domingo, 23 de junio de 2013

Lecturas


Primeira Lectura      Zac 12, 10-11; 13, 1
LECTURA DO LIBRO DE ZACARÍAS
Mirarán a quen crucificaron (Xn 19, 37)

            Así fala Señor:
            Estenderei sobre a casa de David e sobre os habitantes de Xerusalén un espírito de graza e de súplica: mirarán atentamente ao meu Poderoso, a quen traspasaron.
            Farán lamentación por el, coma a lamentación diante do único Deus, e chorarán amargamente por el, coma o amargarse por un primoxénito.
            No día aquel será grande a lamentación en Xerusalén coma a lamentación de Hadad-Rimón no val de Meguido.
            No día aquel haberá unha fonte de auga corrente para a casa de David e para os habitantes de Xerusalén, por mor do pecado e da inmundicia.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 62, 2abcd. 2e-4. 5-6. 8-9
R/.  (2b):  De ti ten sede a miña alma, Señor, meu Deus.

Deus, o meu Deus es ti, por ti madrugo,
de ti ten sede a miña alma,
por ti devece o meu corpo,
coma terra reseca, sedenta, sen auga.

Miro cara a ti no santuario,
para ver o teu poder e a túa gloria.
A túa misericordia é preciosa máis cá vida,
lóante os meus labios.

Toda a miña vida hei bendicirte
levantando no teu nome as miñas mans.
Coma de graxa e manteiga, hei quedar satisfeito,
han loarte xubilosos os meus labios.

Ti es o meu auxilio,
á sombra das túas ás estou contento.
A miña alma está unida a ti,
abrigoume a túa destra.


Segunda Lectura     Gal 3, 26-29
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS GÁLATAS
Os que fostes bautizados, revestístesvos de Cristo

            Irmáns:
            Todos vós sodes fillos de Deus pola fe en Cristo Xesús, porque aos que vos bautizaron en Cristo, revestíronvos de Cristo.
            E acabouse todo iso de xudeus e gregos; de escravos e libres, de homes e mulleres, pois sodes coma un só en Cristo Xesús.
            Vós, pola vosa condición de cristiáns, sodes a “descendencia” de Abrahán, herdeiros conforme a promesa.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


ALELUIA    Xn 10, 27
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
As miñas ovellas escoitan a miña voz, di o Señor;
e eu coñézoas e elas séguenme.
Aleluia.


Evanxeo    Lc 9, 18-24
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Ti es o Unxido de Deus. É necesario que o Fillo do Home padeza moito

            Unha vez que estaba Xesús en oración nun lugar apartado, acompañado dos seus discípulos, preguntoulles:
            Quen di a xente que son eu?
            Eles responderon:
            Uns, que Xoán
Bautista; outros, que Elías; e outros, que algún dos profetas antigos que está resucitado.
            Insistiu:
            E vós quen dicides que son eu?
            Respondeu Simón Pedro:
            O Mesías de Deus.
            Entón el prohibiulles dicir nada a ninguén. E engadiu:
             Cómpre que o Fillo do Home padeza moito, que o rexeiten os anciáns, os sumos sacerdotes e mais os letrados, e que o executen, e que ao terceiro día resucite.
            Despois dirixiuse a todos:
-          Se alguén me quere seguir, que renuncie a si mesmo, que cargue coa cruz de cada día, e que me siga. Pois o que queira poñer a salvo a súa vida, perderaa; pero quen perda a súa vida pola miña causa, ese poñeraa a salvo.

                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo

sábado, 15 de junio de 2013

Reflexión

Cando falamos de Deus, temos que ter sempre en conta dúas palabras que son as que mellor expresan e mostran o que queremos dicir: amor e perdón. Si, porque Deus é amor. Amor que acolle, acompaña, aloumiña, escoita, alenta e se preocupa... Nada que ver co concepto de amor ao que tantas veces nos referimos hoxe. Deus non se identifica coa paixón física, senón que o seu amor di referencia sempre a termar e preocuparse pola persoa. El é quen, desde e por amor, envía o seu Fillo para que a plenitude deste amor se converta en entrega xenerosa de coherencia e doazón. Por iso a cruz, para nós, cristiáns, e para os que sen selo queiran comprender o seu significado, non é un espectáculo de morte e fracaso, senón entrega e triunfo; é resurrección e mais vida. Desde estas claves é desde onde temos que entender que queremos dicir ao empregar a expresión “Deus é amor“.

Unha segunda palabra que nos axuda a entender e identificar a Deus como presenza na nosa vida é a de perdón. E cando dicimos perdón, buscamos expresar unha actitude de achegamento ao irmán, a capacidade e o esforzo de non deixar que a xenreira, o odio ou as ansias de vinganza aniñen no corazón. Como somos humanos, moitas veces nin o entendemos nin somos capaces de deixar atrás eses episodios, esas situacións nas que nos sentimos feridos polo que nos fixo alguén. Porén, Deus non actúa así. Porque é amor, o perdón é a actitude que pon de manifesto que, para El, o rancor non é camiño que renove e humanice á persoa, senón que o camiño pasa por dar novas oportu
nidades; El non mira nunca para o atrás da nosa vida, para o que xa pasou, senón que nos abre camiños de futuro e esperanza. Por iso a misericordia e o perdón se van abrindo paso sempre no actuar do seu Fillo.

 Unha misericordia e un perdón que hoxe se poñen de manifesto na acollida de Xesús a aquela muller pecadora, reparando non no seu pecado, senón na súa capacidade para cambiar e recuperar a súa dignidade. Así de simple, pero tamén así de complicado e difícil. Cantos de nós seriamos capaces de achegarnos aos marxinados, aos parias, aos máis miserentos das nosas parroquias, dos nosos barrios, das nosas vilas… sen medo ao que os demais poidan opinar? Cantas veces calamos por medo diante de verdadeiros escándalos para non sermos sinalados co dedo? Quen non tragou sapos e aguantou inxustizas por manter o cu no asento, o carguiño, o prestixio, o poder? E a cousa é infinitamente peor se, coma no caso que nos ocupa hoxe, hai unha muller polo medio. Cando aínda escoitamos dos nosos curas frases do tipo “agarrádevos ao altar, que o ambón xa o colleron elas”, cando co gallo dunha misa solemne se dá a consigna de que non lean elas, para que non haxa mulleres no presbiterio; cando determinadas teimas do tipo “non é bo que as mulleres falen cos curas, diáconos, bispos ou seminaristas, non vaia ser que perdan a vocación”, cando a tantas persoas valiosísimas se lles nega o acceso a postos de responsabilidade na Igrexa polo simple feito de ter nado mulleres, cando á voz delas lle esiximos un “plus” para ser escoitada, cando falar de mulleres e falar de pecado son termos sinónimos... e que algo, realmente escandaloso e enfermizo, está a pasar dentro da nosa Igrexa.


Que a misericordia de Deus aniñe en nós cada día para poder ir tecendo, alí onde esteamos, cobertores de solidariedade, amor e misericordia que poñan sempre de manifesto que somos dignos seguidores do Mestre; quen non condenaba, senón que perdoaba e acollía... tamén ás mulleres, porque non facía distincións.

Lecturas



                                     XI DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO - CICLO C


  
Primeira Lectura     2 Sam 12, 7-10. 13
LECTURA DO LIBRO SEGUNDO DE SAMUEL
Deus non tivo en conta o teu pecado: non morrerás

            Naqueles días, Natán díxolle a David:
            "Ti es ese home.
            E isto di o Señor, Deus de Israel:
            Eu unxinte por rei de Israel
e libreite das mans de Saúl.
            Entregueiche a casa do teu señor
e puxen as súas mulleres nos teus brazos.
            Fíxente dono de Israel e de Xudá
e, por se fose pouco,
deiche aínda outras cousas.
            Por que, logo, desprezar a palabra do Señor,
facendo o que el reproba?
            Mataches coa espada a Urías, o hitita,
para casares coa súa muller.
            Matáchelo coa espada dos amonitas.
Agora a espada non se afastará da túa casa.
            Visto que ti me desprezaches,
tomando para ti a muller de Urías, o hitita.
            David díxolle a Natán:
            "Pequei contra o Señor!"
            E Natán díxolle:
            "O Señor perdoa o teu pecado e non morrerás.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL     Sal 31, 1-2. 5. 7. 11
R/. (cf. 5c): Perdoa, Señor, a culpa do meu pecado.

Ditoso aquel a quen lle foi perdoada a súa culpa,
a quen lle foi enterrado o seu pecado.
Ditoso aquel a quen o Señor
non lle ten en conta o delito,
o que non leva fraude no seu espírito.

Confeseiche o meu pecado,
non che escondín o meu delito;
Dixen: "Vou confesar a miña culpa ao Señor",
e ti perdoáchesme a culpa e o pecado.

Ti es o meu amparo: gárdasme dos perigos
e cínguesme co gozo do rescate.

Alegrádevos no Señor e reloucade os xustos,
aclamádeo todos os rectos de corazón.



Segunda Lectura     Gal 2, 16.19-21
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS GÁLATAS
Vivo, xa non eu; vive en min Cristo
 
            Irmáns:
            Como sabemos moi ben sabido que ninguén se xustifica polas obras da Lei senón pola fe en Xesús Cristo, chegámonos tamén nós a crer en Cristo Xesús, para sermos xustificados pola fe en Cristo e non polas obras da Lei, porque polas obras da Lei non se vai xustificar ninguén.
            Porque precisamente pola Lei morrín á Lei, a fin de vivir para Deus. Fiquei crucificado con Cristo e vivo: mais xa non vivo eu; é Cristo quen vive dentro de min.
            E aínda que agora vivo unha vida mortal, vivo na fe do Fillo de Deus, que me amou e que se deu en sacrificio por min.
            Eu non boto a perder a graza de Deus. Pero, iso si, se a xustificación nos viñese da Lei, Cristo tería morto para nada.

                                 Palabra do Señor                            R/. Grazas a Deus


ALELUIA     1 Xn 4, 10b
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Deus amounos e mandou o seu Fillo
para que expiase os nosos pecados.
Aleluia.



Evanxeo     Lc 7, 36 -- 8, 3 
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Perdoáronselle moitos pecados porque amou moito
 
            Naquel tempo, un fariseo convidou a comer a Xesús; e Xesús entrou na casa del e púxose á mesa. Unha muller, coñecida como pecadora na vila, sabedora de que estaba alí, levou un frasco de alabastro con perfume de mirra, botouse por detrás aos pés del chorando, e comezou a regarllos coas bágoas; secáballos cos cabelos da súa cabeza e bicáballos mentres llos unxía co perfume.
            Vendo aquilo, o fariseo que o convidara dixo p
ara si:
            Se este fose un profeta coñecería quen é, e que caste de muller é a que o está a tocar, unha pecadora.
            Xesús tomou a palabra e díxolle:
            Simón, teño algo que che dicir.
            El contestou:
            Pois dío, Mestre.
            Un prestamista tiña dous debedores; un debíalle cincocentos denarios, e o outro cincuenta. Como non tiñan con que lle pagar, perdooulles aos dous. Ora, quen deles o amará máis?
            Respondeulle Simón:
            Supoño que aquel a quen máis lle perdoou.
            El contestou:
            Ben dito.
            E volvéndose cara á muller, díxolle a Simón:
            Ti ves esta muller? Entrei na túa casa, e non me deches auga para os pés, pero ela regoumos coas súas bágoas e secoumos cos seus cabelos. Non me deches o bico, pero ela desde que entrou non parou de me bicar os pés. Non me unxiches a cabeza con aceite, pero ela unxiume os pés con perfume. Por iso dígoche: moitos pecados se lle perdoaron, cando mostra tanto amor; a quen pouco se lle perdoa, pouco amor mostra.
            E díxolle a ela:
            Os teus pecados están perdoados.
            Entón os demais convidados empezaron a comentar entre eles:
            Quen é este, que mesmo pretende perdoar os pecados?
            Pero el díxolle á muller:
             Salvoute a túa fe, vai en paz.
            Despois disto púxose a percorrer vilas e aldeas, predicando e anunciando a Boa Nova do Reino de Deus. Ían con el os Doce e mais algunhas mulleres que el curara de doenzas e de malos espíritos: María, chamada a Madalena, curada de sete demos, Xoana, a muller de Cusa, administrador de Herodes, Susana e outras moitas que o servían cos seus bens.


                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo

domingo, 9 de junio de 2013

Comentario

Nunha sociedade lastrada polo materialismo que todo o anega, resulta difícil entender e interiorizar a linguaxe da fe. Nenos, mozos e maiores, coidando que xa o saben todo, ao falar do relixioso adoptan unha actitude de desprezo, cando non de superioridade. Non vende, non está de moda, non dá beneficios, non produce ganancias, non... Estamos tan convencidos de que isto ten que ser así, que non contemplamos xa outras perspectivas, visións e formas de darlle sentido á nosa existencia. Consecuencia: cando se veñen abaixo as agarradoiras do materialismo, é dicir, a utilidade, o pragmatismo, a rendibilidade ou o éxito, non queda máis que o baleiro, e como consecuencia a nada, o nihilismo máis absoluto, o que nos trae actitudes como o derrotismo e a desesperanza, un deixarse ir ata que todo acabe, porque non hai nada máis. Este xeito de pensar e vivir invadiu tamén a moitos dos cristiáns. Algúns, como nada podía xa alentalos e o seu vivir a fe era puro ritualismo sociolóxico, optaron polo abandono silencioso da Igrexa, pola chamada apostasía silenciosa, sen facer moito barullo e sen chamar a atención…simplemente fóronse. Outros, inda que non se foron, móvense nunha fe pura e simplemente de costumes: o enterro, a festa, a Franqueira... pero sen nada que os motive e os achegue a unha experiencia persoal de Deus que se identifica coa persoa de Xesús. Poderiamos preguntarnos, os que seguimos vindo ás celebracións, os que seguimos pensando que Deus, o Deus de Xesús, sigue ocupando un lugar amplo na nosa vida, que parte de culpa temos por non ter sido capaces de ser testemuñas, de transmitir a alegría de crer, o gozo dunha palabra que nos pide comprometernos en cambiar o mundo, por facer dos corazóns, non estatuas de pedra, senón latexo quente que se aleda e se une ás causas nas que a defensa das persoas, e dentro destas as máis pobres e excluídas, son o motor, o obxectivo e a razón de ser do actuar de cada día. Como fixo e nos ten invitado a facer Xesús.
O seu érguete é un érguete dirixido a cada un de nós para que non caiamos nesta desidia que non só produce baleiro, senón que nos vai quitando horizontes, perspectivas e esperanzas. Outro mundo será posible, se posible é tamén o cambio na nosa actitude, no noso xeito de vivir, na nosa maneira de acoller, coñecer e movernos desde o seguimento da súa persoa. Non cremos en algo abstracto e difuso, senón nunha persoa: Xesús de Nazaré, Fillo de Deus e home que deu un profundo e agarimoso testemuño de amor; e que no final da súa estadía entre nós díxolle a aqueles que o seguían: non quededes mirando para o ceo. Ide e anunciade.
 Dínolo a nós tamén: a min, a vós; aos que hoxe estamos aquí, tamén a cantos a través de nós recibirán esta mensaxe. Poñámonos a andar, rompamos co baleiro, deixemos atrás a nostalxia doutros tempos. A fe non é vivir do pasado, senón actuar, aquí e agora, cos métodos, maneiras e modos de hoxe. Ergámonos e vaiamos, deixemos de mirar para outro lado!

LECTURAS

DOMINGO X  DO TEMPO ORDINARIO  -  CICLO C


Primeira Lectura     1 Re 17, 17-24
LECTURA DO LIBRO PRIMEIRO DOS REIS
Velaí que o teu fillo vive

            Naqueles días, adoeceu o fillo da muller, dona da casa. A doenza foi tan grave, que o neno deixou de alentar. A muller díxolle a Elías:
             "Que temos que ver un con outro, home de Deus? Viñeches á miña casa para lembrarme os meus pecados e para matarme o fillo?"
            Respondeulle Elías:
            "Dáme aquí o teu fillo".
            E coa mesma, colleullo do colo, su­biuno ao cuarto onde el durmía e deitouno na cama. E rezoulle ao Señor, dicindo:
             "Señor, meu Deus, tamén vas visitar coa desgraza a esta viúva coa que vivo, facen­do que morra seu fillo?"
            Logo tendeuse riba do neno por tres veces, chamando ao Señor:
             "Señor, meu Deus, fai que o alento de vida deste neno entre nel outra vez".
            O Señor escoitou a oración de Elías, e o neno comezou a alentar e reviviu. Elías colleu o neno, baixouno do seu cuarto e deullo á nai, dicindo:
            "Aí tes o teu fillo vi­vo".
            A muller díxolle a Elías:
            "Agora acabo de ver que ti es un home de Deus, e que a palabra do Señor está de verdade na túa boca".

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL     Sal 29, 2 e 4. 5-6. 11 e 12a e13b
R/.  (2a):  Eu lóote, Señor, porque me libraches.

Eu lóote, Señor, porque me libraches
e non deixaches rirse de min os inimigos.
Sacaches do abismo a miña vida,
fixéchesme revivir,
lonxe dos que baixan ao sepulcro.

Cantádelle ao Señor os seus amados,
loade o seu santo nome.
O seu furor dura só un intre;
o seu favor, toda a vida.
Se hai pranto á tardiña,
ó abrente xa hai ledicia.

Escoita, Señor; ten compaixón de min,
Señor, ven socorrerme.
Trocaches o meu lamento en danza,
Señor, meu Deus, hei loarte por sempre.



Segunda Lectura     Gal 1, 11-19
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS GÁLATAS
Reveloume o seu Fillo, para que volo predicase aos xentís

            Fágovos saber, irmáns, que o Evanxeo que eu prediquei non é cousa de homes, xa que nin o recibín nin o aprendín de home ningún, senón que mo revelou Xesús Cristo.
            Si: vós tedes oído falar das miñas andanzas de cando estaba no xudaísmo; do furor con que dera en perseguir a Igrexa de Deus; e de como adiantaba eu no xudaísmo máis ca moitos da miña raza e do meu tempo, como fanático seguidor das tradicións dos meus devanceiros.
            Mais cando a Aquel, que xa desde o seo da miña nai me puxera á parte e chamou por min pola súa graza, lle prougo revelarme o seu Fillo, para que o predicase aos non xudeus, eu de contadiño, sen lle pedir consellos á carne nin ao sangue, sen tan sequera subir a Xerusalén onda os que me precederan como apóstolos , retireime a Arabia, e volvín de novo a Damasco.
            De alí a tres anos subín a Xerusalén para ir coñecer a Pedro e cabo del fiquei uns quince días. E non vin a ningún outro apóstolo, fóra de Santiago, o parente do Señor.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus

 

ALELUIA     Lc 7, 16
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Un gran profeta xurdiu entre nós;
Deus visitou o seu pobo.
Aleluia.



Evanxeo     Lc 7, 11-17
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Rapaz, falo contigo: érguete!

            Naquel tempo, Xesús foi a unha vila chamada Naín, acompañado dos seus discípulos e outra moita xente. Cando estaba chegando á entrada da vila, sacaban a enterrar un morto, fillo único da súa nai, que era viúva; ía acompañada por moita xente da vila. ao vela, o Señor compadeceuse e díxolle:
            Non chores.
            E achegándose, tocou os que o levaban pararon , e el mandou:
o cadaleito
            Rapaz, falo contigo: érguete!
            O morto incorporouse e empezou a falar; e Xesús entregoullo á súa nai. Todos quedaron impresionados e loaban a Deus, dicindo:
            Un gran profeta xurdiu entre nós; Deus visitou o seu pobo.
            E por toda a Xudea e a súa comarca correron estes comentarios.



                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo

viernes, 31 de mayo de 2013

LECTURAS

SANTÍSIMO CORPO E SANGUE DE CRISTO  -  CICLO C
  
Primeira Lectura     Xén 14, 18-20
LECTURA DO LIBRO DA XÉNESE
Ofreceu pan e viño
 
     Naqueles días, Melquisédec, rei de Salem, presentou pan e viño, pois era sacerdote do Deus Altísimo, e bendiciu a Abrán con estas palabras:
     Bendito sexa Abrán polo Deus Altísimo, que fixo ceo e terra. Bendito sexa o Deus Altísimo, que puxo os teus inimigos na túa man.
     Abrán deulle a Melquisédec o décimo de todo.


                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus

  
SALMO RESPONSORIAL     Sal 109, 1. 2. 3. 4
 R/.  (4bc):  Ti es sacerdote para sempre conforme ao rito de Melquisédec.

Palabra do Señor ao meu Señor:
Senta á miña dereita,
mentres poño os teus inimigos
por estrado dos teus pés.

O Señor estenderá desde Sión
o cetro do poder:
domina nos teus inimigos.

Ti es príncipe desde o día do teu nacemento,
tes aura sagrada desde o seo;
xereite coma orballo antes da aurora.

O Señor xurouno, e non se arrepinte:
Ti es sacerdote para sempre
conforme ao rito de Melquisédec.



Segunda Lectura     1 Cor 11, 23-26
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
Cantas veces comedes e bebedes, anunciades a morte do Señor
 
            Irmáns:
            Eu recibín do Señor, e transmitinvos tamén a vós, que o Señor Xesús, na noite en que o entregaron, colleu pan e, despois de dar grazas, partiuno e dixo:
            "Isto é o meu corpo, que se entrega por vós; facede isto en memoria miña". Do mesmo xeito, despois de cear, tomou a copa dicindo:
            "Esta copa é a Nova Alianza, no meu sangue; cada vez que a bebades, facédeo en memoria miña".
            Polo tanto, cada vez que comedes este pan e bebedes desta copa, anunciades a morte do Señor, ata que El volva.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus




SECUENCIA,  AD LIBITUM
Lauda, Sion, Salvatorem
ou, máis breve:  Ecce panis

  
Loemos o Salvador,
o noso guía e pastor,
cun cantar afervoado.

Loémolo xenerosos,
pois don tan marabilloso
nunca o daremos loado.

A razón de tal loanza,
o pan vivo no que alcanza
o pobo gozosa vida.

Ós doce en leda irmandade
fora entregado en verdade
na cea de despedida.

Ampla e sonora cantiga:
que fale a alma e bendiga
con indicible ledicia.

Hoxe é a recordación
da primeira institución
desta mesa sen malicia.

Na mesa do novo Rei,
nova Pascua, nova lei,
o tempo vello termina.

O novo vence ao que é vello,
a verdade ao seu espello,
e a luz a noite ilumina.


Cristo mándanos facer
na súa memoria e querer
o que na Cea el fixera.

Seguindo no seu camiño
consagramos pan e viño
cal hostia de amor sincera.

Dogma para o pobo cristián:
en carne tórnase o pan
e o viño faise sangue.

A fe confirme animosa
o que a razón pretensiosa
non entende nin abrangue.

Baixo unha humilde aparencia
de signos, late a presenza
de cousas marabillosas.

Mantenza a carne, e bebida
o sangue, Cristo todo vida
en cada parte gozosa.

Quen o come, toma enteiro
o seu corpo sobranceiro
non diviso nin rompido.

Come un e comen mil,
tanto este coma aquil,
e non se dá consumido.

Os bos e os malos o comen,
con dispar sorte o consomen:
lance de vida ou de morte.

Morte ao malo, vida ao bo,
única mesa de unión
pero moi distinta sorte.

Partido xa o sacramento,
non dubides, olla atento
que tanto encerra o fragmento
coma todo o corpo enteiro.

Non hai no fondo fisura,
só o signo se fractura,
nin o amor nin a feitura
reve do que é verdadeiro.

O pan dos anxos foi feito
de camiñantes proveito;
pan para os fillos é feito,
que non para darlle aos cans.

En símbolos persignado:
con Isaac inmolado,
año pascual ofrendado,
para os devanceiros maná.

Bo pastor, pan sobranceiro,
pan para o pobo esmoleiro,
mantennos e sé o guieiro
que nos conduza certeiro
ata as fontelas da vida.

Ti, Señor de canto hai,
que termas de nós, mortais,
fainos os teus comensais
coas multitudes triunfais
na mesa en ti compartida. Amén.


Ou, máis breve:  Ecce panis


O pan dos anxos foi feito
de camiñantes proveito;
pan para os fillos é feito,
que non para darlle aos cans.

En símbolos persignado:
con Isaac inmolado,
año pascual ofrendado,
para os devanceiros maná.

Bo pastor, pan sobranceiro,
pan para o pobo esmoleiro,
mantennos e sé o guieiro
que nos conduza certeiro
ata as fontelas da vida.

Ti, Señor de canto hai,
que termas de nós, mortais,
fainos os teus comensais
coas multitudes triunfais
na mesa en ti compartida. Amén.






ALELUIA     Xn 6, 51
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Eu son o pan vivo, que descendín do ceo, di o Señor;
quen coma deste pan, vivirá eternamente.
Aleluia.




Evanxeo    
Lc 9, 11b-17
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Comeron e saciáronse todos

            Naquel tempo, faláballe Xesús á xente do Reino de Deus e curaba a cantos o necesitaban. E como empezaba a caer o día, achegáronse os Doce e dixéronlle:
            Despide a xente, para que vaian ás vilas e aldeas próximas en procura de sitio para se hospedaren e para que poidan tamén comprar algo que levar á boca, porque aquí estamos nun descampado.
            Pero el replicoulles:
            Dádelles vós de comer.
            Eles contestaron:
            Pero se non temos máis ca cinco bolos de pan e mais dous peixes! A non ser que vaiamos nós mercar mantenza para toda esta xente.
            Eran uns cinco mil homes. Mais el díxolles aos seus discípulos:
            Colocádeos en grupos de cincuenta.
            Dixéronllelo, e sentaron todos. El, colleu os cinco bolos e mais os dous peixes, ergueu a vista ao ceo, bendiciunos, partiunos e déullelos aos discípulos, para que llelos servisen á xente. Comeron todos a fartar, e coas sobras encheron aínda doce cestas.


 Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo      


   

domingo, 26 de mayo de 2013

COMUNIDADE ABERTA



Señor Xesús, fainos unha comunidade aberta,
confiada e pacífica,
invadida polo gozo do teu Espírito Santo.

Unha comunidade entusiasta,
que saiba cantar a vida, vibrar diante da beleza,
estremecerse diante do misterio
e anunciar o Reino do amor.

Que temos a festa no corazón, inda que sentimos
a presenza da dor no noso camiño,
porque sabemos, Xesús resucitado,
que ti venciches a dor e a morte.

Que non nos acovardan as tensións
nin nos afogan os conflitos
que poidan saír entre nós,
porque contamos -na nosa debilidade-
coa forza creadora e renovadora do teu Espírito Santo.

Regala, Señor, a esta familia túa
unha grande dose de bo humor
para que saiba desdramatizar
as situacións difíciles e sorrir abertamente á vida.

Fainos expertos en desfacer nós
e romper cadeas, abrir sucos,
curar feridas e manter viva a esperanza.

E concédenos ser, humildemente,
nun mundo abatido pola tristeza,
testemuñas e profetas da verdadeira alegría.

LECTURAS


DOMINGO DA SANTÍSIMA TRINDADE - CICLO C



Primeira Lectura     Prov 8, 22-31
LECTURA DO LIBRO DOS PROVERBIOS
Antes de que se fixera a terra xa fora concibida a Sabedoría

            Isto di a Sabedoría de Deus:
            O Señor posuíume ao encetar a súa tarefa,
antes das súas primeiras actividades;
desde a antigüidade, desde o remoto pasado fun formada,
antes das orixes da terra.
            Aínda non había océanos abismais, cando fun xerada,
nin había mananciais de auga;
antes de que fosen afincadas as montañas,
denantes dos outeiros fun dada a luz;
aínda non fixera a terra e as campías
nin os terróns primeiros do mundo.
            Cando afirmaba o ceo, alí estaba eu;
cando gravaba o cerco arredor do abismo,
cando aseguraba as nubes no alto
e daba enerxía ás fontes subterráneas,
cando lle impuxo os lindes ao mar
de xeito que as augas non incumprisen o seu mandato,
cando fixaba os alicerces da terra,
alí mesmo estaba eu, cabo del, coma un aprendiz:
eu era o seu pracer día tras día:
            Entretíñame diante del continuamente,
recreábame no orbe da terra.
            A miña delicia é estar cos fillos dos homes.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 8, 4-5. 6-7. 8-9
R/.  (2a):  Señor, noso Señor, que grande é o teu nome en toda a terra!

Cando contemplo o ceo, feitura da túa man,
a lúa e as estrelas que nel dispuxeches,
que é o home, para que te lembres del,
o fillo do home, para que o veñas visitar?

Fixéchelo pouco menos ca un anxo,
coroáchelo de honor e dignidade;
décheslle mando sobre as obras das túas mans,
todo o sometiches baixo os seus pés.

Rabaños de ovellas e touros,
e mesmo os animais en liberdade,
os paxaros do ceo e os peixes do mar,
que fan carreiros polas augas.


Segunda Lectura     Rm 5, 1-5
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS ROMANOS
Chegamos a Deus por medio de Cristo no amor derramado polo Espírito

            Irmáns:
            Xustificados pola fe, estamos en paz con Deus, por medio do noso Señor Xesús Cristo. Por El temos tamén acceso na fe a esta graza na que nos mantemos; e nos sentimos ledos coa esperanza de acadar a gloria de Deus.
            E non só isto, senón que nos alegramos nas tribulacións, sabendo que a tribulación xera a paciencia, a paciencia proba a fidelidade e a fidelidade produce a esperanza.
            E a esperanza non falla, porque o amor de Deus verteuse nos nosos corazóns mediante o Espírito Santo, que se nos deu.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


ALELUIA     Cf. Ap 1, 8
Se non se canta, pódese omitir

Aleluia, aleluia.
Gloria ao Pai e ao Fillo e ao Espírito Santo,
ó Deus que é, e que era, e que virá.
Aleluia.


Evanxeo     Xn 16, 12-15
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Todo o que ten o Pai é meu; o Espírito recibe do meu e darávolo a coñecer

            Naquel tempo, díxolles Xesús aos seus discípulos:
            - Aínda teño moitas cousas que vos dicir, pero non podedes con elas agora. Cando veña El, o Espírito da Verdade, havos encamiñar á verdade plena, pois non vos falará pola súa conta, senón que vos dirá o que escoitou e anunciaravos o
que ha de pasar.
            El hame glorificar, pois recibirá do meu e interpretarávolo. Todo o que ten o Pai é meu, por iso vos dixen que recibirá do meu e volo interpretará.
            Todo o que ten o Pai é meu, por iso díxenvos que recibirá do meu e volo interpretará a vós.

                                   Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo          
                       

viernes, 24 de mayo de 2013

O MISTERIO DA TRINDADE

No evanxeo Xesús revélanos o misterio máis grande que existe, é un dogma de fe, é dicir, unha verdade que debemos crer, se nos chamamos cristiáns. Cada vez que rezamos o Credo, dicimos crer nun só e único Deus, que é Pai Creador, que é Fillo Redentor e que é Espírito Santo, Señor e Dador de Vida e Santificador.O misterio da Santa Trindade, é un dos "misterios escondidos en Deus, -que como di o Concilio Vaticano II-, se non son revelados, poden ser coñecidos" E, aínda despois da Revelación, é o misterio máis profundo da fe, que o entendemento por si só non pode comprender nin penetrar.En cambio, o mesmo entendemento, iluminado pola fe, pode en certo modo, aferrar e explicar o significado do dogma, para achegar o home ao misterio da vida íntima do Deus Un e Trino.Toda a Sagrada Escritura revela esta verdade: "Deus é Amor na vida interior dunha única Divindade, como unha inefable comuñón de persoas,". Son Tres Persoas distintas nun só Deus, como aprendemos no catecismo.O misterio da Santa Trindade é a revelación máis grande feita por Xesucristo. Os xudeus adoran a unicidade de Deus e descoñecen a pluralidade de persoas na unicidade da substancia. Os demais pobos adoran a multiplicidade dos deuses. O cristianismo é a única relixión que descubriu, na revelación de Xesús, que Deus é un en tres persoas. Ante esta revelación divina da súa íntima esencia, non nos queda outra cousa que agradecerlle esta confianza e adorar as Tres Persoas Divinas.

En que consiste o Misterio?
Sabemos que hai UN SÓ DEUS, en tres persoas distintas entre si, non pola súa natureza -que é a divindade mesma- si polo seu obrar na historia da salvación. Así dicimos que:


  • DEUS PAI, é o " Principio-sen principio"; non foi creado nin xerado; é por si só o Principio de Vida; é a vida mesma, que posúe en absoluta comuñón co Fillo e co Espírito Santo.
  • DEUS FILLO, é xerado -non creado- polo Pai; Xesús é Fillo eterno e consubstancial (da mesma natureza ou substancia); Deus é ao mesmo tempo Pai, como o que xera, e Fillo como o que é xerado.
  • DEUS ESPÍRITO SANTO, procede do Pai e do Fillo; é como unha "expiración", sopro do Amor consubstancial entre o Pai e o Fillo; pódese dicir que Deus na súa vida íntima é amor, que se personaliza no Espírito Santo. .

Diferentes "misións"
Se quixésemos identificar a Santa Trindade polas súas "misións" no tempo, ou atribucións, diriamos que:
  • O PAI é o Principio de Vida, de quen todo procede. Atribúeselle a Creación.
  • O FILLO procede eternamente do Pai, como xerado por Él, e asumiu no tempo unha natureza humana pola nosa salvación. Atribúeselle a Redención.
  • O ESPÍRITO SANTO é enviado polo Pai e o Fillo, como tamén procede deles, por vía de vontade, a xeito de amor; manifestouse primeiro no Bautismo e na Transfiguración de Xesús e logo o día de Pentecoste sobre os discípulos; habita nos corazóns dos fieis co don da caridade (Cf. Ef 4,30). Atribúeselle a Santificación.
Porque o entendemento humano non é capaz de comprender a esencia divina, pode penetrar no misterio da vida íntima de Deus, só pode coñecer o que Deus revela e asumilo coa fe; pódese aplicar aquí a frase de San Agustín: "Se o comprendes, non é Deus". ."Que todos sexan un... ""Preguntaraste: se non o podemos comprender, para que entón quixo Deus revelarnos o gran misterio da Santa Trindade?No evanxeo de San Xoán, Xesús prega ao Pai polo que é o seu gran desexo:"Que todos sexan un como Ti, Pai, estás en Min e Eu en Ti. Sexan tamén un en nós: así o mundo crerá que ti me enviaches". (Xn 17, 21)Cando revela o misterio da Santa Trindade, deixa ver tamén as relacións que hai entre as tres Divinas Persoas; aínda que esas relacións son distintas, tampouco dividen a mesma e única esencia de Deus.
  • O Pai é pura Paternidade.
  • O Fillo é pura Filiación.
  • O Espírito Santo é puro Nexo de Amor.
Son relacións "subsistentes", que en virtude do seu impulso vital saen ao encontro unha da outra nunha comuñón, na cal a totalidade da Persoa é apertura á outra.É isto, o paradigma supremo da sinceridade e liberdade espiritual á que deben tender as relacións interpersoais humanas, sempre tan afastadas a este modelo transcendente."O Señor Xesús, cando prega ao Pai que 'todos sexan un, como nós tamén somos un' abrindo perspectivas pechadas á razón humana, suxire certa semellanza entre a unión das persoas divinas e a unión dos fillos de Deus na verdade e na caridade. Esta semellanza demostra que o home, única criatura terrestre á que Deus amou por si mesma, non pode encontrar a súa propia plenitude se non é na entrega sincera de si mesmo aos demais"(Concilio Vaticano II, Gaudium et spes, 24). 

Compromiso cristián
"Coñecer o misterio da Santa Trindade, involúcranos e compromete para adquirir certas actitudes nas relacións humanas:"a perfecta unidade das tres Persoas divinas, é o vértice transcendente que ilumina toda forma de auténtica relación e comuñón entre nós, seres humanos,"(Xoán Paulo II, "Creo en Deus Pai", p.170)Non se trata de que queiramos entender o Misterio da Santa Trindade, isto é imposible. Xesús revelounos ese Misterio para mostrarnos o modelo do que deben ser as relacións humanas dos cristiáns.A Igrexa universal invítanos a "glorificar a Santa Trindade", como manifestación da celebración de sabermos fillos de Deus. Non hai mellor forma de facelo que revisando as relacións cos nosos irmáns, para melloralas e así vivir a unidade querida por Xesús "que todos sexan un".

VÍA LUCIS. 6ª PARTE


Como rezar o Via Lucis - 6ª parte

12ª ESTACIÓN:

A DESPEDIDA: XESÚS ENCARGA A SÚA MISIÓN AOS APÓSTOLOS

Antes de deixar aos seus discípulos o Señor failles o encargo apostólico: a tarefa de estender o Reino de Deus por todo o mundo, de facer chegar a todos os recunchos a Boa Noticia.

Do Evanxeo segundo San Mateo 28, 16-20. (cf. Lc 24, 44-48).
Os once discípulos fóronse para Galilea ó monte onde Xesús os citara. E véndoo, postráronse ante el, anque algúns dubidaban. Xesús, achegándose, díxolles:
Déuseme todo poder no ceo e mais na terra. Ide, pois, e facede discípulos meus a tódolos pobos, bautizándoos no nome do Pai e do Fillo e do Espírito Santo; ensinándolles a gardar canto vos mandei. Asegúrovos que eu estarei sempre convosco ata a fin do mundo.

Comentario
Os últimos días de Xesús na terra xunto aos seus discípulos deberon quedar moi gravados nas súas mentes e nos seus corazóns. A intimidade da amizade se ha ir concretando coa proximidade do resucitado, que lles axudou a saborear estes últimos instantes con El. Pero o Señor pon no seu horizonte toda a tarefa que teñen por diante: 'Ide ao mundo enteiro...'. Ese é o seu testamento: hai que porse en camiño para levar a todos a mensaxe que viron e oído.

Están por diante o tres grandes tarefas de todo apóstolo, de todo cristián: predicar, falar de Deus para que a xente crea; bautizar, facer que as persoas cheguen a ser fillos de Deus, que celebren os sacramentos; e vivir segundo o Evanxeo, para parecerse cada día máis a Xesús, o Mestre, o Señor.

Oración
Señor Xesús, que enchiches de esperanza aos apóstolos
co doce mandato de predicar a Boa Nova,
dilata o noso corazón para que creza en nós
o desexo de levar ao mundo, a cada home, a todo home,
a alegría da túa Resurrección, para que así o mundo crea,
e crendo sexa transformado á túa imaxe.


13ª ESTACIÓN:

XESÚS ASCENDE AO CEO

Cumprida a súa misión entre os homes, Xesús ascende ao ceo. Saíu do Pai, agora volve ao Pai e está sentado á súa dereita. Cristo glorioso está no ceo, e desde alí haberá de vir como Xuíz de vivos e mortos.

Dos Feitos dos Apóstolos 1, 9-11 (cf. Mc 16, 19-20; Lc 24, 50-53).
En dicindo isto, elevouse á vista deles e unha nube quitóullelo da súa vista. E estando eles fitando para o ceo mentres el marchaba, presentáronselles dous homes con vestidos brancos, que dixeron:
Galileos, ¿que facedes ollando para o ceo? Este Xesús que vos foi levado de entre vós ó ceo, ha volver do mesmo xeito que o vistes ir.


Comentario
Todos reuníronse para a despedida do Mestre. Senten a dor da separación, pero o Señor encheulles de esperanza. Unha esperanza firme: 'Eu estarei convosco todos os días até o fin do mundo'. Por iso os anxos sácanlles deses primeiros instantes de desconcerto, de 'mirar ao ceo'. É o momento de porse a traballar, de empregarse a fondo para levar a mensaxe de alegría, a Boa Noticia, até os confíns do mundo, porque contamos coa compañía de Xesús, que non nos abandona. E non podemos perder un instante, porque o tempo non é noso, senón de Deus, para queimalo no seu servizo.

Xesucristo quixo ir por diante de nós, para que vivamos coa ardente esperanza de acompañalo un día no seu Reino. E está sentado á dereita do Pai, ata que volva ao final dos tempos.

Oración
Señor Xesús,
a túa ascensión ao ceo anúncianos a gloria futura
que destinaches para os que che aman.
Fai, Señor, que a esperanza do ceo nos axude a traballar sen descanso aquí na terra.
Que non permanezamos nunca de brazos cruzados,
senón que fagamos da nosa vida unha sementa continua
de paz e de alegría.


14ª ESTACIÓN:

A CHEGADA DO ESPÍRITO SANTO EN PENTECOSTE

A promesa firme que Xesús fixo aos seus discípulos é a de enviarlles un Consolador. Cincuenta días despois da Resurrección, o Espírito Santo derrámase sobre a Igrexa nacente para fortalecela, confirmala, santificarla.

Dos Feitos dos Apóstolos 2, 1-4
Cando se cumpriron os días de Pentecostés, estaban todos xuntos no mesmo sitio. De súpeto, veu do ceo un ruído coma dun forte golpe de vento, que encheu toda a casa onde estaban; e apareceron talmente coma linguas de lume, que, repartidas, foron pousando unha sobre cada un deles. Que-daron cheos do Espírito Santo e puxéronse a falar noutras linguas, conforme lles concedía o Espírito.

Comentario
Xesús, o Fillo de Deus, está xa no ceo, pero prometeu aos seus amigos que non quedarán sós. E fiel á promesa, o Pai, pola oración de Xesús, envía ao Espírito Santo, a Terceira Persoa da Santísima Trindade. Moi pegados á Virxe, Nai da Igrexa, reciben o Espírito Santo. El é o que enche de luz a mente e de lume o corazón dos discípulos para darlles a forza e o impulso para predicar o Reino de Deus. Queda inaugurado o 'tempo da Igrexa'.

A partir deste momento a Igrexa, que somos todos os bautizados, está en peregrinación por este mundo. O Espírito Santo a guía ao longo da historia da humanidade, pero tamén ao longo da propia historia persoal de cada un, ata que un día participemos do gozo xunto a Deus no ceo.

Oración
Deus Espírito Santo, Doce Hóspede da alma,
Consolador e Santificador noso,
inflama o noso corazón, chea de luz a nosa mente
para que tratémosche cada vez máis e coñezámosche mellor.
Derrama sobre nós o lume do teu amor
para que, transformados pola túa forza,
poñámosche na entraña do noso ser e do noso obrar,
e todo o fagamos baixo o teu impulso.



ORACIÓN FINAL
Señor e noso Deus,
fonte de alegría e de esperanza,
vivimos co teu Fillo os acontecementos
da súa Resurrección e Ascensión
ata a chegada do Espírito Santo;
fai que a contemplación destes misterios
nos encha da túa graza e nos capacite
para dar testemuño de Xesucristo no medio do mundo.
Pedímosche pola túa Santa Igrexa:
que sexa fiel reflexo das pegadas de Cristo na historia
e que, enchida do Espírito Santo,
manifeste ao mundo os tesouros do teu amor,
santifique aos teus fieis cos sacramentos
e faga partícipes a todos os homes da resurrección eterna.
Por Xesucristo o noso Señor.