III DOMINGO DE PASCUA
- CICLO C
Primeira Lectura
Feit 5, 27b-32. 40b-41
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Nós somos testemuñas destas palabras e tamén o Espírito
Santo,
‑ Expresamente vos mandamos que non ensinásedes nese nome, e vós
enchestes Xerusalén coa vosa doutrina. Vós queredes botar sobre nosoutros
o sangue dese home.
Pedro e os
apóstolos responderon:
‑ Cómpre obedecer a Deus antes ca aos homes. O Deus de nosos pais
resucitou a Xesús, a quen vós matastes colgándoo dun madeiro; pois a este
enxalzouno Deus coa súa dereita, facéndoo Xefe e Salvador, a fin de lle
outorgar a Israel a conversión e o perdón dos pecados. E nós somos testemuñas
destas cousas e tamén o Espírito Santo, que Deus dá aos que o obedecen.
Azoutaron
aos apóstolos e ordenáronlles que non falasen no nome de Xesús, e deixáronos
ir.
Eles
saíron de diante do consello moi alegres de resultaren dignos de sufrir por mor
do nome de Xesús.
Palabra do Señor R/. Grazas a Deus
SALMO RESPONSORIAL
Sal 29, 2 e 4. 5 e 6. 11 e 12a e 13b
R/ (2a): Eu lóote, Señor, porque me libraches.
Ou: Aleluia.
Eu lóote, Señor, porque me libraches
e non deixaches rirse de min os inimigos.
sacaches do abismo a miña vida,
fixéchesme revivir,
lonxe dos que baixan ao sepulcro.
Cantádelle ao Señor os seus amados,
loade o seu santo nome.
O seu furor dura só un intre;
o seu favor, toda a vida.
Se hai pranto á tardiña,
ó abrente xa hai ledicia.
Escoita, Señor; ten compaixón de min,
Señor, ven socorrerme.
Trocaches o meu lamento en danza,
Señor, meu Deus, hei loarte por sempre.
Segunda Lectura Ap
5, 11-14
LECTURA DO LIBRO DA APOCALIPSE
É digno o Año a quen mataron de recibir a forza e a riqueza
Eu, Xoán,
vin e oín a voz de moitos anxos arredor do trono e dos animais e dos anciáns: o
número deles era de milleiros e milleiros. Proclamaban con forte voz:
"Merecente é o Año, por estar degolado,
de recibir o poder, a riqueza, a sabedoría, a forza,
a honra, a gloria e a bendición".
E oín que
todas as criaturas que están no ceo e na terra e debaixo da terra e enriba do
mar e todas as cousas que hai nelas, proclamaban:
"Para
quen está sentado no trono e para o Año:
a bendición, a honra, a gloria e o poder
polos séculos dos séculos".
E os catro
animais dicían: "Amén" e os anciáns caeron en adoración.
Palabra do Señor R/.
Grazas a Deus
ALELUIA
Se non se canta, pódese omitir.
Aleluia, aleluia.
Resucitou Cristo, que creou todas as cousas
e tivo misericordia do xénero humano.
Aleluia.
Evanxeo Xn 21,
1-19 (longo)
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Foi Xesús, colleu o pan e déullelo, e igualmente o peixe
Naquel
tempo, aparecéuselles outra vez Xesús aos seus discípulos onda o lago de
Tiberíades. Foi deste xeito: estaban xuntos Simón Pedro, Tomé o chamado
Xemelgo, Natanael o de Caná de Galilea, os do Zebedeo, e mais outros dous
discípulos seus.
Simón
Pedro díxolles:
‑ Vou pescar.
Eles
contestaron:
‑ Imos tamén nós contigo.
Saíron, e
subiron a bordo. Pero aquela noite non colleron nada. Xusto cando acababa de
romper o día, presentouse Xesús na ribeira do lago. Pero non se decataron os
discípulos de que era Xesús. Xesús preguntoulles:
‑ Rapaces, tedes algo que comer?
Eles
responderon:
‑ Non.
Díxolles
entón:
‑ Largade o aparello por estribor e atoparedes.
Eles
largárono, e xa non podían halalo a bordo, de tanto peixe. Entón, aquel
discípulo a quen amaba Xesús díxolle a Pedro:
‑ É o Señor.
Entón
Simón Pedro, ao escoitar que era o Señor, cinguiu o vestido ‑ pois estaba espido ‑ e botouse
ao mar. Os outros discípulos chegaron no bote -porque non estaban lonxe da
terra senón a menos de cen metros-, remolcando o aparello cos peixes.
Cando
vararon en terra, viron que había unhas brasas cun peixe enriba, e mais pan.
Xesús díxolles:
‑ Traede peixes dos que acabades de coller.
Simón
Pedro subiu ao bote e arrastrou para terra o aparello cheo de cento cincuenta e
tres peixes grandes; e, con seren tantos, non rachou o aparello.
Xesús
díxolles:
‑ Vinde comer.
Ningún dos
seus discípulos se atrevía a preguntarlle "ti quen es", sabedores de
que era o Señor. Foi Xesús, colleu o pan e déullelo, e igualmente o peixe.
Esta foi a
terceira vez que Xesús se manifestou aos seus discípulos resucitado de entre os
mortos.
Cando xa
comeran, preguntoulle Xesús a Simón Pedro:
‑ Simón de Xoán, ámasme máis ca estes?
El
contestoulle:
‑ Si, Señor, ti sabes que te quero.
Xesús
díxolle:
‑ Apacenta os meus años.
E de novo
preguntoulle por segunda vez:
‑ Simón de Xoán, ámasme?
El
respondeulle:
‑ Si, Señor, ti sabes que te quero.
Xesús
díxolle:
‑ Apacenta as miñas ovellas.
E
preguntoulle por terceira vez:
‑ Simón de Xoán, quéresme?
Entristeceuse Pedro de que lle preguntase por terceira vez "quéresme?", e respondeulle:
‑ Señor, ti sábelo todo, ti ben sabes que te quero.
Xesús
díxolle:
‑ Apacenta as miñas ovellas. Con toda verdade cho aseguro: cando
eras novo vestíaste ti e ías onde querías; cando te fagas vello, estenderás as
túas mans, e vestirate outro e levarate onde non queres.
Dixo isto
para significar con que clase de morte había de dar gloria a Deus. E despois
engadiu:
- Sígueme.
Palabra do Señor R/.
Loámoste, Cristo
No hay comentarios:
Publicar un comentario