Nunha sociedade lastrada polo materialismo que todo o anega,
resulta difícil entender e interiorizar a linguaxe da fe. Nenos, mozos e
maiores, coidando que xa o saben todo, ao falar do relixioso adoptan unha
actitude de desprezo, cando non de superioridade. Non vende, non está de moda,
non dá beneficios, non produce ganancias, non... Estamos tan convencidos de que
isto ten que ser así, que non contemplamos xa outras perspectivas, visións e
formas de darlle sentido á nosa existencia. Consecuencia: cando se veñen abaixo
as agarradoiras do materialismo, é dicir, a utilidade, o pragmatismo, a
rendibilidade ou o éxito, non queda máis que o baleiro, e como consecuencia a
nada, o nihilismo máis absoluto, o que nos trae actitudes como o derrotismo e a
desesperanza, un deixarse ir ata que todo acabe, porque non hai nada máis. Este
xeito de pensar e vivir invadiu tamén a moitos dos cristiáns. Algúns, como nada
podía xa alentalos e o seu vivir a fe era puro ritualismo sociolóxico, optaron
polo abandono silencioso da Igrexa, pola chamada apostasía silenciosa, sen
facer moito barullo e sen chamar a atención…simplemente fóronse. Outros, inda
que non se foron, móvense nunha fe pura e simplemente de costumes: o enterro, a
festa, a Franqueira... pero sen nada que os motive e os achegue a unha
experiencia persoal de Deus que se identifica coa persoa de Xesús. Poderiamos
preguntarnos, os que seguimos vindo ás celebracións, os que seguimos pensando
que Deus, o Deus de Xesús, sigue ocupando un lugar amplo na nosa vida, que
parte de culpa temos por non ter sido capaces de ser testemuñas, de transmitir
a alegría de crer, o gozo dunha palabra que nos pide comprometernos en cambiar
o mundo, por facer dos corazóns, non estatuas de pedra, senón latexo quente que
se aleda e se une ás causas nas que a defensa das persoas, e dentro destas as
máis pobres e excluídas, son o motor, o obxectivo e a razón de ser do actuar de
cada día. Como fixo e nos ten invitado a facer Xesús.
O seu érguete é un érguete dirixido a cada un de nós para
que non caiamos nesta desidia que non só produce baleiro, senón que nos vai
quitando horizontes, perspectivas e esperanzas. Outro mundo será posible, se
posible é tamén o cambio na nosa actitude, no noso xeito de vivir, na nosa
maneira de acoller, coñecer e movernos desde o seguimento da súa persoa. Non
cremos en algo abstracto e difuso, senón nunha persoa: Xesús de Nazaré, Fillo
de Deus e home que deu un profundo e agarimoso testemuño de amor; e que no
final da súa estadía entre nós díxolle a aqueles que o seguían: non quededes
mirando para o ceo. Ide e anunciade.
No hay comentarios:
Publicar un comentario