sábado, 26 de octubre de 2013

Lecturas

XXX DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO - CICLO C

Primeira Lectura     Eclo 35, 15b-17. 20-22a (gr. 12-14. 16-18)
LECTURA DO LIBRO DO ECLESIÁSTICO
A oración do humilde traspasará as nubes

            Deus é un Deus xusto
e non ten preferencias de persoa;
non tomará parte contra o pobre
mais presta oídos ás demandas do asoballado;
non refuga os saloucos do orfo
nin da viúva que repite o seu laio.
            Semellante laio acada o seu favor,
o seu berro chega ata as nubes.
            O grito do pobre traspón as nubes,
non apousenta ata chegar á meta,
non cede ata que Deus o atende
e que o xuíz veraz faga xustiza;
tampouco Deus a retardará.

                        Palabra do Señor                             R/.  Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 33, 2-3. 17-18. 19 e 23
R/.  (7a):  Clamou o pobre e Deus escoitouno.

Bendigo o Señor en todo instante,
teño sempre na boca a súa loanza.
Eu gloríome no Señor:
que escoiten os humildes e se alegren.

Mais o Señor encara os malvados,
para borrar da terra a súa memoria.
O Señor está preto do aflixido,
salva os de ánimo abatido.

O Señor está preto do aflixido,
salva os de ánimo abatido.
O Señor redime os seus servos:
non será castigado quen a El se acolle.


Segunda Lectura     2 Tim 4, 6-8. 16-18
LECTURA DA SEGUNDA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO A TIMOTEO
Finalmente daráseme a coroa de xustiza

            Benquerido irmán:
            A min xa me queda pouco para derramar o meu sangue, e o meu pasamento está a chegar.        
            Combatín unha boa loita, rematei a miña carreira, conservei a fe. O que me resta é a coroa da xustiza que me está reservada.
            E o Señor, que é xuíz xusto, hama entregar aquel día. E non só a min, senón a todos os que arelan a súa Vinda gloriosa.
            Na miña primeira defensa non me acompañou ninguén, todos me deixaron. Que Deus llelo perdoe! Pero o Señor asistiume e fortaleceume para rematar a  predicación e que todas as nacións a escoitaran. E libroume da boca do león.
            O Señor hame librar de toda obra perversa e hame manter a salvo para o seu Reino celestial.       Para El a gloria polos séculos dos séculos. Amén.

                        Palabra do Señor                             R/.  Grazas a Deus


ALELUIA    2 Cor 5, 19
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Deus estaba en Cristo reconciliando o mundo consigo,
e poñendo en nós a mensaxe da reconciliación.
Aleluia.


Evanxeo     Lc 18, 9-14
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Baixou o publicano xustificado para a súa casa,  ao contrario que o fariseo
 
            Naquel tempo, Xesús propúxolles esta parábola dirixíndose a uns que estaban moi seguros de si mesmos, créndose perfectos e desprezando os demais:

            Dous homes subiron  ao templo para orar; un era fariseo e outro recadador de impostos.
            O fariseo, de pé, oraba para os seus adentros deste xeito: "Meu Deus, douche grazas porque non son coma os demais: ladrón, inxusto e adúltero; nin coma ese recadador. Gardo o xaxún dúas veces por semana e pago o décimo de todo canto gaño".
            O recadador, en troques, manténdose a distancia, non se atrevía nin a levantar os ollos  ao ceo, senón que petando no peito dicía: "Meu Deus, ten compaixón de min, que son un pecador".
            Asegúrovos que este baixou reconciliado con Deus para a súa casa e, en cambio, o outro non. Porque a todo o que se teña por moito rebaixarano e a todo o que se rebaixe enaltecerano.


                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo

Reflexión

Un mundo onde a loita contra a tentación de esmagar e oprimir ao outro é tan grande, necesita de referentes que o fagan ter sempre presente que as persoas somos o centro de todo, o máis importante, a razón e o porqué de todo canto se fai e supón avance e mellora para todos. Tendo isto claro, a realidade vai por un camiño moi distinto. Nunca tanto coma hoxe as desigualdades entre uns e outros foron tan grandes; as diferenzas entre os que teñen moito e os que día a día van perdendo o pouco que teñen son cada vez maiores. Ocórrenos a nós como ocorría no tempo no que se escribiu o libro de Eclesiástico, que lemos como primeira lectura. Diante da indiferenza e o desprezo das persoas, relegadas a segundos, terceiros e cuartos postos no canto dos cartos, as ganancias e as estatísticas favorables, necesitamos para vencer esta actitude morna e tremendamente inhumana, voces que nos esperten do sono que nos fai pasivos e xustificadores de canto pasa. Necesitamos persoas e testemuños que non deixen que adormezan as nosas conciencias e nos convertan en simples robots que aceptan pasivamente o que os que mandan deciden sobre nós, como se foramos ovellas dun rabaño que eles guían e enganan segundo os seus intereses. Fronte de tantos lobos que buscan abusar de nós, necesitamos sentirnos firmes e asentados na forza que recibimos da Palabra de Deus, para clamar e actuar contra os que non prefiren ás persoas, e dentro destas, aos pobres, como compañeiros de viaxe á hora de construír un mundo no que non gañen sempre os mesmos, e os perdedores sexan reducidos a cousas, como se a súa dignidade non valera para nada. Se non nos apuramos, acabará pasando o tempo, quedaremos atrás, e cando queiramos reaccionar, xa será tarde. O Papa Francisco vén insistindo, unha e outra vez, que temos que saír dos pazos das comodidades, para ir facendo barullo. O barullo de quen sabe que as cousas poden ser doutro xeito. Pero para iso é necesario perder os medos e unirnos a cantos, coa mesma esperanza e ilusión, non se conforman nin se resignan, senón que se rebelan contra todo canto supón ver ás persoas oprimidas, enganadas ou estafadas. Do mesmo xeito que o Señor encara aos malvados, que tamén nós saibamos unir forzas para plantarlles cara.

 Este esforzo será o que anime e vaia dando sentido á nosa vida. Porque, se non fose así, teriamos que preguntarnos que pintamos aquí? Para que estamos? Que sentido ten calar e aguantar? Deus non nos quere resignados nin calados, senón activos e denunciando as inxustizas que os que mandan e, pensan que saben, van cometendo contra de nós e dos máis débiles. Como crentes e seguidores de Xesús non podemos nin debemos permitilo. Non é tempo de calar nin de aguantar acatamentos e privilexios de quen sendo igual a cada un/ha de nós, coida que pode pisarnos e esmagarnos se non facemos o que quere e manda. É tempo de rebelarse, para que ao chegar á meta, poidamos pasala coa alegría de ter loitado e traballado polo triunfo. Tal e como nos di Paulo que a el lle espera. Do mesmo xeito, tamén a nós nos agarda a meta do encontro con Deus. Presentarémonos coa vida chea de resignación e as mans baleiras?


Non nos creamos, entón, nin perfectos nin mellores cós demais, e esforcémonos por ir buscando canto nos une, achega e esperanza, para así ir construíndo espazos de encontro dos que saen as forzas para loitar contra da inxustiza e evitar que os de sempre, os que din, mandan, dirixen e impoñen, sexan os que acaben saíndo coa súa. Non fagamos coma o fariseo que se cría xusto e mellor cos demais, e desprezando a quen tiña a seu lado, quería dar leccións de bonhomía. Fagamos da nosa vida, como nos invita Xesús, espazos de colaboración, encontro, respecto para os outros e sinxeleza. Porque dos sinxelos e misericordiosos é o Reinado que nos deixou Xesús.

sábado, 19 de octubre de 2013

LECTURAS

XXIX DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO -  CICLO C

  
Primeira Lectura     Ex 17, 8-13
LECTURA DO LIBRO DO ÉXODO
Mentres Moisés levantaba a man, vencía Israel

            Naqueles días, viñeron os amalecitas e atacaron Israel en Refidim. Moisés díxolle a Xosué:
            "Escolle uns poucos homes e sae a loitar con Amalec. De mañá eu estarei no cume do outeiro, coa vara de Deus na man".
Xosué fixo o que lle mandaba Moisés, e foi loitar con Amalec mentres Moisés, Aharón e Hur subían  ao cume do outeiro.
            Cando Moisés erguía as mans, vencía Israel; cando as baixaba, vencía Amalec. As mans de Moisés estaban cansas, e eles colleron unha pedra e puxéronlla de asento,  ao tempo que Aharón e Hur, un por cada lado, lle sostiñan as mans ergueitas.
            As mans de Moisés estiveron ergueitas ata a posta do sol.
Xosué venceu a Amalec e á súa xente, a fío de espada.

                        Palabra do Señor                             R/.  Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL     Sal 120, 1-2. 3-4. 5-6. 7-8
R/. (cf. 2): O noso socorro vén do Señor, que fixo o ceo e mais a terra.

Alzo os meus ollos cara aos montes:
de onde virá  o meu socorro?
O meu socorro vén do Señor,
que fixo o ceo e mais a terra.

El non deixa que esvare o teu pé,
o teu gardián non dorme;
non dorme, non adormece,
o gardián de Israel.

O Señor é o teu gardián,
O Señor é o teu arrimo, está á túa dereita.
Polo día o sol non che fará dano
nin a lúa pola noite.

O Señor gárdate do mal,
El garda a túa vida.
O Señor garda a túa chegada e a túa saída,
agora e por sempre.



Segunda Lectura     2 Tim 3, 14 -- 4, 2
LECTURA DA SEGUNDA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO A TIMOTEO
Perfecto sexa o home de Deus, idóneo para calquera obra boa

            Benquerido irmán:
            Mantente no que aprendiches e no que criches, e que non che esqueza quen cho aprendeu. Porque xa desde neno coñeces as letras santas, que son podentes para che ensinar o  camiño da salvación pola fe en Cristo Xesús.
            Toda a Escritura está inspirada por Deus e é útil para ensinar, para corrixir, para emendar, para educar na xustiza. Dese xeito, o home de Deus tórnase idóneo para calquera obra boa.
            Pídoche diante de Deus e de Cristo Xesús, que ha vir xulgar a vivos e mortos, pola súa vinda gloriosa e polo seu reinado: pregoa a palabra, insiste teimudamente, corrixe, reprende, aconsella con moita paciencia e doutrina.

                        Palabra do Señor                             R/.  Grazas a Deus


ALELUIA     Heb 4, 12
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
A palabra de Deus é viva e dinámica,
xulga os proxectos e os pensamentos do corazón.
Aleluia.



Evanxeo     Lc 18, 1-8
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Deus faralles xustiza aos seus elixidos que claman a El
 
            Naquel tempo, Xesús propúxolles aos seus discípulos unha parábola acerca da necesidade de orar sempre, sen cansar:
            Había nunha vila un xuíz que nin temía a Deus nin respectaba o home. Na mesma vila había tamén unha viúva, que acudía a el dicíndolle: "Faime xustiza fronte  ao meu contrario". El, durante moito tempo, non lle fixo caso ningún; pero despois cavilou: "Aínda que non temo a Deus nin respecto o home, como esta viúva me está amolando, voulle facer xustiza, para que non me siga toleando toda a vida".
            E o Señor continuou:
            Escoitade o que di un xuíz inxusto. E logo Deus non lles vai facer xustiza aos seus elixidos, que claman día e noite, e non vai ter paciencia con eles? Asegúrovos que lles fará xustiza a tempo. Pero cando chegue o Fillo do Home, el atopará fe sobre a terra?


                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo

Comentario

    Moisés é consciente da realidade na que el e mais o pobo están a vivir, por iso insiste unha e outra vez na necesidade de orar xuntos, de orar con confianza, de orar crendo na forza e no valor da oración. Non se está a referir a unha oración rutineira que leva os beizos para un lado e a mente para outro. El non deixa de dicirlle ao pobo que canto se expresa cos beizos ha saír do profundo do corazón, pois só así a credibilidade de quen reza e do que se reza poderá asentar realmente no cotián da vida de cada persoa. Cando nós rezamos, facémolo tamén así, ou máis ben deixámonos ir polo vieiro da costume, a rutina e as palabras sen sentido nin forza que saen da nosa boca?... Unha vez máis, e respondendo á invitación que desde esta palabra que busca alimentar e dar sentido á nosa vida, esforcémonos por non caer na tentación de cansar e abandonar. Porque só quen insiste e non se deixa vencer polo desánimo, é capaz de entender e albiscar por que os cristiáns falamos de esperanza e non só de ilusión nin de ideas irrealizables. Non terá algo que ver coa aclamación que faciamos no salmo de que o noso auxilio nos vén do Señor?
     Se somos capaces de ir acompasando todo canto imos vivindo e facendo co que rezamos, estaremos acadando o obxectivo ao que nos invita Xesús: non deixarnos levar nin das présas nin da tentación de deixar pasar o tempo sen facer nada; á vez que iremos construíndo o edificio da nosa existencia con bos cimentos; os cimentos que se son capaces de aguantar os envites que a todos nos vai dando a vida, e non perder deste xeito a esperanza que asenta e orienta o sentido e opcións que cada un de nós imos tomando, e que nos axudan a crecer e madurar como persoas e como cristiáns. Deste xeito, iremos respondendo ás diferentes situacións nas que se vai concretando en nós a obra de Deus. Unha obra que deberá ir aprendendo a beber da fonte da realidade –os sinais dos tempos– para dar os mellores froitos de actitudes cristiás vividas sen medo e con gozo, no medio do mundo, e en unión con outras persoas, sexan ou non dos que pensan e fan coma nós. A obra de Deus non é un conxunto de ritos ou prácticas; tampouco un elenco de normas ou imposicións, senón a maneira de facer e vivir de xeito ledo que Deus nos quere, nos acompaña e nos invita a facer o mesmo coas persoas do noso redor e desde as estruturas xustas, solidarias e sempre orientadas ao ben común que nós imos dando na nosa sociedade.
      E todo o desenvolvemento deste proxecto que Deus pon ao noso dispor para que o realicemos non pode quedar nin reducirse a un activismo continuo de facer cousas e desesperarse porque non saen como as tiñamos pensado, senón que ha ser un proxecto construído paseniñamente, sen présas e ben orientado.Un proxecto que necesita non do simple arrouto da acción, senón da forza da oración perseverante, confiada e asentada sobre canto se vai facendo. Porque é aí onde temos que ir descubrindo a forza e a presenza de Deus. Só deste xeito poderemos entender por que cando falamos da oración, falamos do gran puntal que sostén a forza das nosas accións, as debilidades das nosos proxectos e a ilusión desde a que a perseveranza vai facendo que non desesperemos nas dificultades, senón que saibamos agradecer con realismo as nosas limitacións, e a necesidade da forza de Deus e da axuda dos demais. Solos non imos moi lonxe. Xuntos e en comunidade, acadamos metas e superamos atrancos. Perseveremos, sen medo, neste camiño.

domingo, 13 de octubre de 2013

Porque debemos dar grazas..

PREGARIA DUN CORAZÓN AGRADECIDO

Ofrézoche hoxe, Pai, o meu corazón agradecido.
Pouco máis teño que ofrecerche,
porque son pouca cousa,
home frouxo e pecador,
ofrézoche o meu corazón agradecido.

Polos pais que me xeraron
no amor e na esperanza sen límite;
pola xente toda que me abriu á vida
nunha longa e lenta sementeira:
ofrézoche o meu corazón agradecido.

Por todos os que falaron de ti
e ao teu fogar me conduciron
co arrastre das palabras vizosas,
co engado dunha vidas maduradas:
ofrézoche o meu corazón agradecido.

Pala auga do bautismo,
polo espírito no que fun confirmado,
polo perdón que me renova,
polo pan saboroso da Eucaristía:
ofrézoche o meu corazón agradecido.

Polo meu traballo diario,
polo diario amor da miña parella,
pala convivencia veciñal,
pala fermosura da nosa Terra:
ofrézoche o meu corazón agradecido.

Por ti mesmo, Pai, por ti mesmo,
que adiviño cada día en min mesmo
e no rostro das persoas e das causas,
por ti mesmo, Pai, por ti mesmo:


ofrézoche o meu corazón agradecido.

LECTURAS

XVIII DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO - CICLO C


Primeira Lectura     2 Re 5, 14-17
LECTURA DO LIBRO SEGUNDO DOS REIS
Volvéndose Naamán cara  ao home de Deus, proclamou a súa fe no Señor
 
            Naqueles días, baixou Naamán, o Sirio,  ao Xordán e mergullouse na súa auga sete veces, segundo lle mandara Eliseo o home de Deus. A súa carne tornouse entón coma a dun neno pequeno, e quedou limpo da súa lepra.
            Volveu Naamán con toda a súa compaña onda o home de Deus e presentóuselle, dicindo:
            "Agora recoñezo que non hai deus en toda a terra, fóra do Deus de Israel. Acepta, pois, un regalo do teu servo".
            Respondeulle Eliseo:
            "Polo Señor vivo a quen sirvo, que non aceptarei cousa ningunha". E por moito que lle insistiu para que aceptase, el negouse.
            Naamán dixo entón:
            "Pois logo, permite que o teu servo leve unha carga desta terra, a que poidan cargar dúas mulas, pois o teu servo non ofrecerá holocaustos nin sacrificios a deus ningún, senón só  ao Señor.

                        Palabra do Señor                             R/.  Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 97, 1. 2-3ab. 3cd-4
 R/. (cf. 2b): O Señor revela a súa xustiza ante os pobos.

Cantade  ao Señor un cántico novo,
pois fixo marabillas;
a súa destra deulle a vitoria,
o seu brazo santo.

0 Señor dá a coñeces a súa vitoria,
revela a súa xustiza ante os pobos.
Lembrou a súa misericordia e a súa fidelidade
coa casa de Israel.

Os confíns todos da terra percibiron
a vitoria do noso Deus.
Aclama  ao Señor, terra enteira,
rompede a cantar e a tocar.


Segunda Lectura     2 Tim 2, 8-13
LECTURA DA SEGUNDA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO A TIMOTEO
Se nos mantemos firmes, reinaremos con Cristo

            Benquerido irmán:
            Lémbrate de Xesús Cristo, resucitado dos mortos, da semente de David.
            Este é o meu Evanxeo, polo que padezo ata estar preso coma un vulgar criminal. Pero a palabra de Deus non está encadeada.
            Por iso soporto todas as cousas por mor dos escolleitos, para que tamén eles acaden  salvación en Cristo Xesús, coa gloria eterna. Gran verdade é esta:
            Se con el morremos, viviremos con el.
Se con el padecemos,  reinaremos con el.
Se renegamos del, tamén el nos ignorará.
            Pero se lle fallamos na fe, el mantense fiel,
pois non pode renegar de si mesmo.

                        Palabra do Señor                             R/.  Grazas a Deus


ALELUIA   1 Tes 5, 18
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Dade grazas por todo:
tal é a vontade de Deus en Cristo Xesús para con vós.
Aleluia.


Evanxeo     Lc 17, 11-19
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Non houbo quen volvera dar gloria a Deus senón este xentil

            Indo Xesús camiño de Xerusalén, mentres pasaba entre Samaría e Galilea,  ao entrar nunha aldea, saíronlle  ao paso dez gafos. Pararon  ao lonxe, e dando voces suplicáronlle:
             Xesús, Mestre, ten dó de nós.
            El,  ao velos, díxolles:
            Ídevos presentar aos sacerdotes.
            E aconteceu que cando ían para alá, quedaron limpos. E un deles,  ao se decatar de que estaba curado, volveu loando a Deus con grandes voces. E prostrándose, rostro en terra, aos pés de Xesús, deulle as grazas. Era un samaritano. Xesús dixo:
            Non foron dez os que quedaron limpos? Onde están os outros nove? Ninguén, fóra dun estranxeiro, volveu para lle dar gloria a Deus?
            E engadiu:
            Érguete e vaite: salvoute a túa fe.


                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo

REFLEXIÓN

DESCUBRIR A DEUS: As dúas persoas que se atopan con Deus nas páxinas das lecturas de hoxe son estranxeiras: un sirio e un samaritano. Ningún deles pertencía ao pobo escollido, ningún estaba, aparentemente, nas mellores condicións para ter un encontro con Deus. Porén, os dous souberon ir máis alá dunha lectura superficial do seu acontecemento (a súa curación) para atoparse co feito sempre sorprendente de ter descuberto a Deus. Ese mesmo é o gran reto das persoas sobre a terra, porque non nos enganemos: podemos vivir toda unha vida chamándonos cristiáns e cristiás sen ter descuberto de verdade a Deus. Porque moitas veces temos a tentación de crernos os bos e corremos o risco de non saber descubrir os valores dos demais, tamén dos estranxeiros, dos que non falan, visten, aman, cren ou pensan coma nós, dos que “non son dos nosos”. Cómpre que sexamos máis humildes e tolerantes e menos autosuficientes, porque non temos o monopolio do ben.

UN DEUS SORPRENDENTE: Dez leprosos acoden a Xesús pedindo recobrar a saúde. Todos esperaban un xesto marabilloso, un prodixio. Xesús limítase a dicirlles que fixeran o que tiñan que facer (cumprir a lei e presentarse ao sacerdote). E cando ían de camiño, quedaron limpos. Nove dos leprosos pensaron que como fixeran o que tiñan que facer, pasara o que tiña que pasar; pero o samaritano soubo descubrir na súa curación a man de Deus e volveu onda Xesús para darlle as grazas. Na nosa vida, convencidos de que todo é fatalidade ou destino, perdemos a sensibilidade para descubrir nela esa man e así, cando as cousas van ben, pensamos que é o normal; pero se van mal, facilmente lle botamos as culpas a Deus ou renegamos del. Non somos quen de descubrir a Aquel que sae ao noso encontro para sorprendernos: Moisés descubriuno na silveira, Abrahán nos peregrinos que hospedou na súa tenda, María na mensaxe do anxo… E nós, sabemos ver a Deus na natureza, nos irmáns, no noso traballo, no sorriso dos nenos, nos pequenos praceres da vida… e tamén nos malos ratos?.


QUE NOS SACUDE DA RUTINA: Detrás das formas e das fachadas relixiosas, é moi doado atopar un baleiro que pouco a pouco esteriliza a nosa vida e transforma as nosas comunidades en sombras do pasado ou restos puramente folclóricos. Ao cabo do tempo, todo perde sabor e sentido: recíbense os sacramentos coma un puro trámite social, pero internamente non estamos dispostos a cambiar. Rodeados de palabras, rezos, reunións… perdemos de vista o fundamental: Xesús e o seu Evanxeo. Por iso os nove leprosos reflicten á perfección o estilo relixioso dos países, coma o noso, tradicionalmente cristiáns: é tan grande a superficialidade e a falla de compromiso que xa nada capta a nosa atención, non vivimos nada en profundidade, nada nos empurra a unha renovación. Somos quen de recibir e facer todo cunha completa indiferenza. Logramos un cristianismo cousificado e codificado: todo se fai segundo as tradicións estipuladas, pensadas e dirixidas desde arriba, realizadas mecanicamente, como se só polo feito de facer “cousas piadosas” ou de recibir sacramentos, fose suficiente para medrar e madurar na fe, como se non quedara un lugar para o esforzo e a iniciativa persoais, como se creatividade e fe foran termos opostos, como se non houbese espazo para a revisión e a crítica. Por iso hoxe pode ser un bo día para comprometernos a buscar as pegadas de Deus a través dos feitos ordinarios, para comprometernos a non dar por sabido todo o que se nos ofrece, aínda que nos pareza que o escoitaramos xa mil veces. Aprendamos a descubrir as improvisacións de Deus aínda nos seus agasallos máis frecuentes… e permanezamos sempre en actitude de agradecemento.

sábado, 5 de octubre de 2013

Para pensar...


Xesús,
ensínanos a quererlle moito
aos nosos pais, ás nosas nais,
aos nosos fillos, ás nosas fillas,
a todos os nosos.

Que ese amor que lles teñamos
sexa a escola diaria
onde aprendamos a quererte a ti,
por riba de todo.

Ensínanos a cargar coa cruz,
coa nosa e co pedaciño da cruz dos demais
que a nos toca.

Ensínanos a seguirte,
sen medo, sen covardías,
sen volver a vista atrás.

Ensínanos
a perder a vida por ti,
pola xente,
polo teu plan entre a xente,
pola clase traballadora.

Ensínanos a descubrirte e acollerte
na xente que a diario
chega á porta das nosas casas
ou cruza con nós no camiño.
Ensínanos
a darlle aprecio, coma ti,
ás cousas pequenas
que nos fan os veciños
ou que nós lle facemos tamén
a calquera dos máis pequenos.

Xesús,
ensínanos a sermos dignos de Ti.
(Oración para ser digno de Xesús, Un caxato...94-9 )

LECTIO

A vida da fe. O compromiso da fe nunha sociedade plural e cada vez máis secularizada. Crer ou non crer. A cuestión non está en saber se o noso tempo crerá ou non, senón en que crerá. Imos cara a unha relixiosidade na que cada un fabrica os seus deuses ao seu propio gusto, adaptándoos ás necesidades propias. Xa dicía Chesterton para describir o paradoxo actual: «Cando os homes deixan de crer en Deus, non é que non crean en nada. Cren en calquera cousa».

Vivimos tempos difíciles, de profundas crises. Tempos dunha certa escuridade que nos levan a preguntarnos moitas veces pola luz, polo sentido das cousas, pola vida. O primeiro que temos que preguntarnos é se aínda temos fe. Se en determinados momentos da nosa vida a resposta parece fácil, noutros non o é tanto. Que é crer? Por que creo? Temos fe ou unha serie de crenzas?
 
O seguidor de Xesús é convidado a asumir que as interrogantes actuais son unha ocasión para pór de relevo a radical novidade do evanxeo. O crente é convidado a reafirmar que «a fe fai pensar, é portadora de sabedoría e dunha comprensión da realidade de Deus, da humanidade e da historia. A fe pode contribuír a solucionar os grandes retos aos que se enfronta a nosa sociedade... Sen pretender resolver todos os problemas, esta fe cristiá implica unha revelación do home, da súa liberdade e responsabilidade ante
este mundo que hai que pensar e construír». Todas as dificultades reais que temos hoxe para crer,
hannos de conducir a facer un balance da nosa fe, a reencontrar a súa fonte, o seu dinamismo e o seu obxectivo último. Se o crente sente desde a fraxilidade da súa vida a necesidade dunha luz permanente, dun aumento de fe, tecida desde todas as dificultades e escuridades da vida, é que segue necesitando crer na Boa Nova que lle dea razóns para vivir, para atreverse a amar e para esperar o futuro.

A fe. Sempre a fe. Auméntanos a fe, aumentar a luz.
Unha fe que non é un ter, senón unha maneira de ser, unha maneira de acoller unha presenza que, ás veces, preséntese tan próxima, pero que, ao instante, se escabulle.
A fe. Sempre a fe. Tantas cousas!
Acollida e espera, no mesmo corazón do crente unha longa viaxe. «A fe é unha longa viaxe, durante o cal as noites suceden aos días, as luces das albas ás escuridades crepusculares e, a maioría das veces, camíñase a media luz. A fe non é un golpe de varita máxica que acabe cos lentos tanteos da nosa intelixencia e da nosa liberdade. Esta é precisamente a grandeza e a fraxilidade da nosa fe».
«Auméntanos, Señor, a fe»:

que saibamos descubrirche no noso ser, na vida, nos homes, na Igrexa. E que tamén digamos humildemente o da parábola de hoxe: «Somos uns pobres servos, fixemos o que tiñamos que facer».

Lecturas


XVII DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO CICLO C


Primeira Lectura     Hab 1, 2-3; 2, 2-4
LECTURA DO LIBRO DE HABACUC
O xusto vive pola súa fe

            Ata que día, Señor, hei de estar pedindo auxilio,
sen que ti fagas caso?
            Ata que día clamarei cara a ti: "Violencia", sen que salves?
            Por que me fas ver a iniquidade e me fas contemplar o crime?
Rapina e violencia diante de min: hai rifas e suscítase a disputa.
            Respondeume o Señor e díxome:
            Escribe a visión e grávaa en taboíñas,
para que se lea de corrido,
pois aínda volverá ser unha visión no seu momento,
falará da fin e non mentirá.
            Se tarda, espéraa, pois virá e non demorará.
            Velaquí: o temerario faise forte,
o seu alento camiña con el,
pero o xusto vivirá pola súa fe.

                        Palabra do Señor                             R/.  Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL     Sal 94, 1-2. 6-7. 8-9
R/.  (8):  Oxalá escoitedes hoxe a voz do Señor!
            Non endurezades os vosos corazóns.

Vinde, cantémoslle  ao Señor,
Aclamemos a nosa rocha salvadora;
acheguémonos á súa presenza dándolle grazas,
aclamémolo con cancións.

Vinde, adorémolo prostrados,
axeonllémonos diante do Señor, que nos creou,
pois el é o noso Deus,
e nós somos o seu pobo, o rabaño que el guía.

Oxalá escoitedes hoxe a súa voz:
non endurezades os vosos corazóns, coma en Meribah,
coma o día de Masah, no deserto,
onde os vosos pais me tentaron:
provocáronme, por máis que tiñan visto os meus feitos.



Segunda Lectura     2 Tim 1, 6-8. 13-14
LECTURA DA SEGUNDA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO A TIMOTEO
Non te avergonces do testemuño do noso Señor

            Benquerido irmán:
            Recórdoche que reavives o don de Deus, que tes recibido pola imposición das miñas mans.
            Porque Deus non nos deu un espírito feble senón forte, agarimoso e sobrio.
            Non teñas vergonza de noso Señor, nin de min, preso por el;  ao contrario, comparte comigo os sufrimentos polo Evanxeo, contando co poder de Deus.
            Mantén como modelo, na fe e no amor de Cristo Xesús, as ben fundadas palabras que me escoitaches.
            E garda o precioso depósito por medio do Espírito Santo, que mora en nós.

                        Palabra do Señor                             R/.  Grazas a Deus



ALELUIA     1 Pe 1, 25
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
A palabra do Señor permanece eternamente;
e esta é a palabra que se vos anunciou.
Aleluia.


Evanxeo     Lc 17, 5-10
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Se tivésedes fe!

            Naquel tempo, rogáronlle os apóstolos  ao Señor:
            Auméntanos a fe!
            O Señor respondeulles:
            Se tivésedes polo menos unha fe coma un gran de mostaza, diriádeslle a esta moreira: "Arríncate e plántate no mar", e seguro que vos obedecía.
            E quen de vós que teña un criado arando ou pastoreando, lle di cando chega da veiga: "Entra axiña e ponte á mesa". Non lle dirá máis ben: "Prepara a cea, viste a roupa de traballo e ponme a comida; e cando eu remate de comer e beber, comerás e beberás ti?" Ou é que aínda lle vai ter que estar agradecido  ao criado por facer o que lle manda?
            Así tamén vós, cando fagades todo o que se vos mande, dicide: "Somos simples servidores: total, non fixemos máis do que tiñamos que facer".


                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo

Reflexión

Deus non cansa. Cansamos nós. E cansamos moito, tanto que moitas veces esta falta de paciencia desespéranos, desequilíbranos e fainos dicir o que non queriamos. Algo así é o que lle pasaba ao profeta Habacuc. A súa desesperación facíalle perder a confianza en Deus; era incapaz de ver a súa presenza no día a día da súa vida e isto facía que estivera constantemente pedindo contas: ata que día?, por que?.. respóndeme. A súa cegueira impedíalle descubrir, atopar e gozar do encontro con Deus. Oxalá que a nós se nos caian as escamas para non camiñar dando paus de cego! Só así entenderemos por que o salmo nos di: se escoitásedes hoxe a súa voz! Non endurezades o voso corazón!


A clave na que nos fala Paulo é a do testemuño. Só quen é capaz de converter o que cre e reza en vida, é capaz de entender as palabras que lle dirixe a Timoteo. Ser testemuño, ir facendo presente o evanxeo nas cousas de cada día, lévanos a non conseguir responder á tarefa que Xesús, na persoa dos apóstolos, nos encomenda: “ide“. Pero... como ir se non coñecemos? Como ir se non o mostramos cos feitos á hora de consolar a quen o necesita, visitar a quen está enfermo, acompañar a quen está solo...? Son os xestos, non as grandes palabras nin os grandes discursos dogmáticos ou disciplinares, os que fan visible, transparente e verdadeiramente humanizadora a mensaxe de Xesús. A nós correspóndenos, e en nós está o reto de facelo hoxe visible para que, a través de nós, cantos nos vexan poidan dicir: é verdade, coa súa vida transmiten e viven o que cren. Vaiamos tamén nós. Ese é o noso reto hoxe. Sobran palabras, documentos, discursos, pontificais... e faltan xestos firmes de credibilidade e achegamento aos que sofren, están solos e necesitan de mans que os agarimen. E isto nunca pode ser motivo de vergoña, senón de orgullo. O orgullo de ser seguidores de quen puxo o amor por riba das modas e prexuízos do seu tempo!


Entendemos pois por que Xesús, diante da insistencia dos apóstolos de que lles aumente a fe –tamén eles pensaban, como nos pode pasar a nós, que a frescura da fe depende das horas de rezos e non da nosa capacidade de pararnos, escoitar e amar aos demais– responde dicindo que a forza e a fondura da fe non é algo externo que nos conceden desde fóra, senón que implica e esixe a nosa resposta e implicación persoal. Que a fe creza en nós vai depender moito da capacidade que teñamos de vivir a compaixón co irmán. Unha compaixón na súa dobre vertente: ter paixón polo irmán, botando fóra medos e mediocridades; e asemade ter a sensibilidade necesaria e suficiente para acompañar e asumir a dor e a tristura dos que nos necesitan, teñen menos e van sendo deixados de lado polos poderosos. A compaixón define a profundidade da fe de cada un de nós. Teremos que preguntarnos se verdadeiramente somos compasivos nos nosos xestos, nas nosas palabras e na nosa vida. Ser compasivos vivindo a paixón da fraternidade, lévanos a descubrir que na vida o camiño está no servizo, a alegría, o acompañamento e a solidariedade. A paixón, como nos di Xesús, non pode levar a ningún outro sitio máis có amor. Aí está toda a fondura da fe á que nos chama, desde a nosa vida, Xesús. Como non imos intentalo, e que mellor servizo! Amar e ser amados. Aquí está o cumio da fe á que nos chama a palabra que hoxe temos proclamado. Poñámonos ao choio!