sábado, 27 de septiembre de 2014

LECTURAS

DOMINGO XXVI ORDINARIO -  CICLO A

  
Primeira Lectura     Ez 18, 25-28
LECTURA DO LIBRO DE EZEQUIEL
Cando o malvado se arrede da súa impiedade, salvará a súa vida

            Así fala o Señor:
            Comentades entre vós: "Non é xusto o proceder do Señor".

            Escoitade, Casa de Israel:
            Non é xusto o meu xeito de comportarme?
Non é máis ben o xeito de vos comportardes vosoutros o que é inxusto?

            Cando o xusto se aparta das súas obras de xustiza
e comete iniquidades e morre debido a elas,
morre debido ás iniquidades que el cometeu.

            Cando o malvado se aparta da maldade que cometeu
e practica o dereito e a xustiza,
entón el consegue a vida.

            Se cae na conta e se aparta da maldade que cometeu,
vivirá de certo, non morrerá.

            Palabra do Señor                      R/. Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL     Sal 24, 4bc-5. 6-7. 8-9
R/.  (6a):  Lémbrate, Señor, da túa compaixón.


Amósame, Señor, os teus camiños,
ensíname os teus sendeiros,
diríxeme na túa verdade, apréndeme,
que ti es o meu Deus salvador:
todo o día te estou a esperar.

Lémbrate, Señor, da túa compaixón e da túa misericordia,
pois existen desde sempre.
Dos erros e das culpas da miña mocidade non te lembres:
acórdate de min segundo a túa misericordia,
pola túa bondade, Señor.

O Señor é bo e recto:
por iso lles ensina o camiño aos pecadores;
El dirixe na xustiza os humildes,
e amósalles o seu camiño aos pobres.


Segunda Lectura     Flp 2, 1-11 
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS FILIPENSES
Tede entre vós os mesmos sentimentos que Cristo Xesús

             Irmáns:

            Se de algo vale o alento que recibides en Cristo, se vos anima o amor mutuo, se hai comuñón no Espírito e se hai en vós sentimentos de agarimo e misericordia, facede completa a miña alegría, levándovos ben, tendo un mesmo amor, unha soa alma, unha mesma idea.
            Non fagades nada á retesía nin por fachenda. Que cadaquén pense humildemente que os outros son máis ca el.
            Non mirar cada un polo que lle ten conta a el, senón tamén polo que interesa aos outros.
Tede entre vós a mesma idea de Cristo Xesús.

            El, con ser de condición divina,
non se agarrou con cobiza  ao seu ser igual a Deus;
senón que se espiu do seu rango,
e asumiu a condición de escravo,
feito en todo semellante aos homes.
Presentándose coma un home calquera, abaixouse a si mesmo,
facéndose obediente ata á morte, e á morte na cruz.

            Por iso tamén Deus o exaltou sobre todo
e lle concedeu un nome que está por riba de todo outro nome,
para que  ao nome de Xesús se dobre todo xeonllo
no ceo, na terra e mais no abismo,
e toda lingua proclame que Xesús Cristo é o Señor
para gloria de Deus Pai.


            Palabra do Señor                                 R/. Grazas a Deus

                      

ALELUIA     Xn 10, 27
Se non se canta, pódese omitir

 Aleluia, aleluia.
As miñas ovellas escoitan a miña voz, di o Señor;
e eu coñézoas, e elas séguenme.
Aleluia.



LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO    
Mt 21, 28-32
Arrepentido, foi. Os publicanos e as prostitutas entrarán no Reino de Deus antes ca vós

            Naquel tempo, díxolles Xesús aos sumos sacerdotes e aos anciáns do pobo:
            Que vos parece? Un home tiña dous fillos. Foi onda o primeiro, e díxolle: "Meu fillo, vai traballar hoxe na viña". El respondeu:
            "Non quero"; pero despois, arrepentido, foi.

            Foise onda o outro e díxolle o mesmo. El respondeu: "Vou, señor"; pero non foi.
            Quen dos dous fixo a vontade do pai?

            Respondéronlle:
            O primeiro.

            Entón díxolles Xesús:
            Asegúrovos que os recadadores e mais as prostitutas entrarán no Reino de Deus antes ca vós. Porque veu Xoán para vos ensinar o camiño da xustiza, e non lle fixestes caso; en cambio, os recadadores e mais as prostitutas, si que llo fixeron. Pero vós, aínda despois de ver aquilo, nin vos arrepentistes nin crestes.


             Palabra do Señor                                 R/. Loámoste, Cristo

Reflexión

Hoxe tamén, coma nos tempos do profeta, moitas veces culpamos a Deus de tantas cousas: da fame no mundo, da morte de tanta xente inocente, mesmo das catástrofes naturais. E é que ás veces a nosa imaxe de Deus está máis preto da dun mago ou dun cura-todo, para o que nós non seriamos máis que simples monicreques nas súas mans. Lonxe disto, o profeta fálanos dunha responsabilidade individual que cada un e cada unha de nós debemos ter sobre aquilo que dicimos e , sobre todo, sobre aquilo que facemos. Deus creounos e salvounos para que sexamos libres, capaces de tomar decisións e responsabilizarnos delas, sen botar balóns fóra.

 Porque son demasiadas as persoas que, confesándose cristiás, terminan por instalarse comodamente na súa fe, sen que a súa vida se vexa afectada no máis mínimo pola súa relación con Deus. Cristiáns que se desdobran e cambian de personalidade segundo se axeonllen para rezar ou se entreguen ás súas ocupacións cotiás. Deus non penetra na súa vida familiar, no seu traballo, nas súas relacións sociais, nos seus proxectos e intereses. A fe é para elas un costume, un reflexo, unha medida de seguridade, unha relaxación persoal.

 Na parábola dos dous fillos que vimos de proclamar no Evanxeo, o importante non son as palabras que estes din, senón a súa conduta. Non estaría de máis que tod@s nós, que formamos a Igrexa, tomaramos boa nota deste recadiño que hoxe nos manda Xesús: a fe non é algo que se posúa, senón algo que ten que vivirse. Ser crente é algo máis que recitar fórmulas de fe ou confesar a nosa simpatía pola concepción cristiá da vida.... cómpre esforzarse na práctica por chegar a ser cristiáns e cristiás verdadeir@s, e non só de boquilla. Dito doutro xeito: a ortodoxia temos que saber conxugala coa ortopraxe. Non vale con dicir “vou”, hai que ir. Velaí o cerne da cuestión. Pero claro, que difícil é!!!!!!!!!!!. Porque son demasiadas as ocasións nas que dentro da nosa Igrexa poñemos o acento na ortodoxia e esquecémonos por completo da ortopraxe. Como chamarlle senón á actitude de tantos e tantos membros da xerarquía que reducen a fe a un mero culto que proporciona uns suculentos cartiños?, como temos a cara de “falar no nome de Deus” para acusar, condenar ou ferir a quen temos enfronte?, como casar unhas celebracións solemnísimas cunha frialdade e un afastamento entre nós?, como é que nos confesamos cristiáns e cristiás, mesmo de celebración e comuñón dominicais, e logo explotamos aos nosos traballadores, coméndolles a suor e a saúde?, como falamos de ser crentes e non somos responsables no noso traballo?, que sentido ten dicir que Deus é importante na nosa vida se logo non estamos dispost@s a mover nin un dedo para que isto cambie?. Que ben nos vai aquilo de “xuntémonos e ide”.


 Teñamos entón coidadiño, porque non vaia ser que aqueles que se sintan perfectos, en posesión da verdade absoluta, aqueles que se cren con máis dereitos que os demais, aqueles que xulgan e censuran.... se atopen coa sorpresa de que os pobres, os agnósticos, os ateos, as mulleres (mesmo as prostitutas) lles leven a dianteira para entrar no reino dos ceos.

sábado, 20 de septiembre de 2014

LECTURAS

DOMINGO XXV ORDINARIO  -   CICLO A
  
Primeira Lectura     Is 55, 6-9
LECTURA DO LIBRO DE ISAÍAS
Os meus plans non son os vosos plans
 
            Buscade o Señor mentres se deixa atopar,
invocádeo mentres está cerca.
            Que o malvado deixe o seu vieiro,
e que o home pecador (deixe) os seus plans,
que se volva  ao Señor para que teña misericordia del,
que se volva  ao noso Deus
que tanto engrandece  ao perdoar!
            Pois si, os meus plans non son os vosos plans,
nin os vosos vieiros son os meus vieiros
é o Señor quen fala .
            Canto máis altos son os ceos cá terra!
Así son máis altos os meus plans cós vosos plans,
e os meus vieiros cós vosos vieiros.

                        Palabra do Señor                             R/.  Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL     Sal 144, 2-3. 8-9. 17-18
R/.  (18a):  O Señor está cerca dos que o chaman.

Hei bendicirte cada día,
hei loar o teu nome por sempre.
Grande é o Señor e digno de loanza,
a súa grandeza é insondable.

O Señor é clemente e compasivo,
tardo á ira e rico en misericordia.
O Señor é bo para todos,
agarimoso con todas as súas obras.

O Señor é xusto en todos os seus camiños,
e santo en todas as súas obras.
O Señor está cerca dos que o chaman,
dos que o chaman con sinceridade.



Segunda Lectura     Flp 1, 20c-24. 27a
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS FILIPENSES
 A miña vida é Cristo

            Irmáns:
            Manifestarase a grandeza de Cristo na miña persoa, tanto que eu siga vivindo como que morra.
            Porque para min a vida é Cristo; e morrer, unha ganancia.
            Ora, como vivir neste mundo me permite  traballar con proveito, non sei o que escoller. As dúas cousas tiran por min: quería morrer para estar con Cristo, pois é moitísimo mellor. Con todo, por mor de vós, cómpre que eu fique neste mundo.
            Unha cousa só: mirade de vos comportar conforme  ao Evanxeo de Cristo.

                        Palabra do Señor                             R/.  Grazas a Deus



ALELUIA    Cf. Feit 16, 14b
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Abre, Señor, o noso corazón,
para que comprendamos as palabras do teu Fillo.
Aleluia.



Evanxeo     Mt 20, 1-16a
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Ou é que ti ves con mal ollo que eu sexa bo?


            Naquel tempo, díxolles Xesús aos seus discípulos esta parábola:
            - O Reino dos Ceos parécese a un propietario que saíu pola mañá cedo a contratar xornaleiros para a súa viña. Axustou con eles o xornal dun denario e mandounos á súa viña. Saíu outra vez á media mañá e atopou outros sen traballo na praza. E díxolles:
            Ide vós tamén á miña viña, e dareivos o xusto.
            Eles foron. De novo saíu polo mediodía e pola tarde, facendo o mesmo. Pero aínda volveu saír á tardiña, e atopando outros parados na rúa, díxolles:
            Pero, que facedes aquí, todo o día sen traballar?  
            Eles responderon:
            É que ninguén nos contratou.
            El díxolles entón:
            Ide vós tamén á miña viña.
            Anoitecendo xa, díxolle o dono da viña  ao administrador:
            Chama os xornaleiros e págalles o xornal: empézasme polos últimos e acabas polos primeiros.
            Chegan os da derradeira hora e dálles un denario a cada un. Cando chegaron os primeiros coidaron que lles darían máis, pero tamén recibiron cadanseu denario. Ao recibilo, murmuraban contra o propietario:
            Eses, os derradeiros, traballaron unha hora só e trátalos igual ca a nós, que aturamos o peso e a caloraza do día.
            Pero el replicoulle a un deles:
            Amigo, non che fago ningunha inxustiza. Non axustamos un denario? Pois colle o teu, e vaite. E logo, se quero darlle  ao último igual ca a ti, non teño dereito a facer o que quero co que é meu? Ou é que ti ves con mal ollo que eu sexa bo?
            Así, dese mesmo xeito, os últimos serán os primeiros.


       Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo

Reflexión

•        O texto do profeta Isaías fainos unha chamada a que rompamos cunha maneira de entender e vivir a fe como se esta fose un produto que se pode comprar no mercado capitalista; no que todos/as, segundo se di, ten un prezo. Diante desta idea, que polo que parece xa non é nova, Deus fala por boca do profeta para que se rebele contra esta visión mercantilista do ser humano, que esquece que principal e basicamente somos dignidade....non cousa. De aí que afirme que este xeito de entender e actuar non entra nos plans de Deus. É máis, é imposible que se poida falar de Deus se o que queremos é facer o que nos peta, pretendendo logo buscar razóns que xustifiquen e lle dean “status” de actuar nobre e coherente ao que non é máis que puro egoísmo narcisista. Por iso os plans de Deus non son os plans de quen actúa así. Pero logo podemos preguntarnos: eses plans que só buscan a comenencia son tamén os noso plans? Se é así, teremos que preguntarnos cal é a razón que nos leva a que nos chamemos seguidores Del, cando o que facemos é todo o contrario ao seguimento ao que El nos invita. Cales son os nosos plans sobre o sentido da vida, a capacidade para non deixarnos levar do abatemento, a loita pola xustiza e a defensa radical da vida de todo ser humano, sen que nada xustifique atentar contra dela?

•        Poñendo a nosa confianza nel, tamén, como lle ocorría ao salmista, seremos capaces de percibir a súa achega; sentir a súa calor, o bafo do seu alento cheo de misericordia e xenerosidade. Camiñamos nesta disposición, ou mais ben somos dos que lle damos as costas, inda que se nos encha a boca de frases que chamamos oracións e repetimos de xeito mecánico? O Salmo 144 di: “preto está o Señor dos que o invocan”. Estar preto -entendida esta achega como disposición a dar razón da xustiza e da busca do ben común-, supón ter descuberto que Cristo o é todo para nós; de xeito que, coma Paulo, tamén nós podemos dicir que Cristo é a nosa vida. El é quen a enche de sentido, quen a transforma en verdadeira humanidade, quen a pon a dispor dos irmáns que non son nin recoñecidos nin tratados coma persoas. A fe , o seguimento de Xesús, non é un moralismo, senón un camiño de salvación; pero na medida en que o imos facendo, descubrimos a necesidade de convertelo en esixencia ética e compromiso moral, e este só pode estar na misericordia. A misericordia da que Cristo é primeira testemuña, e que nos invita a nós a ir construíndo.


•        E neste proxecto non caben nin a envexa nin o odio, senón o amor e o recoñecemento dos dons, dos valores que Deus puxo nese outro que para un crente non pode ser máis ca un irmán. A fraternidade que estamos chamados a construír desde o sinxelo da vida de cada un de nós. Cos pequenos pasos cara adiante que imos dando, e as pequenas frustracións que moitas veces nos fan sentir estancados e sen capacidade de seguir avanzando. E neste ir descubrindo novas perspectivas, tamén desde o fracaso, descubrímonos con capacidade para facer da bondade unha actitude que nos achega aos demais, e nos axuda a descubrir a Deus naqueles cos que compartimos esa bondade para facer da vida, do mundo e a da sociedade, a casa común onde non hai exclusións. Unha casa que no sobrado nos leva a descubrir os ceos novos e a terra nova á que nos chama Xesús.

sábado, 13 de septiembre de 2014

LECTURAS

EXALTACIÓN DA SANTA CRUZ


LECTURA DO LIBROS DOS NÚMEROS Núm 21, 4b-9
Os mordidos sanaban cando a miraban

O pobo comezou a esmorecer polo camiño. E murmuraba o pobo contra Deus e contra Moisés: -¿Por que nos fixestes saír de Exipto para morrermos no deserto, pois falta o pan, non hai auga, e a nosa alma sente noxo deste alimento tan miserable? O Señor enviou contra o pobo serpes velenosas, que o morderon, e morreu moita xente de Israel. O pobo foi onda Moisés e dixéronlle: -¡Pecamos por falarmos contra o Señor e contra ti; rógalle ó Señor, para que afaste de nós as serpentes! Moisés rezou polo pobo, e o Señor díxolle a Moisés: -"Fai unha serpente velenosa, e pona no alto dun mastro: cada un dos mordidos que a mire, vivirá". Moisés fixo unha serpente de bronce e púxoa na punta dun pau ben alto; e cada un que fora mordido pola serpente, se miraba para a serpente de bronce, quedaba san.


SALMO RESPONSORIAL Sal 77, 1-2. 34-35. 36-37. 38
R/ (cf 7c) Non esquezáde-las obras do Señor

Escoita, meu pobo, a miña instrución,
atende as miñas palabras.
Vouche falar en parábolas,
exporche vellas adiviñas.

Cando os castigaba, eles buscábano,
voltábanse e corrían cara a Deus,
lembrando que Deus era a súa rocha,
o Deus Altísimo o seu redentor.

Coa boca tratábano de enganar;
coa lingua, de lle mentir.
Mais o seu corazón non era firme,
non eran fieis á súa alianza.

Por piedade perdoaba El as súas culpas
e non os destruía.
Moitas veces contivo a súa ira,
non deixou acende-lo seu noxo,



LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS FILIPENSES Flp 2, 6-11
Humillouse a sí mesmo; por iso Deus exaltouno

Xesús Cristo, con ser de condición divina, non se agarrou cobizosamente á súa categoría de Deus; senón que se espiu do seu rango, asumiu a condición de escravo; fíxose un home normal e presentouse como tal abaixouse a si mesmo, facéndose obediente ata á morte, ¡e a morte na cruz!
Por iso tamén Deus o exaltou sobre todo e lle concedeu un título que está por riba de calquera título para que ante o título de Xesús se dobre todo xeonllo no ceo, na terra e mais no abismo, e para que toda lingua proclame para gloria de Deus Pai que Xesús Cristo é o Señor.



ALELUIA

Adorámoste, Cristo e bendicímoste:
porque, pola túa cruz, redimíche-lo mundo



LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN Xn 3, 13-17
É necesario que sea exaltado o Fillo do Home

Dille Xesús a Nicodemo:
ninguén subiu ó ceo, fóra do que baixou do ceo
, o Fillo do Home.

Como Moisés alzou a serpente no deserto, así debe ser alzado o Fillo de Home, para que todo o que cre nel, teña vida eterna. Pois de tal xeito amou Deus ó mundo, que lle deu o seu Fillo Unixénito, para que todo o que cre nel non se perda, senón que teña vida eterna.


Non mandou Deus o Fillo ó mundo para que xulgue o mundo, senón para que por el se salve o mundo.

REFLEXIÓN

O texto da carta aos Filipenses que acabamos de escoitar é un himno litúrxico que rezaban as primeiras comunidades e co que se expresaba como Xesús ía desenvolvendo a misión encomendada polo Pai. Unha misión da que foi tomando conciencia a medida que a ía realizando –ninguén nace aprendido, dicimos nós moitas veces– ao longo dos seus tres anos de vida pública. Dinos este fragmento que Xesús asumiu a súa condición humana en totalidade, sen figuracións nin representacións teatrais. Naceu ser humano e coma tal viviu e desenvolveu tódalas súas accións. Non era un home de mentiriñas nin para ofrecer un espectáculo que só visen os que o seguían, Tampouco era un enredante que se aproveitaba da boa fe dos que o escoitaban. Non. El mostrábase tal e como era: un coma nós, un dos nosos: sufría coas cousas negativas que lle pasaban a el ou aos que con El estaban; e gozaba cando todo se orientaba de xeito positivo. O seu abaixamento ata a morte axúdanos a entender o porque tantas persoas están dispostas, desde El, a entregar a súa vida polos demais, sen esperar ningún recoñecemento, senón como consecuencia lóxica de querer seguir o camiño que El comezou. Que é hoxe o testemuño de tantos misioneiros e misioneiras que poñen a súa vida ao servizo da humanización dos máis pobres, aínda que iso, como ben sabemos todos, os acabe levando á morte? É máis, sen necesidade de ir lonxe, hoxe tamén esta palabra nos quere falar a nós, para que nos preguntemos se somos capaces de poñer a nosa vida ao servizo dos demais para levarlles a saúde que a súa situación persoal, familiar, laboral ou social lles foi quitando. Que tamén nós, coma Cristo, traballemos por asumir a nosa condición humana sen pretender ser nin mellores nin máis importantes ca os demais, só servindo.


Porque a cruz, no noso mundo é esa realidade, ese paradoxo da falsa ilusión na que moitas veces caemos cando afirmamos que somos moi bos porque non matamos nin roubamos. A cruz dinos hoxe que si, que hai moitas cousas que somos capaces de facer, e de facer mal. De que hai moitas das accións que facemos desde a nosa liberdade que destrúen, feren ou matan. De que non é necesario botarlle a culpa aos demais, aos que mandan, aos que dirixen, aos que dominan. Non, miremos para dentro de nós, e nun exercicio de sinceridade asumamos que nós tamén somos partícipes na construción de moitas das cruces no mundo de hoxe: calamos, miramos para outro lado, non dicimos a verdade, enganamos ou mentimos para obter beneficio, non nos comprometemos, pensamos só en nós mesmos, rexeitamos a quen non é dos nosos... E así son moitas as cruces que nós construímos para nós e para os demais. E Deus non queda na comodidade de deixarnos á nosa propia sorte, senón que enviou ao seu Fillo para que poidamos gozar da experiencia da salvación. Ese é o sentido da festa de hoxe: espirnos diante desta cruz na que Xesús se entrega para reconducir o noso camiño, para deixar atrás o antigo, para comezar a vivir no novo. Porque a cruz foi vencida, a morte non é o final de todo para un crente. A esperanza é posible. Cristo abriunos o camiño.

LECTIO


http://iglesiadesopelana3a.blogspot.com.es/


OLLAR CON FE AO CRUCIFICADO

A festa que hoxe celebramos os cristiáns é incomprensíbel e ata disparatada para quen descoñece o significado da fe cristiá no Crucificado. Que sentido pode ter celebrarmos unha festa que se chama “Exaltación da Cruz” nunha sociedade que busca apaixonadamente o “confort” a comodidade e o máximo benestar?

Máis dun preguntarase como é posíbel seguir aínda hoxe exaltando a cruz? Non ficou xa superado para sempre ese xeito morboso de vivirmos exaltando a dor e buscando o sufrimento? Temos de seguir alimentando un cristianismo centrado na agonía do Calvario e nas chagas do Crucificado?

Son sen dúbida preguntas moi razoábeis que necesitan unha resposta clarificadora. Cando os cristiáns ollamos para o Crucificado non enxalzamos a dor, a tortura e a morte, senón o amor, a proximidade e a solidariedade de Deus que quixo compartir a nosa vida e a nosa morte ata o extremo.

Non é o sufrimento o que salva senón o amor de Deus quen se solidariza coa historia dolorosa do ser humano. Non é o sangue o que, en realidade, limpa o noso pecado senón o amor insondábel de Deus que nos acolle como fillos. A crucifixión é o acontecemento no que mellor se nos revela o seu amor.

Descubrirmos a grandeza da Cruz non é atribuírlle un non sei que misterioso poder ou virtude á dor, senón confesarmos a forza salvadora do amor de Deus cando, encarnado en Xesús, sae a reconciliar o mundo consigo.

Neses brazos estendidos que xa non poden abrazar aos nenos e nesas mans que xa non poden acariñar aos leprosos nin bendicir aos enfermos, os cristiáns “contemplamos” a Deus cos seus brazos abertos para acoller, abrazar e soster as nosas pobres vidas, rotas por tantos sufrimentos.

Nese rostro apagado pola morte, neses ollos que xa non poden mirar con tenrura ás prostitutas, nesa boca que xa non pode berrar a súa indignación polas vítimas de tantos abusos e inxustizas, neses beizos que non poden pronunciar o seu perdón aos pecadores, Deus estanos revelando como en ningún outro xesto o seu amor insondábel á Humanidade.

Por iso, ser fiel ao Crucificado non é buscarmos cruces e sufrimentos, senón vivirmos coma el nunha actitude de entrega e solidariedade aceptando se é necesario a crucifixión e os males que nos poden chegar como consecuencia. Esta fidelidade ao Crucificado non é dolorista senón esperanzada. A unha vida “crucificada”, vivida co mesmo espírito de amor con que viviu Xesús, só lle espera resurrección.



José Antonio Pagola

Traduciu: Xaquín Campo Freire

lunes, 8 de septiembre de 2014

Salmo desde a Tenrura de María

Ti es, María, a Estrela do mar.
En ti Deus fíxose Noticia Boa para o home.
Es como a luz da alba que abre camiño ao sol;
es esa Estrela matutina que anuncia o Día.

Es a muller crente que acolle e garda a Palabra;
a muller nova que entra
no plan de Deus libre e gozosa.
Es estilo de vida novo
e fascinante na Historia;
es, María, a Estrela que aluma e guía.

O noso corazón alégrase
ante a túa presenza de Estrela luminosa;
o noso corazón busca no teu
un camiño de verdade;
o noso corazón ábrese á túa vida limpa e profunda:
o noso corazón busca nos teus ollos
un camiño en liberdade.

Sentímonos felices
porque es Estrela que ilumina o universo;
sentímonos felices porque es
como un lago profundo de paz;
sentímonos felices
porque es limpa como a luz das Estrelas;
sentímonos felices porque es libre
como a auga de manancial.

Eras xenerosa, María, cando revolucionaches a Historia;
eras fiel a Deus cando dixeches "si"
ao seu proxecto de vida;
eras moza cando deches decidida, ao seu plan, resposta.
Es Estrela clara e brillante
e refulxes cos teus exemplos.

Eras nova e abrícheste a Deus como a flor ao sol;
eras nova e deixaches a Deus
que entrase libre na túa tenda;
eras nova e as túas ás alzaron o voo ata o cume.
Es a Estrela saída de Xacob,
cuxo raio, Xesucristo,

ilumina a todo home que vén a este mundo.

sábado, 6 de septiembre de 2014

Lecturas

DOMINGO XXIII ORDINARIO   -  CICLO A


Primeira Lectura     Ez 33, 7-9
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA EZEQUIEL
Se non lle falas ao malvado, pedireiche contas do seu sangue 
            
Así fala o Señor:
            Eh ti, fillo de Adán!: a ti constituínte vixía para a Casa de Israel,
vas escoitar da miña boca as palabras,
e valos avisar da miña parte.
            Cando eu lle diga ao malvado:
"Malvado, vas morrer",
se ti non lle falas para avisalo do seu destino,
el, o malvado, morrerá pola súa culpa;
pero a ti pediránseche contas do seu sangue.
            Pero se ti avisas o malvado do seu destino
para apartalo del, e el non cambia de conduta,
el morrerá pola súa culpa
pero ti salvarás a túa vida.

          Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL    Sal 94, 1-2. 6-7. 8-9
R/.  (8): Oxalá escoitedes hoxe a voz do Señor!
            Non endurezades os vosos corazóns.

Vinde, cantémoslle ao Señor,
Aclamemos a nosa rocha salvadora;
acheguémonos á súa presenza dándolle grazas,
aclamémolo con cancións.

Vinde, adorémolo prostrados,
axeonllémonos perante o Señor, que nos creou,
pois el é o noso Deus,
e nós somos o seu pobo, o rabaño que el guía.
Oxalá escoitedes hoxe a súa voz.

Non endurezades os vosos corazóns, coma en Meribah,
coma o día de Masah, no deserto,
onde os vosos pais me tentaron:
provocáronme, por máis que tiñan visto os meus feitos.


Segunda Lectura     Rm 13, 8-10
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS ROMANOS
A plenitude da lei é o amor
 
            Irmáns:
            A ninguén lle debades nada, fóra de amarvos uns a outros, pois o que ama o próximo, ten cumprida a Lei.
            Porque o non adulterarás, non matarás, non roubarás, non cobizarás, e todos os outros mandamentos, resúmense nestas palabras: amarás o teu próximo coma a ti mesmo.
            Quen ama o seu próximo non lle fai mal.
            Verdadeiramente o amor é o pleno cumprimento da Lei.

      Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


ALELUIA     2 Cor 5, 19
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Deus estaba en Cristo reconciliando o mundo consigo,
e poñendo en nós a mensaxe da reconciliación.
Aleluia.


Evanxeo     Mt 18, 15-20
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Se te escoita, lograches o teu irmán

            Naquel tempo, díxolles Xesús aos seus discípulos:
            Se teu irmán peca, vai e repréndeo, pero ti con el só. Se te escoita, lograches o teu irmán. Se non te escoita, leva conti­go aínda un só ou dous, de modo que pola palabra de dúas ou tres testemuñas todo o asunto quede resolto. Se tampouco a eles lles fai caso, dillo á comunidade; e se nin sequera á comunidade lle fai caso, sexa para ti coma un pagán ou un publicano.
            Dígovolo de verdade: O que atedes na terra, será atado no ceo, e o que desatedes na terra, será desatado no ceo.
            Dígovos aínda máis: Se dous de vós se poñen de acordo na terra para pedir calquera cousa, conseguirano do Pai meu, que está nos ceos. Porque onde están dous ou tres reunidos no meu nome, alí no medio deles estou eu.


       Palabra do Señor                                         R/. Loámoste, Cristo

Reflexión

Son moitas as ocasións nas que deixamos de lado o respecto e a tolerancia á hora de xulgar as opinións e accións dos demais, sobre todo se non son dos nosos. Ezequiel, na primeira lectura de hoxe volve insistir no que é o tronco da vida de fe: o recoñecemento da dignidade da persoa e o afastamento de toda idea que supoña vinganza, rancor ou violencia cara aos demais. Crer, rezar, participar en accións solidarias… só terán sentido se o facemos guiados polo respecto que todas as persoas nos merecen... pois todos somos presenza de Deus e a fe ha levarnos a un compromiso no mundo e co mundo para denunciar calquera atropelo contra a dignidade das persoas, sexa no lugar que sexa e sexa no ámbito que sexa: eclesial, laboral, xudicial, político...... A salvación xógase na casa do mundo, tomándoo en serio, e non evadíndonos en rezos rituais ou costumes cheas de tópicos. Un bo inicio para esta nova xeira pode ser que non encirrar dentro de nós sentimentos de enfrontamento, provocación inútil ou desprezo cara aos demais.

E se camiñamos por ese vieiro de empatía, misericordia, colaboración e servizo, chegaremos ao pleno cumprimento da lei, é dicir o amor. Non fagamos del una frase puramente poética ou unha fermosa palabra comodín que sempre acae ben. Poñámoslle vida, actitudes, preocupación polos demais, proximidade, solidariedade, capacidade de escoita, tempo compartido con quen o necesita .... Abrámoslle as portas a Deus e abrámoslle ás portas aos demais. Se nós somos capaces de amar, quen nos vexa será capaz de descubrir quen é e por que dixo Xesús o que dixo: amádevos. O seu mandado de amor, como nos lembra o Evanxeo de hoxe, lévanos a arriscar, canto somos e temos, polos irmáns. Insistir unha e outra vez. A tempo e a destempo, con constancia e paciencia. Constancia e paciencia que nos conforman como persoas decididas a poñer a nosa referencia non só en nós, no que nos peta, nos gusta ou nos apetece.

Porque nunha sociedade que prema a cantidade sobre a calidade, nós, os seguidores de Xesús, primamos a calidade sobre a cantidade. Cando falaba do Reino, Xesús non puña o til en grandes pretensións sociais, senón que se refería a el coma lévedo oculto, sal transformadora, pequena semente..... Na Igrexa de Xesús non se pode estar de calquera xeito: por costume, por inercia ou por medo. Trátase de xuntarse no seu nome, conscientes de que sempre precisamos conversión. Xesús, como nos lembra o evanxeo de Mateu que vimos de proclamar, tróuxonos un novo tipo de relacións que nós estamos chamados a poñer en práctica: relacións baseadas na verdade (dicir si, dicir non, non basearse en suposicións, senón en datos certos); relacións de franqueza, que nos leven a planear os problemas cara a cara; relacións de liberdade, respecto e tolerancia; relaciones de amabilidade e comprensión; relacións de desbloqueo (non gardar as cousas, porque nos pechan aos demais e o día menos pensado estoupan e causan graves feridas.... ás veces incurables); relacións de esperanza, sen perder nunca a perspectiva de que todos podemos cambiar; relacións cinguidas polo amor.