nel. E nesta tarefa nunca estaremos orfos nin ao pairo. A presenza do Espírito faranos sentir que o noso traballo, o noso esforzo e a nosa esperanza nin son palabras baleiras nin recurso lingüístico para embobar aos que nos escoitan. Son verdadeiras conviccións que nos levan a facer da fe expresión da caridade, cumio e cerne da mensaxe de Xesús, que cura corazóns e sanda feridas dos irmáns que van quedando nas beiras desta sociedade de mercadores, incapaz de termar dos máis débiles e mancados.

No hay comentarios:

Publicar un comentario