sábado, 28 de junio de 2014

Reflexión

UN DEUS QUE NOS COIDA: A celebración deste día debe axudarnos a que nos preguntemos se de verdade a imaxe que temos de Deus é a que nos presenta o Evanxeo ou é máis ben unha imaxe herdada e chea de prexuízos e falsas comprensións de Deus. Unha das cousas que mellor nos axudan a entender que se esconde detrás da palabra Deus non son os ritos nin tampouco os costumes, senón a lectura e a escoita, repousada e atenta, dos textos da Palabra que proclamamos nas celebracións. Deus non aparece como aquel que o sabe todo, que o quere todo ou que o pode todo. Non, todo o contrario. Deus preséntasenos como un “alguén” (é importante distinguir aquí que non é algo, senón alguén; un Deus persoal) que terma e coida de nós. Vén sendo ese Pai/Nai capaz de agarimar, escoitar, comprender e acompañar aos seus fillos/as. Un Deus, que coma a maioría dos nosos pais e nais, son capaces de respectar as nosas decisións -inda que moitas veces non lles gusten– porque valoran a liberdade e a capacidade de elixir sobre o intento, a tentación, de dirixir, mandar ou impoñer o seu propio criterio. Do mesmo xeito que entendemos a nosa relacións cos nosos pais/nais, así debemos tamén entender a nosa relación con Deus. Cóidanos, quérenos, preocúpase..., pero deixa que sexamos nós os que tomemos as propias decisións; mesmo se nos equivocamos. El invítanos a seguir un camiño; pero é unha invitación, non impón. Tócanos a nós responder si ou non. Os primeiros cristiáns foron entendéndoo, inda que tamén lles custou. A lectura do libro dos Feitos dos apóstolos vainos mostrando como é esta pedagoxía de Deus: unha pedagoxía que segue a ter vixencia porque non pasou de moda. Deixémonos educar por ela, e non permitamos que ninguén, nin no nome de Deus nin no nome dos homes, nos domestique. Segue a haber moitos Herodes no mundo de hoxe!

UN DEUS QUE ACOMPAÑA: Quen é capaz de coidar de alguén non pode desentenderse do que pasa ao seu redor, do que lle pasa aos que quere, do que precisan. Por iso, outra das imaxes que axuda a entender que queremos dicir os cristiáns cando utilizamos a palabra Deus, é a de que é compaña. Si, non nos deixa sós, está ao lado, camiña ao noso paso, non busca adiantarse para chegar antes. Con isto queremos afirmar que o Deus que se nos revela en Xesús é un Deus sen a pretensión dos seres humanos. Nós loitamos por ser os primeiros, por destacar, por presentarnos coma os mellores, por... Porén, El limítase a estar acompañando, a facer connosco o camiño, a non pasar de largo –“queda connosco” dixeron os de Emaús-. Esta experiencia viviuna Paulo na súa propia carne. El, que se presentaba na súa seguridade coma o que tiña todo moi claro, vive unha experiencia transformadora que leva a que a súa intolerancia dea paso á constancia e á sinxeleza, a verse necesitado dos demais, e sentir como aqueles mesmos aos que perseguía para denuncialos, eran os mesmos que na súa limitación ao quedarse cego, coidaban del e se preocupaban por axudalo. Este testemuño foi o que levou a Paulo a saír da súa pretendida seguridade para poñerse no camiño do risco, da dificultade, mesmo da incomprensión dos que ata había ben pouco foran dos seus. O que o fai madurar e comprender, de aí que sexa este o testemuño que lle transmite ao seu discípulo Timoteu, cando o invita a non precipitarse, senón a ser paciente e perseverante, porque as présas non son nunca boas compañeiras na viaxe das decisións que temos que ir tomando na vida. Só quen é capaz de entender isto será tamén capaz de descubrir que a vida non ten o final no efémero dos aplausos que logo se esquecen, senón na coroa de xustiza e plenitude que nos ofrece Xesús. E para isto..., tampouco o medo é bo compañeiro!


UN DEUS DE DON E GRATUIDADE: E coidado e compaña non poden darse senón é na gratuidade e no don. Son estes dous aspectos fundamentais na vida de quen queira levar con dignidade o nome de seguidor de Xesús. El non garda para si, comparte a súa experiencia. Pona ao servizo de quen queira acollela e vivila. Pero entendamos ben, compártea, non a impón. As chaves que lle entrega a Pedro son unhas chaves que, desde o don e a gratuidade que El ofrece, pasan a ser chaves que abren e invitan a entrar. Non son chaves que serven para pecharse na intolerancia e no fundamentalismo de quen se cre mellor cós outros, e vai xulgando e condenando a quen non pensa, non di ou non fai coma el. Xesús non pide que sexamos imitadores -imitador é quen repite o que outro fai–. El pídenos que sexamos seguidores creativos, renovadores e sempre dispostos a poñer a orella en disposición de escoitar o que outros poidan dicirnos. Só así poderemos, tamén nós, abrir as pechaduras coas chaves que fan que o reinado de Deus se vaia desenvolvendo xa desde aquí co gozo de facer do Evanxeo vida chea de esperanza. Aos ollos de Deus nós non somos xuíces, senón irmáns. O xuíz xulga e dita sentencia. O irmán e a irmá escoitan, axudan, perdoan... e sempre tenden a súa man.

No hay comentarios:

Publicar un comentario