«O pobo que camiñaba en tebras viu unha luz grande» (Is
9,1).
Esta profecía de Isaías non deixa de conmovernos,
especialmente cando a escoitamos na Liturxia da Noite de Nadal. Non se trata só
de algo emotivo, sentimental; conmóvenos porque di a realidade do que somos:
somos un pobo en camiño, e ao noso ao redor -e tamén dentro de nós- hai tebras
e luces. E nesta noite, cando o espírito das tebras cobre o mundo, renóvase o
acontecemento que sempre nos asombra e sorprende: o pobo en camiño ve unha gran
luz. Unha luz que nos convida a reflexionar neste misterio: misterio de camiñar
e de ver.
1. Camiñar. Este verbo fainos pensar no curso da historia,
no longo camiño da historia da salvación, comezando por Abrahán, o noso pai na
fe, a quen o Señor chamou un día a saír do seu pobo para ir á terra que El lle
indicaría. Desde entón, a nosa identidade como crentes é a de peregrinos cara á
terra prometida. O Señor acompaña sempre esta historia. El permanece sempre
fiel á súa alianza e ás súas promesas. «Deus é luz sen tebra algunha» (1 Xn
1,5). Por parte do pobo, en cambio, altérnanse momentos de luz e de tebra, de
fidelidade e de infidelidade, de obediencia e de rebelión, momentos de pobo
peregrino e de pobo errante.
Tamén na nosa historia persoal altérnanse momentos luminosos
e escuros, luces e sombras. Se amamos a Deus e aos irmáns, camiñamos na luz,
pero se o noso corazón péchase, se prevalecen o orgullo, a mentira, a procura
do propio interese, entón as tebras rodéannos por dentro e por fóra. «Quen
aborrece ao seu irmán -escribe o apóstolo San Xoán- está nas tebras, camiña nas
tebras, non sabe onde vai, porque as tebras cegaron os seus ollos» (1 Xn 2,11).
2. Nesta noite, como un feixe de luz clarísima, resoa o
anuncio do Apóstolo: «Apareceu a graza de Deus, que trae a salvación para todos
os homes» (Tt 2,11).
A graza que apareceu no mundo é Xesús, nacido de María
Virxe, Deus e home verdadeiro. Veu á nosa historia, compartiu o noso camiño.
Veu para librarnos das tebras e darnos a luz. Nel apareceu a graza, a
misericordia, a tenrura do Pai: Xesús é o Amor feito carne. Non é soamente un
mestre de sabedoría, non é un ideal ao que tendemos e do que nos sabemos por
forza distantes, é o sentido da vida e da historia que puxo a súa tenda entre
nós.
3. Os pastores foron os primeiros que viron esta
"tenda", que recibiron o anuncio do nacemento de Xesús. Foron os
primeiros porque eran dos últimos, dos marxinados. E foron os primeiros porque
estaban en vela aquela noite, gardando o seu rabaño. Con eles quedámonos ante o
Neno, quedamos en silencio. Con eles damos grazas ao Señor por darnos a Xesús,
e con eles, desde dentro do noso corazón, encomiamos a súa fidelidade:
Bendicímosche, Señor, Deus Altísimo, que te desposuíches do teu rango por nós.
Ti es inmenso, e fixécheste pequeno; es rico, e fixécheste pobre; es
omnipotente, e fixécheste débil.
Que nesta Noite compartamos a alegría do Evanxeo: Deus
ámanos, ámanos tanto que nos deu ao seu Fillo como o noso irmán, como luz para
as nosas tebras. O Señor dinos unha vez máis: "Non temades" (Lc
2,10). E tamén eu repítolles: Non temades. O noso Pai ten paciencia connosco,
ámanos, dános a Xesús como guía no camiño á terra prometida. El é a luz que
disipa as tebras. El é a nosa paz. Amén.