sábado, 22 de marzo de 2014

Comentario

Todos nós nalgunha ocasión temos sentido sede de auga. Nesa situación experimentamos incapacidade -mesmo paralización- á hora de facer unha actividade. A auga é un tesouro para a vida, pero especialmente para a vida dos seres humanos. Sen ela todo seca e esmorece. Do mesmo xeito que a necesidade física da auga nos incapacita para calquera actividade que esixa constancia e esforzo; tamén para outras facetas da vida podemos utilizar a imaxe da auga e dicir que cando vivimos no deserto, na secura, no ermo, cando nada parece ter sentido nin horizonte, Deus aparece no camiño como a auga que nos vai descubrir a frondosidade e a riqueza de canto levamos dentro. Desde Deus a nosa vida vai cobrando sentido e horizonte. Claro que paga a pena o esforzo por facer de Deus o compañeiro na viaxe da nosa vida!. Con El ao noso lado o deserto convértese en verxel e a secura en manancial de esperanza e plenitude. Saber dar razón do sentido desta presenza de Deus en nós é o que nos pon no camiño dunha fe persoal, madura e alegre. Unha fe que nos axuda a crecer non desde a queixa, senón desde o agradecemento sentido e ofrecido para compartir con quen imos atopando no camiño cara á fonte. Todos buscamos auga. En Deus atopamos o mellor dos mananciais, e nunca quedaremos defraudados e insatisfeitos. Nel e con El participamos da misericordia e abrimos o corazón a acoller -que non desprezar- a quen ao noso lado sente a necesidade de ser querido e respectado como persoa. En Deus e con Deus, os seres humanos non somos nin estatísticas nin números, senón gozosos fillos e fillas, abertos á comunicación e chamados a camiñar xuntos. Escoitar esta voz e responderlle non só non endurece o corazón, senón que o vai abrindo ao latexo solidario da sístole e diástole do amor e non da indiferenza.

E todo ese caudal de amor que percibimos a través dunha relación seria e madura con Deus –nunca medo e sempre confianza– vai enchendo pouco a pouco os vasos que agardan a auga que reborda e cura a sede que tantas veces nos produce a mala conciencia por non encarar os problemas e dificultades de fronte. Diante deles non paga a pena enganarnos, están aí, afrontémolos, e que mellor xeito de facelo que sentindo a forza da proximidade de quen se mostra como Pai/Nai e amigo/amiga, nesta, tantas veces, difícil tarefa. A presenza do Espírito non é un recurso literario para poetas, senón unha realidade que concreta e dá sentido á nosa vida. Así, falar de amor non é unha palabra baleira, senón unha experiencia real e concreta, que necesita para ser verificada a coherencia dos nosos comportamentos, do noso actuar, do noso xeito de entender e facer as cousas.


E esta vida agradecémola acolléndoa, respectándoa e termando dela para que creza e se vaia desenvolvendo. O noso grazas, Señor graciñas, que tantas veces cantamos, non quere máis que expresar o agradecidos que estamos a Deus por ofrecernos un camiño de sentido para a nosa vida, para o que facemos e o que desexamos facer. Asemade, mostramos agradecemento porque a pesar do dura e difícil que esta vida se nos vai facendo, desde El sempre hai unha saída, e nunca topamos un sinal de camiño cortado. A utopía do Evanxeo é unha experiencia de continuo crecer e desenvolverse sen ter mala conciencia nin sentir culpabilidade, senón todo o contrario. No evanxeo atopamos a auga que, curando a nosa secura, abre en nós mananciais inesgotables de alegría, achegamento a quen está só, perdón ofrecido e recibido, misericordia rebordante e, por riba de todos eles, amor non domesticable en consumo de usar e tirar, senón xenerosidade ofrecida e compartida con quen queira beber da mesma auga e do mesmo vaso.

No hay comentarios:

Publicar un comentario