Do mesmo xeito que os apóstolos foron capaces de facerse
entender- inda que non falaban o mesmo idioma que aqueles que estaban en
Xerusalén-, tamén nós somos hoxe chamados a poñer todas as nosas gañas e
ilusións para darlle rostro de renovación, de vida, de esperanza e de buscar
canto une ás persoas, aos que somos Igrexa e non temos nin medo nin vergoña de
testemuñar esta convicción. Acoller a presenza do Espírito en nós supón abrilo
tamén para que esa presenza se pouse nas nosas comunidades. Unhas comunidades
que moitas veces parecen cansadas e vellas, faltas de ilusión e sen gañas de
cambiar, de renovarse, de saír da súa comodidade e dos seus ritos. Nas nosas
comunidades é verdade que non hai xente nova; e se a hai, esta é ben escasa,
pero iso non debera ser motivo para deixarnos ir, para volvernos conformistas,
para reducir a fe a facer xuízos sobre os demais (aos que xulgamos como peores
ca nós); ou a tentar repetir comportamentos e xestos que inda que teñan moitos
anos, e sempre se foran facendo así, xa non teñen nin vida nin son capaces de
transmitir a graza e a ledicia do evanxeo. Razón ten Francisco cando nos chama
a revisar os nosos percorridos e a recoñecer que nos falta audacia e gozo para
sentírmonos agarimados, -todos e sen exclusión-, por Deus. Só quen é capaz de
arriscar, de saír da comodidade do que se fixo sempre para ir na procura do
novo, está respondendo á invitación de Xesús de deixarnos entender. E isto non
podemos facelo se non é tendendo pontes e derrubando muros. Pentecostes é a
festa que, un ano si e outro tamén, nolo vai recordando.
A
desesperanza, a tristura, o fastío, a vergoña, o medo... son actitudes sempre
contrarias a quen se sente e se sabe acompañado por Deus. Lembremos, e
insistamos as veces que faga falta: non estamos solos!. O Espírito é forza,
compañía, presenza, alento, luz... e calquera outra imaxe que nos axude a
entender que El espílenos e reforza as nosas conviccións dándonos os empurróns
que esteamos dispostos a aceptar del. El vaise manifestando de xeito quedo,
pero sempre presente en cada un; se sabemos descubrilo. Entenderemos entón a
razón pola que temos que unir forzas e deixar atrás vellas pelexas que nos
debilitan e restan forza para ser verdadeiras testemuñas no medio do mundo. Un
mundo entristecido e falto de ilusión, dentro do que nós temos hoxe, de xeito máis
insistente que nunca, a tarefa de facelo xermolar. Como ten dito Xesús, “se o
gran non cae na terra e podrece, non pode dar froito”. Aí temos que estar nós,
podrecendo para que o froito se mostre como esforzo de todos e presenza
comunitaria. Se un é o Espírito, por que non pode ser unha tamén a comunidade?.
Pero non unha comunidade uniforme, aburrida e sen empuxe, senón unha comunidade
plural, complementaria e esforzándose por deixar pegada. A pegada ilusionante
da Boa nova de Xesús.
Por iso, como nos di o Evanxeo, non
podemos estar nin con medo nin coas portas pechadas. Non pode ser o sinal de
identificación dos seguidores de Xesús o temor nin o afastamento dos demais.
Non somos para refugarnos en cuarteis de inverno, senón para estar presentes
nas praias abertas do mar de esperanza que é o Evanxeo, e que se vai estendendo
de xeito calmo e gozoso para que poidamos bañarnos nel con tranquilidade e
cheos de confianza. Un mar que nos trae non tambores de guerra, senón brisa de
paz e entendemento. Un mar que non ten medo a que se anoxe e se volva contra
nós. O agasallo do Espírito que nos deixa Xesús posibilita que naveguemos sen
medo por este mar, acollendo a compaña do Espírito que nos axuda a crecer e
sentírmonos comunidade humana que busca canto dignifica e alenta todo aquilo
que supoña aceptar a pluralidade dunhas comunidades que non se resignan a estar
caladas ou a ser meros repetidores do que se fixo sempre. Que saibamos acoller
e aceptar o agasallo que nos fai Xesús, para deixarnos estimular por El.
No hay comentarios:
Publicar un comentario