
* Por iso Paulo
nos lembra que sen igualdade non pode haber presenza de Deus. Pero a igualdade
non é unha palabra, por moi ben que soe, senón unha actitude, un compromiso,
unha tarefa na que imos traballando e esforzándonos día da día, na casa, no
traballo, na parroquia... alí onde nos atopemos. Desde a perspectiva de
fraternidade universal que nos dá a fe, sentímonos plenamente identificados co
que Paulo lle di aos corintios: só se descubrimos a igualdade de todas as
persoas coma unha esixencia da nosa fe, podemos entender o mandado do amor que
nos deixou Xesús, poderemos entender por que a igrexa, todos os bautizados
temos que preocuparnos das persoas máis necesitadas, das de aquí e tamén das de
máis lonxe. Non é unha moda ou un pretender aparecer nos medios de
comunicación, senón unha esixencia que está na raíz da fe en Xesús e da mensaxe
que nos invitou a vivir desde o testemuño. Se o noso dicir creo se reduce a
palabras, sen ser capaces de acompañalo coa vida. Que fe podemos ter? A
igualdade é unha actitude que debe ir sempre acompañada da solidariedade e do
amor. Sen elas, todo se converte baleiro.
* E esta
igualdade da que a Palabra nos fala abrangue tódalas facetas nas que os seres
humanos estamos mergullados: igualdade de oportunidades, igualdade de
dignidade, igualdade de trato, igualdade de dereitos.... e igualdade de xénero.
Si, porque se ben na nosa sociedade camiñamos paseniñamente cara á igualdade de
xéneros e oportunidades entre homes e mulleres, na nosa Igrexa todo vai moito
máis lento. Así, en liñas xerais, os varóns sospeitan de todo “movemento
feminino” e reaccionan rapidamente contra calquera formulación que poida poñer
en perigo a súa situación de privilexio sobre a muller. Nunha Igrexa dirixida
por varóns, non somos quen de descubrir todo o pecado que se encerra no dominio
que os homes exercen, de moitos xeitos, sobre as mulleres. Os seguidores de
Xesús temos que concienciarnos de que isto non é algo natural, de que Xesús non
o quixo así, senón que é un comportamento viciado polo egoísmo e a imposición
inxusta do poder machista. Que hoxe escoitemos con lucidez, sinxeleza e
sinceridade a interpelación daquel de quen, segundo nos di o relato evanxélico
“saíu forza” para curar á muller e que nos chama a vivir a igualdade.