O mundo quedou sorprendido outra vez pola decisión do papa
Francisco de celebrar a misa da Cea do Señor do próximo Xoves santo na
Institución Penal para Menores de Casal do Marmo e non na basílica de San Juan
de Letrán, como era habitual anteriormente. Paréce unha forma magnífica de
vivir a Paixón de Cristo segundo San Lucas. Recoñecer os inocentes e poñerse de
parte deles, compartir con eles a vida e a cruz, é o que fixo con Xesús o que
chamamos "bo ladrón" e por iso este aparece ante nós como exemplo a
imitar trala lectura da Paixón do domingo de Ramos. Os menores, todos os
menores, mesmo os que delinquen, na perspectiva da xustiza de Deus son
inocentes. Un menor que delinque é sempre unha vítima, aínda cando desenvolva
malas condutas, dignas sempre de toda reprobación. Pero un menor sempre é máis
inocente que culpable. Poñerse de parte dos menores é poñerse de parte das
vítimas e é antepoñer o Reinado de Deus a calquera outra realidade humana.
O Domingo de Ramos ao comezo da semana Santa ofrece dous
motivos fundamentais para a celebración da comunidade cristiá: a manifestación
mesiánica de Xesús nas inmediacións de Xerusalén e o gran relato bíblico da
Paixón, ambos os dous tomados este ano do evanxeo de Lucas. No primeiro relato,
lonxe das categorías de triunfalismo e de exaltación do poder do suposto mesías
esperado por Israel, o evanxeo de Lucas presenta a Xesús como Señor e como
Mesías, pero de xeito sorprendente. A soberanía de Xesús é a da humildade e a
sinxeleza. A súa grandeza é a de ser servidor dos outros e a súa autoridade a
do que vai ser crucificado para revelarnos onde e como podemos encontrarnos con
Deus nesta terra.
Tampouco en Lucas hai unha "entrada triunfal en
Xerusalén", senón un achegamento mesiánico de Xesús, máis ben dramático, á
cidade, que o conducirá á cruz, tras un conflito de morte. (Lc 19,29-40). O
señorío real de Xesús queda patente ante os discípulos, que realizan o seu
mandato de proporcionar un pollino para a realización dun xesto mesiánico
simbólico de carácter profético (cf. Zac 9,9). A dignidade mesiánica móstrase
cando Xesús é entronizado como un rei sobre o pollino. Este é un animal digno e
maxestoso, pero á vez sinxelo, humilde e pacífico. O pollino non é tratado aquí
como un animal de carga, senón como o que serve para realzar a figura de Xesús.
Pero non se trata dun cabalo, poderoso e violento, como corresponde aos reis da
terra. Así mesmo a manifestación popular entusiasta non consiste nun desfile
militar senón nunha alegría espontánea de seguidores, que esperan o que vén en
nome do Señor, pero incorporando a aclamación de Xesús como rei. Nesa multitude
de discípulos pode quedar representada a humanidade dos humildes e sinxelos
que, lonxe do poder establecido, anhelan a chegada do Señor e Salvador, dun rei
verdadeiramente xusto en quen se cumpre a mensaxe dos profetas e cuxa gloria
real non poden sufocar os poderosos deste mundo. A multitude dá gloria a Deus
por todo o que viron nel. En realidade a escena non transcorre en Xerusalén
senón no monte que está en fronte de Xerusalén, máis exactamente fronte ao
templo. E en confrontación co templo é como se formula o mesianismo de Xesús, o
cal prosegue o seu percorrido ata Xerusalén. Pero hai unha escena lucana (Lc
19,41-44) que segue á lectura litúrxica, que é relevante para mostrar a
compaixón e a misericordia de Xesús cara á cidade. No descenso do monte das
Oliveiras ata o torrente Cedrón, para subir a Xerusalén, dende un punto
panorámico de extraordinaria beleza, Xesús, ao contemplar a cidade... chorou
por ela, porque non recoñeceu o momento da súa vinda. Xesús empezou así a súa
Paixón por Xerusalén, como o Mesías que ama o seu pobo, pero este nin percibe
nin valora o que significa a visita do seu Deus nin a forma en que esta se
realizou.
Pero hai unha escena lucana (Lc 19,41-44) que segue á
lectura litúrxica, que é relevante para mostrar a compaixón e a misericordia de
Xesús cara á cidade. No descenso do monte das Oliveiras ata o torrente Cedrón,
para subir a Xerusalén, dende un punto panorámico de extraordinaria beleza,
Xesús, ao contemplar a cidade... chorou por ela, porque non recoñeceu o momento
da súa vinda. Xesús empezou así a súa Paixón por Xerusalén, como o Mesías que
ama o seu pobo, pero este nin percibe nin valora o que significa a visita do
seu Deus nin a forma en que esta se realizou. Xerusalén non acepta un Deus
xusto e misericordioso cuxo Rei é este Xesús que contemplamos na narración da
Paixón, como vítima xusta e inocente. Por iso chorou Xesús, non por si mesmo,
nin polo que se lle viña enriba, senón pola súa xente e a súa perdición.
Despois Xesús entrou no templo de Xerusalén e realizou a acción profética da
purificación do templo como expresión da necesidade dun cambio total de
orientación na vida relixiosa do seu pobo.
O relato da Paixón en Lucas revela a tensión dramática de
todos os Evanxeos. Os seus temas fundamentais son tamén a identidade de Xesús e
o templo, cuxo veo, esgazado en dous antes da morte de Xesús, mostra a
ineficacia e caducidade da devandita institución relixiosa para seguir
representando o espazo da presenza de Deus nesta terra. Acerca da identidade de
Xesús queda patente que é Mesías e Fillo de Deus. Pero Lucas pon unha énfase
especial ao destacar ao Señor como Xusto por antonomasia. De aí os múltiples
lugares onde se resalta a inocencia de Xesús. Pilato próbao e compróbao ata
decidir a súa liberación. As palabras do centurión pagán ao pé da cruz constitúen
a revelación máis solemne de todo o evanxeo de Lucas: "Realmente este home
era xusto" (Lc 23,47). O paso decisivo para converterse en discípulo de
Xesús é facer o mesmo que fixo o bo ladrón estando xa na cruz: recoñecer a
propia culpa e proclamar a inocencia de Xesús poñéndose a favor del como vítima
inxusta. Para ter parte no Reino é preciso poñerse de parte das vítimas, polo
mero feito de ser tales, como fixera Xesús coa adúltera. Xesús está na cruz e é
o Rei xusto, porque é o Señor da misericordia. Ao considerar tal misterio a
multitude convértese a Deus. Só con esta concentración da mirada cara a Xesús
na cruz e, con el, cara a todas as vítimas da inxustiza e os sufridores deste
mundo, producirase en nós a auténtica conversión e o verdadeiro cambio de
mentalidade e de comprensión do Mesías que nos pedía o evanxeo ao principio da
Coresma.
Xesús foi entronizado e aclamado como rei, pero el vén en
nome do Señor. Non nos equivoquemos de reino. Este rei é o home inocente e
xusto, Xesús na cruz, que, no medio do espectáculo inhumano, violento e
inxusto, consuma a súa fidelidade ao Pai, a súa entrega definitiva realizada xa
por el en Getsemaní. Getsemaní é o momento da súa Paixón interior, é a gran
tensión dramática de Lucas. Xesús ábrese en oración intensa ao Espírito de Deus
e alí é onde asume a vontade do Pai de que nel se realice o plan de salvación
mediante o amor misericordioso que toma corpo no seu corpo inocente, entregado
por todos como expresión da Nova Alianza de Deus coa humanidade. A partir de
Getsemaní Jesús vai como un Señor cara á Cruz. En Lucas o drama do proceso
transformouse nunha presentación exemplar de Xesús como mestre de bondade, de
inocencia e de xustiza e é o Señor que dá o grande exemplo da entrega da vida
para todo discípulo.
Outras dúas notas poden caracterizar a lectura da Paixón de
Lucas. A relación de Xesús co Pai e coa diversidade de personaxes do relato. A
oración, como vivencia fundamental de Xesús dende a súa vinculación e relación
íntima co Pai, transforma en sacrificio eucarístico o sufrimento do seu corpo,
convertendo en proceso de vida o proceso de morte ao que está sometido. Dende a
oración confiada ao Pai, a cruz será o novo templo e o novo altar da relación
con Deus. O crucificado consuma o amor da misericordia na súa oración e
transforma o odio en perdón: Das súas palabras "Pai, perdóaos pois non
saben o que fan" (Lc 23,34) recibimos a capacidade para perdoar, mesmo aos
inimigos, e tamén a audacia para proclamar sempre a verdade. Nas dirixidas ao
bo ladrón "De veras dígoche: Hoxe estarás comigo no Paraíso" (Lc
23,43) percibimos a salvación que leva consigo a defensa das vítimas inocentes,
o apoio á causa dos xustos e o recoñecemento da propia culpa. Xesús fai da
solidariedade coas vítimas e cos crucificados do mundo a máis viva e inmediata
expresión da participación no seu Reino. E a punto de morrer na cruz, podemos
percibir que Xesús transformou xa a morte en vida e, máis alá do carácter
dramático, os discípulos percibimos a serenidade e a paz de Cristo pola súa
misión ben cumprida, a de anunciar o Reino de Deus e a súa misericordia, que
lle permite dicir finalmente "Pai, ás túas mans encomendo o meu
espírito" (Lc 23,46).
No hay comentarios:
Publicar un comentario