A vida da fe. O compromiso da fe nunha sociedade plural e
cada vez máis secularizada. Crer ou non crer. A cuestión non está en saber se o
noso tempo crerá ou non, senón en que crerá. Imos cara a unha relixiosidade na
que cada un fabrica os seus deuses ao seu propio gusto, adaptándoos ás
necesidades propias. Xa dicía Chesterton para describir o paradoxo actual:
«Cando os homes deixan de crer en Deus, non é que non crean en nada. Cren en calquera cousa».
Vivimos tempos difíciles, de profundas crises. Tempos dunha
certa escuridade que nos levan a preguntarnos moitas veces pola luz, polo
sentido das cousas, pola vida. O primeiro que temos que preguntarnos é se aínda
temos fe. Se en determinados momentos da nosa vida a resposta parece fácil,
noutros non o é tanto. Que é crer? Por que creo? Temos fe ou unha serie de
crenzas?
O seguidor de Xesús é convidado a asumir que as
interrogantes actuais son unha ocasión para pór de relevo a radical novidade do
evanxeo. O crente é convidado a reafirmar que «a fe fai pensar, é portadora de
sabedoría e dunha comprensión da realidade de Deus, da humanidade e da
historia. A fe pode contribuír a solucionar os grandes retos aos que se
enfronta a nosa sociedade... Sen pretender resolver todos os problemas, esta fe
cristiá implica unha revelación do home, da súa liberdade e responsabilidade
ante
este mundo que hai que pensar e construír». Todas as
dificultades reais que temos hoxe para crer,
hannos de conducir a facer un balance da nosa fe, a
reencontrar a súa fonte, o seu dinamismo e o seu obxectivo último. Se o crente
sente desde a fraxilidade da súa vida a necesidade dunha luz permanente, dun
aumento de fe, tecida desde todas as dificultades e escuridades da vida, é que
segue necesitando crer na Boa Nova que lle dea razóns para vivir, para
atreverse a amar e para esperar o futuro.
A fe. Sempre a fe. Auméntanos a fe, aumentar a luz.
Unha fe que non é un ter, senón unha maneira de ser, unha
maneira de acoller unha presenza que, ás veces, preséntese tan próxima, pero
que, ao instante, se escabulle.
A fe. Sempre a fe. Tantas cousas!
Acollida e espera, no mesmo corazón do crente unha longa
viaxe. «A fe é unha longa viaxe, durante o cal as noites suceden aos días, as
luces das albas ás escuridades crepusculares e, a maioría das veces, camíñase a
media luz. A fe non é un golpe de varita máxica que acabe cos lentos tanteos da
nosa intelixencia e da nosa liberdade. Esta é precisamente a grandeza e a
fraxilidade da nosa fe».
«Auméntanos, Señor, a fe»:
que saibamos descubrirche no noso ser, na vida, nos homes,
na Igrexa. E que tamén digamos humildemente o da parábola de hoxe: «Somos uns
pobres servos, fixemos o que tiñamos que facer».
No hay comentarios:
Publicar un comentario