sábado, 20 de abril de 2013

Reflexión


O cuarto domingo de pascua celebramos o día do Bo Pastor. Esta celebración é sempre unha chamada a todos os cristiáns, pastores ou non, para que dirixamos a nosa mirada ao interno das nosas comunidades e reflexionemos de que maneira estamos vivindo o compromiso adquirido no bautismo de ser testemuñas de Xesús confesando a fe na resurrección, desde o noso actuar cotián alí onde desenvolvemos as nosas tarefas laborais, familiares, sociais e tamén eclesiais. É un bo momento para preguntarnos de que xeito asumimos e tomamos en serio a afirmación que tantas veces dicimos: Cristo é o noso guieiro e a nosa esperanza. El é o noso Pastor, a quen seguimos na súa persoa e na súa mensaxe. Pero este noso seguimento non é algo teórico e desconectado do que cada día facemos desde que nos erguemos ata que nos deitamos. Todo o contrario. Afirmar que Cristo é o noso Pastor debe enchernos da responsabilidade de actuar sempre téndoo a El como referencia do que facemos. E isto atínxenos a todos, non só a aqueles que un día foron ordenados para o servizo das comunidades. Así, tamén aos segrares lles corresponde o seu labor de facer que quen os preside o faga con criterios evanxélicos, de servizo, de en
trega xenerosa, humilde e sinxela..., afastados do foco do “estrellato“ no que moitas veces teñen/mos caído. E aquí, por calar, por permitilo, por criticar e non actuar, todos, segrares tamén, temos parte de culpa. Xa é hora de deixar de estar como cristiáns obedientes e calados, namentres o actuar dos nosos pastores se vai afastando do proxecto evanxelizador de Xesús. O pastor, como non o era Xesús, non é un burócrata nin unha persoa que busca medrar e ascender na escala eclesial como se fose un “yupi con “colariño”; todo o contrario, quen queira ser pastor ha aprender a estar con quen sufre, visitar a quen está enfermo, consolar a quen se sente triste, defender a quen non é respectado nos seus dereitos. Nunha palabra, utilizando unha expresión do Papa Francisco na Misa da consagración do Crisma no día de Xoves Santo, os que queiran ser pastores da Igrexa teñen que deixar os despachos, os pazos e as alfombras vermellas, para “cheirar como as ovellas”.

É dicir, para estar ao lado daqueles aos que din servir, polos que din preocuparse e nos que, desde o desenvolvemento do seu ministerio sacerdotal, descobren a presenza de Xesús poñendo o seu corazón, as súas mans, o seu tempo e o seu saber facer ao dispor de cantos o necesiten. Os pastores das nosas comunidades non poden formar un aparte do resto dos membros das mesmas. Han ser sinxelos, humildes e sempre esperanzados. Non poden ser os cartos, o poder ou o “status” o que guíe as súas vidas. Por iso é tan importante que a celebración deste día a comprendamos e vivamos co corazón, cantos nos chamamos e sentimos cristiáns, xa que a nosa tarefa non está unicamente en colaborar e participar nas celebracións, nin tampouco se pode reducir a criticar o que os pastores fan, senón en abrir a man e colaborar con eles para que se fagan máis humanos, achegados e sensibles aos problemas das súas xentes. Tal e como Xesús invitou a vivir aos que estaban dispostos a seguilo. Se renunciamos a isto e non os axudamos, non temos ningún dereito nin a criticalos nin a pedirlle que fagan o que nós non somos capaces de axudarlles a descubrir.

Os textos que acabamos de proclamar márcannos con claridade que este é o camiño que debemos seguir. O testemuño e o esforzo de tantos pastores que, en diferentes momentos da historia da Igrexa perotendo sempre como guieiro ao Pastor Xesús, foron poñendo de manifesto que é posible vivir un ministerio sacerdotal en actitude de servizo, no medio dos “gozos e esperanzas, das tristuras e angustias” das persoas que conformaban as comunidades. Hoxe mesmo, tamén é posible facelo se todos, pastores e comunidades, sabemos estar á altura do que a sociedade e as persoas que a conforman nos piden que sexamos. Xa quedan moi atrás os tempos dos pastores soberbios, autoritarios, mando e pensamento único, movidos pola taxa dun servizo relixioso, prestado moitas veces de xeito rutineiro e sen capacidade de expresar a transcendencia de relación con Deus e a paixón e o amor pola que viven, senten e sofren aqueles aos que din servir. Porque os pastores non poden ser nin profesionais nin funcionarios, senón servidores dispostos a transmitir a alegría e a esperanza de saber que Cristo é resposta e a súa mensaxe, camiño. Neste día renovemos a nosa confianza en Deus, espertemos do sono que nos leva a criticar, pero non a colaborar, e traballemos xuntos para ser comunidades vivas e ledas, que testemuñan coa súa vida e o seu facer, que seguir a Cristo paga a pena.

Neste camiño de esperanza, Xesús, Bo Pastor, é sempre compañeiro para que sexamos capaces de pasar de ser comunidades de conservación, tristes e consumidoras de ritos, a ser comunidades vivas desde as que somos capaces de compartir a alegría de renovarnos para que a forza da mensaxe de Xesús chegue con ollos sempre abertos, proxectos novos e renovadores á nosa sociedade tan de volta de todo diante da frustración e o engano dos poderosos.

Lecturas


IV DOMINGO DE PASCUA -CICLO C
 


Primeira Lectura    Feit 13, 14. 43-52
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Velaquí, volvémonos aos xentís

            Naqueles días, Paulo e mais Bernabé chegaron a Perxe, e seguiron a Antioquía de Pisidia. Un día de sábado entraron na sinagoga e sentáronse.
            Moitos xudeus e prosélitos practicantes foron con Paulo e Bernabé, que, falando con eles, os animaban a perseverar na graza de Deus.
            Para o outro sábado xuntouse case toda a cidade para escoitar a palabra de Deus, pero os xudeus enchéronse de envexa ao veren tanta xente, e opoñíanse con insultos ao que Paulo dicía. Entón Paulo e Bernabé dixeron ousadamente:
            Tiñamos que anunciarvos a palabra de Deus primeiro a vós; pero, visto que a refugades e non vos considerades dignos da vida eterna, volvémonos
cara aos pagáns; pois así nolo mandou o Señor: Púxente como luz das nacións, para levares a salvación ata os confíns da terra.
            Os pagáns, sentindo isto, enchíanse de alegría, loando a mensaxe do Señor; e creron todos os que estaban destinados á vida eterna. Deste xeito a palabra de Deus espallábase por toda a bisbarra.
            Pero os xudeus encirraron ás señoras de alta categoría que eran devotas e aos principais da cidade e promoveron unha persecución contra Paulo e Bernabé, expulsándoos do seu territorio.
            Estes, sacudindo contra eles o po dos seus pés, marcharon para Iconio, mentres os discípulos ficaban cheos de alegría e do Espírito Santo.

                        Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL     Sal 99, 2. 3. 5
R/. (3c): Nós somos o seu pobo, ovellas do seu rabaño.
Ou: Aleluia.

Aclama ao Señor, terra enteira,
servide o Señor con alegría,
entrade á súa  presenza con gritos de xúbilo.

Sabede que o Señor é Deus,
que El nos fixo e que somos del,
que somos o seu pobo,
as ovellas do seu rabaño.

Porque o Señor é agarimoso,
a súa misericordia dura por sempre,
a súa fidelidade, de xeración en xeración.



Segunda Lectura     Ap 7, 9. 14b-17
LECTURA DO LIBRO DA APOCALIPSE
O Año será o seu pastor e levaraos ás fontes de auga

            Eu, Xoán, mirei e vin un mundo de xente que ninguén era capaz de contar, de todas as nacións, tribos, pobos e linguas, en pé diante do trono e do Año. Vestían roupa branca e levaban ramallos de palma nas mans.
            E díxome un dos anciáns: "Estes son os que veñen de pasar as súas grandes penas; lavaron os seus vestidos e branqueáronos co sangue do Año.
            Por iso están diante do trono de Deus,
e adórano día e noite no seu santuario.
E quen está sentado no trono chantará a súa tenda cabo deles.
            Non terán máis fame nin sede,
nin caerá endexamais sobre eles o sol,
nin ningunha queimadura del.
            Porque o Año, que está no medio do trono, será o seu pastor,
levaraos ás fontes de auga
e Deus enxugará dos seus ollos toda bágoa".

                        Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus



ALELUIA     Xn 10, 14
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Eu son o bo pastor, di o Señor;
coñezo as miñas ovellas e elas coñécenme a min.
Aleluia.



Evanxeo     Xn 10, 27-30
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Eu doulles a vida eterna ás miñas ovellas

            Naquel tempo, díxolles Xesús aos fariseos:
            As miñas ovellas escoitan a miña voz: eu coñézoas e elas séguenme; eu doulles vida eterna, e non se perderán para sempre: ninguén mas quitará da man.
            Meu Pai, que mas deu, é máis ca todos, e ninguén pode repañalas da man do Pai. Meu Pai e mais eu somos un.

                        Palabra do Señor                                         R/. Loámoste, Cristo


martes, 16 de abril de 2013

UNHA MATERIA APAIXONANTE


Xa empezan os centros a abrir a matricula para o vindeiro curso, na que algúns nenos empezaran a súa andaina na formación humana e relixiosa, e outros continuaran formándose para o seu futuro, que deben procurar que sexa da mellor maneira para que teñan un porvir brillante e feliz.
Noticias recentes dos medios de comunicación alarmaron profundamente a sociedade ao contemplar condutas vandálicas de xoves, que indican unha profunda falla nos valores humanos e morais da nosa sociedade, que nos teñen que preocupar a todos, porque unha sociedade sen valores non ten futuro.
Recordo que unha vez, Dª. Isabel Oubiña, -que en paz estea-, que foi mestra durante moitos anos en Tremoedo, e logo directora do Grupo Escolar, un día se queixaba amargamente de que un pai lle viñera a dicir que lle enseñara máis matemáticas e menos catecismo, porque as matemáticas lle ían servir para a vida e catecismo non lle servía para nada. E me dicía, pode saber moitas matemáticas e ser un ladrón e unha mala persoa que termine mal; en cambio se sabe o catecismo e se fai unha boa persoa pode convivir perfectamente na sociedade a acadar a súa propia felicidade. Eu lle respondín que tiña toda a razón do mundo.
Si, hoxe sabemos máis, pero pregúntome ¿somos mellores?, ese é o problema de fondo. Non é que esteamos contra dos coñecementos de todo, matemáticas, historia, ciencias sociais, linguas... pero se non temos valores morais non serve de nada. Por iso necesitamos do ensino da relixión católica e da ética como algo fundamental para a formación humana da persoa, e isto témolo que ter moi en conta, tanto os pais, como os alumnos cando se matriculan no ensino.
A CEE lanza un vídeo sobre a clase de Relixión Católica, na que en catro minutos presenta a un profesor de relixión moral católica durante o primeiro día de clase. Os alumnos, nun principio  indiferentes, terminan prestando atención ao que o profesor lles conta. A historia narrada en primeira persoa por Lucas, un xoven profesor, que lles conta cales son as inquedanzas vitais dos persoeiros, as expectativas dos alumnos e, sobre todo, o sentido dunha asignatura como a relixión, imprescindible para lograr a formación integral do alumno.
O porfesor comeza dicindo que el non cambiaría o que fai por nada. Despois, interpela aos alumnos e lles vai facendo ver a importancia da asignatura para interpretar adecuadamente realidades como a música ou a pintura. Esta materia, lles di tamén, daravos as claves para “evitar crises como a que estamos a padecer. Será aquí onde aprenderedes cal é a mellor inversión que poderedes realizar e da que dependen tódalas demais, porque o que determina o futuro dun país non son as persoas, senón o corazón desas persoas”.

CASE O  67% DOS ALUMNOS.-
Na actualidade, dous de cada tres alumnos elixen cursar voluntariamente relixión católica. E a propósito das estatísticas que se fan públicas tódolos anos, os bispos da Comisión Episcopal de Ensino e Catequese enviaron recentemente a toda a comunidade católica una “Nota” para que se sinta “especialmente a chamada a seguir con atención e interés todo canto se refire á formación cristiá dos nenos e xoves nos centros educativos”. Tamén piden aos responsables dos centros que “garantícen o exercicio efectivo deste dereito constitucional que lle asiste ós pais”.

sábado, 13 de abril de 2013

TI SABES QUE TE QUERO



Xesús,
ti ben sabes que te quero,
que cada mañá empezo o día unido a ti,
que cada día loito a vida unido a ti,
que cada noite descanso unido a ti.

Xesús,
ti ben sabes que te quero.
Non hai amigo coma ti.
no calmo acontecer de cada día
alí estas ti.
Mais aló de cada fracaso
segues esperándome ti.
No cerne dos meus gozos e plenitudes
alí sempre estás ti.

Xesús,
ti sábelo todo,
ti ben sabes que te quero,
e gústame coñecerte,
e gústame estar contigo,
e gústame facer que a miña vida
sexa como a túa:         
un lume de vagalume na noite,
unha man aberta para todas as soidades,
un respiro de vida
para os que sofren explotación no mundo.

Lecturas


III DOMINGO DE PASCUA  -  CICLO C


Primeira Lectura      Feit 5, 27b-32. 40b-41
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Nós somos testemuñas destas palabras e tamén o Espírito Santo,

             Naqueles días, o xefe dos sacerdotes interrogou os apóstolos:
            Expresamente vos mandamos que non ensinásedes nese nome, e vós enchestes Xerusalén coa vosa doutrina. Vós queredes botar sobre nosoutros o sangue dese home.
            Pedro e os apóstolos responderon:  
            Cómpre obedecer a Deus antes ca aos homes. O Deus de nosos pais resucitou a Xesús, a quen vós matastes colgándoo dun madeiro; pois a este enxalzouno Deus coa súa dereita, facéndoo Xefe e Salvador, a fin de lle outorgar a Israel a conversión e o perdón dos pecados. E nós somos testemuñas destas cousas e tamén o Espírito Santo, que Deus dá aos que o obedecen.
            Azoutaron aos apóstolos e ordenáronlles que non falasen no nome de Xesús, e deixáronos ir.
            Eles saíron de diante do consello moi alegres de resultaren dignos de sufrir por mor do nome de Xesús.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL      Sal 29, 2 e 4. 5 e 6. 11 e 12a e 13b
R/ (2a): Eu lóote, Señor, porque me libraches.
Ou: Aleluia.

Eu lóote, Señor, porque me libraches
e non deixaches rirse de min os inimigos.
sacaches do abismo a miña vida,
fixéchesme revivir,
lonxe dos que baixan ao sepulcro.

Cantádelle ao Señor os seus amados,
loade o seu santo nome.
O seu furor dura só un intre;
o seu favor, toda a vida.
Se hai pranto á tardiña,
ó abrente xa hai ledicia.

Escoita, Señor; ten compaixón de min,
Señor, ven socorrerme.
Trocaches o meu lamento en danza,
Señor, meu Deus, hei loarte por sempre.



Segunda Lectura     Ap 5, 11-14
LECTURA DO LIBRO DA APOCALIPSE
É digno o Año a quen mataron de recibir a forza e a riqueza

            Eu, Xoán, vin e oín a voz de moitos anxos arredor do trono e dos animais e dos anciáns: o número deles era de milleiros e milleiros. Proclamaban con forte voz:
            "Merecente é o Año, por estar degolado,
de recibir o poder, a riqueza, a sabedoría, a forza,
a honra, a gloria e a bendición".
            E oín que todas as criaturas que están no ceo e na terra e debaixo da terra e enriba do mar e todas as cousas que hai nelas, proclamaban:
            "Para quen está sentado no trono e para o Año:
a bendición, a honra, a gloria e o poder
polos séculos dos séculos".
            E os catro animais dicían: "Amén" e os anciáns caeron en adoración.

                        Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


ALELUIA
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Resucitou Cristo, que creou todas as cousas
e tivo misericordia do xénero humano.
Aleluia.


Evanxeo     Xn 21, 1-19  (longo)
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Foi Xesús, colleu o pan e déullelo, e igualmente o peixe

            Naquel tempo, aparecéuselles outra vez Xesús aos seus discípulos onda o lago de Tiberíades. Foi deste xeito: estaban xuntos Simón Pedro, Tomé o chamado Xemelgo, Natanael o de Caná de Galilea, os do Zebedeo, e mais outros dous discípulos seus.
            Simón Pedro díxolles:
            Vou pescar.
            Eles contestaron:
            Imos tamén nós contigo.
            Saíron, e subiron a bordo. Pero aquela noite non colleron nada. Xusto cando acababa de romper o día, presentouse Xesús na ribeira do lago. Pero non se decataron os discípulos de que era Xesús. Xesús preguntoulles:
            Rapaces, tedes algo que comer?
            Eles responderon:
            Non.
            Díxolles entón:
            Largade o aparello por estribor e atoparedes.
            Eles largárono, e xa non podían halalo a bordo, de tanto peixe. Entón, aquel discípulo a quen amaba Xesús díxolle a Pedro:
            É o Señor.
            Entón Simón Pedro, ao escoitar que era o Señor, cinguiu o vestido pois estaba espido e botouse ao mar. Os outros discípulos chegaron no bote -porque non estaban lonxe da terra senón a menos de cen metros-, remolcando o aparello cos peixes.
            Cando vararon en terra, viron que había unhas brasas cun peixe enriba, e mais pan.
Xesús díxolles:
            Traede peixes dos que acabades de coller.
            Simón Pedro subiu ao bote e arrastrou para terra o aparello cheo de cento cincuenta e tres peixes grandes; e, con seren tantos, non rachou o aparello.
            Xesús díxolles:
            Vinde comer.
            Ningún dos seus discípulos se atrevía a preguntarlle "ti quen es", sabedores de que era o Señor. Foi Xesús, colleu o pan e déullelo, e igualmente o peixe.
            Esta foi a terceira vez que Xesús se manifestou aos seus discípulos resucitado de entre os mortos.
            Cando xa comeran, preguntoulle Xesús a Simón Pedro:
            Simón de Xoán, ámasme máis ca estes?
            El contestoulle:
            Si, Señor, ti sabes que te quero.
            Xesús díxolle:
            Apacenta os meus años.
            E de novo preguntoulle por segunda vez:
            Simón de Xoán, ámasme?
            El respondeulle:
            Si, Señor, ti sabes que te quero.
            Xesús díxolle:
            Apacenta as miñas ovellas.
            E preguntoulle por terceira vez:
            Simón de Xoán, quéresme?
            Entristeceuse Pedro de que lle preguntase por terceira vez  "quéresme?", e respondeulle:
            Señor, ti sábelo todo, ti ben sabes que te quero.
            Xesús díxolle:
            Apacenta as miñas ovellas. Con toda verdade cho aseguro: cando eras novo vestíaste ti e ías onde querías; cando te fagas vello, estenderás as túas mans, e vestirate outro e levarate onde non queres.
            Dixo isto para significar con que clase de morte había de dar gloria a Deus. E despois engadiu:
-          Sígueme.

                        Palabra do Señor                                         R/. Loámoste, Cristo

domingo, 7 de abril de 2013


CREMOS NA RESURRECCIÓN,
CREMOS NA VIDA

Ollando para a primavera
que nos agasalla con flores, gromos e promesas,
cremos na resurrección, cremos na vida.

Escoitando o Papa Francisco
que soña cunha Igrexa pobre ao servizo da xente pobre,
cremos na resurrección, cremos na vida.

Observando a indignación de tanta xente
que loita por unha sociedade máis xusta, con máis humanidade,
cremos na resurrección, cremos na vida.

Oíndo as risas dos picariños e picariñas
e a ledicia e a esperanzas da xente nova,
cremos na resurrección, cremos na vida.

Vendo a tenrura de tantas persoas
que aman, coidan, serven á xente débil gratuitamente,
cremos na resurrección, cremos na vida.

Contemplando a xente máis débil,
que confía, soña, espera a pesar de todo,
cremos na resurrección, cremos na vida.

Descubrindo a forza desmedida do amor,
que é capaz de facer novas todas as cousas,
cremos na resurrección, cremos na vida.

Desde os corpos humildes e esgotados
dos nosos veciños e veciñas queridas
que soñaron o mellor para si e os seus,
cremos na resurrección, cremos na vida.

Sostidos por Deus Pai - Nai que ama sen medidas
e mantén con fidelidade as súas fortes promesas,
cremos na resurrección, cremos na vida.

Levados da man de Xesús, irmán maior,
que coa súa vida e a súa morte
nos descobre e ofrece as fontes da vida,
cremos na resurrección, cremos na vida.

Alentados polo Espírito Santo de Deus,
que aluma as nosas dúbidas e canseiras,
cremos na resurrección, cremos na vida.

(Manolo Regal Ledo)

LECTURAS


II DOMINGO DE PASCUA-CICLO C


Primeira Lectura  Feit 5, 12-16
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Aumentaban os crentes no Señor: multitudes de homes e mulleres

            Pola man dos apóstolos facíanse moitos sinais e prodixios entre o pobo. E todos se xuntaban de común acordo no pórtico de Salomón; dos outros ninguén ousaba xuntarse con eles, aínda que o pobo os tiña en grande estima.
            A cantidade dos que crían no Señor, homes e mulleres, medraba máis e máis. A tal punto que quitaban para as rúas os enfermos en camas e padiolas, para que cando pasase Pedro, polo menos a súa sombra cubrise algún deles.
            Viña moita xente das vilas veciñas de Xerusalén e traía enfermos e atormentados por espíritos impuros, e todos quedaban curados.

                        Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL    Sal 117, 2-4. 22-24. 25-27a
R/. (1): Loade o Señor, porque é bo, porque é para sempre a súa misericordia.
Ou: Aleluia.

Que o diga a casa de Israel:
é para sempre a súa misericordia.
Que o diga a casa de Aharón:
é para sempre a súa misericordia.
Que o digan os que temen o Señor:
é para sempre a súa misericordia.

A pedra que os canteiros desbotaron,
esa mesma, converteuse en esquinal.
Foi o Señor quen o fixo,
unha marabilla á nosa vista.
Este é o día no que o Señor actuou:
alegrémonos nel e relouquemos.

Señor, dános a salvación!
Señor, dános prosperidade!
Bendito o que vén no nome do Señor:
desde a casa do Señor bendicímosvos.
O Señor é Deus: El dános a luz.


Segunda Lectura     Ap 1, 9-11a. 12-13. 17-19
LECTURA DO LIBRO DA APOCALIPSE
Estiven morto, e velaquí vivo por sempre eternamente

            Eu, Xoán, voso irmán e compañeiro no sufrimento, no reino e na esperanza en Xesús, estaba na illa chamada Patmos, por cousa da palabra de Deus e do testemuño de Xesús. Caín en arroubo o día do Señor e oín detrás miña un berro forte, coma dunha trompeta, que dicía: "o que vas ver escríbeo nun libro e mándallelo ás sete igrexas".
            E dei a volta para ver de quen era a voz que me falaba e, ao virar, vin sete candelabros de ouro e no medio dos candelabros unha figura humana vestida cunha túnica talar  e cunha faixa de ouro cinguida á altura do peito.
            Ó velo, caín aos seus pés coma morto. Pero el puxo a súa man dereita sobre min e díxome:
            - "Non teñas medo. Eu son o Primeiro e o Derradeiro, o que vive; estiven morto pero repara en que estou vivo polos séculos dos séculos e teño as chaves da Morte e do lugar dos mortos.        
            Escribe, logo, todo o que ves, o que hai e o que ha vir despois disto.

                        Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus

ALELUIA   Xn 20, 29
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Porque me viches, Tomé, tes fe, di o Señor;
ditosos os que creron sen veren.
Aleluia.


Evanxeo    Xn 20, 19-31
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Pasados oito días, veu Xesús

            Naquel día, o primeiro da semana, ao serán, estando pechadas as portas onde estaban os discípulos, por medo dos xudeus, chegou Xesús e, poñéndose no medio, díxolles:
            Paz convosco.
            Dito isto, mostroulles as mans e mais o costado. Os discípulos alegráronse, vendo o Señor.
            El díxolles outra vez:
            Paz convosco: coma o Pai me mandou a min, tamén eu vos mando a vós.
            E dito isto alentou sobre eles, e díxolles:
            Recibide o Espírito Santo: a quen lles perdoedes os pecados, quedaranlles perdoados; a quen llelos reteñades, quedaranlles retidos.
            Pero Tomé, un dos Doce,
o chamado Xemelgo, non estaba con eles cando chegou Xesús.
            Dicíanlle entón os outros discípulos:
            Vimos o Señor.
            Pero el contestoulles:
             Como non vexa nas súas mans as furas dos cravos e non meta nelas o meu dedo; como non meta a miña man no seu costado, non crerei.
            Oito días despois estaban outra vez dentro os discípulos, e Tomé con eles. Chegou Xesús, estando pechadas as portas, e poñéndose no medio, dixo:
            Paz convosco.
            Despois díxolle a Tomé:
            Trae aquí o teu dedo e mira as miñas mans; trae a túa man e métea no meu costado. Non sexas incrédulo, senón home de fe.
            Tomé respondeulle:
            Meu Señor e meu Deus!
            Xesús díxolle:
            Tes fe porque me viches? Benia os que creron sen veren!
            Moitos outros signos fixo Xesús diante dos seus discípulos, que non se escribiron neste libro. Estes escribíronse para que creades que Xesús é o Mesías, o Fillo de Deus, e, crendo, teñades vida nel.

                        Palabra do Señor                                         R/. Loámoste, Cristo

domingo, 31 de marzo de 2013

Comentario


A resurrección de Cristo é a festa por excelencia da vida cristiá. Sen este acontecemento, non se entendería a vida da Igrexa e o sentido do noso ser cristián. Como di San Paulo, se Cristo non tivese resucitado, va sería a nosa fe! ". O encontro co resucitado marca a nosa forma de vivir e estar no mundo, dun xeito transcendido.

A fe alumea nas tebras
O evanxeo de San Xoán relátanos como María Magdalena sae ao amañecer, cando aínda é de noite, cara ao sepulcro. O seu xesto é simbólico dunha fe que, aínda ás escuras, alenta esperanza. María Magdalena xa viviu unha experiencia de resurrección íntima cando se encontrou con Xesús e el a rescatou das escravitudes da súa vida anterior. No seu corazón alberga unha última esperanza e unha certeza: o seu Mestre non pode morrer definitivamente. De aquí que, apresurada, se achegue ao sepulcro ao romper a alba.
Ante o sepulcro baleiro, xermolan sentimentos diversos: alarma, sorpresa, desolación... Onde está o Mestre? Pouco a pouco, a esperanza vai crecendo no seu interior, e María vai correndo a comunicalo aos discípulos. En especial, diríxese a Pedro, pois recoñece o seu liderado no grupo e busca nel confirmación deste feito perturbador.

A autoridade confirma a fe
Pedro e Xoán, o discípulo amado do Señor, corren ao sepulcro. Xoán, que corre máis a presa, tamén recoñece a autoridade de Pedro e, contendo a súa natural curiosidade e impaciencia, non entra no sepulcro e agarda a que el chegue. Entón, ven que realmente o sudario está no chan e a tumba baleira. Xesús non está alí. Para o xudeu, un sepulcro baleiro significa algo máis que simple ausencia; é un anticipo e unha primeira proba da resurrección.
Xoán, narrador do evanxeo, cóntanos que entrou, viu e creu. É entón cando comprenden as Sagradas Escrituras e moitas palabras e alusións de Xesús á súa morte e resurrección.
Nesta pasaxe, Pedro representa o Papado, a tradición e o Maxisterio da Igrexa. Xoán é o teólogo, cunha viva experiencia de Deus, pero que espera, humilde, a confirmación da autoridade. Dalgún xeito, esta lectura fainos pensar que os cristiáns non podemos ir inventando teoloxías particulares, ou facendo lecturas un tanto subxectivas das escrituras. É importante apegarnos aos feitos e á tradición e ensinanzas da Igrexa, que están fundamentadas solidamente nestes primeiros testemuños, próximos a Xesús. Moitas persoas utilizan a Biblia para extraer teorías subxectivas e orixinais, quizais un pouco lixeiramente. Non esquezamos que estamos a falar dunha experiencia que nos supera e que vai máis alá das nosas elucubracións. Este episodio evanxélico móstranos a importancia da comuñón e de recoñecer unhas verdades inmutables que os cristiáns coherentes non podemos cuestionar, como o feito da resurrección.
Nós, os cristiáns de hoxe, non somos testemuñas oculares de primeira man; non vivimos a experiencia dos primeiros apóstolos nin escoitamos o seu testemuño, como os cristiáns das primeiras comunidades. Pero si herdamos esa vivencia e recibimos o mesmo don ca eles: a graza, o don sobrenatural da fe. San Paulo tampouco foi unha testemuña directa da resurrección e non coñeceu a Xesús do mesmo xeito que os Doce discípulos, pero a súa vivencia foi extraordinariamente fonda e sincera. Canto fixo, e que lonxe chegou, movido pola fe!
Hoxe, participar da eucaristía fainos testemuñas da morte e resurrección de Xesús. Comungando, Xesús faise presente entre nós e dentro do noso ser. Rompe as barreiras entre o pasado e o porvir, e entre o ti e o eu. O Resucitado está presente onte, hoxe e sempre; abraza todos os tempos e todos os lugares. Así o di San Paulo: "vivo eu, pero non son eu, é Cristo quen vive en min". Cada vez que acudimos a misa estamos a asistir ao acontecemento pascual e recibimos o Espírito Santo que alentou os apóstolos.

As mulleres, as primeiras
Non deixa de ser significativo que, nunha cultura que marxinaba as mulleres e as relegaba a unha posición socialmente inferior, a figura da muller apareza en primeiro lugar nun feito tan fundamental da nosa fe.
Xesús aparécese, antes que a ninguén, ás mulleres. Elas foron as únicas que non o abandonaron na súa paixón. Con Xoán, estiveron ao pé da cruz. Agora, son elas as primeiras en recibir a gran noticia da súa resurrección. Isto ten enormes consecuencias de tipo pastoral, social e cultural. A muller ten unha sensibilidade espiritual moi profunda para captar situacións importantes. As mulleres convértense en apóstolas dos apóstolos. A súa actitude e a súa valentía son un referente para as mulleres cristiás de hoxe.
Comunicar a maior das noticias
Hoxe, domingo de Pascua, celebramos que recibimos a maior das noticias. Fronte a un mundo convulso e desconcertado, onde os medios de comunicación se nutren de desgrazas e catástrofes, a noticia pascual hanos de encher de gozo e alegría. Temos suficientes motivos para ser felices e non nos afundir polo desánimo nin a indiferenza. Os cristiáns non podemos rendernos ante a avalancha de malas noticias. Temos de ser comunicadores da alegría do resucitado. Como cirios pascuais, habemos de esparexer luz e alegría no mundo. A alegría é unha calidade esencial e constitutiva do cristián. Fálanos da forza do amor, que vence a morte e todas as tribulacións. Nada nin ninguén nos pode arrebatar esta alegría. Cristo vive, hoxe e para sempre, en nós.

Lecturas


Domingo de Pascua - ciclo C


Primeira Lectura    Feit 10, 34a. 37-43
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Temos comido e bebido con el despois de que resucitou de entre os mortos

            Naqueles días, tomou Pedro a palabra e dixo:
            Vós sabedes o que pasou en toda a Xudea, comezando desde Galilea, despois do bautismo que Xoán predicou: como Deus unxiu con Espírito Santo e con poder a Xesús de Nazaret, que pasou facendo o ben e curando a todos os que estaban asoballados por Satán; pois Deus estaba con el.
            E nós somos testemuñas de todo o que fixo no país dos xudeus e mais en Xerusalén. Matárono, colgándoo dun madeiro. A este resucitouno Deus ao terceiro día e concedeulle que se deixase ver, non de todo o pobo, senón das testemuñas escollidas de antemán por Deus: nós, que comemos e bebemos con el, despois de que resucitou de entre os mortos.
            E mandounos que predicásemos ao pobo e atestemos que el é quen foi constituído por Deus xuíz de vivos e de mortos.
            El é de quen todos os profetas dan este testemuño: todos os que crean nel recibirán polo seu nome o perdón dos pecados.

                        Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL    Sal 117, 1-2. 16ab-17. 22-23
R/. (24): Este é o día no que o Señor actuou: alegrémonos nel e relouquemos.
Ou: Aleluia.

Loade o Señor porque é bo,
porque é para sempre a súa misericordia.
Que o diga a casa de Israel:
é para sempre a súa misericordia.

A destra do Señor é excelsa,
a destra do Señor fixo proezas.
Non hei morrer, vou vivir,
e pregoar os feitos do Señor.

A pedra que os canteiros desbotaron,
esa mesma, converteuse en esquinal.
Foi o Señor quen o fixo,
unha marabilla á nosa vista.



Segunda Lectura     Col 3, 1-4
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS COLOSENSES
 Buscade as cousas de alá enriba, onde está Cristo

            Irmáns:
            Se resucitastes con Cristo, buscade as cousas de alá enriba, onde Cristo está sentado á dereita de Deus; arelade o de arriba e non o da terra.
            Vós morrestes e a vosa vida está agachada con Cristo en Deus. Cando se manifeste Cristo, que é a vosa vida, daquela tamén vós vos manifestades con El cheos de gloria.
Palabra do Señor
__________________________________________

Ou tamén:    1 Cor 5, 6b-8
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
Purificádevos do vello fermento, para serdes unha masa nova

             Irmáns:
            Non sabedes que un pouco de fermento leveda a masa toda? Purificádevos do vello fermento, para serdes unha masa nova, coma pans ácimos que sodes.
            Pois o noso año pascual, Cristo, xa foi inmolado.
            Fagamos, logo, a festa pero non con fermento vello nin con fermento de malicia e perversidade, senón con pan ácimo de pureza e de verdade.

                        Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus


SECUENCIA


Con cánticos de festa, xubilosos,
loemos o que foi pan inmolado,
á Vítima pascual, trigo frutuoso.

Ó Año que, inocente, sen pecado,
co Pai reconciliando os pecadores,
penou polo rabaño, en amor dado.

Loitaron morte e vida, moitas dores,
en gran confrontación; o rei da vida
morreu e reina vivo entre loores.

Que viches, di, María, na amencida?
Que viches, cando estabas no camiño?
A pedra do sepulcro xa corrida.

Choraba eu por Xesús con gran cariño
e foime dado en graza esplendorosa
a gloria do que vence, en aloumiño.

E vin, tamén, os anxos que gloriosas
palabras me dicían de confianza;
vestidos e sudarios vin gozosa.

Xesús resucitou, leda esperanza
para min, tamén para os seus amigos todos
que irán a Galilea en lembranza.

Que Cristo rexurdiu, el o primeiro,
é fe que nesta Pascua proclamamos;
de agora e ata o intre derradeiro
co teu poder de vida camiñamos.


ALELUIA    1 Cor 5, 7b-8a
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia. Aleluia
Foi inmolado Cristo, a nosa Pascua;
así que celebremos festa no Señor.
Aleluia.



Evanxeo    Xn 20, 1-9
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
É necesario que resucite de entre os mortos

            No día primeiro da semana María a Madalena foi ao sepulcro moi cedo, cando aínda era escuro, e viu que a pedra do sepulcro estaba quitada.
            Botou a correr e, chegando onda Simón Pedro e onda o outro discípulo, a quen amaba Xesús, díxolles:
            Colleron do sepulcro o Señor, e non sabemos onde o puxeron.
            Pedro e mais o outro
discípulo saíron correndo cara ao sepulcro. Corrían os dous á par. Pero o outro discípulo correu máis lixeiro ca Pedro, e chegou primeiro ao sepulcro.
            Abaixándose, viu que estaban os lenzos, pero non entrou. Entón chegou tamén Simón Pedro, que o seguía, e entrou no sepulcro. Viu os lenzos pousados alí. Pero o sudario que envolvera a súa cabeza, non estaba cos panos, senón á parte, enrolado noutro lugar.
            Entón entrou tamén o outro discípulo, que chegara primeiro, ao sepulcro; viu e creu. (Pois aínda non entenderan que, conforme a Escritura, era preciso que resucitase de entre os mortos).

                        Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus

sábado, 23 de marzo de 2013

Comentario


O mundo quedou sorprendido outra vez pola decisión do papa Francisco de celebrar a misa da Cea do Señor do próximo Xoves santo na Institución Penal para Menores de Casal do Marmo e non na basílica de San Juan de Letrán, como era habitual anteriormente. Paréce unha forma magnífica de vivir a Paixón de Cristo segundo San Lucas. Recoñecer os inocentes e poñerse de parte deles, compartir con eles a vida e a cruz, é o que fixo con Xesús o que chamamos "bo ladrón" e por iso este aparece ante nós como exemplo a imitar trala lectura da Paixón do domingo de Ramos. Os menores, todos os menores, mesmo os que delinquen, na perspectiva da xustiza de Deus son inocentes. Un menor que delinque é sempre unha vítima, aínda cando desenvolva malas condutas, dignas sempre de toda reprobación. Pero un menor sempre é máis inocente que culpable. Poñerse de parte dos menores é poñerse de parte das vítimas e é antepoñer o Reinado de Deus a calquera outra realidade humana.
O Domingo de Ramos ao comezo da semana Santa ofrece dous motivos fundamentais para a celebración da comunidade cristiá: a manifestación mesiánica de Xesús nas inmediacións de Xerusalén e o gran relato bíblico da Paixón, ambos os dous tomados este ano do evanxeo de Lucas. No primeiro relato, lonxe das categorías de triunfalismo e de exaltación do poder do suposto mesías esperado por Israel, o evanxeo de Lucas presenta a Xesús como Señor e como Mesías, pero de xeito sorprendente. A soberanía de Xesús é a da humildade e a sinxeleza. A súa grandeza é a de ser servidor dos outros e a súa autoridade a do que vai ser crucificado para revelarnos onde e como podemos encontrarnos con Deus nesta terra.
Tampouco en Lucas hai unha "entrada triunfal en Xerusalén", senón un achegamento mesiánico de Xesús, máis ben dramático, á cidade, que o conducirá á cruz, tras un conflito de morte. (Lc 19,29-40). O señorío real de Xesús queda patente ante os discípulos, que realizan o seu mandato de proporcionar un pollino para a realización dun xesto mesiánico simbólico de carácter profético (cf. Zac 9,9). A dignidade mesiánica móstrase cando Xesús é entronizado como un rei sobre o pollino. Este é un animal digno e maxestoso, pero á vez sinxelo, humilde e pacífico. O pollino non é tratado aquí como un animal de carga, senón como o que serve para realzar a figura de Xesús. Pero non se trata dun cabalo, poderoso e violento, como corresponde aos reis da terra. Así mesmo a manifestación popular entusiasta non consiste nun desfile militar senón nunha alegría espontánea de seguidores, que esperan o que vén en nome do Señor, pero incorporando a aclamación de Xesús como rei. Nesa multitude de discípulos pode quedar representada a humanidade dos humildes e sinxelos que, lonxe do poder establecido, anhelan a chegada do Señor e Salvador, dun rei verdadeiramente xusto en quen se cumpre a mensaxe dos profetas e cuxa gloria real non poden sufocar os poderosos deste mundo. A multitude dá gloria a Deus por todo o que viron nel. En realidade a escena non transcorre en Xerusalén senón no monte que está en fronte de Xerusalén, máis exactamente fronte ao templo. E en confrontación co templo é como se formula o mesianismo de Xesús, o cal prosegue o seu percorrido ata Xerusalén. Pero hai unha escena lucana (Lc 19,41-44) que segue á lectura litúrxica, que é relevante para mostrar a compaixón e a misericordia de Xesús cara á cidade. No descenso do monte das Oliveiras ata o torrente Cedrón, para subir a Xerusalén, dende un punto panorámico de extraordinaria beleza, Xesús, ao contemplar a cidade... chorou por ela, porque non recoñeceu o momento da súa vinda. Xesús empezou así a súa Paixón por Xerusalén, como o Mesías que ama o seu pobo, pero este nin percibe nin valora o que significa a visita do seu Deus nin a forma en que esta se realizou.
Pero hai unha escena lucana (Lc 19,41-44) que segue á lectura litúrxica, que é relevante para mostrar a compaixón e a misericordia de Xesús cara á cidade. No descenso do monte das Oliveiras ata o torrente Cedrón, para subir a Xerusalén, dende un punto panorámico de extraordinaria beleza, Xesús, ao contemplar a cidade... chorou por ela, porque non recoñeceu o momento da súa vinda. Xesús empezou así a súa Paixón por Xerusalén, como o Mesías que ama o seu pobo, pero este nin percibe nin valora o que significa a visita do seu Deus nin a forma en que esta se realizou. Xerusalén non acepta un Deus xusto e misericordioso cuxo Rei é este Xesús que contemplamos na narración da Paixón, como vítima xusta e inocente. Por iso chorou Xesús, non por si mesmo, nin polo que se lle viña enriba, senón pola súa xente e a súa perdición. Despois Xesús entrou no templo de Xerusalén e realizou a acción profética da purificación do templo como expresión da necesidade dun cambio total de orientación na vida relixiosa do seu pobo.
O relato da Paixón en Lucas revela a tensión dramática de todos os Evanxeos. Os seus temas fundamentais son tamén a identidade de Xesús e o templo, cuxo veo, esgazado en dous antes da morte de Xesús, mostra a ineficacia e caducidade da devandita institución relixiosa para seguir representando o espazo da presenza de Deus nesta terra. Acerca da identidade de Xesús queda patente que é Mesías e Fillo de Deus. Pero Lucas pon unha énfase especial ao destacar ao Señor como Xusto por antonomasia. De aí os múltiples lugares onde se resalta a inocencia de Xesús. Pilato próbao e compróbao ata decidir a súa liberación. As palabras do centurión pagán ao pé da cruz constitúen a revelación máis solemne de todo o evanxeo de Lucas: "Realmente este home era xusto" (Lc 23,47). O paso decisivo para converterse en discípulo de Xesús é facer o mesmo que fixo o bo ladrón estando xa na cruz: recoñecer a propia culpa e proclamar a inocencia de Xesús poñéndose a favor del como vítima inxusta. Para ter parte no Reino é preciso poñerse de parte das vítimas, polo mero feito de ser tales, como fixera Xesús coa adúltera. Xesús está na cruz e é o Rei xusto, porque é o Señor da misericordia. Ao considerar tal misterio a multitude convértese a Deus. Só con esta concentración da mirada cara a Xesús na cruz e, con el, cara a todas as vítimas da inxustiza e os sufridores deste mundo, producirase en nós a auténtica conversión e o verdadeiro cambio de mentalidade e de comprensión do Mesías que nos pedía o evanxeo ao principio da Coresma.
Xesús foi entronizado e aclamado como rei, pero el vén en nome do Señor. Non nos equivoquemos de reino. Este rei é o home inocente e xusto, Xesús na cruz, que, no medio do espectáculo inhumano, violento e inxusto, consuma a súa fidelidade ao Pai, a súa entrega definitiva realizada xa por el en Getsemaní. Getsemaní é o momento da súa Paixón interior, é a gran tensión dramática de Lucas. Xesús ábrese en oración intensa ao Espírito de Deus e alí é onde asume a vontade do Pai de que nel se realice o plan de salvación mediante o amor misericordioso que toma corpo no seu corpo inocente, entregado por todos como expresión da Nova Alianza de Deus coa humanidade. A partir de Getsemaní Jesús vai como un Señor cara á Cruz. En Lucas o drama do proceso transformouse nunha presentación exemplar de Xesús como mestre de bondade, de inocencia e de xustiza e é o Señor que dá o grande exemplo da entrega da vida para todo discípulo.
Outras dúas notas poden caracterizar a lectura da Paixón de Lucas. A relación de Xesús co Pai e coa diversidade de personaxes do relato. A oración, como vivencia fundamental de Xesús dende a súa vinculación e relación íntima co Pai, transforma en sacrificio eucarístico o sufrimento do seu corpo, convertendo en proceso de vida o proceso de morte ao que está sometido. Dende a oración confiada ao Pai, a cruz será o novo templo e o novo altar da relación con Deus. O crucificado consuma o amor da misericordia na súa oración e transforma o odio en perdón: Das súas palabras "Pai, perdóaos pois non saben o que fan" (Lc 23,34) recibimos a capacidade para perdoar, mesmo aos inimigos, e tamén a audacia para proclamar sempre a verdade. Nas dirixidas ao bo ladrón "De veras dígoche: Hoxe estarás comigo no Paraíso" (Lc 23,43) percibimos a salvación que leva consigo a defensa das vítimas inocentes, o apoio á causa dos xustos e o recoñecemento da propia culpa. Xesús fai da solidariedade coas vítimas e cos crucificados do mundo a máis viva e inmediata expresión da participación no seu Reino. E a punto de morrer na cruz, podemos percibir que Xesús transformou xa a morte en vida e, máis alá do carácter dramático, os discípulos percibimos a serenidade e a paz de Cristo pola súa misión ben cumprida, a de anunciar o Reino de Deus e a súa misericordia, que lle permite dicir finalmente "Pai, ás túas mans encomendo o meu espírito" (Lc 23,46).

Lecturas


DOMINGO DE RAMOS NA PAIXÓN DO SEÑOR  -  C


            PROCESIÓN DAS PALMAS

Evanxeo 
Bendito o que vén no nome do Señor
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS
Lc 19, 28-40

            Naquel tempo, Xesús botou a andar diante camiño de Xerusalén.
E cando se achegaban a Betfagué e a Betania, ao pé do chamado Monte das Oliveiras, mandou dous discípulos, dicíndolles:
            Ide á aldea que tedes aí diante, e atoparedes atado un burriño que ninguén montou aínda nunca. Soltádeo e traédeo. E se alguén vos pregunta: "Por que o soltades?", respondédelle: "Precísao o Señor".
            Foron os discípulos, e atoparon todo tal como lles dixera. E cando ceibaron o burriño, preguntáronlles os donos:
            Por que soltades o burriño?
            Eles contestaron:
Precísao o Señor.
            Levárono onda Xesús, botaron os mantos sobre o burriño e axudárono a montar. E ao pasar el, a xente estendía os mantos polo camiño. Cando se aproximaban á baixada do Monte das Oliveiras, a multitude de discípulos, cheos de alegría, comezaron a loar a Deus con grandes gritos, por todas as marabillas que tiñan visto. Dicían:
            Benia o que vén, coma rei, no nome do Señor. Paz no ceo, e gloria no máis alto!
            Algúns dos fariseos que estaban entre a xente, dixéronlle:
            Mestre, reprende a eses teus discípulos.
            Pero el respondeulles:
            Asegúrovos que se estes calan, falarán as pedras.

                        Palabra do Señor                                         R/. Loámoste, Cristo




Primeira Lectura     Is 50, 4-7
LECTURA DO LIBRO DO PROFETA ISAÍAS
Non apartei a miña cara das increpacións, pero sei que non quedarei confundido
 (3º Canto do Servo do Señor)

            O Señor Deus concedeume lingua de discípulo,
para saber instruír o cansado cunha palabra que o anime na mañá.
            El espreguiza pola mañá o meu oído para escoitar coma discípulo.
O Señor abriu o meu oído,
e eu non me rebelei, non me botei para atrás.
            Ofrecín o lombo aos que me azoutaban, e a miña cara aos que me arrincaban a barba.
Non escondín a miña cara dos insultos e das cuspiñadas.
            Pero o Señor axudarame,
por isto non me sinto avergonzado, e poño a miña cara coma un diamante,
pois sei que non me avergonzarei.

            Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL     Sal 21, 8-9. 17-18a. 19-20. 23-24
R/. (2a): Meu Deus, meu Deus, por qué me abandonaches?

Todos os que me ven fan burla de min,
torcendo os labios, movendo a cabeza:
"Confiou no Señor, que El o libre,
que El o salve, se é que o ama".
Rodéanme mandas de cans,
cércame un fato de malvados,
tradearon as miñas mans e os meus pés,
e podo contar os meus ósos.

Reparten os meus vestidos
e botan ás sortes o meu manto.
Pero ti, Señor, non esteas lonxe;
ti es a miña forza, ven axiña axudarme.

Eu falareilles de ti aos meus irmáns,
loareite no medio da asemblea.
Servidores do Señor, loádeo,
liñaxe de Xacob, glorificádeo,
liñaxe de Israel, temédeo.


Segunda Lectura     Flp 2, 6-11
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS FILIPENSES
Humillouse a si mesmo, por iso Deus exaltouno
 
            Irmáns:
            Cristo Xesús, con ser de condición divina,
non se agarrou con cobiza ao seu ser igual a Deus;
senón que se espiu do seu rango,
e asumiu a condición de escravo,
feito en todo semellante aos homes.
            Presentándose coma un home calquera,
abaixouse a si mesmo, facéndose obediente ata á morte,
e á morte na cruz.
            Por iso tamén Deus o exaltou sobre todo
e lle concedeu un nome que está por riba de todo outro nome,
para que ao nome de Xesús se dobre todo xeonllo
no ceo, na terra e mais no abismo,
e toda lingua proclame que Xesús Cristo é o Señor
para gloria de Deus Pai.

            Palabra do Señor                                         R/. Grazas a Deus

VERSÍCULO    Flp 2, 8-9

Cristo abaixouse a si mesmo, facéndose obediente ata á morte,
e á morte na cruz.
Por iso tamén Deus o exaltou sobre todo
e lle concedeu un nome que está por riba de todo outro nome.



Lc 22, 14 -- 23, 56 
PAIXÓN DO NOSO SEÑOR XESÚS CRISTO SEGUNDO LUCAS

Moito levo desexado comer esta Pascua convosco antes de eu padecer!

            C. Cando chegou a hora, púxose Xesús á mesa cos seus apóstolos. Díxolles:
            + Moito levo desexado comer esta Pascua convosco antes de eu padecer! Porque vos digo que xa non a volverei comer ata que chegue o seu cumprimento no Reino de Deus.
            C. E collendo unha copa, deu grazas e dixo:
            + Tomade e repartídea entre vós, pois asegúrovos que non volverei beber do produto da viña ata que chegue o Reino de Deus.

Facede isto en memoria miña

            C. E collendo pan, deu grazas, partiuno e déullelo, dicindo:
            + Este é o meu corpo, que se entrega por vós; facede isto en memoria miña.
            C. E despois de cear, fixo o mesmo coa copa, dicindo:
            + Esta copa é a Nova Alianza, selada co meu sangue, que se verte por vós.

Ai daquel que entrega o Fillo do Home!

            C. Pero mirade o que vos digo: a man do que me entrega está aquí, sobre a mesa, a carón meu. Porque o Fillo do Home vaise, conforme o determinado; pero ai daquel que o entrega!
            C. Entón empezaron a discutir entre eles, sobre quen podería ser o que ía facer iso.

Eu ando entre vós coma quen serve

            C. Armouse tamén unha discusión entre eles sobre a quen deles debían considerar máis importante. Pero el díxolles:
            + Os reis dos xentís asobállanos, e os tiranos fanse chamar benfeitores. Pero vós non fagades iso; non: que o maior entre vós sexa coma o máis pequeno, e o que goberna, coma quen serve. Pois, quen é máis importante, o que está á mesa ou quen o serve? Acaso non é o que está na mesa? Pero eu ando entre vós coma quen serve.
            Pois vós sodes os que quedastes comigo nas miñas probas. E, coma o meu pai o dispuxo para min, así eu teño disposto para vós un reino, para que, cando eu sexa rei, comades e bebades na miña mesa, e sentedes en tronos para xulgar as doce tribos de Israel.

Ti, ao que te arrepintas, debes confirmar os teus irmáns

            C. E engadiu:
            + Simón, Simón, mira que Satanás vos reclamou para vos peneirar coma o trigo! Pero eu roguei por ti, para que a túa fe non falle; e ti, ao que te arrepintas, debes confirmar os teus irmáns.
            C. Díxolle el:
            + Señor, estou disposto a ir á cadea e á morte contigo.
            C. Respondeulle Xesús:
            + Ten por seguro que hoxe, antes de que o galo cante, negarás tres veces que me coñeces.

É preciso que se cumpra en min aquilo que está escrito

            C. E logo preguntoulles a todos:
            + Cando vos mandei sen bolsa, alforxas e calzado, sentistes falta de algo?
            C. Eles responderon:
            S. De nada.
            C. El continuou:
            + Pois agora quen teña unha bolsa, que a colla e que colla tamén unha alforxa; e quen non teña espada, que venda o seu manto e que merque unha. Porque vos aseguro que é preciso que se cumpra en min aquilo que está escrito: "Foi contado entre os malfeitores". E o tocante a min vaise cumprir.
            C. Eles dixéronlle:
            S. Señor, temos aquí dúas espadas.
            C. Contestoulles:
            + Basta. Xa está ben.

Cheo de angustia, pregaba con máis teima aínda

            C. Despois de saír, foise como facía sempre ao Monte das Oliveiras, seguido dos seus discípulos. Cando chegaron ao sitio, díxolles:
            + Rogade que non caiades na tentación.
            C. E arredándose deles, coma un tiro de pedra, púxose a rogar axeonllado:
            + Meu Pai, se queres, arreda de min este cáliz. Pero que non se faga a miña vontade, senón a túa.
            C. E un anxo do ceo aparecéuselle para confortalo. E cheo de angustia, pregaba con máis teima aínda, mentres suaba coma pingas de sangue que esvaraban ata o chan.
            Erguéndose da oración, volveu onda os discípulos e atopounos durmidos por mor da tristeza. Díxolles:
            + Como é que estades a durmir? Erguédevos e rogade, para que non caiades na tentación.

Xudas, cun bico entregas o Fillo do Home?

            C. Estaba aínda falando, cando apareceu xente; á fronte deles viña o chamado Xudas, un dos Doce; e achegouse a Xesús, para lle dar un bico. Pero Xesús díxolle:
            + Xudas, cun bico entregas o Fillo do Home?
            C. Entón os seus acompañantes, decatándose do que pasaba, preguntáronlle:
            S. Señor, sacamos as espadas?
            C. E un deles feriu o criado do Sumo Sacerdote, rabenándolle a orella dereita.
Pero Xesús díxolle:
            + Deixádeos facer.
            C. E tocándolle a orella, sandoulla.
            Entón díxolles aos que viñan contra el, sumos sacerdotes, oficiais da garda do templo e anciáns:
            + Viñéstesme prender con paus e espadas, coma se fose un bandido. Pero eu estiven a diario convosco no templo, e non me puxestes as mans enriba. Ben: esta é a vosa hora, e o poder das tebras.

Pedro saíu para fóra, e chorou amargamente

            C. Prendérono e levárono á casa do Sumo Sacerdote. Pedro seguíao de lonxe. Acenderon lume no medio do patio, e sentaron arredor; e Pedro sentou tamén no medio deles. Pero unha criada viuno sentado a carón do lume, cravou os ollos nel e dixo:
            S. Este tamén andaba con el.
            C. El negouno dicindo:
            S. Muller, eu non o coñezo.
            C. Pouco despois viuno outro criado, e dixo:
            S. Ti es deles tamén.
            C. Pero Pedro exclamou:
            S. Non, home, non son.
            C. Unha hora máis tarde, aínda volveu insistir outro criado:
            S. Si, seguro que andaba con el, que é galileo.
            C. Pedro replicou:
            S. Pero home, eu non che sei de que falas.
            C. E no intre, estando aínda el a falar, cantou o galo. O Señor, volvéndose, mirou a Pedro, e este acordouse das súas palabras: "antes de que o galo cante hoxe, ti hasme negar tres veces". Saíu para fóra, e chorou amargamente.

              Fai agora de profeta:
               quen che zoupou?

            C. Os homes que o tiñan preso burlábanse del e mallábano; tapábanlle a cara e preguntábanlle:
            S. Fai agora de profeta: quen che zoupou?
            C. E aldraxábano, dicíndolle outras moitas cousas.

Acordaron levalo ao Sanedrín

            C. Cando se fixo de día, reuniuse o Consello dos anciáns do pobo, os sumos sacerdotes e mais os letrados, e acordaron levalo ao Sanedrín. E dixéronlle:
            S. Se ti es o Mesías, dínolo.
            C. El contestoulles:
            + Se volo digo, non me ides crer; se vos fago preguntas, non me ides responder. Pero desde agora o Fillo do Home estará sentado á dereita do Todopoderoso.
            C. Preguntáronlle todos:
            S. Logo es ti o Fillo de Deus?
            C. El respondeu:
            + Vós o dicides: eu son.
            C. Eles exclamaron:
            S. Para que máis testemuñas? Xa llo oímos nós mesmos da súa boca.
            C. Cando rematou a sesión, conduciron a Xesús perante Pilato.

Non atopo delito ningún neste home

            C. Alí empezárono a acusar, dicindo:
            S. Atopamos a este revolucionando o pobo, impedíndolle pagar o tributo ao César, e declarándose ademais Mesías e rei.
            C. Pilato preguntoulle:
            S. Es ti o rei dos xudeus?
            C. Respondeulle:
            + Ti o dis.
            C. Entón díxolles Pilato aos sumos sacerdotes e mais á xente:
            S. Eu non atopo delito ningún neste home.
            C. Pero eles teimaban dicindo:
            S. Anda encirrando á xente, ensinando por toda Xudea, desde Galilea ata aquí.
            C. Oíndo aquilo, Pilato preguntou se aquel home era galileo. Ao saber que pertencía á xurisdición de Herodes, remitiullo a el, que casualmente estaba por aqueles días en Xerusalén.

Herodes e mais os seus soldados aldraxárono

            C. Herodes, ao ver a Xesús, alegrouse moito, porque había tempo que o quería ver, polo moito que tiña oído falar del; de por parte esperaba ver algún milagre. Fíxolle moitas preguntas, pero Xesús non dixo palabra. Tamén estaban alí os sumos sacerdotes e mais os letrados acusándoo con teimosía. Herodes e mais os seus soldados aldraxárono, e, para faceren riso del, vestírono cunha roupa fachendosa; e despois Herodes mandoullo de volta a Pilato. E desde aquel día Herodes e Pilato, que se levaban moi mal, quedaron amigos.

Pilato entregou a Xesús ao seu antollo

            C. Pilato convocou os sumos sacerdotes, os xefes e mais o pobo e díxolles:
            S. Trouxéstesme este home coma se fose un revolucionario; pero eu, despois de o interrogar diante de vós, non atopei nel ningún delito deses dos que o acusades; nin tampouco Herodes, que nolo devolveu. Nada que mereza a morte cometeu; así que voulle pór un escarmento, e despois vouno soltar.
            C. Pero todos empezaron a berrar, dicindo:
            S. Fóra ese, solta a Barrabás!
            C. Este estaba na cadea por unha revolta con asasinato, ocorrido na cidade.
            Pilato volveulles falar, pois quería librar a Xesús. Pero eles berraban:
            S. Crucifícao, crucifícao!
            C. Pilato replicou por terceira vez:
            S. Pero que mal fixo? Ningún delito de morte atopei nel. Dareille un escarmento e soltareino.
            C. Pero eles porfiaban a berros e pedían a crucifixión, facendo cada vez máis algareo. Por fin Pilato sentenciou tal coma eles querían. Soltou o que reclamaban o encadeado por revolta e asasinato , e a Xesús entregóullelo ao seu antollo.

Fillas de Xerusalén, non choredes por min

            C. Cando o levaban, botaron man dun certo Simón de Cirene, que viña da leira, e cargáronlle a cruz, para que a levase detrás de Xesús. Ía tras deles unha chea de xente e mulleres batendo no peito e laiándose por el. Xesús, volvéndose a elas, díxolles:
            + Fillas de Xerusalén, non choredes por min: chorade máis ben por vós e polos vosos fillos. Porque, mirade, veñen días nos que se dirá: "Afortunadas as estériles, os ventres que non xeraron e os peitos que non criaron". E pediranlles aos montes: Caede enriba de nós!, e aos outeiros: tapádenos. Porque se isto fan coa árbore verde, que lle pasará á seca?
            C. Levaban con el tamén a outros dous bandidos, para executalos.


Meu Pai, perdóaos que eles non saben o que fan

            C. E cando chegaron ao lugar chamado "A Caveira", crucificárono alí; e con el os dous bandidos: un á dereita e outro á esquerda del.
            Xesús dicía:
            + Meu Pai, perdóaos que eles non saben o que fan.
            C. E, botando á sorte, repartiron a roupa del.

Este é o rei dos xudeus

            C. A xente estaba a mirar, e os xefes moqueábanse del, dicindo:
            S. A outros salvounos. Pois que se salve agora el, se é o Mesías de Deus, o Elixido.
            C. Tamén os soldados se burlaban del, e achegándose ofrecíanlle vinagre, dicindo:
            S. Se ti es o rei dos xudeus, sálvate a ti mesmo.
            C. E había un letreiro enriba del: "Este é o rei dos xudeus".

Hoxe estarás comigo no paraíso

            C. Un dos bandidos que estaban crucificados, insultábao tamén:
            S. Non es ti o Mesías? Pois sálvate ti e sálvanos a nós.
            C. Pero contestoulle o outro, reprendéndoo:
            S. Seica non temes a Deus, ti que sofres a mesma condena ca el? Nós, polo menos, recibimos o que merecemos, pero este non fixo mal ningún.
            C. E dicíalle:
            S. Xesús, lémbrate de min cando volvas coma rei.
            C. Xesús respondeulle:
            + Asegúroche que hoxe estarás comigo no paraíso.

Meu Pai! Nas túas mans entrego o meu espírito

            C. Chegado o mediodía, a escuridade cubriu a terra ata a media tarde. Pois houbo unha eclipse de sol. E o veo do Santuario rachou polo medio. Entón Xesús, pegou un berro moi alto e dixo:
            + Meu Pai! Nas túas mans entrego o meu espírito.
            c. E dicindo isto, morreu.


(Todos se axeonllan, e faise unha pausa)

            C. O centurión, vendo o que sucedera, glorificou a Deus, dicindo:
            S. Realmente este home era inocente.
            C. E toda a xente que acudira ao espectáculo, ao ver o que pasaba, volvía batendo no peito. Os seus coñecidos seguían todo de lonxe, e igual as mulleres que o acompañaran desde Galilea.

Xosé puxo o corpo de Xesús nun sepulcro sen estrear

            C. Un home bo e honrado, chamado Xosé, que era conselleiro –aínda que el non estivera de acordo co proceder do Consello , natural de Arimatea, vila de Xudea, e que esperaba o Reino de Deus, presentouse a Pilato e pediulle o corpo de Xesús. Logo, despois de o baixar, envolveuno nunha saba e púxoo nun sepulcro cavado na rocha, que estaba sen estrear. Era día da Preparación e xa despuntaba o sábado.
            Tamén estiveron presentes as mulleres que o acompañaban desde Galilea, pois seguiron a Xosé, e viron o sepulcro e como o depositaba.
            Cando regresaron, prepararon perfumes e bálsamos. Pero o sábado descansaron, conforme o mandado.

                        Palabra do Señor                                         R/. Loámoste, Cristo