sábado, 28 de junio de 2014

Lecturas

SOLEMNIDADE DE SAN PEDRO E DAN PAULO


Primeira Lectura  Feit 12, 1-11
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Agora sei de certo que o Señor libroume das mans de Herodes
 
            Naqueles días, o rei Herodes botou man dalgúns membros da Igrexa, para os maltratar. Mandou matar con espada a Santiago, irmán de Xoán, e, vendo que iso lles agradaba aos xudeus, mandou prender tamén a Pedro.
            Era a semana da Pascua. Prendeuno, logo, e meteuno na cadea, gardándoo con catro piquetes de catro soldados cada un. Quería presentalo diante do pobo despois da Pascua. Mentres Pedro estaba retido no cárcere, a Igrexa rezaba intensamente a Deus por el.
            A noite antes de que Herodes o presentara diante do pobo, estaba Pedro durmindo entre dous soldados, ligado con dúas cadeas, e unhas sentinelas facían a garda diante da porta da prisión.
            De súpeto, presentouse o anxo do Señor, e unha luz resplandeceu na cela, tocándolle no costado, espertou a Pedro e díxolle:
            - Érguete correndo!
            E caéronlle as cadeas das mans.
            Entón díxolle o anxo:
            - Pon o cinto e calza as sandalias.
            E así o fixo. Despois díxolle:
            - Bota o manto por riba e sígueme.
            Pedro saíu e seguiuno, sen se dar conta que era realidade o que se facía por medio do anxo, pois coidaba que era unha visión. Atravesaron a primeira garda e logo a segunda, e chegaron á porta de ferro que daba á cidade e abriu de seu. E ao saíren á rúa, logo o deixou o anxo.
            Entón Pedro, volvendo en si, dixo:
            - "Agora realmente vexo que o Señor mandou o seu anxo, para me librar das mans de Herodes e de todo o que esperaba o pobo xudeu".

                        Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL   Sal 33, 2-3. 4-5. 6-7. 8-9
R/.  (5):  O Señor líbrame de todos os meus temores.

Bendigo o Señor en todo instante,
teño sempre na boca a súa loanza.
Eu gloríome no Señor:
que escoiten os humildes e se alegren.

Exaltade comigo o Señor,
loemos xuntos o seu nome.
Eu busquei o Señor, El respondeume,
libroume de todos os temores.

Contempládeo, e quedaredes radiantes,
os vosos rostros non os cubrirá a vergonza.
Este pobre clamou, e o Señor escoitouno,
librouno de todos os apuros.

O anxo do Señor acampa entre os seus fieis
e dálles seguridade.
Probade e vede o bo que é o Señor:
feliz quen a El se acolle.


Segunda Lectura  2 Tim 4, 6-8. 17-18
LECTURA DA SEGUNDA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO A TIMOTEO
Finalmente impónseme a coroa de xustiza

             Benquerido irmán:
            A min xa me queda pouco para derramar o meu sangue e o meu pasamento está a chegar.
            Combatín unha boa loita, rematei a miña carreira, conservei a fe.
            O que me resta é a coroa da xustiza que me está reservada. E o Señor, que é xuíz xusto, hama entregar aquel día.
            E non só a min senón a todos os que arelan a súa vinda gloriosa.
            Pero o Señor asistiume e deume forza para que eu rematase a predicación e todas as nacións a escoitasen. E libroume da boca do león.
            O Señor hame librar de toda obra perversa e hame manter salvo para o seu reino celestial.
            Para El a gloria polos séculos dos séculos. Amén.

                        Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


ALELUIA   Mt 16,18
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Ti es Pedro, e sobre esta pedra vou edificar a miña Igrexa,
e as portas do inferno non prevalecerán en contra dela.
Aleluia.


Evanxeo  
Mt 16, 13-19
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Ti es Pedro, e dareiche as chaves do Reino dos Ceos

            Naquel tempo, chegou Xesús á comarca de Cesarea de Filipo e facíalles esta pregunta aos seus discípulos:
            Quen di a xente que é o Fillo do Home?
            Eles responderon:
            Uns din que Xoán Bautista; outros, que Elías; outros, que Xeremías ou algún dos profetas.
            El insistiu:
            E vós, quen dicides que son eu?
            Respondeu Simón Pedro:
            Ti es o Mesías, o Fillo de Deus vivo.
            E Xesús contestoulle:
            Ditoso ti, Simón, Fillo de Xonás, porque non cho revelou nin a carne nin o sangue, senón meu Pai, que está nos ceos.
            E eu dígoche:
            "Ti es Pedro, e sobre esta pedra vou edificar a miña Igrexa, e as portas do inferno non prevalecerán en contra dela.
            Dareiche as chaves do Reino dos Ceos; todo o que ates na terra, ficará atado nos ceos; e todo o que desates na terra, ficará desatado nos ceos".


                        Palabra do Señor                                         R/. Loámoste, Cristo

No hay comentarios:

Publicar un comentario