sábado, 5 de abril de 2014

Lecturas

DOMINGO V DE CORESMA  -   CICLO A



Primeira Lectura    Ez 37, 12-14
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA EZEQUIEL
Dareivos o meu Espírito e viviredes

            Isto di o Señor Deus:
            Velaí que eu vou abrir as vosas sepulturas,
e vouvos facer subir das vosas sepulturas, meu pobo,
e vouvos levar á terra de Israel.
            Recoñeceredes que eu son o Señor,
cando eu abra as vosas sepulturas,
e cando vos faga subir das vosas sepulturas, meu pobo.
            Vou poñer en vós o meu espírito
e vouvos facer revivir na vosa terra.
            Así recoñeceredes que eu, o Señor, o digo e o fago
é o Señor quen fala .

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL    Sal 129, 1-2. 3-4ab. 4c-6. 7-8
R/. (7): Do Señor vén a misericordia, e nel a redención é cumprida.

Desde os abismos clamo a ti, Señor;
Señor, escoita a miña voz.
Ten atentos os oídos
á voz da miña súplica.

Se levas conta dos pecados, Señor,
Señor, quen poderá terse en pé?
Mais en ti está o perdón
para te faceres respectar.

Eu espero no Señor,
a miña alma espera na súa palabra;
a miña alma agarda o Señor,
máis do que os vixías á aurora.

Agarde Israel o Señor,
pois do Señor vén a misericordia
e nel a redención é cumprida.
El é quen redime a Israel
de todos os pecados.


Segunda Lectura    Rm 8, 8-11
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS ROMANOS
O Espírito de quen resucitou a Xesús de entre os mortos habita en vós

            Irmáns:
            Os que viven conforme a condición carnal, non poden agradar a Deus.
Pero vós non vivides conforme a carne, senón conforme o espírito, se é que o Espírito de Deus habita en vós: se algún non ten o Espírito de Cristo, ese non é de Cristo.
            Pero se Cristo está en vós, o voso corpo certamente está morto por culpa do pecado, mais o espírito é vida por causa da xustiza.
            Se o Espírito do que resucitou dos mortos a Xesús habita en vós, o mesmo que resucitou a Cristo Xesús dos mortos, vivificará os vosos corpos mortais polo seu Espírito que habita en vós.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


VERSÍCULO      Xn 11, 25a. 26

Eu son a resurrección e a vida, di o Señor;
quen cre en min non morrerá endexamais.
 


Evanxeo    Xn 11, 1-45 
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Eu son a resurrección e a vida

            Naquel tempo, Lázaro de Betania, da aldea de María e da súa irmá Marta, caera enfermo. María fora a que unxira o Señor con perfume e lle enxugara os pés cos seus cabelos; o seu irmán Lázaro era o enfermo. Por iso, as irmás mandaron a dicirlle a Xesús:
            Señor, mira, o que amas está enfermo.
            Ó oílo, dixo Xesús:
            Esta enfermidade non é para a morte, senón para a gloria de Deus, a fin de que por ela se glorifique o Fillo de Deus.
            Xesús queríalles moito a Marta, á irmá dela, e mais a Lázaro. Aínda que oíu que este estaba enfermo, deixouse estar aínda por dous días no sitio onde se atopaba. Despois disto, díxolles aos discípulos:
            Vaiamos outra vez a Xudea!
            Os discípulos respondéronlle:
            Mestre, aínda non hai nada que te querían apedrar os xudeus,  e vas ir outra vez alí?
            Xesús replicou:
            Non hai doce horas de día? Se alguén camiña de día, non tropeza, pois ve a luz deste mundo; mais se alguén camiña de noite, tropeza, pois non hai luz nel.
            En dicindo isto, proseguiu:
            Lázaro, o noso amigo, dorme; pero eu vouno espertar.
            Dixéronlle entón os discípulos:
            Señor, se dorme, curará.
            Xesús dicíao da morte. Pero eles coidaban que falaba do repouso do sono. Entón Xesús díxolles abertamente:
            Lázaro morreu, e alégrome por vós de non estarmos alí, para que creades. Así que vamos onda el!
            Díxolles entón Tomé o chamado Xemelgo aos outros discípulos:
            Vaiamos tamén nós morrer con el!
            Cando chegou Xesús, atopouse con que Lázaro xa levaba catro días no sepulcro. Betania estaba preto de Xerusalén, a uns tres quilómetros; moitos dos xudeus foran onda Marta e María para lles daren o pésame polo irmán. Cando oíu Marta que Xesús estaba chegando, saíulle ao encontro. María, en cambio, quedou na casa. Díxolle entón Marta a Xesús:
            Señor, se ti estiveses aquí non morrería meu irmán; pero eu sei que, aínda agora, Deus che concederá calquera cousa que lle pidas.
            Xesús díxolle:
            Teu irmán resucitará.
            Marta respondeulle:
            Ben sei que resucitará na resurrección, no día derradeiro.
            Díxolle Xesús:
            Eu son a resurrección e a vida. Quen cre en min, aínda que morra, vivirá; e todo o que vive e cre en min, non morrerá endexamais. Cres ti isto?
            Ela respondeu:
            Si, Señor: eu creo que ti es o Cristo, o Fillo de Deus, que había de vir ao mundo.
E, ditas estas cousas, saíu e chamou por María, súa irmá, dicíndolle polo baixo:
            O Mestre está aquí e chámate.
            Ela, ao oílo, ergueuse de contado e foi onda el. (Aínda non chegara Xesús á aldea, senón que estaba no mesmo sitio onde o atopara Marta). Entón os xudeus que estaban con ela na casa para lle daren o pésame, vendo a María que se ergueu de contado e saíu, foron detrás dela, coidando que ía á sepultura para chorar alí. María chegou onde estaba Xesús e, ao velo, caeu aos seus pés, dicíndolle:
            Señor, se ti estiveses aquí, non morrería meu irmán.
            Ó ver Xesús que ela estaba chorando, e tamén os xudeus que viñeran con ela, apertóuselle o corazón e, profundamente conmovido, preguntou:
            Onde o puxestes?
            Contestáronlle:
            Señor, ven ver.
            E Xesús botouse a chorar.
            Entón comentaban os xudeus: "Ai que ver como o quería!"
            Pero algúns deles dixeron: "E logo este, que deu vista aos ollos dun cego, non podía facer que non morrese?"
            Xesús, estremecéndose de novo, chegou á sepultura. Era unha cova e tiña unha pedra por riba.
            Xesús ordenou:
            Arredade a pedra.
            Marta, a irmá do finado, díxolle:
            Señor, xa cheira, que leva catro días.
            Xesús contestoulle:
            Non che dixen que se cres, verás a gloria de Deus?
            Arredaron entón a pedra. Xesús ergueu os ollos e dixo:
            Meu Pai, douche grazas porque me escoitaches. Eu ben sabía que ti sempre me escoitas, pero díxeno pola xente que está aquí, para que crean que ti me mandaches.
E dito isto, gritou con voz forte:
            Lázaro, ven para fóra!
            Saíu o morto; tiña os pés e as mans atados con vendas e a cara envolta nun sudario. Xesús ordenoulles:
            Desenleádeo e deixádeo ir.
            Entón, moitos dos xudeus que viñeran onda María, vendo o que fixo, creron nel.

                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo


Reflexión

Pouco a pouco a coresma vai avanzando cara ao seu remate. Daquela, é hora de que nos preguntemos se neste percorrido que comezabamos o mércores de cinza temos acadado algún obxectivo, ou pola contra todo segue igual. Somos os mesmos aos que lles esvaran os textos da palabra que proclamamos nas celebracións?. Somos os mesmos que non nos temos movido nada respecto das nosas teimas, e seguimos crendo que a razón está en nós, e que isto da fe hai que vivilo cada un como lle peta, esquecendo que Xesús nos marca un camiño que debemos percorrer ilusionados, pero tamén de xeito responsable ao longo da vida?. Porque a salvación, a graza, a esperanza ou a resurrección, palabras que escoitamos moitas veces nas celebracións son medios que desde a vida e persoa de Xesús, imos descubrindo que nos van facendo mellores persoas, que nos axudan a superar prexuízos e van facendo de nós homes e mulleres para os que a fe non é un verniz externo e ritualista, senón unha maneira de vivir e construír relación de irmandade e amizade con aqueles que están ao noso redor. E se aos amigos os utilizamos segundo o noso interese, abusamos da súa confianza, enganámolos buscando a nosa comenencia... dificilmente pode ser crible a afirmación de que temos fe, de que somos crentes ou de que a celebración do domingo é importante e moito máis ca un costume. O profeta Ezequiel deixouno dito con claridade na primeira lectura de hoxe, cando pon na boca de Deus a afirmación de que El, aquilo que di, faino. Non xoga nin coas persoas nin cos seus sentimentos. Vainos narrando -empregando unha linguaxe que podemos todos comprender-, que falar de Deus é querer dicir que nunca estamos abandonados, solos ou ao pairo. Todo o contrario: porque é un Deus que non quere sacrificios baleiros, senón actitudes e comportamentos reais, invítanos a non esquecer que no mesmo xeito que vivamos a nosa amizade e preocupación polos amigos, nesa mesma maneira estará sendo o sentido, a razón e a comprensión que teñamos de Deus. El non é algo que está nas alturas, senón alguén que terma e se preocupa de nós, ao chamarnos a non deixar abandonados aos demais.

-Amizade e misericordia van sempre da man. Non pode darse unha sen a outra. Un non pode chamarse amigo nin de Deus nin dos demais se non é misericordioso; é dicir, se non somos capaces de tomar en serio a quen nos busca, de escoitar –non só oír– a quen nos fala contándonos o seu problema ou os seus medos e inseguridades; de acompañar a quen está vivindo unha situación dura, difícil ou se sente enganado por todos. Se non somos quen de mirar aos ollos a quen temos ao lado, dificilmente poderemos entender que significa a palabra amigo ou amiga e a palabra misericordia. Escoitar, acompañar e sufrir con, son actitudes que nos invitan á misericordia, a poñer o corazón ao lado de quen o precisa. Así o entendeu Xesús, e así o entenderon moitos homes e mulleres que, descubríndoo en Xesús, fixeron da súa vida entrega de gratuidade apaixonada. A misericordia non está no externo, senón que bule dentro do corazón e móstrase no xeito de facer, dicir e vivir as situación da vida ao lado dos outros. A isto se refire Paulo cando di que nós non vivimos segundo a carne, senón segundo o espírito. Porque nel imos atopando sementes de vida, de esperanza, de superación de atrancos; e desde el, e tendo en conta canto vimos de dicir, entendemos que significa a experiencia de resucitar. Botemos fóra a idea de identificala con un revivir corporal, e comecemos a vivir e a entendela como a vivencia máis profunda que fai que as persoas saibamos dicir sempre: todo é posible, porque nada ten final senón en Deus.

ü  E quen é misericordioso acostuma a ser unha persoa con capacidade non de pecharse en si mesma e só nas súas cousas, senón de abrir horizontes para descubrir que ao seu lado hai moitas causas e cousas polas que loitar; moitas persoas capaces de poñer a súa vida a render a prol dos demais, de facer o seu traballo non só de xeito responsable e ben feito, senón de saber agradecelo e compartilo creando unha relación de xenerosidade e colaboración con quen ten ao lado; de non deixar que os máis fortes abusen dos débiles, que os inxustos triúnfen e esmaguen aos máis pequenos, que o fracaso triúnfe sobre a esperanza. Quen descubre a misericordia como actitude fundamental da súa vida, o mesmo que Xesús, sabe chorar nas ledicias e consolar nas tristuras, porque sabe que ante o don da amizade está aquel que non renuncia a ser amigo de todas as persoas: Xesús de Nazaré.

sábado, 29 de marzo de 2014

Lecturas

DOMINGO IV DE CORESMA -  CICLO A

  
Primeira Lectura    1 Sam 16, 1b. 6-7. 10-13a
LECTURA DO LIBRO PRIMEIRO DE SAMUEL
David é unxido como rei de Israel

            Naqueles días, díxolle o Señor a Samuel:
            Enche o corno de óleo e vaite, de parte miña, onda Iexé, o de Belén, pois escollín entre os seus fillos un rei para min.
            Cando chegou a Belén, viu a Eliab e pensou:
            "De seguro que o Señor ten diante de si o seu unxido".
            Pero o Señor díxolle a Samuel:
            "Non te fixes no seu aspecto, nin na súa moita estatura. Ese téñoo excluído, pois Deus non olla como os homes. Os homes ven as aparencias, pero Deus ve o corazón".
            Iexé fixo pasar a sete dos seus fillos á vista de Samuel e Samuel dixo:
            "Ningún destes é o escollido do Señor".
            Samuel preguntoulle a Iexé:
            "Xa non tes máis rapaces?" E el respondeulle:
            "Queda aínda o pequeno, que está gardando as ovellas".
            Samuel díxolle:
            "Pois manda que o traian, xa que non nos sentaremos á mesa ata que el chegue". Iexé mandou que o fosen buscar.
            Era louro, de ollos fermosos e de bo parecer.
            O Señor dixo a Samuel:
            "Érguete e únxeo, pois é este".
            Samuel colleu o corno do óleo e unxiuno diante dos seus irmáns.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL      Sal 22, 1-3a. 3b-4. 5. 6
 R/. (1): O Señor é o meu pastor: nada me falta.

O Señor é o meu pastor, nada me falta:
En pastos verdecentes faime repousar.
El lévame a beber en augas tranquilas
e repón as miñas forzas;

Guíame por vereas rectas,
por mor do seu nome.
Se tiver de pasar por valgadas sombrizas,
ningún mal temería, pois ti vas comigo:
o teu bastón e o teu caxato son o meu sosego.

Ti pos para min a mesa,
á cara dos meus inimigos;
únxesme con perfume a cabeza,
e a miña copa reborda.

O teu benquerer e a túa misericordia vanme seguindo
tódolos días da miña vida.
Eu habitarei na casa do Señor
por días prolongados sen fin.


Segunda Lectura     Ef 5, 8-14
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS EFESIOS
Érguete de entre os mortos e hate iluminar Cristo
 
            Irmáns:
            Antes erades tebras, pero agora sodes luz no Señor. Así que andade coma fillos da luz, (porque o froito da luz é toda bondade, xustiza e verdade), tendo en conta o que agrada ao Señor.
            E non compartades as obras estériles das tebras; polo contrario, evidenciádeas, que do realizado por eses tales ás agachadas dá vergonza mesmo falar.
            Pero todo iso, cando o delata a luz, queda ao descuberto, pois todo o que se manifesta é luz. Por iso di a Escritura:
            Acorda, ti que estás a durmir,
érguete de entre os mortos
e Cristo iluminarate.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


VERSÍCULO     Xn 8, 12
Eu son a luz do mundo, di o Señor;
quen me segue, terá a luz da vida.


Evanxeo     Xn 9, 1-41 
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Foise, e lavouse, e volveu vendo
 
            Naquel tempo, ao pasar, Xesús viu a un cego de nacemento. Entón preguntáronlle os seus discípulos:
            Mestre, quen pecou, para que nacese cego: el ou seus pais?
            Xesús respondeu:
            Nin pecou el nin os seus pais, senón que está cego para que se mostren nel as obras de Deus. Precisamos facer as obras do que me mandou mentres é día; está a chegar a noite e daquela ninguén pode traballar. Mentres eu estou no mundo, son a luz do mundo.
            Dito isto, cuspiu na terra e fixo lama co cuspe e untouna polos ollos do cego, dicíndolle:
            Vaite lavar na piscina de Siloé (que quere dicir "enviado").
            El foi, lavouse e volveu con vista. Entón os veciños e os que antes o viran andar a pedir preguntaban:
            Non é este o que estaba sentado a pedir?
            Uns dicían: "éche o mesmo"; outros, "non, é un que se lle asemella"; e el dicía: "son eu".
            Entón preguntábanlle:
            Daquela, como se che abriron os ollos?
            El respondeu:
            O home que se chama Xesús fixo lama, untoume os ollos, e díxome: "Vai a Siloé e lávate". Entón fun e, ao que me lavei, comecei a ver.
            Preguntáronlle:
            Onde está ese?
            El contestou:
            Non o sei.
            Levaron onda os fariseos o que fora cego. (Era sábado o día que Xesús fixera lama e lle abrira os ollos). E outra vez lle preguntaban tamén os fariseos como chegara a ver. El respondeulles:
            Untoume lama polos ollos, laveime e vexo.
            Algúns dos fariseos dicían: "Este home non vén de Deus, que non garda o sábado". Outros, en cambio, dicían: "Como ía poder un home pecador facer estes sinais?" E había división entre eles.
            Entón preguntáronlle outra vez ao cego:
            A ti que che parece ese home que lles deu a vista aos teus ollos?
            El contestou:
            Que é un profeta.
            Os xudeus non lle creron que fose cego e que chegase a ver, ata que chamaron polos seus pais e lles preguntaron:
            É este o voso fillo, o que vós dicides que naceu cego? Logo, como é que agora ve?
            Os pais responderon:
            Nós sabemos que este é o noso fillo e que naceu cego: como é que agora ve, non o sabemos; nin sabemos tampouco quen lle deu a vista. Preguntádelle a el, que ten anos para falar en por si.
            (Isto dixérono os pais, porque lles tiñan medo aos xudeus, pois xa se puxeran de acordo en que, se alguén o recoñecía como Mesías, botábano da sinagoga. Por isto dixeron seus pais: "Ten idade, preguntádelle a el").
            Chamaron por segunda vez polo home que fora cego e dixéronlle:
            Dá gloria a Deus: nós sabemos que ese home é un pecador.
            El entón respondeu:
            Eu non sei se é un pecador; só sei unha cousa: que eu antes era cego e que agora vexo.
            Dixéronlle entón:
            Pero, que foi o que che fixo? Como che deu a vista?
            Respondeulles:
            Xa volo dixen e non me fixestes caso. Por que queredes oílo outra vez? Ou é que tamén queredes facervos discípulos del?
            Eles enchérono de aldraxes e dixéronlle:
            Serás ti discípulo del; nós somos discípulos de Moisés. Nós sabemos que a Moisés lle falou Deus; deste, polo contrario, non sabemos de onde é.
            O home replicoulles:
            Pois nisto precisamente está o admirable: en que vós non sabedes de onde é e el deulles a vista aos meus ollos. Sabemos que Deus non escoita os pecadores, pero se un é piadoso e fai a súa vontade, a ese escóitao. Endexamais se soubo de ninguén que dese vista a un cego de nacemento: se este non viñese de Deus, non podería facer nada.
            Respondéronlle eles:
            Ti naciches todo metido en pecados, e vasnos ensinar a nós?
            E botárono fóra.
            Oíu Xesús que o botaran fóra, buscouno e preguntoulle:
             Cres ti no Fillo do Home?
            El respondeulle:
            E quen é, Señor, para que crea nel?
            Díxolle Xesús:
            Éche o mesmo que estás vendo e que está a falar contigo.
            El dixo:
            Creo, Señor.
            E prostrouse diante del.
            Entón dixo Xesús:
            Para realizar un xuízo vin eu a este mundo: para que os que non ven, vexan; e os que ven, se volvan cegos.
            Oíron isto algúns dos fariseos que estaban onda el, e preguntáronlle:
            E, logo, nós tamén estamos cegos?
            Xesús contestoulles:
            Se estivésedes cegos, non teriades pecado; mais, como dicides que vedes, o voso pecado permanece.


                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo

Reflexión

Estar en actitude e disposición de darlle un cambio á nosa vida non é nada fácil. Cústanos a todos, porque supón recoñecer que hai cousas que non nos enchen, comportamentos que camiñan na rutina de non saber por que os facemos e medos que nos paralizan e impiden que afrontemos as situacións con realismo, sinceridade e verdade. E isto pásanos a todos nalgún momento. Pero non chega con recoñecelo, necesitamos facer algo... moito máis ca iso: hai que dar pasos que sexan capaces de que nos decidamos a romper con todas estas situacións que nos van levando como se non tiveramos máis ca superficialidade e baleiro na nosa vida. A primeira lectura que escoitamos hoxe dános unha clave de por onde poderían ir as cousas se de verdade estivésemos dispostos a romper con esta situación que tan insatisfeitos nos deixa. E este cambio está en prestar atención á chamada que Deus sempre nos fai, como fixo con Samuel, a non deixarnos levar das primeiras impresións. Estas non adoitan ser nin as máis realistas nin as que ponderan e valoran tódolos aspectos que hai que ter en conta á hora de tomar unha decisión. Tamén a nós nos vai chamando e invitando a que o sigamos, pero non de calquera xeito, senón de xeito que o que facemos, a nosa maneira de abordar as decisións importantes da vida e as nosas relacións cos demais, saibamos facelas poñendo no centro dese xeito de actuar e decidir á persoa, non as aparencias nin o egoísmo de sacar a mellor tallada da situación. E como nos custa isto!
E para poder actuar deste xeito, non podemos andar sempre na tebra que endurece o corazón e non nos deixa actuar con responsabilidade e liberdade. Andar na tebra é decidir inconscientemente, buscar só o que nos interese sen importarnos o mal que lle podemos facer aos demais; facer as cousas para que nos vexan pero sen sentilas nin ser capaces de actuar como pensamos. Porén, andar na luz supón aprender a renunciar a recoñecementos externos, pero estar a gusto cun mesmo e coas decisións tomadas. Inda que os demais fagan riso de nós e nos menosprecen. E iso é así porque o que nos realiza como persoas e fai que nos aceptemos como somos é a sinceridade, non a aparencia. Por dicilo dun xeito que todos entendemos: o importante non é o papel que vai por fóra do regalo, senón o regalo, é dicir: a intención coa que facemos as cousas, o esforzo por facelas ben...e non a perda de tempo en cousas moi aparentes, pero que no fondo non valen nada. E iso só pode entendelo e actuar en consecuencia quen se toma en serio que temos que camiñar buscando a luz que nos impida perdernos ou enredarnos en encrucilladas que non acaban de axudarnos a tomar a dirección adecuada.

E que mellor dirección que a que nos ofrece Xesús, unha vez máis, no evanxeo!. Namentres os que estaban ao seu redor perdían o tempo discutindo se a cegueira daquel home era culpa do pecado dos seus pais, Xesús non para niso, senón que lle ofrece claves moito máis profundas para entender o sentido da vida. Un non pode pasar a vida eludindo responsabilidades e botándolle a culpa do que nos pasa aos demais: se o destino, se a familia, se os amigos, se a moza/o, se ... como se non foramos libres para tomar decisións e actuar en consecuencia!. A vida vaise construíndo desde as decisións que tomamos respecto a como queremos vivila, asumir as consecuencias das opcións que nos moven e das decisións que desde esas opcións temos que tomar. E só unha ten que emerxer sempre con forza, como guía de todo o demais: queremos ou non que Xesús acompañe a nosa vida? Se de verdade o queremos, temos que estar dispostos a mergullarnos no evanxeo e deixar que a luz da súa palabra vaia iluminado a nosa vida; pero iluminándoa de verdade e camiñando desde a liberdade. Nin os pais, nin os amigos, nin as circunstancias poden decidir por nós. Axudarannos, acompañarannos, alentarannos, pero os que decidimos somos nós, pois somos os únicos que debemos actuar desde a liberdade e orientándonos cara ao que nos fai felices. Non na felicidade aparente, a do papel de regalo, senón a real, a do regalo mesmo. Disto é do que nos fala hoxe Xesús cando nos chama a non botarlle a culpa a ninguén, porque os que decidimos, para ben ou para mal, sempre temos que ser nós.

sábado, 22 de marzo de 2014

Lecturas

DOMINGO III DE CORESMA  -  CICLO A


Primeira Lectura     Ex 17, 3-7
LECTURA DO LIBRO DO ÉXODO
Dános auga para beber

     Naqueles días, o pobo padecía a sede e murmuraba contra Moisés pola falta de auga:
     Por que nos sacaches de Exipto, para facernos morrer de sede, a nós, aos nosos fillos e á nosa habenza?
      Moisés clamou entón cara ao Señor:
     Que podo facer con esta xente? Acabarán por acantazarme.
     O Señor respondeulle:
     Pasa diante do pobo, toma contigo algúns dos anciáns de Israel, leva na man a caxata coa que golpeaches o Nilo e camiña. Eu presentareime diante túa, sobre a rocha, alá no Horeb. Ti golpearás a rocha, e dela sairá auga para que o pobo beba.
     Moisés fíxoo así, á vista dos anciáns de Israel.
     Chamáronlle a aquel lugar Masah e Meribah, porque os israe­litas contenderon co Señor e puxérono a proba, preguntando: "Está o Señor connosco ou non?".

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 94, 1-2. 6-7. 8-9
 R/. (8): Oxalá escoitedes hoxe a voz do Señor!
            Non endurezades os vosos corazóns.

Vinde, cantémoslle ao Señor,
Aclamemos a nosa Rocha salvadora;
acheguémonos á súa presenza dándolle grazas,
aclamémolo con cancións.

Vinde, adorémolo prostrados,
axeonllémonos perante o Señor, que nos creou,
pois el é o noso Deus,
e nós somos o seu pobo, o rabaño que el guía.

Oxalá escoitedes hoxe a súa voz:
non endurezades os vosos corazóns, coma en Meribah,
coma o día de Masah, no deserto,
onde os vosos pais me tentaron:
provocáronme, por máis que tiñan visto os meus feitos.


Segunda Lectura     Rm 5, 1-2. 5-8
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS ROMANOS
O Amor derramouse en nós polo Espírito que se nos deu
 
            Irmáns:
            Xustificados pola fe, estamos en paz con Deus, por medio do noso Señor Xesús Cristo. Por El temos tamén acceso na fe a esta graza na que nos mantemos; e nos sentimos ledos pola esperanza de acadar a gloria de Deus.
            E a esperanza non falla, porque o amor de Deus verteuse nos nosos corazóns mediante o Espírito Santo, que se nos deu.
            Pois xa cando nós estabamos aínda, no tempo preciso, Cristo morreu polos impíos. Non é doado que alguén morra por un home xusto (aínda que por un home bo aínda haxa alguén que estea disposto a morrer); pero Deus demostrounos o seu amor no feito de que, sendo aínda  pecadores, Cristo morreu por nós.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


VERSÍCULO     Cf. Xn 4, 42. 15
Señor, verdadeiramente ti es o Salvador do mundo;
dáme auga viva, para que non teña máis sede.


Evanxeo     Xn 4, 5-42
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Manancial de auga que salta ata a vida eterna

            Naquel tempo, chegou Xesús a unha cidade da Samaria chamada Sicar, preto do terreo que lle deixara Xacob a seu fillo Xosé. Estaba alí o
pozo de Xacob. E Xesús, canso do camiño, sentou onda o pozo. Era preto das doce da mañá. Chegou unha muller da Samaria sacar auga. E Xesús díxolle:
            Dáme de beber.
            (Os seus discípulos foran á vila, mercar comida).
            Preguntoulle entón a muller samaritana:
            Como é que ti, sendo xudeu, me pides a min, muller samaritana, que che dea de beber? (Porque os xudeus non se levan cos samaritanos).
            Respondeulle Xesús:
            Se coñeceses o don de Deus e quen che di "dáme de beber", ti mesma lle pedirías a el e el daríache auga viva.
            Replicoulle a muller:
            Señor, se ti nin sequera tes caldeiro e o pozo é fondo, de onde pensas quitar esa auga viva? Seica es ti máis có noso pai Xacob, quen nos deu este pozo, do que beberon el, seus fillos e mailo seu gando?
            Xesús contestoulle:
            Todo o que bebe desta auga terá sede outra vez; pero o que beba da auga que eu lle darei, nunca máis terá sede: a auga que eu lle darei, converterase dentro del nunha fonte que saltará ata a vida eterna.
            A muller suplicou:
             Señor, dáme, logo, desa auga para non ter sede nin ter que vir aquí por ela.
            Díxolle Xesús:
            Vai chamar polo teu marido e volve aquí.
            A muller contestou:
            Non teño marido.
            Xesús díxolle:
            Falaches ben, dicindo "non teño marido"; tiveches cinco homes e o que tes agora non é teu marido. Desta si que falaches a verdade.
            A muller respondeu:
            Señor, vexo que ti es profeta. Os nosos pais adoraron neste monte e vós dicides que é en Xerusalén onde hai que adorar a Deus.
            Xesús díxolle:
            Faime caso, muller: chega a hora en que nin neste monte nin en Xerusalén adoraredes o Pai. Vós adorades o que non coñecedes; nós adoramos o que coñecemos, pois a salvación vén dos xudeus. Pero chega a hora e velaí en que os verdadeiros adoradores adorarán o Pai en espírito e verdade, pois eses son os adoradores que procura o Pai. Deus é espírito e cómpre que os que o adoran, o adoren en espírito e verdade.
            Respondeu a muller:
            Sei que está para vir o Mesías, o chamado Cristo. Cando el veña, hanos clarexar todas as cousas.
            Díxolle Xesús:
            Son eu, o que está falando contigo.
            Nisto chegaron os seus discípulos e chamoulles a atención que falase cunha muller. Pero ningún lle preguntou: "Que pretendes?" ou "De que falas con esa?"
            Entón, deixando a muller o seu cántaro, foi á vila e díxolles aos veciños:
             Vide ver un home que me dixo todo canto eu fixen. Non será el o Mesías?
            Eles saíron da vila e viñeron onda el.
            Mentres, os seus discípulos insistíanlle:
            Rabbí, come.
            Mais el díxolles:
             Eu teño para xantar unha comida que vós non matinades.
            Dicíanse entón os discípulos, uns aos outros:
            Traeríalle alguén de comer?
            Xesús díxolles:
            A miña comida é facer a  vontade daquel que me mandou e levar ao remate a súa obra. Non dicides vós que aínda faltan catro meses para que chegue a seitura? Ben, pois mirade o que vos digo: erguede os vosos ollos e veredes que os campos están brancos para a seitura. O que sega recibe a paga e recolle froito para a vida eterna, de xeito que se alegra tanto quen sementa coma quen sega. Pois nisto é verdadeiro o dito de que un é quen sementa e outro quen recolle. Eu mandeivos recoller o que vós non traballastes: outros traballaron e vós recollestes o froito do seu traballo.
            Moitos samaritanos daquela vila creron nel, pola palabra da muller, que declaraba: "díxome todo canto eu fixen". Por iso os samaritanos chegados onda el, rogábanlle que quedase con eles; e quedou alí dous días. E creron aínda moitos máis polo que el lles dixo. Dicíanlle despois á muller:
            Xa non cremos polo que ti nos contaches: nós mesmos o escoitamos e sabemos que este é de verdade o Salvador do mundo.


                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo

Comentario

Todos nós nalgunha ocasión temos sentido sede de auga. Nesa situación experimentamos incapacidade -mesmo paralización- á hora de facer unha actividade. A auga é un tesouro para a vida, pero especialmente para a vida dos seres humanos. Sen ela todo seca e esmorece. Do mesmo xeito que a necesidade física da auga nos incapacita para calquera actividade que esixa constancia e esforzo; tamén para outras facetas da vida podemos utilizar a imaxe da auga e dicir que cando vivimos no deserto, na secura, no ermo, cando nada parece ter sentido nin horizonte, Deus aparece no camiño como a auga que nos vai descubrir a frondosidade e a riqueza de canto levamos dentro. Desde Deus a nosa vida vai cobrando sentido e horizonte. Claro que paga a pena o esforzo por facer de Deus o compañeiro na viaxe da nosa vida!. Con El ao noso lado o deserto convértese en verxel e a secura en manancial de esperanza e plenitude. Saber dar razón do sentido desta presenza de Deus en nós é o que nos pon no camiño dunha fe persoal, madura e alegre. Unha fe que nos axuda a crecer non desde a queixa, senón desde o agradecemento sentido e ofrecido para compartir con quen imos atopando no camiño cara á fonte. Todos buscamos auga. En Deus atopamos o mellor dos mananciais, e nunca quedaremos defraudados e insatisfeitos. Nel e con El participamos da misericordia e abrimos o corazón a acoller -que non desprezar- a quen ao noso lado sente a necesidade de ser querido e respectado como persoa. En Deus e con Deus, os seres humanos non somos nin estatísticas nin números, senón gozosos fillos e fillas, abertos á comunicación e chamados a camiñar xuntos. Escoitar esta voz e responderlle non só non endurece o corazón, senón que o vai abrindo ao latexo solidario da sístole e diástole do amor e non da indiferenza.

E todo ese caudal de amor que percibimos a través dunha relación seria e madura con Deus –nunca medo e sempre confianza– vai enchendo pouco a pouco os vasos que agardan a auga que reborda e cura a sede que tantas veces nos produce a mala conciencia por non encarar os problemas e dificultades de fronte. Diante deles non paga a pena enganarnos, están aí, afrontémolos, e que mellor xeito de facelo que sentindo a forza da proximidade de quen se mostra como Pai/Nai e amigo/amiga, nesta, tantas veces, difícil tarefa. A presenza do Espírito non é un recurso literario para poetas, senón unha realidade que concreta e dá sentido á nosa vida. Así, falar de amor non é unha palabra baleira, senón unha experiencia real e concreta, que necesita para ser verificada a coherencia dos nosos comportamentos, do noso actuar, do noso xeito de entender e facer as cousas.


E esta vida agradecémola acolléndoa, respectándoa e termando dela para que creza e se vaia desenvolvendo. O noso grazas, Señor graciñas, que tantas veces cantamos, non quere máis que expresar o agradecidos que estamos a Deus por ofrecernos un camiño de sentido para a nosa vida, para o que facemos e o que desexamos facer. Asemade, mostramos agradecemento porque a pesar do dura e difícil que esta vida se nos vai facendo, desde El sempre hai unha saída, e nunca topamos un sinal de camiño cortado. A utopía do Evanxeo é unha experiencia de continuo crecer e desenvolverse sen ter mala conciencia nin sentir culpabilidade, senón todo o contrario. No evanxeo atopamos a auga que, curando a nosa secura, abre en nós mananciais inesgotables de alegría, achegamento a quen está só, perdón ofrecido e recibido, misericordia rebordante e, por riba de todos eles, amor non domesticable en consumo de usar e tirar, senón xenerosidade ofrecida e compartida con quen queira beber da mesma auga e do mesmo vaso.

sábado, 15 de marzo de 2014

Lecturas

DOMINGO II DE CORESMA -  CICLO A


Primeira Lectura       Xen 12, 1-4a
LECTURA DO LIBRO DA XÉNESE
Vocación de Abrahán, pai do pobo de Deus
 
     Naqueles días, o Señor díxolle a Abram:
     Sae da túa terra e da túa patria e do teu clan para a terra que eu che mostrarei.
            Eu farei de ti un pobo grande, bendicireite e dareiche un nome con sona, que será exemplo de bendición.
            Bendicirei a quen te bendiga, maldicirei a quen te maldiga. Os pobos todos da terra chamaranse benditos no teu nome.
     Abram saíu, conforme lle dixera o Señor.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL           Sal 32, 4-5. 18-19. 20 e 22
 R/. (22): Veña a nós, Señor, a túa misericordia, como de ti o esperamos.

A palabra do Señor é recta
e todas as súas obras son leais:
el ama o dereito e a xustiza,
a súa misericordia enche a terra.

Os ollos do Señor están postos nos que o temen,
nos que esperan na súa misericordia,
para liberar las súas vidas da morte,
para os manter no tempo da miseria.

Nós agardamos lo Señor:
El é o noso socorro, o noso escudo.
Veña a nós, Señor, a túa misericordia,
como de ti o esperamos.



Segunda Lectura    2 Tim 1, 8b-10
LECTURA DA SEGUNDA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO A TIMOTEO
Deus chámanos e ilumínanos
 
            Benquerido irmán:
            Comparte comigo os sufrimentos polo Evanxeo, contando co poder de Deus. El santificounos e chamounos a unha vocación santa, non polas nosas obras, senón polo seu designio e pola graza que nos deu en Cristo Xesús antes de todos os tempos, e que se manifestou agora pola aparición do noso Salvador, Cristo Xesús.
            El destruíu a morte e alumou a vida e a inmortalidade por medio do Evanxeo.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus

VERSÍCULO

Oíuse a voz do Pai, que dicía desde a resplandecente nube:
Este é o meu Fillo benquerido: escoitádeo.


Evanxeo     Mt 17, 1-9
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
O seu rostro resplandecía coma o sol

            Naquel tempo, levou Xesús consigo a Pedro, a Santiago e a Xoán seu irmán
, e subiu con eles sós a un monte alto.
            Alí transfigurouse diante deles; o seu rostro resplandecía coma o sol; e os seus vestidos viraron brancos coma a luz.
            Nisto aparecéuselles Moisés e tamén Elías, que estaban falando con el.
            Pedro colleu a palabra e díxolle a Xesús:
            Señor, que bo sería ficarmos aquí! Queres que faga aquí tres tendas, unha para ti, outra para Moisés e outra para Elías?
            Aínda el estaba falando, cando apareceu unha nube luminosa que os cubriu; e oíuse unha voz que dende a nube dicía:
            Este é o meu Fillo benquerido, o que me comprace; escoitá­deo.
            Ó escoitaren isto, os discípulos caeron debruzados, cheos de temor. Xesús, achegándose, tocounos e díxolles:
            Erguédevos, non teñades medo!
            Levantando os ollos, non viron a ninguén fóra de Xesús.
            Cando baixaban do monte, Xesús encargoulles:
            Non lle faledes desta visión a ninguén, ata que o Fillo do Home resucite de entre os mortos.


                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo

Reflexión

Abrahán é chamado para desenvolver unha misión. E a pesares de que non era novo, de que obedecer cambiaba a súa vida e lle esixía esforzo, di si e ponse en camiño. Nesta actitude podemos resumir o que quere ser en toda a Igrexa para os cristiáns este tempo de coresma: responder á invitación de ser sinceros e realistas con nós mesmos e poñernos tamén en camiño. Esta nova pedra que hoxe poñemos por riba do altar quere lembrarnos que inda temos moito que cambiar, que o esforzo por facer é grande e que, se queremos tomar en serio a relación entre a nosa vida e a nosa fe, necesitamos romper coa pasividade na que moitas veces temos vivido e celebrado esta experiencia coresmal. Coresma é cambio, renovación, transformación … todo menos costume ou pasividade. Deus, como fixo con  Abrahán, segue a chamarnos e a ofrecernos unha meta. De nós, con liberdade e sen coaccións, depende que lle digamos si ou non. Se estamos convencidos de que debemos acoller, e como tal levar á vida as consecuencias desta resposta, sentiremos a frescura e o gozo da súa misericordia. Se, pola contra, lle damos as costas á súa chamada, seguiremos camiñando en ermo e baleiro.
  
Como o camiño a realizar é longo e moitas veces pouco doado, non podemos facelo en solitario, se non queremos caer no risco de trabucalo ou de non perdernos. Por iso Deus mesmo ofrécenos as lumieiras que, en forma de amigos, testemuños, mestres … van mostrándonos que a luz de Deus pode irradiar -se queremos-, tamén a nosa vida. El, aínda que sempre respecta a nosa petición, nin quere nin deixa que nos perdamos; por iso constantemente nos vai mostrando a forza da súa iluminación e acompañamento nas experiencias antes nomeadas. El chama. Nós somos invitados a responder. Non esperemos moito en dar a resposta, non vaia ser que logo teñamos moito camiño que desandar por mor da nosa tardanza e da nosa equivocación ao non coller o enderezo correcto.

En Xesús sempre atopamos, se non nos achegamos a El con predisposición a facerlle dicir o que queremos ou o nos supón menos esforzo e máis comodidade, a referencia fundamental para seguir cara adiante, para caer na conta de que necesitamos cambiar, de que non podemos deixarnos ir con rutinas e costumes, de que as cousas importantes supoñen sempre traballo e convértense en tarefa permanente para nós. Nin podemos mirar para outra parte cando se nos pide implicación nin tampouco debemos deixar que o tempo pase sen máis, como se iso supuxera que as cousas cambian e melloran de por si. Non. Cada pequeno paso que damos para deixar atrás intolerancia, soberbia, egoísmo, inxustiza, corrupción … supón moito esforzo, xa que  todos  tendemos sempre ao que nos resulta máis fácil e non nos compromete. E aquí está o sentido da coresma: axudarnos a tomar conciencia de que as cousas se queremos que cambien en nós, temos que plantarlle cara e buscar darlle solución, porque se non o facemos así, baleira é a nosa vida e perda de tempo, ou entretemento, sería a nosa fe. Cara Cristo e desde Cristo orientase a vida e aséntase a fe. Dicimos que el é plenitude e meta. A pascua é un adianto do que un día, no seu momento, será, e para sempre esta plenitude. Camiñemos, daquela, con gozo e transformación interior cara ela... pero non esquezamos que toda esta transformación interior ten logo que mostrarse no que facemos no día a día da vida: non calar cando vemos inxustiza, saber dicir -sen molestar pero con sinceridade-, que non queremos políticos corruptos, economistas que nos enganan, bispos e curas que utilizan o seu ministerio para vivir a conta dos demais, e non para transmitir a Cristo...E sempre sabendo que é nos pobres e necesitados onde verdadeiramente se nos manifesta Cristo e desde onde nos pide que fagamos da coresma un tempo de gozo e vida nova.

sábado, 8 de marzo de 2014

LECTURAS

DOMINGO I DE CORESMA –  CICLO A



Primeira Lectura     Xen 2, 7-9; 3, 1-7
LECTURA DO LIBRO DA XÉNESE
Creación e pecado dos primeiros pais
  
            O Señor Deus formou un home do po da terra, soproulle no nariz o alento da vida e tornouse o home persoa viva.
            O Señor Deus plantou un xardín en Edén, cara a oriente, e puxo nel o home que formara. Fixo xermolar da terra árbores fermosas para a vista e boas para comer, e entre elas a árbore da vida e a árbore do coñecemento do ben e do mal.
            A serpe era o máis arteiro de todos os animais que o Señor Deus fixera. Díxolle á muller
            "Conque Deus vos prohibiu comer do froito das árbores do xardín?"
            A muller respondeulle:
            "Podemos comer do froito das árbores todas do xardín. Soamente da árbore de alá no fondo nos mandou Deus: Non comades dela nin a toquedes, non sexa que morrades".
            A serpe insistiu:
            "De ningunha maneira morreredes. É que Deus sabe ben que o día en que comades dela, se vos abrirán os ollos e seredes coma Deus, sabedores do ben e do mal".
            A muller reparou que o froito da árbore era saboroso, atraente, e bo para adquirir entendemento. E coa mesma colleu do froito e comeu; logo deulle ao seu home, e tamén el comeu.
            Entón abríronselles os ollos aos dous e decatáronse de que estaban espidos. Entrelazaron follas de figueira e cinguíronse con elas.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL 
Sal 50, 3-4. 5-6a. 12-13. 14 e 17
R/. (cf. 3a): Apiádate, Señor, porque pecamos.

Compadécete de min, oh Deus, pola túa bondade;
pola túa gran misericordia, borra o meu pecado;
lávame enteiro da miña iniquidade,
límpame da miña culpa.

Eu recoñezo o meu pecado,
e diante de min teño sempre a miña culpa.
Contra ti eu pequei, contra ti só.
Crea, oh Deus, en min un corazón puro,
renóvame por dentro con espírito firme;
non me botes da túa presenza,
e non tires de min o teu santo espírito.

Devólveme a alegría da túa salvación,
sostenme cun espírito xeneroso.
Abre, Señor, os meus labios,
e a miña boca pregoará a túa loanza.


Segunda Lectura      Rm 5, 12-19
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS ROMANOS
Onde abundou o pecado, rebordou a graza

            Irmáns:
            Como por un home entrou o pecado no mundo, e polo pecado a morte, así a todos os homes chegou a morte, pois naquel pecaron todos. Porque ata o tempo da Lei non había pecado no mundo, pero o pecado non se imputaba ao non haber lei.
            Mesmo así, a morte dominou desde Adán ata Moisés, tamén sobre aqueles que non pecaron cunha transgresión semellante á de Adán, que é antecesor do home que debía vir.
            Pero non hai comparanza entre o delito e o don. Porque, se polo delito dun home morreron todos os outros, moito máis polo favor dun home, Xesús Cristo, a graza de Deus e a liberalidade na benevolencia rebordaron sobre todos.
            E a dádiva que se concedeu non corresponde a un só pecador: pois o xuízo de un remata en condena, mentres que a graza de moitos pecadores leva á xustificación. Se, logo, pola transgresión dun home reinou a morte -e por culpa dun só-, canto máis os que reciban a abundancia da graza e do don da xustiza reinarán na vida por medio dese un que é Xesús Cristo!
            Polo tanto, como pola transgresión dun só veu a condenación sobre todos os homes, así tamén pola xustiza doutro só vén para todos os homes a xustificación cara á vida. Pois a desobediencia dun único home volveu pecadores a todos os homes, así tamén a obediencia dun só volveu xustos a todos.

                        Palabra do Señor                             R/.Grazas a Deus

VERSÍCULO           Mt 4, 4b

O home non vive só de pan,
senón de toda palabra que procede da boca de Deus.


Evanxeo          Mt 4, 1-11
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Xesús xaxúa corenta días e afronta a tentación

             Naquel tempo, o Espírito conduciu a Xesús ao deserto, para que Satán o tentase. Despois de xaxuar corenta días e corenta noites, acabou por ter fame. O tentador, achegándose a el, díxolle:
            Se es Fillo de Deus, manda que estas pedras se convertan en pan.
            Pero el respondeu:
            Está escrito:Non soamente de pan vive o home, senón de toda palabra saída da boca de Deus.
            Levouno logo o Satán á cidade santa, e púxoo na atalaia do templo, dicíndolle:
             Se es o Fillo de Deus, bótate de aquí embaixo, que está escrito: Mandará os seus anxos para que te coiden e te leven nas súas mans; e os teus pés non se mancarán nas pedras.
            Xesús respondeu:
            Tamén está escrito: Non tentarás o Señor, o teu Deus.
            Pero aínda o levou o Satán a un monte moi alto e, mostrándolle os reinos todos do mundo enteiro, cheos de esplendor, díxolle:
            Heiche dar todo isto se te prostras e me adoras.
            Entón replicoulle Xesús:
            Arreda, Satán, porque está escrito: Só ao Señor, o teu Deus, adorarás, e só a El darás culto.
            Deixouno o Satán, e achegáronse os anxos para o serviren.


                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo

Reflexión

A capacidade do ser humano por facer cousas é grande; pero non ilimitada. Estando aberta a novos retos, non sempre os acada, e mesmo se así fose, habería outros moitos aínda por conseguir. Por iso podemos dicir que as persoas somos para o futuro, para as novas oportunidades, para cambios e proxectos que poidan ir chegando á nosa vida. Isto supón deixar atrás a tentación -na que tantas veces caemos- de laiarnos e considerarnos que non valemos nada nin somos quen de facer esta ou aqueloutra cousa. Diante deste pesimismo, derrotista e anticristián, a lectura do libro da Xénese que acabamos de escoitar pon diante nosa que a pesar do noso pecado, da nosa limitación ou da incapacidade para acertar sempre, está Deus para non deixar que caiamos no desespero. Fronte o que puidese parecer desde unha lectura superficial e pouco centrada deste relato mítico e exemplarizante do libro da Xénese, está a presenza de Deus que non nos deixa solos, senón que, aínda que nos axuda a caer na conta de que non sempre facemos as cousas ben, vainos ofrecendo horizontes novos e cheos de posibilidades e capacidade para seguir avanzando no camiño de ofrecerlle ás persoas máis achegadas a nós, e mesmo á sociedade, experiencias, logros e actuacións que nos van facendo a vida máis doada e feliz...cousa que non podería ser así se fosemos só e sempre para o pecado. A graza do proxecto de salvación que Deus nos ofrece, non só terma de nós, senón que nos abre vieiros de futuro en forma de cambio, progreso, desenvolvemento, igualdade, xustiza e humanización. A salvación sen reducirse nin afogarse nos comportamentos éticos, si os esixe e necesita, para que as persoas crezamos e maduremos de xeito harmónico e acompasado. E do mesmo xeito que dicimos que sen xustiza non pode haber paz; temos que dicir que sen comportamento, actitudes, éticas, non pode haber salvación...porque esta sendo sempre para todos ofrecida, ha ser acollida desde a realidade do que e como facemos as cousas cada día. De aí que a forza da fe e o sentido deste tempo de Coresma, non está na desobediencia de Adan e Eva, senón na oferta que Deus lles/nos fai, e da nosa dispoñibilidade a acollela. Por iso dicimos que non somos para o pecado, senón para a graza e a esperanza. A misericordia que pedimos do Señor, non se reduce a quedar nesta queixa de ter sido pecadores, senón na forza de quen recoñecéndose así, pon todo da súa parte para superar esta situación e renovar comportamentos e actitudes. A isto, e non a outras cousas vellas, sen sentido e que facemos por costume, nos chama e invita este tempo de Coresma.

Rachar co anterior, non vivir de mirar sempre ao pasado e esforzarse por construír desde o hoxe, e mirando sempre cara ao mañá, é unha oportunidade que nos brinda sempre a Coresma. Os textos da palabra que se irán proclamando ao longo de toda ela, as oracións das diferentes celebracións e os cantos non son máis que tres axudas para facer deste tempo unha experiencia verdadeiramente renovadora, gozosa e positiva neste tempo que agora estamos a comezar. Que nós, seguindo a Paulo poidamos tamén expresar coa frase de que alí “onde creceu o pecado, rebordou a graza”; que nada está perdido, somos fillos das decisións libres e de nós vai depender abrirlle ou non a porta a esta chamada de renovación que Deus, desde a liturxia, nos invita a realizar.


E todo iso non se fai só de boas intencións, senón que necesitamos decisións concretas e comportamentos reais que nos leven a expresar este desexo de non continuar nas nosas rutinas e nas canseiras que en vez de ilusionarnos nos van agoniando. Son moitas as cousas que nos tentan e chaman a abandonar, a non facer caso, a afastarnos da fe, porque nun mundo no que todo se move e mide por economía e rendibilidade, as cuestións de fe non cotizan nin aportan rendementos na nosa conta do banco. Pero a pouco que o pensemos, si que nos daremos conta que nos ofrecen outras vivencias e outro sentido moito máis enriquecedor: o sentido do que facemos e a capacidade de non sentírmonos endexamais derrotados. E isto está moi lonxe do que prima ou está de moda no mundo de hoxe. A tentación non está logo fóra de nós, senón en nós mesmos ao non ser capaz de ser e actuar con criterios de verdadeira liberdade, e con esixencias de responsabilidade. Non reduzamos entón a Coresma a deixar de comer carne –cantos tristemente hoxe non poden comela nin na Coresma nin tampouco ao longo do ano!– cumprir o precepto ou vivir na tristura dunha fe que amarga; e comecemos a facer o verdadeiro xaxún, o xaxún ao que nos invita Xesús, de crecer en misericordia e non deixarnos tentar por impoñer aos demais cangas pesadas... que tampouco nos gustarían que nos puxesen a nós.