SOLEMNIDADE DE SAN PEDRO E DAN PAULO
Primeira Lectura Feit
12, 1-11
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Agora sei de certo que o Señor libroume das mans de Herodes
Naqueles
días, o rei Herodes botou man dalgúns membros da Igrexa, para os maltratar.
Mandou matar con espada a Santiago, irmán de Xoán, e, vendo que iso lles
agradaba aos xudeus, mandou prender tamén a Pedro.
Era a
semana da Pascua. Prendeuno, logo, e meteuno na cadea, gardándoo con catro
piquetes de catro soldados cada un. Quería presentalo diante do pobo despois da
Pascua. Mentres Pedro estaba retido no cárcere, a Igrexa rezaba intensamente a
Deus por el.
A noite
antes de que Herodes o presentara diante do pobo, estaba Pedro durmindo entre
dous soldados, ligado con dúas cadeas, e unhas sentinelas facían a garda diante
da porta da prisión.
De súpeto,
presentouse o anxo do Señor, e unha luz resplandeceu na cela, tocándolle no
costado, espertou a Pedro e díxolle:
- Érguete
correndo!
E
caéronlle as cadeas das mans.
Entón
díxolle o anxo:
- Pon o
cinto e calza as sandalias.
E así o
fixo. Despois díxolle:
- Bota o
manto por riba e sígueme.
Pedro saíu
e seguiuno, sen se dar conta que era realidade o que se facía por medio do
anxo, pois coidaba que era unha visión. Atravesaron a primeira garda e logo a
segunda, e chegaron á porta de ferro que daba á cidade e abriu de seu. E ao
saíren á rúa, logo o deixou o anxo.
Entón
Pedro, volvendo en si, dixo:
-
"Agora realmente vexo que o Señor mandou o seu anxo, para me librar das
mans de Herodes e de todo o que esperaba o pobo xudeu".
Palabra do Señor R/.
Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL
Sal 33, 2-3. 4-5. 6-7. 8-9
R/. (5): O Señor líbrame de todos os meus temores.
Bendigo o Señor en todo instante,
teño sempre na boca a súa loanza.
Eu gloríome no Señor:
que escoiten os humildes e se alegren.
Exaltade comigo o Señor,
loemos xuntos o seu nome.
Eu busquei o Señor, El respondeume,
libroume de todos os temores.
Contempládeo, e quedaredes radiantes,
os vosos rostros non os cubrirá a vergonza.
Este pobre clamou, e o Señor escoitouno,
librouno de todos os apuros.
O anxo do Señor acampa entre os seus fieis
e dálles seguridade.
Probade e vede o bo que é o Señor:
feliz quen a El se acolle.
Segunda Lectura 2 Tim
4, 6-8. 17-18
LECTURA DA SEGUNDA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO A TIMOTEO
Finalmente impónseme a coroa de xustiza
Benquerido irmán:
A min xa
me queda pouco para derramar o meu sangue e o meu pasamento está a chegar.
Combatín
unha boa loita, rematei a miña carreira, conservei a fe.
O que me
resta é a coroa da xustiza que me está reservada. E o Señor, que é xuíz xusto,
hama entregar aquel día.
E non só a
min senón a todos os que arelan a súa vinda gloriosa.
Pero o
Señor asistiume e deume forza para que eu rematase a predicación e todas as
nacións a escoitasen. E libroume da boca do león.
O Señor
hame librar de toda obra perversa e hame manter salvo para o seu reino
celestial.
Para El a
gloria polos séculos dos séculos. Amén.
Palabra do Señor R/.
Grazas a Deus
ALELUIA Mt 16,18
Se non se canta, pódese omitir
Aleluia, aleluia.
Ti es Pedro, e sobre esta pedra vou edificar a miña Igrexa,
e as portas do inferno non prevalecerán en contra dela.
Aleluia.
Evanxeo
Mt 16, 13-19
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Ti es Pedro, e dareiche as chaves do Reino dos Ceos
Naquel
tempo, chegou Xesús á comarca de Cesarea de Filipo e facíalles esta pregunta
aos seus discípulos:
‑ Quen di a xente que é o Fillo do
Home?
Eles
responderon:
‑ Uns din que Xoán Bautista; outros,
que Elías; outros, que Xeremías ou algún dos profetas.
El
insistiu:
‑ E vós, quen dicides que son eu?
Respondeu
Simón Pedro:
‑ Ti es o Mesías, o Fillo de Deus
vivo.
E Xesús
contestoulle:
‑ Ditoso ti, Simón, Fillo de Xonás,
porque non cho revelou nin a carne nin o sangue, senón meu Pai, que está nos
ceos.
E eu
dígoche:
"Ti
es Pedro, e sobre esta pedra vou edificar a miña Igrexa, e as portas do inferno
non prevalecerán en contra dela.
Dareiche
as chaves do Reino dos Ceos; todo o que ates na terra, ficará atado nos ceos; e
todo o que desates na terra, ficará desatado nos ceos".
Palabra do Señor R/.
Loámoste, Cristo