domingo, 22 de junio de 2014

REFLEXIÓN

*ALIMENTO: Nunca coma hoxe houbo tanta comida no mundo. Pero tamén nunca coma hoxe son millóns as persoas que non teñen pan para comer e alimentarse cada día. É máis, neste primeiro mundo do que disque nós formamos parte, son cada vez máis as persoas que non teñen que comer. Escoitamos unha e outra vez novas que se refiren a nenos aos que as súas familias non poden alimentar; escoitamos como servizos sociais e organizacións solidarias fan campañas para recadar cartos ou alimentos cos que poder paliar as carencias de, cada vez máis familias que por non ter traballo non teñen nin para comer. Acostumados a escoitar isto unha e outra vez, volvémonos indiferentes e non lle prestamos atención. Pero detrás destas novas atopamos persoas de carne e oso coma nós, ás que a dureza da vida vai facendo sentir que a fraternidade da que tantas veces falamos os cristiáns, non é tal. Por iso nunca tanto coma hoxe urxe que tomemos conciencia da nosa misión de ser alimento para os irmáns. Alimento de pan, pero tamén alimento de canto supoña que a dignidade é igual para todos, inda que moitos non acaben de crelo; que a xustiza , inda que tarde, sempre chega e pon a cada quen no seu sitio; que a solidariedade non é unha palabra baleira e desgastada de tanto usala, senón unha actitude permanente e sincera das persoas que seguen crendo que as cousas poden cambiar....que outra Igrexa, que outras parroquias, que outros cristiáns son posibles. E non esquezamos que ser alimento suponnos deixar de mirar atrás e camiñar cos pés na terra e construíndo futuro; decatándonos de que falar de cambios na Igrexa é falar de cambios en nós; cambios na maneira de comportarnos, cambios en volver ao Evanxeo -o importante-, e non vivir das rendas de ritos e costumes, que na maioría dos casos non entendemos, non chegan ao fondo dos corazóns, pero seguimos mantendo por unha cuestión puramente rutineira e estética: sempre se fixo así, e que preciosos son!. Se ao falar de outras realidades da vida ofreceramos este argumento, seguro que aínda estariamos a lavar no río, a acender a luz de carburo ou a bañarnos quecendo a auga na lareira. Pero non: nestas cousas todos queremos cambiar e aproveitar o que nos favoreza a vida. Por que nos custa tanto seguir este mesmo argumento cando falamos da nosa vida de fe?. Poñamos o oído atento á Palabra de Deus, e esforcémonos por ser alimento ante tantas fames como atopamos ao noso redor neste mundo tan tecnoloxizado, pero que cada vez reduce ás persoas á máis absoluta das soidades.

*COMPARTIDO E REPARTIDO: Pero este alimento ten que ser compartido ou non será. E ha ser así porque o que nos define e identifica aos cristiáns é o ser comunidade. Isto supón poñer en común posibilidades, capacidades e medios, para que todos poidamos gozalo. A dificultade vén de que levamos tantos anos sen pensar nisto nin prestarlle atención que nos resulta estraño. Mesmo coidamos que non ten nada que ver coa fe, á que reducimos a oracións memorizadas ou celebracións sen vida. Paulo, na carta aos corintios que acabamos de escoitar, lémbranos algo que deberiamos coñecer en profundidade: formamos un só corpo. Pero é un corpo conformado por moitos membros, e cada un deles é igual de importante. Como importantes son cada unha das persoas que estamos no mundo. A grandeza deste día do Corpo e Sangue de Xesús está na chamada que se nos fai a ter altura de miras para que este corpo que conformamos sexa corpo vivo e solidario; corpo que loita pola xustiza e non cala diante do engano; corpo que non se deixa dominar polo poder nin polos poderes que buscan acalarnos ou entreternos para quen non tomemos conciencia da realidade do mundo. Se cada un dos que celebramos esta festa deixaramos a un lado o puramente folclórico e comezaramos a pensar desde as persoas que xa chegou o tempo de dicir basta, a festa do Corpo e Sangue do Señor sería verdadeira revolución evanxélica ao servizo da xente, e non dos intereses dos que mandan e gustan que calemos. Compartir e repartir fainos caer na conta de que xuntos somos capaces de acadar moito. Separados e cada un ao seu, non só non acadamos nada, senón que seguimos favorecendo que os de sempre se enriquezan á conta nosa.

*NUNHA EXPERIENCIA DE AMOR: A toma de conciencia de todo isto vémola no significado da Eucaristía: pan ofrecido, compartido e repartido. Non pan para sacarlle ao que menos ten. Tampouco pan para ofrecelo como esmola por parte de quen ten moito e dá do que lle sobra, senón pan que se reparte porque o amor é o guieiro que nos leva a recoñecer ao irmán que o necesita. Un amor que non xulga, senón que sae ao encontro para ofrecerse e darse. Este si que é verdadeiro alimento!.


No hay comentarios:

Publicar un comentario