A unción é un sinal que pon de manifesto que a persoa que a
recibe é única, distinta, especial. Un elixido. O día do noso bautismo, todos nós
fomos unxidos, a través das mans do sacerdote, por Cristo. Este sinal,
aparentemente tan insignificante, encerra toda a forza de que se é escollido
para unha gran misión. Unha misión que ha desenvolver como resposta á chamada
recibida. Isto mesmo foi o que nós recibimos cando nos bautizaron: unha misión.
E coma toda misión, temos que ir respondendo a ela, desenvolvéndoa en cada unha
das cousas que fagamos. No noso ir facendo, actuando, comprometéndonos…
traballando, estamos respondendo á misión recibida no bautismo e facéndonos
construtores do reinado de Deus. Por iso a celebración de hoxe ten tanto
significado para nós os bautizados, pois é un momento para revisar e
preguntarnos como imos respondendo a este envío recibido o día do noso
bautismo, e alimentado logo ao longo dos anos na Eucaristía, a Confirmación, a
catequese ou a formación. Na resposta que deamos, estará a nosa coherencia ou
incoherencia como construtores do reinado de Deus e testemuñas da súa mensaxe.
A unción ponnos nun camiño que teremos que ir percorrendo, tendendo a man e
expresando que Deus non é unha idea, senón un compromiso, unha esixencia, unha
resposta diante das moitas maneiras de vivir e de estar no mundo. Por iso vimos
ledos á casa do Señor.
Paulo, que
tivera un experiencia fonda e forte de encontro coa mensaxe e o proxecto de
Xesús -o seu cambio radical de vida foi tan manifesto que pasou de perseguidor
dos cristiáns a perseguido por ser cristián–, quere transmitirlles aos
colosenses que atoparse con Cristo non é un acto social nin unha moda que pasa
co tempo, senón un esforzarse continuamente por camiñar no amor. E non se pode
camiñar no amor se o que facemos desde o día a día das nosas vidas é todo o
contrario: calamos diante de comportamentos corruptos, xustificamos a violencia
e aos violentos, somos inxustos á hora de relacionarnos e tratar cos demais,
permitimos e transiximos palabras e actuacións que feren ás persoas,
especialmente aos máis débiles e esquecidos ... se estes son comportamentos e
maneiras de facer as cousas pola nosa parte, dificilmente poderemos dicir que
queremos ser e vivir no reinado de Deus. Se o amor, a xustiza e mais a paz non
van marcando a nosa vida ,o percorrido de cada día non só non podemos dicir que
somos construtores do reinado de Deus, senón que tampouco podemos chamarnos nin
mostrar a dignidade que nos dá ser seguidores de Xesús. Ser cristiáns non é un
nome que nos puxeron cando eramos pequenos, senón un xeito de vivir, traballar
e facer do mundo a casa de todos. E iso só podemos facelo se de verdade temos
entendido o que significa a palabra amor.
Camiñar
deste xeito é o que fará posible que o Señor se lembre de quen somos e do que
fixemos na tardiña baixa das nosas vidas. Como cantamos moitas veces: se lle
demos comida ao famento, se ao sedento demos de beber … se nos máis pequenos e
pobres fomos capaces de atopar o Señor Xesús. Esta é a nosa tarefa, a tarefa de
todos. Se o facemos así, non é que o Señor se lembre de nós cando cheguemos ao
seu reino, senón que nos teremos convertido en construtores do seu Reino no
aquí e agora da vida de cada un de nós. El non vai esperar ao final, senón que
camiña ao noso lado desde o primeiro momento...o que pasa é que moitas veces,
ao andar tan atarefados, non temos sido capaces de recoñecelo.
Remol
No hay comentarios:
Publicar un comentario