Son moitas as ocasións nas que deixamos de lado o respecto e
a tolerancia á hora de xulgar as opinións e accións dos demais, sobre todo se
non son dos nosos. Ezequiel, na primeira lectura de hoxe volve insistir no que
é o tronco da vida de fe: o recoñecemento da dignidade da persoa e o
afastamento de toda idea que supoña vinganza, rancor ou violencia cara aos
demais. Crer, rezar, participar en accións solidarias… só terán sentido se o
facemos guiados polo respecto que todas as persoas nos merecen... pois todos
somos presenza de Deus e a fe ha levarnos a un compromiso no mundo e co mundo
para denunciar calquera atropelo contra a dignidade das persoas, sexa no lugar
que sexa e sexa no ámbito que sexa: eclesial, laboral, xudicial, político......
A salvación xógase na casa do mundo, tomándoo en serio, e non evadíndonos en
rezos rituais ou costumes cheas de tópicos. Un bo inicio para esta nova xeira
pode ser que non encirrar dentro de nós sentimentos de enfrontamento,
provocación inútil ou desprezo cara aos demais.
E se
camiñamos por ese vieiro de empatía, misericordia, colaboración e servizo,
chegaremos ao pleno cumprimento da lei, é dicir o amor. Non fagamos del una
frase puramente poética ou unha fermosa palabra comodín que sempre acae ben.
Poñámoslle vida, actitudes, preocupación polos demais, proximidade,
solidariedade, capacidade de escoita, tempo compartido con quen o necesita ....
Abrámoslle as portas a Deus e abrámoslle ás portas aos demais. Se nós somos
capaces de amar, quen nos vexa será capaz de descubrir quen é e por que dixo
Xesús o que dixo: amádevos. O seu mandado de amor, como nos lembra o Evanxeo de
hoxe, lévanos a arriscar, canto somos e temos, polos irmáns. Insistir unha e
outra vez. A tempo e a destempo, con constancia e paciencia. Constancia e
paciencia que nos conforman como persoas decididas a poñer a nosa referencia
non só en nós, no que nos peta, nos gusta ou nos apetece.
Porque nunha
sociedade que prema a cantidade sobre a calidade, nós, os seguidores de Xesús,
primamos a calidade sobre a cantidade. Cando falaba do Reino, Xesús non puña o
til en grandes pretensións sociais, senón que se refería a el coma lévedo
oculto, sal transformadora, pequena semente..... Na Igrexa de Xesús non se pode
estar de calquera xeito: por costume, por inercia ou por medo. Trátase de
xuntarse no seu nome, conscientes de que sempre precisamos conversión. Xesús,
como nos lembra o evanxeo de Mateu que vimos de proclamar, tróuxonos un novo
tipo de relacións que nós estamos chamados a poñer en práctica: relacións
baseadas na verdade (dicir si, dicir non, non basearse en suposicións, senón en
datos certos); relacións de franqueza, que nos leven a planear os problemas
cara a cara; relacións de liberdade, respecto e tolerancia; relaciones de
amabilidade e comprensión; relacións de desbloqueo (non gardar as cousas,
porque nos pechan aos demais e o día menos pensado estoupan e causan graves
feridas.... ás veces incurables); relacións de esperanza, sen perder nunca a
perspectiva de que todos podemos cambiar; relacións cinguidas polo amor.
No hay comentarios:
Publicar un comentario