O día de hoxe é para nós sagrado, porque nel celebramos o
martirio dos santos apóstolos Pedro e Pablo. Non nos referimos, certamente, a
uns mártires descoñecidos. A toda a terra alcanza o seu pregón e ata os límites
do orbe a súa linguaxe. Estes mártires, na súa predicación, daban testemuño do
que viran e, cun desinterese absoluto, deron a coñecer a verdade ata morrer por
ela.
San Pedro, o primeiro dos apóstolos, que amaba ardentemente
a Cristo, e que chegou a oír del estas palabras: E eu dígoche que ti es Pedro.
El dixera antes: Ti es o Mesías, o Fillo de Deus vivo. E Cristo replicoulle: «E
eu dígoche que ti es Pedro, e sobre esta pedra edificarei a miña Igrexa. Sobre
esta pedra edificarei esta mesma fe que profesas. Sobre esta afirmación que ti
fixeches: Ti es o Mesías, o Fillo de Deus vivo, edificarei a miña Igrexa.
Porque ti es Pedro.» «Pedro» é unha palabra que se deriva de «pedra», e non ao
revés. «Pedro» vén de «pedra», do mesmo modo que «cristián» vén de «Cristo».
O Señor Xesús, antes da súa paixón, como sabedes, elixiu os
seus discípulos, aos que deu o nome de apóstolos. Entre eles, Pedro foi o único
que representou a totalidade da Igrexa case en todas as partes. Por iso, en
canto que el só representaba na súa persoa á totalidade da Igrexa, puido
escoitar estas palabras: Eu dareiche as chaves do reino dos ceos. Porque estas
chaves as recibiu non un home único, senón a Igrexa única. De aí a excelencia
da persoa de Pedro, en canto que el representaba a universalidade e a unidade
da Igrexa, cando se lle dixo: Eu entrégote, tratándose de algo que foi
entregado a todos. Pois, para que saibades que a Igrexa recibiu as chaves do reino
dos ceos, escoitade o que o Señor di noutro lugar a todos os seus apóstolos:
Recibide o Espírito Santo. E a continuación: Quedan perdoados os pecados aos
que os perdoedes; quedan retidos aos que os reteñades.
Neste mesmo sentido, o Señor, despois da súa resurrección,
encomendou tamén a Pedro as súas ovellas para que as apacentase. Non é que el
fose o único dos discípulos que tivera o encargo de apacentar as ovellas do
Señor; é que Cristo, polo feito de referirse a un só, quixo significar con iso
a unidade da Igrexa; e, se se dirixe a Pedro con preferencia aos demais, é
porque Pedro é o primeiro entre os apóstolos.
Non che entristezas, apóstolo; responde unha vez, responde
dous, responde tres. Venza por tres veces a túa profesión de amor, xa que por
tres veces o temor venceu a túa presunción. Tres veces ha de ser desatado o que
por tres veces ligaras. Desata polo amor o que ligaras polo temor.
A pesar da súa debilidade, por primeira, por segunda e por
terceira vez encomendou o Señor as súas ovellas a Pedro.
Nun só día celebramos o martirio dos dous apóstolos. É que
ambos os dous eran en realidade unha soa cousa, aínda que fosen martirizados en
días diversos. Primeiro foino Pedro, logo Pablo. Celebramos a festa do día de
hoxe, sagrado para nós, polo sangue dos apóstolos. Procuremos imitar a súa fe,
a súa vida, os seus traballos, os seus sufrimentos, o seu testemuño e a súa
doutrina.
No hay comentarios:
Publicar un comentario