domingo, 13 de octubre de 2013

REFLEXIÓN

DESCUBRIR A DEUS: As dúas persoas que se atopan con Deus nas páxinas das lecturas de hoxe son estranxeiras: un sirio e un samaritano. Ningún deles pertencía ao pobo escollido, ningún estaba, aparentemente, nas mellores condicións para ter un encontro con Deus. Porén, os dous souberon ir máis alá dunha lectura superficial do seu acontecemento (a súa curación) para atoparse co feito sempre sorprendente de ter descuberto a Deus. Ese mesmo é o gran reto das persoas sobre a terra, porque non nos enganemos: podemos vivir toda unha vida chamándonos cristiáns e cristiás sen ter descuberto de verdade a Deus. Porque moitas veces temos a tentación de crernos os bos e corremos o risco de non saber descubrir os valores dos demais, tamén dos estranxeiros, dos que non falan, visten, aman, cren ou pensan coma nós, dos que “non son dos nosos”. Cómpre que sexamos máis humildes e tolerantes e menos autosuficientes, porque non temos o monopolio do ben.

UN DEUS SORPRENDENTE: Dez leprosos acoden a Xesús pedindo recobrar a saúde. Todos esperaban un xesto marabilloso, un prodixio. Xesús limítase a dicirlles que fixeran o que tiñan que facer (cumprir a lei e presentarse ao sacerdote). E cando ían de camiño, quedaron limpos. Nove dos leprosos pensaron que como fixeran o que tiñan que facer, pasara o que tiña que pasar; pero o samaritano soubo descubrir na súa curación a man de Deus e volveu onda Xesús para darlle as grazas. Na nosa vida, convencidos de que todo é fatalidade ou destino, perdemos a sensibilidade para descubrir nela esa man e así, cando as cousas van ben, pensamos que é o normal; pero se van mal, facilmente lle botamos as culpas a Deus ou renegamos del. Non somos quen de descubrir a Aquel que sae ao noso encontro para sorprendernos: Moisés descubriuno na silveira, Abrahán nos peregrinos que hospedou na súa tenda, María na mensaxe do anxo… E nós, sabemos ver a Deus na natureza, nos irmáns, no noso traballo, no sorriso dos nenos, nos pequenos praceres da vida… e tamén nos malos ratos?.


QUE NOS SACUDE DA RUTINA: Detrás das formas e das fachadas relixiosas, é moi doado atopar un baleiro que pouco a pouco esteriliza a nosa vida e transforma as nosas comunidades en sombras do pasado ou restos puramente folclóricos. Ao cabo do tempo, todo perde sabor e sentido: recíbense os sacramentos coma un puro trámite social, pero internamente non estamos dispostos a cambiar. Rodeados de palabras, rezos, reunións… perdemos de vista o fundamental: Xesús e o seu Evanxeo. Por iso os nove leprosos reflicten á perfección o estilo relixioso dos países, coma o noso, tradicionalmente cristiáns: é tan grande a superficialidade e a falla de compromiso que xa nada capta a nosa atención, non vivimos nada en profundidade, nada nos empurra a unha renovación. Somos quen de recibir e facer todo cunha completa indiferenza. Logramos un cristianismo cousificado e codificado: todo se fai segundo as tradicións estipuladas, pensadas e dirixidas desde arriba, realizadas mecanicamente, como se só polo feito de facer “cousas piadosas” ou de recibir sacramentos, fose suficiente para medrar e madurar na fe, como se non quedara un lugar para o esforzo e a iniciativa persoais, como se creatividade e fe foran termos opostos, como se non houbese espazo para a revisión e a crítica. Por iso hoxe pode ser un bo día para comprometernos a buscar as pegadas de Deus a través dos feitos ordinarios, para comprometernos a non dar por sabido todo o que se nos ofrece, aínda que nos pareza que o escoitaramos xa mil veces. Aprendamos a descubrir as improvisacións de Deus aínda nos seus agasallos máis frecuentes… e permanezamos sempre en actitude de agradecemento.

No hay comentarios:

Publicar un comentario