sábado, 15 de junio de 2013

Lecturas



                                     XI DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO - CICLO C


  
Primeira Lectura     2 Sam 12, 7-10. 13
LECTURA DO LIBRO SEGUNDO DE SAMUEL
Deus non tivo en conta o teu pecado: non morrerás

            Naqueles días, Natán díxolle a David:
            "Ti es ese home.
            E isto di o Señor, Deus de Israel:
            Eu unxinte por rei de Israel
e libreite das mans de Saúl.
            Entregueiche a casa do teu señor
e puxen as súas mulleres nos teus brazos.
            Fíxente dono de Israel e de Xudá
e, por se fose pouco,
deiche aínda outras cousas.
            Por que, logo, desprezar a palabra do Señor,
facendo o que el reproba?
            Mataches coa espada a Urías, o hitita,
para casares coa súa muller.
            Matáchelo coa espada dos amonitas.
Agora a espada non se afastará da túa casa.
            Visto que ti me desprezaches,
tomando para ti a muller de Urías, o hitita.
            David díxolle a Natán:
            "Pequei contra o Señor!"
            E Natán díxolle:
            "O Señor perdoa o teu pecado e non morrerás.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL     Sal 31, 1-2. 5. 7. 11
R/. (cf. 5c): Perdoa, Señor, a culpa do meu pecado.

Ditoso aquel a quen lle foi perdoada a súa culpa,
a quen lle foi enterrado o seu pecado.
Ditoso aquel a quen o Señor
non lle ten en conta o delito,
o que non leva fraude no seu espírito.

Confeseiche o meu pecado,
non che escondín o meu delito;
Dixen: "Vou confesar a miña culpa ao Señor",
e ti perdoáchesme a culpa e o pecado.

Ti es o meu amparo: gárdasme dos perigos
e cínguesme co gozo do rescate.

Alegrádevos no Señor e reloucade os xustos,
aclamádeo todos os rectos de corazón.



Segunda Lectura     Gal 2, 16.19-21
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS GÁLATAS
Vivo, xa non eu; vive en min Cristo
 
            Irmáns:
            Como sabemos moi ben sabido que ninguén se xustifica polas obras da Lei senón pola fe en Xesús Cristo, chegámonos tamén nós a crer en Cristo Xesús, para sermos xustificados pola fe en Cristo e non polas obras da Lei, porque polas obras da Lei non se vai xustificar ninguén.
            Porque precisamente pola Lei morrín á Lei, a fin de vivir para Deus. Fiquei crucificado con Cristo e vivo: mais xa non vivo eu; é Cristo quen vive dentro de min.
            E aínda que agora vivo unha vida mortal, vivo na fe do Fillo de Deus, que me amou e que se deu en sacrificio por min.
            Eu non boto a perder a graza de Deus. Pero, iso si, se a xustificación nos viñese da Lei, Cristo tería morto para nada.

                                 Palabra do Señor                            R/. Grazas a Deus


ALELUIA     1 Xn 4, 10b
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Deus amounos e mandou o seu Fillo
para que expiase os nosos pecados.
Aleluia.



Evanxeo     Lc 7, 36 -- 8, 3 
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Perdoáronselle moitos pecados porque amou moito
 
            Naquel tempo, un fariseo convidou a comer a Xesús; e Xesús entrou na casa del e púxose á mesa. Unha muller, coñecida como pecadora na vila, sabedora de que estaba alí, levou un frasco de alabastro con perfume de mirra, botouse por detrás aos pés del chorando, e comezou a regarllos coas bágoas; secáballos cos cabelos da súa cabeza e bicáballos mentres llos unxía co perfume.
            Vendo aquilo, o fariseo que o convidara dixo p
ara si:
            Se este fose un profeta coñecería quen é, e que caste de muller é a que o está a tocar, unha pecadora.
            Xesús tomou a palabra e díxolle:
            Simón, teño algo que che dicir.
            El contestou:
            Pois dío, Mestre.
            Un prestamista tiña dous debedores; un debíalle cincocentos denarios, e o outro cincuenta. Como non tiñan con que lle pagar, perdooulles aos dous. Ora, quen deles o amará máis?
            Respondeulle Simón:
            Supoño que aquel a quen máis lle perdoou.
            El contestou:
            Ben dito.
            E volvéndose cara á muller, díxolle a Simón:
            Ti ves esta muller? Entrei na túa casa, e non me deches auga para os pés, pero ela regoumos coas súas bágoas e secoumos cos seus cabelos. Non me deches o bico, pero ela desde que entrou non parou de me bicar os pés. Non me unxiches a cabeza con aceite, pero ela unxiume os pés con perfume. Por iso dígoche: moitos pecados se lle perdoaron, cando mostra tanto amor; a quen pouco se lle perdoa, pouco amor mostra.
            E díxolle a ela:
            Os teus pecados están perdoados.
            Entón os demais convidados empezaron a comentar entre eles:
            Quen é este, que mesmo pretende perdoar os pecados?
            Pero el díxolle á muller:
             Salvoute a túa fe, vai en paz.
            Despois disto púxose a percorrer vilas e aldeas, predicando e anunciando a Boa Nova do Reino de Deus. Ían con el os Doce e mais algunhas mulleres que el curara de doenzas e de malos espíritos: María, chamada a Madalena, curada de sete demos, Xoana, a muller de Cusa, administrador de Herodes, Susana e outras moitas que o servían cos seus bens.


                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo

No hay comentarios:

Publicar un comentario