sábado, 29 de junio de 2013

Comentario

Eliseo e máis Elías sabían que a presenza de Deus estaba con eles, por iso, a pesares das dificultades, as dúbidas e os temores que lles acaían, non renunciaban. Sabíanse acompañados, o que os motivaba para seguir poñendo paz, esperanza e xustiza, desde a súa palabra, na vida do pobo. Deus era a súa forza, o motivo para non deixarse ir; a enerxía que non lles permitía estar calados diante do que estaba a ocorrer. Tamén nós hoxe somos invitados a actuar coma Elías e mais Eliseo: sen medo, sen sentirmos vergoña, con ganas e ilusión, para que a tristura, o desencanto, a desesperanza e a sensación de fracaso non aniñen na nosa vida nin na dos que están ao noso lado. E iso todos somos conscientes de que non é nada doado, porque por moito que nos esforcemos, a presión, cando todo se derruba ou parece derrubarse, é moita e moi grande. A fe non nos chama, nestas situacións a resignarnos; tampouco nos dá un programa político ou económico; ela, por si mesma, non resolve problemas. Non é o seu cometido. Pero si podemos ir descubrindo desde a mensaxe na que asentamos a nosa fe a imaxe dun Deus que non se deixa ir, que non cae na resignación, que non xustifica a realidade como se non houbera nada máis que facer. A fe, logo, ofrécenos un Deus que coa súa presenza ao noso lado vainos dando azos para loitar, para non quedar calados, para movernos, para gritar e actuar contra todo canto queira converter á persoa nunha realidade invisible coa que podemos xogar e á que podemos utilizar segundo o interese dos poderosos. Este é o gran milagre de Deus: dános confianza e empúrranos a poñer en práctica todos os valores e actitudes que ao longo dos textos da súa palabra nos foi deixando. Iso podemos velo hoxe claramente nas actitudes tanto de Eliseo como de Elías: souberon escoitar a voz de Deus e puxéronse en camiño. Que tamén nós, entre o barullo deste mundo cheo de cousas tan efémeras, aprendamos a descubrir a voz permanente de Deus que nunca cansa e sempre acompaña...o que non quita que teñamos que ser nós os que tomemos as decisións e asumamos as consecuencias da nosa liberdade e das nosas limitacións.

 Unha liberdade desde a que Paulo lles fala a aquel grupo de cristiáns de Galacia. En Cristo fomos salvados, pero tamén nel tod@s nós fomos liberados de calquera escravitude. Xa nada é máis forte ca nós. Agora que, especialmente no ámbito do deporte, utilizamos expresión “podemos”, para poñer de manifesto que en nós, nas nosas mans, está a capacidade para conseguir logros e metas; tamén podemos aplicalo a calquera ámbito da nosa vida para manifestar que a liberación que desde Cristo se realizou en nós, convértenos sempre en capaces. Xa non é o destino o que marca o noso camiño, senón nós mesmos, coa capacidade que temos de tomar unha ou outra decisión, de orientar a vida cara a un horizonte ou outro. Isto que Paulo lle lembra aos Gálatas vale tamén para nós. Non podemos permitir que outros, os que máis poden, mandan ou saben, decidan por nós, reducíndonos a simples peóns que moven ao seu gusto. Un cristián non acepta este xeito de actuar, porque desde Cristo somos invitados a ser os protagonistas da nosa propia historia, sen deixar que ninguén a secuestre e acabe contándoa ou vivíndoa, por nós. E para unha persoa libre, o amor ten que ser o seu guieiro, como o foi para Xesús; o que significa que non é misión nin tarefa nosa comernos uns aos outros a dentadas, senón deixarnos guiar pola forza do Espírito que sempre nos chama a un vivir humano e humanizador, sen componendas que enganen e escravicen aos demais ou a nós mesmos.


De aí que, como decidiu Xesús, tamén nós temos que ir baixando das torres persoais que nos incomunican e nos fan crer mellores cos outros, para tamén poñernos en camiño e ir á Xerusalén; asumir a incomprensión, o desprezo ou o abandono, pero sen renunciar ao obxectivo que nos marca o ser seguidores de Xesús: camiñar construíndo e testemuñando o ben diante do mal. Seguilo non é doado. Supón non acomodarse, superar a preguiza, non deixarse levar dos apoios que poidamos ter. Seguir a Xesús ha facer que moitas veces nos sintamos esquecidos por aqueles amigos que se achegaban buscando e seguindo os seus intereses; pero estaremos cheos dos amigos que buscan e recoñecen a presenza e a dignidade de Deus nos irmáns. Por iso a fe non é unha emoción efémera, senón un compromiso esixente. Unha esixencia que moitas veces pode acabar deixándonos solos... inda que cheos da ledicia e da esperanza de quen sente consigo a Xesús ao facer as cousas ben.

No hay comentarios:

Publicar un comentario