viernes, 8 de junio de 2012

Lecturas


DOMINGO DO CORPO DE CRISTO  CICLO B


Primeira Lectura     Ex 24, 3-8
LECTURA DO LIBRO DO ÉXODO
Este é o sangue da alianza que o Señor fai convosco


     Naqueles días, Moisés veu e expúxolle ao pobo todas as pala­bras e os mandatos do Señor; e o pobo a unha respondeu:
     Faremos todo o que dixo o Señor.
     Moisés puxo por escrito todas as palabras do Señor.
     Ao día seguinte, Moisés ergueuse cedo, construíu un altar na aba da montaña e chantou doce estelas, polas doce tribos de Israel. Despois mandou a algúns mozos israelitas que ofrecesen holocaustos e sacrificios de comuñón ao Señor. Moisés colleu a metade do sangue e botouna en recipientes, e a outra metade verteuna no altar. Despois colleu o libro da alianza e leullo en voz alta ao pobo. Este respondeu:
     Faremos todo o que dixo o Señor e obedeceremos.
     Entón colleu Moisés o sangue e asperxeu o pobo con el, dicin­do:
     Este é o sangue da alianza que o Señor fai convosco, conforme ás palabras lidas.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 115, 12-13. 15 e 16bc. 17-18
R/.  (13):  Alzarei a copa da salvación, invocando o nome do Señor.
Ou:  Aleluia.

Con que lle pagarei ao Señor
todo o ben que me fixo?
Alzarei a copa da salvación,
invocando o nome do Señor.

É preciosa aos ollos do Señor
a morte dos seus amigos.
Señor, eu son o teu servo,
servo teu e fillo da túa serva:
ti rompiches as miñas cadeas!

Ofrecereiche un sacrificio de loanza,
invocando o nome do Señor.
Cumprirei os meus votos ao Señor,
á vista de todo o seu pobo.


Segunda Lectura    Heb 9, 11-15
LECTURA DA CARTA AOS HEBREOS
O sangue de Cristo limpará a nosa conciencia

            Irmáns:
            Ó presentarse Cristo como Sumo Sacerdote dos auténticos bens, entrando a través dunha tenda - santuario maior e máis perfecta, non de feitío humano, isto é, non deste mundo, e ofrendando o seu propio sangue, non o sangue de carneiros ou de becerros, entrou dunha vez para sempre no santuario e, deste xeito, conseguiu unha redención definitiva.
            Porque se o sangue de carneiros e de touros e a aspersión da cinsa dunha xovenca consagra os impuros, dándolles unha pureza corporal, moito máis o sangue de Cristo (que movido polo Espírito que animou toda a súa vida, se ofreceu a si mesmo a Deus, como vítima sen mancha) limpará a vosa conciencia das obras de morte, para así servirmos o Deus vivo.
            Por iso é mediador dunha nova alianza, pois morreu para redimir dos pecados cometidos baixo a primeira alianza, a fin de que os chamados á herdanza eterna, poidan recibir o cumprimento desta promesa.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus

ALELUIA    Xn 6, 51
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Eu son o pan vivo, que descendín do ceo, di o Señor;
quen coma deste pan, vivirá eternamente.
Aleluia.


Evanxeo    Mc 14, 12-16. 22-26
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Isto é o meu corpo. Isto é o meu sangue

            No primeiro día da festa dos Ácimos, cando se sacrificaba o año pascual, preguntáronlle a Xesús os seus discípulos:
            Onde queres que vaiamos preparar, para comeres a Cea Pascual?
            El mandou a dous discípulos, dicíndolles:
            Ide á cidade, e havos saír ao paso un home cunha sella de auga; seguídeo, e onde entre, dicídelle ao dono da casa: "O Mestre di: Onde está a miña sala, na que vou comer a Pascua cos meus discípulos?". El havos mostrar no sobrado unha gran sala, xa disposta e arranxada. Preparade alí para nós.
            Marcharon os discípulos e chegaron á cidade. Atoparon todo como llelo el dixera e prepararon a Pascua.
            Mentres estaban a comer, Xesús colleu pan, rezou a bendi­ción, partiuno e déullelo, dicindo:
            Tomade, isto é o meu corpo.
            Despois colleu un cáliz, deu grazas, pasóullelo, e todos beberon del. E díxolles:
            Isto é o meu sangue da Alianza, que se vai verter por moitos. Dígovolo de verdade: Xa non vou beber do produto da viña ata o día aquel en que o hei beber novo no Reino de Deus.
            Despois de cantaren os Salmos, saíron para o Monte das Oliveiras.

                                   Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo    

No hay comentarios:

Publicar un comentario