domingo, 12 de mayo de 2013

Lecturas


Domingo VII de Pascua -A ASCENSIÓN DO SEÑOR. Ciclo C
  
Primeira Lectura     Feit 1, 1-11
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Elevouse á vista deles
 
            O primeiro libro fíxeno, Teófilo, acerca de todo o que Xesús obrou e ensinou desde o comezo, ata o día que foi levado ao ceo, logo de ter dado instrucións polo Espírito Santo aos apóstolos que escollera.
            Ós mesmos que tamén se lles amosara vivo, con moitas probas despois da súa paixón, aparecéuselles durante corenta días e faláballes das cousas referentes ao Reino de Deus.
            E comendo con eles, encomendoulles que non se retirasen de Xerusalén, senón que agardasen a promesa do Pai que me escoitastes a min: porque Xoán bautizou con auga, mais a vós bautizarásevos co Espírito Santo, de aquí a poucos días.
            Os que estaban reunidos preguntábanlle:
            Señor, é agora cando vas restablecer o Reino de Israel?
            El respondeulles:
            Non vos acae a vós coñecer o tempo ou a oportunidade que o Pai fixou co seu propio poder. Pero recibiredes a forza do Espírito Santo, que virá sobre vós e seredes as miñas testemuñas en Xerusalén, en toda a Xudea e Samaría e ata os confíns da terra.
            En dicindo isto, elevouse á vista deles e unha nube quitóullelo da súa vista. E estando eles fitando para o ceo mentres el marchaba, presentáronselles dous homes con vestidos brancos, que dixeron:
             Galileos, que facedes ollando para o ceo? Este Xesús que vos foi levado de entre vós ao ceo, ha volver do mesmo xeito que o vistes ir.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL      Sal 46, 2-3. 6-7. 8-9
R/. (6): Deus sobe entre aclamacións, o Señor, ao son de trompetas.
Ou: Aleluia.

Aplaudide, pobos todos,
aclamade a Deus con cancións.
O Señor é excelso e terrible,
o gran rei de toda a terra.

Deus sobe entre aclamacións,
o Señor, ao son de trompetas.
Cantádelle a Deus, cantádelle,
cantádelle ao noso rei, cantádelle.

Deus é o rei de toda a terra:
cantádelle con xeito.
Deus reina sobre as nacións,
sentado no seu trono sagrado.


Segunda Lectura      Ef 1, 17-23
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS EFESIOS
Sentouno á súa dereita no ceo

            Irmáns:
            O Deus do noso Señor Xesús Cristo, o Pai da gloria, vos conceda espírito de sabedoría e de revelación, para o coñecerdes ben; que manteña iluminados os ollos da vosa alma, para que comprendades cal é a esperanza da súa chamada, cal a riqueza da gloria da súa herdanza nos crentes, e cal o extraordinario portento do seu poder verbo de nós, os crentes, en consonancia co vigor da súa potencia e da súa forza, que exerceu con Cristo resucitándoo de entre os mortos e sentándoo á súa dereita nos ceos, por riba de todo principado e potestade, de toda virtude e dominación, e por riba de todo título de honra recoñecido neste mundo e tamén no vindeiro. 
            Someteullo todo baixo os seus pés e púxollo por riba de todo como cabeza á Igrexa, que é o seu corpo, a plenitude daquel que o enche todo en todas as cousas.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


ALELUIA      Mt 28, 19a. 20b
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Ide e ensinade a todas as xentes, di o Señor:
eu estou convosco todos os días ata a fin do mundo.
Aleluia.


Evanxeo Lc 24, 46-53
LECTURA DO FINAL DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Mentres os bendicía, era levado ao ceo

            Naquel tempo, díxolles Xesús aos seus discípulos:
            Así está escrito: o Mesías padecerá e resucitará de entre os mortos no terceiro día, e predicarase no seu nome a conversión e mais o perdón dos pecados a todos os pobos, empezando por Xerusalén.
            Vós seredes testemuñas de todo isto. E eu heivos mandar o don prometido por meu Pai. Entrementres seguide na cidade, ata que se vos revista co poder que vén de arriba.
            Despois levounos para fóra, a un lugar preto de Betania, e alí, erguendo as mans, bendiciunos.
            E mentres os bendicía, foise separando deles, e foi elevado ao ceo. Eles, despois de se prostraren perante el, volveron para Xerusalén cheos de alegría. E seguían decote, no templo, bendicindo a Deus.

                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo

viernes, 10 de mayo de 2013

VÍA LUCIS. 3ª PARTE


Como rezar o Via Lucis - 3ª Parte


3ª ESTACIÓN

XESÚS APARÉCESE ÁS MULLERES
As mulleres ven desbordadas polos feitos: o sepulcro está baleiro e un anxo anúncialles que Cristo vive. E failles un encargo: anunciádeo aos apóstolos. Pero a maior alegría é ver a Xesús, que sae ao seu encontro.


Do Evanxeo segundo San Mateo 28, 8-10.
Elas marcharon do sepulcro con toda a présa, con temor pero cheas de gozo; e correron para llelo comunicaren ós seus discípulos.
Entón Xesús saíulles ó encontro dicindo:
Alegrádevos.
Elas, achegándose, abrazáronlle os pés e postráronse ante el. Xesús díxolles:
Non teñades medo: ide avisar a meus irmáns de que marchen para Galilea, que alí me verán.

Comentario
As mulleres son as primeiras en reaccionar ante a morte de Xesús. E obran con dilixencia: o seu agarimo é tan auténtico que non repara en respectos humanos, no que dirán. Cando embalsamaron o corpo de Xesús tivérono que facer tan rapidamente que non puideron terminar ese piadoso servizo ao Mestre. Por iso, como aprenderon a querer, a facer as cousas até o final, van acabar o seu traballo. Son valentes e xenerosas, porque aman con obras. Botaron fóra o soño e a preguiza e, antes de despuntar o día, xa se encamiñan cara ao sepulcro.

Hai dificultades obxectivas: os soldados, a pesada pedra que cobre a estancia onde está colocado o Señor. Pero elas non se asustan porque saben pór todo en mans de Deus.

Oración
Señor Xesús, dános a valentía daquelas mulleres,
a súa fortaleza interior para facer fronte a calquera obstáculo.
Que, a pesar das dificultades, interiores ou exteriores,
saibamos confiar e non nos deixemos vencer pola tristeza ou o
desalento, que o noso único móbil sexa o amor,
ó pornos ao teu servizo porque, como aquelas mulleres,
e as boas mulleres de todos os tempos,
queremos estar, desde o silencio, ao servizo dos demais.


4ª ESTACIÓN:

OS SOLDADOS CUSTODIAN O SEPULCRO DE CRISTO
Para ratificar a resurrección de Cristo, Deus permitiu que houbese unhas testemuñas especiais: os soldados postos polos príncipes dos sacerdotes, precisamente para evitar que houbese un engano.

Do Evanxeo segundo San Mateo 28, 11-15.
Mentres elas ían, algúns da garda foran á cidade para informaren ós sumos sacerdotes de canto acontecera. Eles, reuníndose cos senadores, acordaron darlles unha boa presa de cartos ós soldados, encargán-dolles:
Vós dicide: "os seus discípulos fórono roubar de noite, mentres nós durmiamos". E, se o gobernador chega a saber algo, xa o convenceremos nós, sacándovos do apuro.
Eles, collendo os cartos, fixeron tal como lles mandaran. E así correu este rumor entre os xudeus ata o día de hoxe.

Comentario
Os inimigos de Cristo quixeron cerciorarse de que o seu corpo non puidese ser roubado polos seus discípulos e, para iso, aseguraron o sepulcro, selando a pedra e montando a garda. E son precisamente eles quen contaron o ocorrido. Que acertado é o comentario dun Pai da Igrexa cando di aos soldados: 'Se durmiades por que sabedes que o roubaron?, e se os vistes, por que non llo impedistes?'. Pero non hai peor cego que o que non quere ver.

En lugar de crer, os sumos sacerdotes e os anciáns queren ocultar o acontecemento da Resurrección e, con diñeiro, compran aos soldados, porque a verdade non lles interesa cando é contraria ao que eles pensan.

Oración
Señor Xesús, dános a limpeza de corazón
e a claridade de mente para recoñecer a verdade.
Que nunca negociemos con ela para ocultar as nosas fraquezas,
a nosa falta de entrega, que nunca sirvamos á mentira,
para sacar adiante os nosos intereses.
Que che recoñezamos, Señor, como a Verdade da nosa vida.


5ª ESTACIÓN:

PEDRO E XOÁN CONTEMPLAN O SEPULCRO BALEIRO
Os apóstolos recibiron con desconfianza a noticia que lles deron as mulleres. Están confusos, pero o amor pode máis. Por iso Pedro e Xoán achéganse ao sepulcro coa rapidez da súa esperanza.

Do Evanxeo segundo San Xoán 20, 3-10 (cf. Lc 24, 12).
Pedro e mailo outro discípulo saíron correndo cara ó sepulcro. Corrían os dous á par. Pero o outro discípulo correu máis lixeiro ca Pedro, e chegou primeiro ó sepulcro. Abaixándose, viu que estaban os lenzos, pero non entrou. Entón chegou tamén Simón Pedro, que o seguía, e entrou no sepulcro. Viu os lenzos pousados alí. Pero o sudario que envolvera a súa cabeza, non estaba cos panos, senón á parte, enrolado noutro lugar. Entón entrou tamén o outro discípulo, que chegara primeiro, ó sepulcro; viu e creu. (Pois aínda non entenderan que, conforme a Escritura, era preciso que resucitase de entre os mortos). Entón os discípulos voltaron para a casa.

Comentario
Pedro e Xoán son os primeiros apóstolos en ir ao sepulcro. Chegaron correndo, coa alma esperanzada e o corazón latexando forte. E comproban que todo é como lles dixeron as mulleres. Até os máis pequenos detalles de como estaba o sudario quedan gravados no seu interior, e reflectidos na Escritura. Cristo venceu á morte, e non é unha va ilusión: é un feito da historia, que vai cambiar a historia. Despois deste feito, o Señor sairía ao encontro de Pedro, como expresión da delicadeza do seu amor; e así, o que chegaría a ser Cabeza dos Apóstolos, e tería que confirmalos na fe, recibiu unha visita persoal de Xesús. Así nolo conta Pablo e Lucas: '[Cristo] apareceuse a Cefas e logo aos Doce' (1 Cor 15, 5; cf. Lc 24, 34).

Oración
Señor Xesús, tamén nós como Pedro e Xoán,
necesitamos encamiñarnos cara a Ti, sen deixalo para despois.
Por iso pedímosche ese impulso interior
para responder con prontitude ao que poidas querer de nós.
Que saibamos escoitar aos que nos falan no teu nome
para que corramos con esperanza a buscarche.

sábado, 4 de mayo de 2013

Reflexión


O medo, unha vez máis, volve aparecer no texto da primeira lectura. Pouco aprenderan de Xesús! Non daban entendido que non era con ameazas, imposicións e exclusións como se tiña que desenvolver o seguimento ao que El os chamara. Por iso van a Xerusalén para dialogar –todos, non só un que mandase sobre os demais– sobre como tratar a aqueles primeiros cristiáns que non proviñan do xudaísmo. Cómo imporlle máis cargas cando para eles a mensaxe de Xesús era nova, creativa, liberadora? Pero nada hai que un bo diálogo, con razóns e argumentos non con imposicións, non poida solucionar. E así o fan aqueles primeiros seguidores.Non lles importa cambiar a súa opinión, están abertos a acoller outras visións, non se encirran en manter o sempre foi así, aquí non se cambia nada, ou isto é así porque o digo eu. Non, dialogan, escóitanse, chegan a acordos e toman decisións. Canto temos que aprender! Que importante é non esquecer a metodoloxía das primeiras comunidades! Radicais, si, pero nunca pechados a escoitarse. Como fixera Xesús. Verdade que tamén nós temos campo aberto para facer o mesmo? E non só no que se refire ao Papa, os bispos ou os curas, senón que non estaría mal que miraramos para cada un de nós, e nos decidiramos dunha vez por todas a abandonar actitudes prepotentes, sectarias ou clasistas, porque á fin e ao cabo moitas veces os segrares son os que máis impiden, protestan e atascan calquera cambio ou renovación que se queira levar a cabo na Igrexa. Tan apegados estamos aos costumes e tan despegados da mensaxe de Xesús? Repasemos na nosa casa, con calma e reflexión, o texto do libro dos Feitos dos Apóstolos que hoxe lemos como primeira lectura. Seguro que todos nos vemos reflectidos nel; e seguro, tamén, que desde el poderemos aprender, descubrir e aplicar á nosa vida a metodoloxía que eles utilizaron para tomar unha decisión que non excluía a ninguén e posibilitaba que se acollese a quen chegaba de novas á fe de Xesús. A fe non é unha carga, senón unha experiencia de amor, de encontro, de fraternidade, e como consecuencia, de sentido da vida. As cargas poñémolas nós, non veñen “de serie”, por que nos empeñamos, uns e outros, en non querer entendelo?

Só desde a universalidade de quen non identifica a fe cristiá –a mensaxe de Xesús– cunha cultura determinada, cuns costumes ou cunhas prácticas, podemos entender a oración do Salmo 66 onde se nos invita a loar a Deus. Porque a fe é universal, porque non é patrimonio duns poucos, porque non está pechada nin ao diálogo nin ao entendemento con tódalas persoas, quere ser sempre unha invitación a compartir calquera proxecto que teña como centro á persoa, ao ser humano sempre querido e agarimado por Deus. Por iso tamén nós, coma o salmista, podemos dicir convencidos: “que te loen os pobos, que todos os pobos te loen”. Si, que te loen, tamén neste momento de dificultade e desespero, porque diante da adversidade vai xurdindo o mellor de cada unha das persoas, o tesouro que estaba agochado, e que mostra en forma de solidariedade, tempo compartido, axuda económica ou tempo entregado de balde ao servizo de quen o poida necesitar. E iso só pode ser un agasallo de Deus, a quen loamos convencidos, por ter posto en nós esa semente que vai dando froitos que poñen alivio, consolo, sorriso e esperanza nas vidas de tantas persoas necesitadas. A mágoa é que tivo que vir esta crise galopante, para que cada un de nós fose capaz de sacar o mellor que levaba dentro de si para poñelo ao servizo da fraternidade que en Deus compartimos.

Para non decaer nesta tarefa, sentimos a presenza do Espírito. El será a forza, o compañeiro de camiño, o alento cando nos veñamos abaixo, a man amiga que tira de nós para que non afundamos. O Espírito Santo que Deus nos dá é quen nos fai caer na conta de que non é a violencia o camiño, senón que o camiño é a paz. Nela e desde ela vaise mostrando o verdadeiro amor, que non é paternalista, proteccionista ou acaparador, senón un amor en e na liberdade, que vai facendo que non nos sintamos solos. A paz que nos ofrece Xesús realízase desde o amor real, sinxelo e sincero, que vai posibilitando que nos encontremos cos irmáns que, camiñando coma nós, nos tenden a man para que a acollamos e non nos sintamos illados.

Lecturas


VI DOMINGO DE PASCUA CICLO C



Primeira Lectura     Feit 15, 1-2. 22-29
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Decidimos, o Espírito Santo e mais nós, non vos impoñer máis cargas cás precisas

            Naqueles días, algúns que baixaron desde Xudea ensinaban aos irmáns: "se non vos circuncidades conforme á tradición de Moisés, non vos podedes salvar".
            Como se orixinou un desacordo e unha disputa non pequena de Paulo e Bernabé contra eles, acordaron que Paulo, Bernabé e algúns outros subisen a Xerusalén a tratar a cuestión cos apóstolos e os responsables.
            Entón, os apóstolos e os responsables de acordo con toda a Igrexa, decidiron elixir algúns de entre eles e mandalos a Antioquía, xunto con Paulo e Bernabé; Xudas, chamado Barsabás, e Silas, homes que destacaban entre os irmáns. E por medio deles mandaron esta carta:
            "Os irmáns apóstolos e responsables saúdan aos irmáns de orixe pagá, que están en Antioquía, Siria e Cilicia. Somos sabedores de que algúns, saídos de aquí e a quen non demos mandato ningún, andan por aí desacougándovos coas súas palabras; decidimos escoller uns delegados e mandárvolos, xunto cos nosos benqueridos Bernabé e Saulo, que teñen dedicado a súa vida á causa de noso Señor Xesús Cristo; mandámosvos, logo, a Xudas e Silas, que vos dirán de palabra as mesmas cousas.
            Porque decidimos, o Espírito Santo e mais nós, non vos impoñer máis cargas cás precisas: absterse de carnes ofrecidas aos ídolos, do sangue, de animais afogados e da unión deshonesta; faredes ben en gardarvos destas cousas. Saúde".

                        Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 66, 2-3. 5. 6 e 8
R/.  (4): Lóente os pobos, oh Deus, lóente os pobos todos.
Ou:  Aleluia.

Deus teña piedade de nós e nos bendiga,
faga brillar o seu rostro sobre nós.
Que se coñeza na terra o teu camiño,
en todas as nacións a túa salvación.

Alégrense e canten as nacións,
porque xulgar os pobos rectamente
e na terra gobernar as nacións.

Lóente os pobos, oh Deus,
lóente os pobos todos.
Que nos bendiga Deus e que o teman
os confíns todos do mundo.


Segunda Lectura     Ap 21, 10-14. 22-23
LECTURA DO LIBRO DA APOCALIPSE
Mostroume a santa cidade que descendía do ceo

            O anxo levoume en espírito á cima dun monte moi grande e alto e amosoume a cidade santa, Xerusalén, que baixaba do ceo de onda Deus; tiña a gloria do mesmo Deus. O seu resplandor imitaba o dunha pedra preciosa, unha pedra cristalina de xaspe.
            Tiña unha muralla grande e alta con doce portas de entrada; e enriba das portas doce anxos; e escritos nelas os seus nomes, que son os das doce tribos de Israel: tres portas polo Nacente, tres portas polo Norte, tres portas polo Mediodía e tres portas polo Poñente. A muralla da cidade tiña doce alicerces e sobre os alicerces, doce nomes, que son os dos doce Apóstolos do Año.
            Nela non vin santuario ningún, porque o seu santuario é o Señor Deus, que todo o sostén, e mais o Año. A cidade non precisa sol nin lúa que a ilumine, que a ilumina a gloria de Deus; e o Año é a súa lámpada.

                        Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


ALELUIA      Xn 14, 23
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Quen me ama, cumprirá a miña palabra, di o Señor;
e o meu Pai amarao e viremos a el.
Aleluia.


Evanxeo     Xn 14, 23-29
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
O Espírito Santo recordaravos todo canto vos dixen

            Naquel tempo díxolles Xesús aos seus discípulos:
            Se alguén me ama, gardará a miña palabra, e meu Pai amarao, e viremos onda el, e faremos vida con el. O que non me ama, non garda as miñas palabras; e a palabra que escoitades de min, non é miña, é do Pai que me mandou.
            Díxenvos estas cousas mentres estaba convosco; pero o Paráclito, o Espírito Santo que meu Pai mandará no meu nome, ese havos ensinar todo e traeravos á memoria canto eu vos dixen.
            Déixovos a paz, douvos a miña paz: eu non vola dou como o mundo a dá.
            Non vos angustiedes, nin teñades medo. Oístes que vos dixen "voume e logo volvo onda vós".
            Se me amasedes, alegrariádesvos de que eu vaia onda o Pai, xa que o Pai é máis ca min.
            Díxenvolo agora, antes de que suceda, para que, cando suceda, creades.

                        Palabra do Señor                                         R/. Loámoste, Cristo

jueves, 2 de mayo de 2013

VÍA LUCIS. 2ª PARTE


Como rezar o Via Lucis - 2ª parte

Oración Preparatoria

Señor Xesús, coa túa Resurrección
 triunfaches sobre a morte
e vives para sempre comunicándonos a vida,
a alegría, a esperanza firme.

Ti que fortaleciches a fe dos apóstolos,
das mulleres e dos teus discípulos
ensinándoos a amar con obras,
fortalece tamén o noso espírito vacilante,
para que nos entreguemos de cheo a ti.

Queremos compartir contigo
 e coa túa Nai Santísima
a alegría da túa Resurrección gloriosa.
Ti que nos abriches o camiño cara ao Pai,
feixe que, iluminados polo Espírito Santo,
gocemos un día da gloria eterna.



1ª ESTACIÓN:

CRISTO VIVE!: RESUCITOU!
Na cidade santa, Xerusalén, a noite vai deixando paso ao Primeiro Día da semana. É un amencer glorioso, de alegría desbordante, porque Cristo venceu definitivamente á morte. Cristo vive! Aleluia!


Do Evanxeo segundo S. Mateo 28, 1-7 (Mc 16, 1-8; Lc, 24, 1-9; Xn 20, 1-2)
Pasado o sábado, na alborada do primeiro día da semana, María Magdalena e maila outra María foron visita-lo sepulcro. Entón produciuse un grande terremoto, xa que o anxo do Señor, baixando do ceo, removeu a lousa e sentou enriba dela. Tiña o aspecto dun relampo e o seu vestido era branco coma a neve. Os gardas tremeron co medo, ficando coma mortos. Mais o anxo díxolles ás mulleres:
Non teñades medo, ben sei que buscades a Xesús o crucificado. Non está aquí, resucitou tal como dixera. Vinde ve-lo sitio onde estaba. E ide axiña dicirlles ós seus discípulos: "Resucitou de entre os mortos e vai diante de vós para Galilea: alí o veredes". Iso é o que vos tiña que dicir.


Comentario
Nos sepulcros adoita pór 'Aquí xace', en cambio no de Xesús o epitafio non estaba escrito senón que o dixeron os anxos: 'Por que buscades entre os mortos ao que vive? Non está aquí, senón que resucitou' (Lc 24, 5-6).

Cando todo parece que está acabado, cando a morte parece dicir a última palabra, hai que proclamar cheos de gozo que Cristo vive, porque resucitou. Esa é a gran noticia, a gran verdade que dá consistencia á nosa fe, que enche dunha alegría desbordante nosa vida, e que se entrega a todos: 'até aos mortos foi anunciada a Boa Noticia' (1 Pe 4, 6), porque Xesús abriu as portas do ceo aos xustos que morreron antes que El.

Cristo, que quixo redimirnos deixándose cravar nun madeiro, entregándose plenamente por amor, venceu á morte. A súa morte redentora liberounos do pecado, e agora a súa resurrección gloriosa abriunos o camiño cara ao Pai.

Oración
Señor Xesús,
quixemos seguirche nos momentos difíciles
da túa Paixón e Morte, sen avergoñarnos da túa cruz redentora.
Agora queremos vivir contigo a verdadeira alegría,
a alegría que brota dun corazón namorado e entregado,
a alegría da resurrección.
Pero ensínanos a non fuxir da cruz,
porque antes do triunfo adoita estar a tribulación.
E só tomando a túa cruz poderemos enchernos dese gozo
que nunca acaba.


2ª ESTACIÓN:

O ENCONTRO CON MARÍA MAGDALENA
María Magdalena, vai á fronte das mulleres que se dirixen ao sepulcro para terminar de embalsamar o corpo de Xesús. Chora a súa ausencia porque ama, pero Xesús non se deixa gañar en xenerosidade e sae ao seu encontro.

Do Evanxeo segundo San Xoán 20, 11-18 (cf. Mc 16, 9-11; Mt 28, 9-10).
Mentres tanto, María quedara ó pé do sepulcro, na parte de fóra, chorando. Sen deixar de chorar, abaixouse a ollar no sepulcro. Viu dous anxos de branco, sentados, un á cabeceira e outro ós pés do sitio onde xacera o corpo de Xesús.
Eles preguntáronlle:
Muller, ¿por que choras?
Ela respondeulles:
Porque colleron ó meu Señor e non sei onde o puxeron.
Dito isto, virouse cara atrás e viu a Xesús alí de pé, pero sen se decatar de que era Xesús. 15Xesús preguntoulle:
Muller, ¿por que choras? ¿A quen buscas?
Ela, coidando que era o xardineiro, díxolle:
Señor, se o levaches ti, dime onde o puxeches, que eu o collerei.
Xesús díxolle:
¡María!
Ela, virándose, exclamou en hebreo:
¡Rabbuni! (que quere dicir "Mestre").
Xesús díxolle:
Sóltame, que aínda non subín onda o Pai; máis ben, vai onda os meus irmáns e dilles: "Subo onda meu Pai e voso Pai, o meu Deus e o voso Deus".
María Magdalena foilles contar ós discípulos que vira o Señor, e que lle dixera estas cousas.

Comentario
A Magdalena ama a Xesús, cun amor limpo e grande. O seu amor está feito de fortaleza e eficacia, como o de tantas mulleres que saben facer del entrega. María buscou ao Mestre e a resposta non se fixo esperar: o Señor recoñece o seu agarimo sen fisuras, e pronuncia o seu nome. Cristo chámanos polos nosos nomes, persoalmente, porque nos ama a cada un. E ás veces ocúltase baixo a aparencia do hortelano, ou de tantos homes ou mulleres que pasan, sen que nos deamos conta, ao noso lado.

María Magdalena, unha muller, vaise a converter na primeira mensaxeira da Resurrección: recibe o doce encargo de anunciar aos apóstolos que Cristo resucitou.

Oración
Virxe María, Nai de Deus e Nai nosa,
a tradición cristiá dinos
que a primeira visita do teu Fillo resucitado
foi a ti, non para fortalecer a túa fe,
que en ningún momento había decaído,
senón para compartir contigo a alegría do triunfo.
Nós querémosche pedir que, como María Magdalena,
sexamos testemuñas e mensaxeiros da Resurrección de Xesucristo,
vivindo contigo o gozo de non separarnos nunca do Señor.

Lecturas


DOMINGO V DE PASCUA - CICLO C


Primeira Lectura     Feit  14, 21b-27
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Comunicáronlle á Igrexa as marabillas que Deus realizara con eles

            Naqueles días, Paulo e mais Bernabé volveron para Listra, Iconio e Antioquía, fortalecendo o espírito dos discípulos e animándoos a perseveraren na fe, porque – dicíanlles temos de pasar por moitos traballos para entrarmos no Reino de Deus. E despois de designarlles presbíteros en cada Igrexa, oraban, xaxuaban e encomendábanos ao Señor, en quen creran.
            Atravesando a Pisidia, chegaron a Panfilia e, logo de anunciaren a palabra en Perxe, baixaron cara a Atalía.
            De alí embarcaron para Antioquía, desde onde foran confiados á graza de Deus para a misión que viñan de cumprir.
            Chegando, reuniron a Igrexa e contaron todo canto Deus fixera con eles e como lles abrira aos pagáns a porta da fe.

                        Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 144, 8-9. 10-11. 12-13ab
R/. (cf. 1): Bendicirei o teu nome para sempre, meu Deus e meu Rei.
Ou:  Aleluia.

O Señor é clemente e compasivo,
tardo á ira e rico en misericordia.
O Señor é bo para todos,
agarimoso con todas as súas obras.

Que te loen, Señor, as túas obras,
e te bendigan os teus amigos.
Que pregoen a gloria do teu reino,
e falen do teu poder.

Que ensinen aos homes os teus feitos,
e a maxestade gloriosa do teu reino.
O teu reino é reino eterno,
o teu goberno dura por todas as xeracións.


Segunda Lectura      Ap 21, 1-5a
LECTURA DO LIBRO DA APOCALIPSE
Enxugará todas as bágoas dos seus ollos

            Eu, Xoán, vin un ceo novo e unha terra nova, pois o primeiro ceo e a primeira terra xa pasaran; e o mar xa non existía.
            Tamén vin que a cidade santa, unha Xerusalén nova, baixaba do ceo de onda Deus, preparada coma a esposa que está engalanada para o seu esposo. E sentín unha forte voz que desde o trono dicía:
            "Velaquí a tenda de Deus onda os homes.
Acampará entre eles:
eles serán o seu pobo
e El será o seu Deus e compañeiro.
            Enxugará todas as bágoas dos seus ollos,
e a morte xa non existirá máis.
            Nin haberá máis loito nin pranto nin dor,
porque as primeiras cousas pasaron xa".
            O que estaba sentado no trono dixo: "Vede que volvo novas todas as cousas".

                        Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


ALELUIA    Xn 13, 34
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Douvos un mandamento novo, di o Señor;
que vos amedes uns a outros como eu vos amei.
Aleluia.


Evanxeo     Xn 13, 31-33a. 34-35
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Douvos un mandamento novo, que vos amedes uns a outros

            Cando Xudas saíu do cenáculo, díxolles Xesús:
            Agora queda glorificado o Fillo do Home e Deus queda glorificado nel. Se Deus queda glorificado nel, tamén Deus o glorificará a el e hao glorificar axiña.
            Meus fillos: só un pouquiño estarei convosco.
            Douvos un mandamento novo: amádevos uns a outros; como eu vos amei, amádevos tamén entre vós.
            Nisto coñecerán todos que sodes os meus discípulos: se vos tedes amor uns a outros.

                        Palabra do Señor                                         R/. Loámoste, Cristo

miércoles, 24 de abril de 2013

VÍA LUCIS. 1ª PARTE


Como rezar o Via Lucis

TOMADO DE : www.es.catholic.net

Via Lucis
Autor: Manuel Martín, Alfonso Sánchez-Rei,J.Javier Romeu

Hai unha devoción popular con tradición desde a Idade Media, que é o Via Crucis (o camiño da cruz). Nel percórrense os momentos máis sobresaíntes da Paixón e Morte de Cristo: desde a oración no horto até a sepultura do seu corpo (cf. 'Via Crucis segundo os relatos evangélicos'). Pero esta é a primeira parte dunha historia que non acaba nun sepulcro, nin sequera na mañá da Resurrección, senón que se estende até a efusión do Espírito Santo e a súa actuación marabillosa.

Desde o Domingo de Pascua ata o de Pentecoste houbo cincuenta días cheos de acontecementos, inesquecibles e transcendentais, que os próximos a Xesús viviron intensamente, cunha gratitude e un gozo inimaxinables.

De igual forma que as etapas de Xesús camiño do Calvario convertéronse en oración, queremos seguir tamén a Xesús no seu camiño de gloria. Este é o sentido último desta proposta unha invitación a meditar a etapa final do paso de Xesús pola terra.

O Via Lucis, 'camiño da luz' é unha devoción recente que pode complementar a do Via Crucis. Nela percórrense catorce estaciones con Cristo triunfante desde a Resurrección a Pentecoste, seguindo os relatos evanxélicos.

Incluímos tamén a chegada do Espírito Santo porque, como di o Catecismo da Igrexa católica: 'O día de Pentecoste, ao termo do sete semanas pascuais, a Pascua de Cristo consúmase coa efusión do Espírito Santo que se manifesta, dá e comunica como Persoa divina' (n.731).

A devoción do Via Lucis recoméndase no Tempo Pascual e todos os domingos do ano que están moi estreitamente vinculados a Cristo resucitado.


Como rezar o Via Lucis

Para rezar o Via Lucis, en que compartimos con Xesús a alegría da súa Resurrección, propomos un esquema similar ao que utilizamos para rezar o Via Crucis:

- Enunciado da estación
- Presentación ou monición que encadra a escena
- Texto evanxélico correspondente, coa cita dos lugares paralelos
(nas dúas últimas estacións tomamos o texto dos Feitos dos Apóstolos)
- Oración que pretende ter un ton de súplica

Se se desexa, despois do enunciado de cada unha das estacións, pódese dicir:
V/ Verdadeiramente resucitou o Señor. Aleluia.
R/ Como anunciaron as Escrituras. Aleluia.
V/ Gloria ao Pai e ao Fillo e ao Espírito Santo.
R/ Como era no principio, agora e sempre, por sempre, eternamente. Amén.

A nosa disposición inicial

Os acontecementos do Via Crucis conclúen nun sepulcro, e deixan quizá no noso interior unha imaxe de fracaso.

Pero ese non é o final. Xesús coa súa Resurrección triunfa sobre o pecado e sobre a morte. E, resucitado, adicará nada menos que corenta días a devolver a fe e a esperanza aos seus. Despois deixaraos dez días de reflexión - a modo de xornadas de retiro e oración - ao redor de María para que reciban a forza do Espírito que lles capacite para cumprir a misión que lles confiou.

Nos encontros de Xesús cos seus, cheos de intimidade e de esperanza, o Señor parece xogar con eles: aparece de improviso, onde e como menos se esperan, énchelles de alegría e fe, e desaparece deixándolles de novo esperando.

Pero despois da súa presenza vén a confianza firme, a paz que xa ninguén poderá arrebatarlles. Todo se ilumina dunha O lugar de encontro dos Católicos na rede luz nova.

O Via Lucis é o camiño da luz, do gozo e a alegría vividos con Cristo e grazas a Cristo resucitado. Imos vivir cos discípulos a súa alegría desbordante que sabe contaxiar a todos. Imos deixarnos iluminar coa presenza e acción de Cristo resucitado que vive xa para sempre entre nós. Imos deixarnos encher polo Espírito Santo que vivifica a alma.

sábado, 20 de abril de 2013

Reflexión


O cuarto domingo de pascua celebramos o día do Bo Pastor. Esta celebración é sempre unha chamada a todos os cristiáns, pastores ou non, para que dirixamos a nosa mirada ao interno das nosas comunidades e reflexionemos de que maneira estamos vivindo o compromiso adquirido no bautismo de ser testemuñas de Xesús confesando a fe na resurrección, desde o noso actuar cotián alí onde desenvolvemos as nosas tarefas laborais, familiares, sociais e tamén eclesiais. É un bo momento para preguntarnos de que xeito asumimos e tomamos en serio a afirmación que tantas veces dicimos: Cristo é o noso guieiro e a nosa esperanza. El é o noso Pastor, a quen seguimos na súa persoa e na súa mensaxe. Pero este noso seguimento non é algo teórico e desconectado do que cada día facemos desde que nos erguemos ata que nos deitamos. Todo o contrario. Afirmar que Cristo é o noso Pastor debe enchernos da responsabilidade de actuar sempre téndoo a El como referencia do que facemos. E isto atínxenos a todos, non só a aqueles que un día foron ordenados para o servizo das comunidades. Así, tamén aos segrares lles corresponde o seu labor de facer que quen os preside o faga con criterios evanxélicos, de servizo, de en
trega xenerosa, humilde e sinxela..., afastados do foco do “estrellato“ no que moitas veces teñen/mos caído. E aquí, por calar, por permitilo, por criticar e non actuar, todos, segrares tamén, temos parte de culpa. Xa é hora de deixar de estar como cristiáns obedientes e calados, namentres o actuar dos nosos pastores se vai afastando do proxecto evanxelizador de Xesús. O pastor, como non o era Xesús, non é un burócrata nin unha persoa que busca medrar e ascender na escala eclesial como se fose un “yupi con “colariño”; todo o contrario, quen queira ser pastor ha aprender a estar con quen sufre, visitar a quen está enfermo, consolar a quen se sente triste, defender a quen non é respectado nos seus dereitos. Nunha palabra, utilizando unha expresión do Papa Francisco na Misa da consagración do Crisma no día de Xoves Santo, os que queiran ser pastores da Igrexa teñen que deixar os despachos, os pazos e as alfombras vermellas, para “cheirar como as ovellas”.

É dicir, para estar ao lado daqueles aos que din servir, polos que din preocuparse e nos que, desde o desenvolvemento do seu ministerio sacerdotal, descobren a presenza de Xesús poñendo o seu corazón, as súas mans, o seu tempo e o seu saber facer ao dispor de cantos o necesiten. Os pastores das nosas comunidades non poden formar un aparte do resto dos membros das mesmas. Han ser sinxelos, humildes e sempre esperanzados. Non poden ser os cartos, o poder ou o “status” o que guíe as súas vidas. Por iso é tan importante que a celebración deste día a comprendamos e vivamos co corazón, cantos nos chamamos e sentimos cristiáns, xa que a nosa tarefa non está unicamente en colaborar e participar nas celebracións, nin tampouco se pode reducir a criticar o que os pastores fan, senón en abrir a man e colaborar con eles para que se fagan máis humanos, achegados e sensibles aos problemas das súas xentes. Tal e como Xesús invitou a vivir aos que estaban dispostos a seguilo. Se renunciamos a isto e non os axudamos, non temos ningún dereito nin a criticalos nin a pedirlle que fagan o que nós non somos capaces de axudarlles a descubrir.

Os textos que acabamos de proclamar márcannos con claridade que este é o camiño que debemos seguir. O testemuño e o esforzo de tantos pastores que, en diferentes momentos da historia da Igrexa perotendo sempre como guieiro ao Pastor Xesús, foron poñendo de manifesto que é posible vivir un ministerio sacerdotal en actitude de servizo, no medio dos “gozos e esperanzas, das tristuras e angustias” das persoas que conformaban as comunidades. Hoxe mesmo, tamén é posible facelo se todos, pastores e comunidades, sabemos estar á altura do que a sociedade e as persoas que a conforman nos piden que sexamos. Xa quedan moi atrás os tempos dos pastores soberbios, autoritarios, mando e pensamento único, movidos pola taxa dun servizo relixioso, prestado moitas veces de xeito rutineiro e sen capacidade de expresar a transcendencia de relación con Deus e a paixón e o amor pola que viven, senten e sofren aqueles aos que din servir. Porque os pastores non poden ser nin profesionais nin funcionarios, senón servidores dispostos a transmitir a alegría e a esperanza de saber que Cristo é resposta e a súa mensaxe, camiño. Neste día renovemos a nosa confianza en Deus, espertemos do sono que nos leva a criticar, pero non a colaborar, e traballemos xuntos para ser comunidades vivas e ledas, que testemuñan coa súa vida e o seu facer, que seguir a Cristo paga a pena.

Neste camiño de esperanza, Xesús, Bo Pastor, é sempre compañeiro para que sexamos capaces de pasar de ser comunidades de conservación, tristes e consumidoras de ritos, a ser comunidades vivas desde as que somos capaces de compartir a alegría de renovarnos para que a forza da mensaxe de Xesús chegue con ollos sempre abertos, proxectos novos e renovadores á nosa sociedade tan de volta de todo diante da frustración e o engano dos poderosos.

Lecturas


IV DOMINGO DE PASCUA -CICLO C
 


Primeira Lectura    Feit 13, 14. 43-52
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Velaquí, volvémonos aos xentís

            Naqueles días, Paulo e mais Bernabé chegaron a Perxe, e seguiron a Antioquía de Pisidia. Un día de sábado entraron na sinagoga e sentáronse.
            Moitos xudeus e prosélitos practicantes foron con Paulo e Bernabé, que, falando con eles, os animaban a perseverar na graza de Deus.
            Para o outro sábado xuntouse case toda a cidade para escoitar a palabra de Deus, pero os xudeus enchéronse de envexa ao veren tanta xente, e opoñíanse con insultos ao que Paulo dicía. Entón Paulo e Bernabé dixeron ousadamente:
            Tiñamos que anunciarvos a palabra de Deus primeiro a vós; pero, visto que a refugades e non vos considerades dignos da vida eterna, volvémonos
cara aos pagáns; pois así nolo mandou o Señor: Púxente como luz das nacións, para levares a salvación ata os confíns da terra.
            Os pagáns, sentindo isto, enchíanse de alegría, loando a mensaxe do Señor; e creron todos os que estaban destinados á vida eterna. Deste xeito a palabra de Deus espallábase por toda a bisbarra.
            Pero os xudeus encirraron ás señoras de alta categoría que eran devotas e aos principais da cidade e promoveron unha persecución contra Paulo e Bernabé, expulsándoos do seu territorio.
            Estes, sacudindo contra eles o po dos seus pés, marcharon para Iconio, mentres os discípulos ficaban cheos de alegría e do Espírito Santo.

                        Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL     Sal 99, 2. 3. 5
R/. (3c): Nós somos o seu pobo, ovellas do seu rabaño.
Ou: Aleluia.

Aclama ao Señor, terra enteira,
servide o Señor con alegría,
entrade á súa  presenza con gritos de xúbilo.

Sabede que o Señor é Deus,
que El nos fixo e que somos del,
que somos o seu pobo,
as ovellas do seu rabaño.

Porque o Señor é agarimoso,
a súa misericordia dura por sempre,
a súa fidelidade, de xeración en xeración.



Segunda Lectura     Ap 7, 9. 14b-17
LECTURA DO LIBRO DA APOCALIPSE
O Año será o seu pastor e levaraos ás fontes de auga

            Eu, Xoán, mirei e vin un mundo de xente que ninguén era capaz de contar, de todas as nacións, tribos, pobos e linguas, en pé diante do trono e do Año. Vestían roupa branca e levaban ramallos de palma nas mans.
            E díxome un dos anciáns: "Estes son os que veñen de pasar as súas grandes penas; lavaron os seus vestidos e branqueáronos co sangue do Año.
            Por iso están diante do trono de Deus,
e adórano día e noite no seu santuario.
E quen está sentado no trono chantará a súa tenda cabo deles.
            Non terán máis fame nin sede,
nin caerá endexamais sobre eles o sol,
nin ningunha queimadura del.
            Porque o Año, que está no medio do trono, será o seu pastor,
levaraos ás fontes de auga
e Deus enxugará dos seus ollos toda bágoa".

                        Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus



ALELUIA     Xn 10, 14
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Eu son o bo pastor, di o Señor;
coñezo as miñas ovellas e elas coñécenme a min.
Aleluia.



Evanxeo     Xn 10, 27-30
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Eu doulles a vida eterna ás miñas ovellas

            Naquel tempo, díxolles Xesús aos fariseos:
            As miñas ovellas escoitan a miña voz: eu coñézoas e elas séguenme; eu doulles vida eterna, e non se perderán para sempre: ninguén mas quitará da man.
            Meu Pai, que mas deu, é máis ca todos, e ninguén pode repañalas da man do Pai. Meu Pai e mais eu somos un.

                        Palabra do Señor                                         R/. Loámoste, Cristo


martes, 16 de abril de 2013

UNHA MATERIA APAIXONANTE


Xa empezan os centros a abrir a matricula para o vindeiro curso, na que algúns nenos empezaran a súa andaina na formación humana e relixiosa, e outros continuaran formándose para o seu futuro, que deben procurar que sexa da mellor maneira para que teñan un porvir brillante e feliz.
Noticias recentes dos medios de comunicación alarmaron profundamente a sociedade ao contemplar condutas vandálicas de xoves, que indican unha profunda falla nos valores humanos e morais da nosa sociedade, que nos teñen que preocupar a todos, porque unha sociedade sen valores non ten futuro.
Recordo que unha vez, Dª. Isabel Oubiña, -que en paz estea-, que foi mestra durante moitos anos en Tremoedo, e logo directora do Grupo Escolar, un día se queixaba amargamente de que un pai lle viñera a dicir que lle enseñara máis matemáticas e menos catecismo, porque as matemáticas lle ían servir para a vida e catecismo non lle servía para nada. E me dicía, pode saber moitas matemáticas e ser un ladrón e unha mala persoa que termine mal; en cambio se sabe o catecismo e se fai unha boa persoa pode convivir perfectamente na sociedade a acadar a súa propia felicidade. Eu lle respondín que tiña toda a razón do mundo.
Si, hoxe sabemos máis, pero pregúntome ¿somos mellores?, ese é o problema de fondo. Non é que esteamos contra dos coñecementos de todo, matemáticas, historia, ciencias sociais, linguas... pero se non temos valores morais non serve de nada. Por iso necesitamos do ensino da relixión católica e da ética como algo fundamental para a formación humana da persoa, e isto témolo que ter moi en conta, tanto os pais, como os alumnos cando se matriculan no ensino.
A CEE lanza un vídeo sobre a clase de Relixión Católica, na que en catro minutos presenta a un profesor de relixión moral católica durante o primeiro día de clase. Os alumnos, nun principio  indiferentes, terminan prestando atención ao que o profesor lles conta. A historia narrada en primeira persoa por Lucas, un xoven profesor, que lles conta cales son as inquedanzas vitais dos persoeiros, as expectativas dos alumnos e, sobre todo, o sentido dunha asignatura como a relixión, imprescindible para lograr a formación integral do alumno.
O porfesor comeza dicindo que el non cambiaría o que fai por nada. Despois, interpela aos alumnos e lles vai facendo ver a importancia da asignatura para interpretar adecuadamente realidades como a música ou a pintura. Esta materia, lles di tamén, daravos as claves para “evitar crises como a que estamos a padecer. Será aquí onde aprenderedes cal é a mellor inversión que poderedes realizar e da que dependen tódalas demais, porque o que determina o futuro dun país non son as persoas, senón o corazón desas persoas”.

CASE O  67% DOS ALUMNOS.-
Na actualidade, dous de cada tres alumnos elixen cursar voluntariamente relixión católica. E a propósito das estatísticas que se fan públicas tódolos anos, os bispos da Comisión Episcopal de Ensino e Catequese enviaron recentemente a toda a comunidade católica una “Nota” para que se sinta “especialmente a chamada a seguir con atención e interés todo canto se refire á formación cristiá dos nenos e xoves nos centros educativos”. Tamén piden aos responsables dos centros que “garantícen o exercicio efectivo deste dereito constitucional que lle asiste ós pais”.

sábado, 13 de abril de 2013

TI SABES QUE TE QUERO



Xesús,
ti ben sabes que te quero,
que cada mañá empezo o día unido a ti,
que cada día loito a vida unido a ti,
que cada noite descanso unido a ti.

Xesús,
ti ben sabes que te quero.
Non hai amigo coma ti.
no calmo acontecer de cada día
alí estas ti.
Mais aló de cada fracaso
segues esperándome ti.
No cerne dos meus gozos e plenitudes
alí sempre estás ti.

Xesús,
ti sábelo todo,
ti ben sabes que te quero,
e gústame coñecerte,
e gústame estar contigo,
e gústame facer que a miña vida
sexa como a túa:         
un lume de vagalume na noite,
unha man aberta para todas as soidades,
un respiro de vida
para os que sofren explotación no mundo.

Lecturas


III DOMINGO DE PASCUA  -  CICLO C


Primeira Lectura      Feit 5, 27b-32. 40b-41
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Nós somos testemuñas destas palabras e tamén o Espírito Santo,

             Naqueles días, o xefe dos sacerdotes interrogou os apóstolos:
            Expresamente vos mandamos que non ensinásedes nese nome, e vós enchestes Xerusalén coa vosa doutrina. Vós queredes botar sobre nosoutros o sangue dese home.
            Pedro e os apóstolos responderon:  
            Cómpre obedecer a Deus antes ca aos homes. O Deus de nosos pais resucitou a Xesús, a quen vós matastes colgándoo dun madeiro; pois a este enxalzouno Deus coa súa dereita, facéndoo Xefe e Salvador, a fin de lle outorgar a Israel a conversión e o perdón dos pecados. E nós somos testemuñas destas cousas e tamén o Espírito Santo, que Deus dá aos que o obedecen.
            Azoutaron aos apóstolos e ordenáronlles que non falasen no nome de Xesús, e deixáronos ir.
            Eles saíron de diante do consello moi alegres de resultaren dignos de sufrir por mor do nome de Xesús.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL      Sal 29, 2 e 4. 5 e 6. 11 e 12a e 13b
R/ (2a): Eu lóote, Señor, porque me libraches.
Ou: Aleluia.

Eu lóote, Señor, porque me libraches
e non deixaches rirse de min os inimigos.
sacaches do abismo a miña vida,
fixéchesme revivir,
lonxe dos que baixan ao sepulcro.

Cantádelle ao Señor os seus amados,
loade o seu santo nome.
O seu furor dura só un intre;
o seu favor, toda a vida.
Se hai pranto á tardiña,
ó abrente xa hai ledicia.

Escoita, Señor; ten compaixón de min,
Señor, ven socorrerme.
Trocaches o meu lamento en danza,
Señor, meu Deus, hei loarte por sempre.



Segunda Lectura     Ap 5, 11-14
LECTURA DO LIBRO DA APOCALIPSE
É digno o Año a quen mataron de recibir a forza e a riqueza

            Eu, Xoán, vin e oín a voz de moitos anxos arredor do trono e dos animais e dos anciáns: o número deles era de milleiros e milleiros. Proclamaban con forte voz:
            "Merecente é o Año, por estar degolado,
de recibir o poder, a riqueza, a sabedoría, a forza,
a honra, a gloria e a bendición".
            E oín que todas as criaturas que están no ceo e na terra e debaixo da terra e enriba do mar e todas as cousas que hai nelas, proclamaban:
            "Para quen está sentado no trono e para o Año:
a bendición, a honra, a gloria e o poder
polos séculos dos séculos".
            E os catro animais dicían: "Amén" e os anciáns caeron en adoración.

                        Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


ALELUIA
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Resucitou Cristo, que creou todas as cousas
e tivo misericordia do xénero humano.
Aleluia.


Evanxeo     Xn 21, 1-19  (longo)
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Foi Xesús, colleu o pan e déullelo, e igualmente o peixe

            Naquel tempo, aparecéuselles outra vez Xesús aos seus discípulos onda o lago de Tiberíades. Foi deste xeito: estaban xuntos Simón Pedro, Tomé o chamado Xemelgo, Natanael o de Caná de Galilea, os do Zebedeo, e mais outros dous discípulos seus.
            Simón Pedro díxolles:
            Vou pescar.
            Eles contestaron:
            Imos tamén nós contigo.
            Saíron, e subiron a bordo. Pero aquela noite non colleron nada. Xusto cando acababa de romper o día, presentouse Xesús na ribeira do lago. Pero non se decataron os discípulos de que era Xesús. Xesús preguntoulles:
            Rapaces, tedes algo que comer?
            Eles responderon:
            Non.
            Díxolles entón:
            Largade o aparello por estribor e atoparedes.
            Eles largárono, e xa non podían halalo a bordo, de tanto peixe. Entón, aquel discípulo a quen amaba Xesús díxolle a Pedro:
            É o Señor.
            Entón Simón Pedro, ao escoitar que era o Señor, cinguiu o vestido pois estaba espido e botouse ao mar. Os outros discípulos chegaron no bote -porque non estaban lonxe da terra senón a menos de cen metros-, remolcando o aparello cos peixes.
            Cando vararon en terra, viron que había unhas brasas cun peixe enriba, e mais pan.
Xesús díxolles:
            Traede peixes dos que acabades de coller.
            Simón Pedro subiu ao bote e arrastrou para terra o aparello cheo de cento cincuenta e tres peixes grandes; e, con seren tantos, non rachou o aparello.
            Xesús díxolles:
            Vinde comer.
            Ningún dos seus discípulos se atrevía a preguntarlle "ti quen es", sabedores de que era o Señor. Foi Xesús, colleu o pan e déullelo, e igualmente o peixe.
            Esta foi a terceira vez que Xesús se manifestou aos seus discípulos resucitado de entre os mortos.
            Cando xa comeran, preguntoulle Xesús a Simón Pedro:
            Simón de Xoán, ámasme máis ca estes?
            El contestoulle:
            Si, Señor, ti sabes que te quero.
            Xesús díxolle:
            Apacenta os meus años.
            E de novo preguntoulle por segunda vez:
            Simón de Xoán, ámasme?
            El respondeulle:
            Si, Señor, ti sabes que te quero.
            Xesús díxolle:
            Apacenta as miñas ovellas.
            E preguntoulle por terceira vez:
            Simón de Xoán, quéresme?
            Entristeceuse Pedro de que lle preguntase por terceira vez  "quéresme?", e respondeulle:
            Señor, ti sábelo todo, ti ben sabes que te quero.
            Xesús díxolle:
            Apacenta as miñas ovellas. Con toda verdade cho aseguro: cando eras novo vestíaste ti e ías onde querías; cando te fagas vello, estenderás as túas mans, e vestirate outro e levarate onde non queres.
            Dixo isto para significar con que clase de morte había de dar gloria a Deus. E despois engadiu:
-          Sígueme.

                        Palabra do Señor                                         R/. Loámoste, Cristo