XIII DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO - CICLO C
Primeira Lectura 1
Re 19, 16b. 19-21
LECTURA DO LIBRO PRIMEIRO DOS REIS
Ergueuse Eliseo e marchou seguindo a Elías
Naqueles días, o
Señor díxolle a Elías:
‑ Unxe por profeta, teu sucesor, a Eliseo, fillo de Xafat, de Abel
Meholah.
Elías marchou de
alí e encontrouse con Eliseo, fillo de Xafat, que estaba labrando con doce
xuntas de bois e levaba el mesmo a derradeira. Elías pasou a carón del e
botoulle enriba o seu manto. Eliseo deixou ao momento os bois e foi correndo
atrás de Elías, e díxolle:
‑
Déixame despedirme de meu pai e de miña nai, e logo ireime contigo.
El respondeulle:
‑ Vai, pero volve, pois xa ves o que fixen contigo.
Cando estivo de
volta, Eliseo colleu a xunta de bois e ofreceunos en sacrificio. Cos apeiros de
labrar coceu a carne e deulle á xente de comer. Despois ergueuse, marchou
seguindo a Elías e quedou ao seu servizo.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL
Sal 15, 1-2a e 5. 7-8. 9-10. 11
R/. (cf. 5a): Ti es, Señor, a miña herdade.
Gárdame, Deus, que en ti busco agarimo.
Eu declaro ao Señor: Ti es o meu dono,
Ti es, Señor, a porción da miña herdade e do meu cáliz,
está nas túas mans o meu porvir.
Bendigo o Señor que me aconsella,
e ata de noite me ensina no meu íntimo.
Teño sempre presente o Señor,
con el ao meu lado non vou vacilar.
Por iso o meu corazón está contento,
as miñas entrañas reloucan
e o meu corpo descansa seguro,
pois non abandonarás no abismo a miña vida,
nin deixarás que o teu santo vexa a corrupción.
Has amosarme camiños de vida,
has encherme onda ti de ledicia,
de gozo sen fin ao teu lado.
Segunda Lectura
Gal 5, 1. 13-18
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS GÁLATAS
Fostes chamados á liberdade
Irmáns:
Para vivirmos en liberdade liberounos Cristo. Estádeme, logo, ben firmes
nel! Que non vos canguen outra vez o xugo da escravitude!
A
vós chamáronvos á liberdade. Pero coidadiño con servir aos baixos instintos co
gallo da liberdade! Habédesme ser escravos uns dos outros mediante o amor.
Porque toda a Lei está completa neste precepto: Amarás o teu próximo
coma a ti mesmo. Pero, se vos adentades e devorades, levade tento de non
acabardes uns cos outros.
Quérovos dicir que vivades conforme o Espírito e que non satisfagades os
degoros da concupiscencia.
Porque os baixos instintos cobizan contra o Espírito e o Espírito contra
os baixos instintos: opóñense de tal xeito entre eles, que non facedes o que de
verdade queredes. Mais, se vos guiades polo Espírito, daquela xa non estades
baixo a Lei.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
ALELUIA 1 Sam 3, 9; Xn 6, 68c
Se non se canta, pódese omitir.
Aleluia, aleluia.
Fala, Señor, que o teu servo escoita;
ti tes palabras de vida eterna.
Aleluia.
Evanxeo Lc 9,
51-62
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Decidiu en firme ir a Xerusalén. Seguireite a onde vaias.
Naquel tempo, cando se ía cumprir o tempo de que levantasen a Xesús
deste mundo, decidiu en firme ir a Xerusalén. Mandou mensaxeiros por diante.
Entrando estes nunha aldea de samaritanos, para lle prepararen pousada, non o
recibiron, porque lle coñeceron que ían cara a Xerusalén. Ao veren isto, os
discípulos Santiago e Xoán dixeron:
‑ Señor, queres que digamos que baixe do ceo un raio que os parta?
Pero el volveuse e rifoulles. E foron para outra aldea.
Polo camiño, díxolle un:
‑ Seguireite, vaias onde vaias.
Respondeulle Xesús:
‑ As raposas teñen tobeiras, e os paxaros teñen niños; pero o Fillo do
Home non ten onde pousar a cabeza.
Díxolle a outro:
‑ Sígueme.
Pero el contestoulle:
‑ Déixame ir primeiro enterrar a meu pai.
Respondeulle:
‑ Deixa que os mortos enterren os seus mortos: ti vai anunciar o Reino
de Deus.
Outro díxolle tamén:
‑ Señor, seguireite, pero deixa que primeiro me despida da miña
familia.
Contestoulle:
- Quen despois de
pór a man no arado, mira para atrás, non é apto para ao Reino de Deus.
Palabra do
Señor R/.
Loámoste, Cristo