Deus non cansa. Cansamos nós. E cansamos moito, tanto que
moitas veces esta falta de paciencia desespéranos, desequilíbranos e fainos
dicir o que non queriamos. Algo así é o que lle pasaba ao profeta Habacuc. A
súa desesperación facíalle perder a confianza en Deus; era incapaz de ver a súa
presenza no día a día da súa vida e isto facía que estivera constantemente
pedindo contas: ata que día?, por que?.. respóndeme. A súa cegueira impedíalle
descubrir, atopar e gozar do encontro con Deus. Oxalá que a nós se nos caian as
escamas para non camiñar dando paus de cego! Só así entenderemos por que o
salmo nos di: se escoitásedes hoxe a súa voz! Non endurezades o voso corazón!
A clave na que nos
fala Paulo é a do testemuño. Só quen é capaz de converter o que cre e reza en
vida, é capaz de entender as palabras que lle dirixe a Timoteo. Ser testemuño,
ir facendo presente o evanxeo nas cousas de cada día, lévanos a non conseguir
responder á tarefa que Xesús, na persoa dos apóstolos, nos encomenda: “ide“.
Pero... como ir se non coñecemos? Como ir se non o mostramos cos feitos á hora
de consolar a quen o necesita, visitar a quen está enfermo, acompañar a quen
está solo...? Son os xestos, non as grandes palabras nin os grandes discursos
dogmáticos ou disciplinares, os que fan visible, transparente e verdadeiramente
humanizadora a mensaxe de Xesús. A nós correspóndenos, e en nós está o reto de
facelo hoxe visible para que, a través de nós, cantos nos vexan poidan dicir: é
verdade, coa súa vida transmiten e viven o que cren. Vaiamos tamén nós. Ese é o
noso reto hoxe. Sobran palabras, documentos, discursos, pontificais... e faltan
xestos firmes de credibilidade e achegamento aos que sofren, están solos e
necesitan de mans que os agarimen. E isto nunca pode ser motivo de vergoña,
senón de orgullo. O orgullo de ser seguidores de quen puxo o amor por riba das
modas e prexuízos do seu tempo!
Entendemos pois
por que Xesús, diante da insistencia dos apóstolos de que lles aumente a fe
–tamén eles pensaban, como nos pode pasar a nós, que a frescura da fe depende
das horas de rezos e non da nosa capacidade de pararnos, escoitar e amar aos
demais– responde dicindo que a forza e a fondura da fe non é algo externo que
nos conceden desde fóra, senón que implica e esixe a nosa resposta e
implicación persoal. Que a fe creza en nós vai depender moito da capacidade que
teñamos de vivir a compaixón co irmán. Unha compaixón na súa dobre vertente:
ter paixón polo irmán, botando fóra medos e mediocridades; e asemade ter a
sensibilidade necesaria e suficiente para acompañar e asumir a dor e a tristura
dos que nos necesitan, teñen menos e van sendo deixados de lado polos
poderosos. A compaixón define a profundidade da fe de cada un de nós. Teremos
que preguntarnos se verdadeiramente somos compasivos nos nosos xestos, nas
nosas palabras e na nosa vida. Ser compasivos vivindo a paixón da fraternidade,
lévanos a descubrir que na vida o camiño está no servizo, a alegría, o
acompañamento e a solidariedade. A paixón, como nos di Xesús, non pode levar a
ningún outro sitio máis có amor. Aí está toda a fondura da fe á que nos chama,
desde a nosa vida, Xesús. Como non imos intentalo, e que mellor servizo! Amar e
ser amados. Aquí está o cumio da fe á que nos chama a palabra que hoxe temos
proclamado. Poñámonos ao choio!
No hay comentarios:
Publicar un comentario