sábado, 26 de julio de 2014

Lecturas

DOMINGO  XVII  ORDINARIO  CICLO A


Primeira Lectura     1 Re 3, 5. 7-12
LECTURA DO LIBRO PRIMEIRO DOS REIS
Pediches sabedoría para ti
 
            Naqueles días, en Gabaón aparecéuselle Deus, no soño da noite, a Salomón e díxolle:
            "Pídeme o que queiras".
            Salomón respondeulle:
            Señor, meu Deus, que fixeches que o teu servo reinase despois de meu pai David, sendo eu un rapaz pequeno, que non sabe nin conducirse. O teu servo atópase no medio deste pobo escollido por ti, un pobo grande e numeroso, que non se pode contar nin estimar.
            Concédelle, pois, ao teu servo un corazón sabio, que saiba gobernar ben o teu pobo e distinguir o ben e o mal. Quen, se non, podería gobernar este pobo tan grande?"
            Ó Señor pareceulle ben que Salomón pedise aquilo.
            E díxolle:
            "Xa que pediches isto e non pediches para ti mesmo vida longa, nin riquezas, nin a vida dos teus inimigos, senón que pediches acerto para ben gobernar, vouche conceder o que pediches: unha mente sabia e intelixente, como non a houbo antes de ti nin a haberá tampouco despois.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL     Sal 118, 57 e 72. 76-77. 127-128. 129-130
 R/.  (97a):  Canto amo, Señor, a túa Lei!

A miña sorte é o Señor:
eu propoño observar a túa palabra.
A lei da túa boca é para min máis prezada
cós milleiros en moedas de ouro e prata.

Que a túa misericordia me console,
conforme o prometiches ao teu servo.
Que a túa compaixón veña a min e vivirei;
a túa lei é a miña alegría.
Eu amo os teus mandamentos,
por riba do ouro máis puro.
Guíome polas túas normas
e aborrezo o camiño da mentira.

Admirable é a túa revelación,
por iso a observa a miña alma.
A túa palabra ao revelarse ilumina,
fai sabios aos ignorantes.


Segunda Lectura     Rm 8, 28-30
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS ROMANOS
Predestinounos a reproducirmos a imaxe do seu Fillo

             Irmáns:
            Sabemos que todo colabora para o ben dos que aman a Deus, dos que foron escollidos segundo os seus designios.
            Pois aos que primeiro coñeceu, predestinounos a reproducir a imaxe do seu Fillo, de tal maneira que el sexa o primoxénito entre moitos irmáns.
            E aos que predestinou, a eses chamou; e aos que chamou, a eses xustificou; e aos que xustificou, a eses glorificou.
                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


ALELUIA   Cf. Mt 11, 25
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Bendito es ti, Pai, Señor dos ceos e mais da terra,
porque lles revelaches aos humildes os misterios do Reino.
Aleluia.


Evanxeo     Mt 13, 44-52
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Vendeu todo canto tiña e comprou o agro aquel
 
            Naquel tempo, díxolle Xesús á multitude:
             O Reino dos Ceos é semellante a un tesouro agachado nunha leira; o home que o atopou, vólveo agachar e, cheo de alegría, vai e vende canto ten e merca aquela leira.
            Tamén se parece o Reino dos Ceos a un negociante que anda á procura de perlas finas; en atopando unha de gran valor, foi e vendeu canto tiña, e mercouna.
            Do mesmo xeito, o Reino dos Ceos é semellante a unha rede varredoira largada no mar, que recolleu peixes de todas as castes. Unha vez chea, tiraron por ela para a ribeira e, sentados, xuntaron os bos nas patelas, e tiraron os malos fóra.
            Así será na fin do mundo: Sairán os anxos, e do medio dos xustos arredarán os malos para botalos no forno do lume: Alí haberá pranto e renxer de dentes.
            Entendestes todo isto?
            Eles responderon:
            Entendemos.
            El concluíu:
            Por iso, todo letrado que se fai discípulo do Reino dos Ceos parécese a un pai de familia que saca do seu tesouro cousas novas e cousas vellas.


                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo

Reflexión

Esa dignidade que posuímos todas as persoas non sempre é percibida polos demais, o que leva a que fagamos guerras, nos vaiamos dando morte uns aos outros e mesmo sexamos capaces de enganar, para conseguir medrar e ter recoñecemento social, a base de traizóns e mentiras. Non hai máis que ver como cada día os xulgados e os cárceres se van enchendo de persoas que teñen actuado así. A diferenza do rei Salomón, para todas estas persoas o sentido das súas vidas non está en ter un corazón capaz de escoitar, senón un corazón duro e de pedra que utiliza aos demais para as súas comenencias e busca única e exclusivamente o seu interese. Que lonxe da mensaxe cristiá, inda que vaian á misa ou se pavonen de ser crentes, mesmo dos que máis e mellor cumpren os ritos e gardan normas e dogmas!. A diferenza deste xeito de actuar, o camiño que se nos abre desde a palabra que hoxe temos escoitado non pasa por pedir para nós, senón por saír ao encontro dos demais. A fe ofrécenos -non impón- un camiño de comportamento ético que encerra un final de plenitude e salvación. O reinado de Deus ao que constantemente invitaba Xesús terá o seu cume na salvación –proximidade de Deus– da que gozaremos no remate do camiño. E a ela non se pode chegar máis que a través dunha vida impregnada de humanización e capacidade de descubrir ao outro coma un igual. Non vai chegar, inda que quen o diga berre ou use o seu poder para impoñelo, polo cumprimento das normas da ortodoxia ou da persecución dos que pensan distinto e buscan outras maneiras de facer presente a Deus nas súas vidas. A dignidade e a xustiza han ir xuntas para poder gozar do corazón que escoita, que Salomón, e con el todos nós, lle pedimos a Deus.

Xustificados nunha mesma dignidade, esta non está para ser contemplada ou para poñela nunha vitrina a fin de que a miren os demais e nos loen e aplaudan. A dignidade que recibimos de Deus, e pola que Xesús deu o mellor de si, é a mesma que nos fai entender por que é posible que recemos xuntos, inda que pertenzamos a credos distintos; é a mesma que posibilita que unamos esforzos para sacar proxectos nos que as persoas -non as ideas- sexan o primeiro; é a mesma pola que no canto de ser partidarios exaltados da nosa relixión, chámasenos a ser dialogantes e capaces de escoitar outras visións ou perspectivas que nos poden enriquecer humana e espiritualmente. E isto é así porque a raíz da que partimos é a mesma: Deus créanos por amor e ponnos no mundo para que fagamos dese amor sentido e guieiro da nosa vida. O que pasa é que moitas veces esquecemos isto, o que nos leva a pensar que cadaquén ten a verdade, que esta é única, e, xa sexa polas boas ou polas malas, como é a nosa e é única, non cabe máis que impoñerlla aos demais. Que lonxe do que Paulo lles dicía aos romanos!. Á verdade pódese chegar por varios camiños, o importante é que cheguemos, sen que ninguén se arrogue a exclusiva da viaxe. O Papa Francisco insiste coas súas palabras, cos seus escritos e o que é máis importante, cos seus xestos constantemente, para saber tender pontes de relación é unión desde os que facer do noso traballo cotián unha esperanza de dignificación do ser humano.Só deste xeito seremos capaces de atopar o tesouro do que hoxe nos fala o evanxeo: o Reino dos ceos. E coma todo tesouro, non se debe agochar, senón, inda que moitos non o queiran entender, coidar e compartir. Quen coida o que considera un gran ben e sabe poñelo ao servizo dos demais atopa unha ledicia interior que ninguén lle pode quitar. Iso debéranos pasar a nós os cristiáns. O tesouro é o evanxeo; un evanxeo que debemos coidar e mostrar aos demais a través da nosa vida. Porque se o tesouro non loce, para que o queremos?. Por moito que esteamos bautizados, vaiamos á misa, fagamos moitas promesas e novenas… se logo non somos capaces de ser sensibles á dor dos demais, non nos preocupamos polo que pasa ao noso redor ou nos desentendemos do esforzo por ser xustos, solidarios e dispoñibles a botar unha man a quen nolo pida, dificilmente poderemos falar con sinceridade e convicción do gran tesouro que é o evanxeo. A diferenza dos tesouros ao uso, que se esconden e hai medo a que os demais os coñezan, o tesouro do evanxeo é alegría, é paz, é xustiza, é igualdade para todos/as. E  iso non se pode agochar, senón que hai que dalo a coñecer para poder ser compartido. Aquí está o alicerce da proposta de Xesús. Traballemos día a día para vivila e comunicala.

domingo, 20 de julio de 2014

LECTURAS

DOMINGO  XVI  ORDINARIO  -  CICLO A
  

Primeira Lectura         Sab 12, 13. 16-19
LECTURA DO LIBRO DA SABEDORÍA
Impós penitencia sobre os pecados
 
            Non hai, fóra de ti, un Deus que coide de todas as cousas,
a quen teñas que xustificar que non xulgas inxustamente;
            Xa que o teu poder é a fonte da xustiza,
e seres ti o dono de todo lévate a amosarte indulxente.
            Só fas proba da túa forza cando non se dá creto á totalidade dese poder, confundindo a audacia dos que o coñecen;
así, dominando a túa forza, xulgas con equilibrio
gobernándonos con toda consideración,
pois na man tes o poderío cando queres.
            Con feitos semellantes ensinaches ao teu pobo
que ao xusto lle cómpre ser humano;
e a teus fillos décheslles a ditosa esperanza
de concederlles despois dos pecados tempo de se arrepentir.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 85, 5-6. 9-10. 15-16a
R/.  (5a):  Ti, Señor, es agarimoso e indulxente.

Ti, Señor, es agarimoso e indulxente,
cheo de misericordia para os que te invocan.
Escoita, Señor, a miña súplica,
atende a miña pregaria.

Os pobos todos que ti creaches
virán, Señor, adorarte,
virán honrar o teu nome.
Ti es grande e fas prodixios,
ti es o único Deus.

Pero ti, Señor, Deus compasivo e clemente,
tardo á ira, cheo de misericordia e leal,
mira por min, apiádate.


Segunda Lectura     Rm 8, 26-27
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS ROMANOS
O Espírito en persoa intercede por nós con xemidos máis fondos cás palabras
 
            Irmáns:
            O Espírito acode a axudar a nosa debilidade. Pois nós non sabemos o que debemos pedir como cómpre; pero o mesmo Espírito intercede por nós con laios inefables.
            E o Deus que escruta os corazóns, coñece a intención do Espírito, pois El intercede polos crentes, conforme á vontade de Deus.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


ALELUIA    Cf. Mt 11, 25
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Bendito es ti, Pai, Señor dos ceos e mais da terra,
porque lles revelaches aos humildes os misterios do Reino.
Aleluia.


Evanxeo     Mt 13, 24-43
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Deixade que as dúas medren ata a seitura


            Naquel tempo, contoulles Xesús outra parábola:
            Parécese o Reino dos Ceos a un home que sementou boa semente na súa leira. Pero mentres todos durmían, o seu inimigo veu sementar xoio polo medio do trigo e marchou. Cando espigou a planta e deu trigo, apareceu o xoio tamén.
            Os criados do dono fóronlle dicir: "Señor, ti non sementaras boa semente na túa leira? De onde lle vén, logo, o xoio?" El contestoulles: "Isto é obra dun inimigo".
            Os criados preguntáronlle: "Queres que o vaiamos arrincar?" El respondeulles: "Non, non sexa que ao collerdes o xoio arrinquedes tamén o trigo. Deixádeos medrar xuntos deica a sega, que no tempo da sega heilles dicir aos segadores: Apañade primeiro o xoio, e atádeo en monllos para queimalo; e o trigo recollédeo na miña arca".
            E contoulles outra parábola:
            O Reino dos Ceos é semellante a un gran de mostaza que un home sementou na súa horta. A mostaza vén sendo a máis pequerrecha de todas as sementes; pero cando medra chega a ser meirande ca todas as hortalizas, converténdose nunha árbore; de tal xeito, que mesmo os paxaros veñen facer o niño nas súas pólas.
            Díxolles outra parábola:
            O Reino dos Ceos é semellante ao fermento que unha muller amasou en tres medidas de fariña ata que todo levedou.
Todo isto lle falou Xesús en parábolas á xente, e nada lle falaba que non fose por medio de parábolas. De xeito que se cumprise o que dixera o profeta:
            Abrirei a miña boca para dicir parábolas, proclamarei cousas escondidas desde que o mundo é mundo.
            Entón, deixando a xente, foise para a casa. Achegáronselle os seus discípulos e pedíronlle:
            Explícanos a parábola do xoio na leira.
            El respondeu:
             O que sementa a boa semente é o Fillo do Home; a leira é o mundo; a boa semente son os fillos do Reino; o xoio son os fillos do Malo. O inimigo que a sementa é o Satán; a sega é a fin do mundo e os segadores son os anxos.
            E así como se entrecolle o xoio e se bota no lume, así pasará na fin do mundo. Mandará o Fillo do Home os seus anxos, e quitarán do seu Reino todos os escándalos e a todos os que fan o mal; e botaranos no forno do lume, onde será o pranto e o renxer dos dentes.
            Entón, os xustos resplandecerán coma o sol no Reino de seu Pai. Quen teña oídos que escoite.


                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo

Reflexión

Utilizamos moito o substantivo xustiza, o que non está tan claro é que o utilicemos do xeito adecuado. Porque a xustiza non é aplicar na vida -na nosa ou na dos demais-, os nosos criterios, ou o que nos parece mellor;  senón que a xustiza supón e esixe recoñecer/nos primeiro como persoas con dignidade e merecedores de respecto, independentemente de que teñan criterios parecidos aos nosos, pertenzan a outras crenzas ou a súa visión da realidade sexa moi distinta da nosa. A clave para entender isto que estamos a dicir dánola a frase á que faciamos referencia ao comezo da celebración e que atopamos na primeira lectura, do libro da Sabedoría. E dános a  clave para entender a xustiza  porque pon esta en relación cun actuar humano, co actuar humanizador. É dicir, co xeito de facer as cousas no que a persoa ocupe o primeiro lugar da escada de valores e principios desde os que nos movamos. Sendo importantes outras moitas cousas para poder vivir e facernos a vida moito máis doada, é necesario distinguir ben unha cousa da outra, para non caer na esquizofrenia de quen xa non distingue e o confunde todo. Algo disto está a pasar neste mundo no que vivimos e que, entre  todos  imos construíndo. Nel, moitas veces, xa non distinguimos que e núcleo e que é casca. Ou o que é o mesmo, non  diferenciamos o fundamental do accesorio, o que nos está a traer confusións e dor. Non hai máis que ver un telexornal, escoitar un informativo ou ler unha nova no xornal. Para lavarnos a conciencia acostumamos a dicir que a xente está tola ou preguntarnos onde imos parar con estes comportamentos....Pero poucas veces nos preguntamos: e eu, que fago, alí onde estou: familia, traballo, barrio, parroquia… para evitar esta confusión e desconcerto? Laiarse é doado, pero coller  o touro polos  cornos e non ter medo a expresar, e tamén explicar, que non todo vale nin é o mesmo sabendo argumentar con razóns e reflexións a quen o confunde todo, esixe perder  a vergoña e non ter complexo de inferioridade. Por iso non sempre é doado dar razón do que pensamos que debe ordenar a vida para que esta camiñe no binomio xustiza–humanidade. Sendo verdade que Deus coida de nós, non é menos verdade que nós tamén debemos coidar de canto Deus foi creando, e de entre todo, o máis importante, e isto non ten rebaixa, é o ser humano, ao que nos dotou de dignidade e capacidade de pensar, sentir e compartir. Deixemos logo que a sabedoría de Deus enchoupe o noso quefacer cotián!
  
Para poder ir desenvolvendo este proxecto de Deus  artellado  no binomio xustiza/humanidade, é necesario sentirse forte, ou polo menos, con capacidade de afrontalo sen medo nin vergoña pola nosa parte, cousa que non sempre somos capaces de levar a cabo. De aí que necesitemos un “plus” de forza que tamén nos ofrece ese Deus que é comuñón para cantos cremos nel. A  isto se refire Paulo cando lles  escribe aos cristiáns de Roma, e lles di que na debilidade, cando parece que todo se derruba, que nada vai quedando en pé –pensamento/tentación na que caemos cando nos deixamos levar da desesperanza-, o Espírito acode na nosa axuda. É esta unha fermosa imaxe que Paulo nos presenta de Deus como aquel que terma, acompaña, agarima e coida, con grande tenrura de nós. Non é logo que Deus se afaste de nós, ou faga oídos xordos á nosa oración –“ata cando Señor …”  dicimos no salmo-, máis ben, somos nós os que endurecemos o oído para non prestarlle atención á invitación que nos fai de seguilo. Falar entón do Espírito é falar da forza que recibimos para afrontar retos, superar dificultades, manter proxectos ou xerar ilusións. O Espírito, como forza e estada, sempre acode na nosa axuda e na nosa debilidade para termar de nós. Na confesión de fe que rezamos cada domingo dicimos que cremos no Espírito Santo. Poñamos en valor esta afirmación deixándonos enchoupar da súa presenza e da lóxica da comuñón á que nos chama e invita. Facer comunidade, crecer como comunidade e actuar no nome da comunidade, non sería posible, e se o fose, dificilmente aguantaría os avatares e a dureza da proba, se o Espírito non fose o compañeiro nesta andaina que imos construíndo de facer do mundo reinado de Deus. 


Dispostos sempre a deixarnos agarimar por esta presenza, ben seguro que atoparemos os folgos necesarios e suficientes para ir sabendo distinguir o xoio do trigo. É dicir, como diciamos antes, que non todo é o mesmo, que necesitamos organizar e aprender a descubrir que é o importante, e que cousa non o é, inda que estea moi de moda, o fagan todos, ou sexa “trending topic” nas tan afamadas hoxe, redes sociais. Por iso é tan fundamental buscar momentos onde poidamos formarnos, reflexionar e compartir as nosas dúbidas e preocupacións, para ir aprendendo a construír sobre bos alicerces, ou sobre terreo ben abonado. Distinguir o que humaniza daquilo que nos fai escravos e sometidos, non sempre é fácil, por iso é tan importante formarnos, coñecer e diferenciar, para non confundirnos nin deixarnos ir como arrastrados por quen berra máis, manipula mellor ou aparece máis veces na TV. Non porque unha cousa se diga, se vexa ou repita moitas veces se converte en boa se non o é. Na vida, xoio e trigo van camiñando tan á  xunta que moitas veces, se non poñemos a atención debida, poden confundirse, e para evitar esa confusión, son necesarios os criterios. Fronte ao xoio, necesitamos a mostaza. Ela, sendo unha semente pequena, vai pouco a pouco crecendo ata converterse nunha grande árbore. Así ha ser tamén a nosa vida:  pequenos pasos que imos sementando desde a xustiza e a humanidade, para que un día poidan dar moito froito, e fagamos de verdade reinado de Deus.

domingo, 13 de julio de 2014

LECTURAS

DOMINGO  XV  ORDINARIO  CICLO A


Primeira Lectura     Is 55, 10-11
LECTURA DO LIBRO DE ISAÍAS
A chuvia fai xerminar a terra
 
            Así fala o Señor:
            Velaquí: como a chuvia e a neve baixan do ceo
e non volven alá sen enchoupar a terra,
fecundala e facela brotar,
para que lle dea semente ao que sementou
e pan ao que come,
así tamén será a miña palabra que sae da miña boca:
non volverá a min en van,
senón que fará o que eu queira,
e conseguirá aquilo para o que a mandei.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 64, 10abcd. 10e-11. 12-13. 14
R/.  (Lc 8, 8):  A semente caeu en boa terra e deu froito.

Ti coidas e regas a terra,
enchóupala de bens;
as canles de Deus van cheas de auga.

Ti fas agromar a seara,
regas os sucos, achanzas os terróns,
amolécela coas chuvias,
e bendís as súas sementes.

Ti coroas a anada cos teus favores,
as túas pegadas zumegan abundancia.
Destilan os pastos do deserto
e vístense de xúbilo os outeiros.

Cóbrense de rabaños os campos
e adórnanse de espigas os vales,
cheos de ecos e de cantos.


Segunda Lectura     Rm 8, 18-23
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS ROMANOS
A esperanza viva da creación agarda arelante a revelación dos fillos de Deus
 
            Irmáns:
            Penso que non hai comparanza entre os padecementos da vida presente e a gloria vindeira, que se vai revelar en nós.
            Pois a esperanza viva da creación agarda arelante a revelación dos fillos de Deus. Porque a creación está sometida ao fracaso: non por propia vontade, senón polo poder daquel que a someteu, aínda que coa esperanza de que tamén a mesma creación será liberada da escravitude da corrupción e levada á salvación gloriosa dos fillos de Deus.
            Pois sabemos que toda a creación vén xemendo ata hoxe e retórcese coma con dores coma de parto.
            Máis aínda, nós mesmos, que temos as primicias do Espírito, xememos dentro de nós, degorando pola filiación, pola liberación do noso corpo.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


ALELUIA 
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
A semente é a palabra de Deus, quen sementa é Cristo;
quen o encontra, vivirá para sempre.
Aleluia.


Evanxeo     Mt 13, 1-23 (longa)
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
O sementador saíu a sementar
 
            Naquel día Xesús saíu da casa e foise sentar á beira do mar. Tanta era a xente reunida ao redor del, que tivo que subir e sentar nunha barca, mentres a xente toda ficaba na ribeira. E faloulles de moitas cousas en parábolas. Dicía:
            O sementador saíu a sementar. E ao espallar as sementes, algunhas foron caendo polo camiño adiante; viñeron os paxaros e coméronas. Outras caeron en terreo pedroso, onde a penas había terra; e naceron de contado, porque a terra non tiña fondura; pero non ben saíu o sol, queimounas, e, como non tiñan raíz, secaron. Outras caeron entre silvas, e as silvas, ao medraren, afogáronas. As outras caeron en terra boa e deron froito: Unha, cen; outra, sesenta; outra, trinta.
            Quen teña oídos, que escoite!
            E achegándose os discípulos dixéronlle:
            Por que lles falas en parábolas?
            El respondeulles:
            Porque a vós concedéusevos coñecer os misterios do Reino dos Ceos, pero a eles non. Pois a quen ten daráselle ata sobrarlle; pero a quen non ten aínda o que ten se lle quitará. Por iso fálolles eu en parábolas, porque mirando, non ven, e escoitando, non oen nin entenden. Cúmprese así neles o que profetizara Isaías dicindo:
  

         Oír, oiredes, pero non entenderedes; ollar, ollaredes, pero non veredes.
            Porque o corazón deste pobo está insensibilizado: endureceron os seus oídos e pecharon os seus ollos, para non veren cos ollos, nin oíren cos oídos, nin entenderen co seu corazón nin se converteren para que eu os cure.
            Ditosos, en troques, os vosos ollos, porque ven, e mailos vosos oídos, porque oen! Pois asegúrovos que moitos profetas e xustos arelaron ver o que vós vedes, e non o viron, e oí-lo que vos oídes, e non o oíron.
            Escoitade, logo, vós a parábola do sementador: Sempre que un escoita a Palabra do Reino e non a entende, vén o Maligno e repáñalle o sementado no seu corazón: esa é a que caeu no camiño.
            O que caeu entre as pedras, vén ser aquel que, escoitando a Palabra, de seguida a recibe con alegría; pero, ao non ter raíz e ser inconstante, así que veñen as dificultades ou a persecución por causa da Palabra, de seguida abandona.
            O que cae na silveira, vén ser aquel que escoita a Palabra; pero as preocupacións do mundo e o engado das riquezas afogan a palabra e queda sen dar froito.
            Pero o que foi sementado en boa terra, vén ser aquel que escoita a Palabra e a comprende: este si que dá froito e produce nun caso cento, noutro sesenta e noutro trinta.


                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo

sábado, 12 de julio de 2014

REFLEXIÓN

  A chuvia, cando vén na súa xusta medida, todos a valoramos e tentamos de aproveitala para os campos, os pozos, as fontes... Así, cando chove de xeito estatisticamente normal, todos dicimos o boa que é e o moito ben que ela fai. Porén, cando é moita, vólvese contra nós e contra o que facemos, producindo moito mal. Partindo deste imaxe, hoxe a palabra de Deus quere invitarnos a reflexionar e analizar a nosa vida desde o binomio semente - froito; ou o que é o mesmo: creación - salvación. Deus, o sementador invítanos a que nós deamos froitos de todo canto fai posible vivir dun xeito máis humano, digno e feliz. Son estes tres aspectos nos que constantemente incide a Palabra de Deus para que entendamos que quere dicir que o Deus creador chámanos á salvación. Si, porque a salvación non é nin unha idea nin algo abstracto do que non sabemos nada, senón todo o contrario: a salvación é o esforzo que nos leva a descubrir que a nosa vida e a dos que se relacionan con nós, supón un esforzo, unha tarefa por acadar dignidade, felicidade e humanización. Non todo vale nin calquera comportamento é bo. Tampouco debemos facer o primeiro que se nos ocorra ou o que máis nos favorece, senón que estamos chamados a poñerlle ao que facemos reflexión desde esta tripla esixencia da que vimos falando. Loitar por ilas acadando é o que lle da rostro e comprensión ao que queremos dicir cando nos referimos á salvación. Porque Deus sálvanos cando traballamos, para nós e os outros, desde a humanización, a dignidade e a felicidade. Para iso puxo ao noso dispor toda a creación: para que a través dela a salvación sexa unha realidade nova, viva e chea de esperanza, afastándonos, ou polo menos, dándonos razóns para afirmar que paga a pena ser homes e mulleres activos e esperanzados. Como a choiva que aporta nutrientes á terra, así tamén a esperanza dálle á nosa vida os nutrientes que necesitamos para facer da salvación reto e camiño.

A semente cae sempre na terra, pero non toda terra está preparada para acoller esa semente. Temos que facer o esforzo de preparar a terra –a nosa vida - corazón– para que esa semente creza, se desenvolva e dea froitos. Se a terra non está ben preparada, por moito que a semente sexa boa, antes ou despois acaba secando. Cantos corazóns/vidas de persoas que comezaron a súa andaina vital na fe, están hoxe desencantados, afastados ou de costas á mensaxe de Xesús?. É verdade que o testemuño de moitos dos que deberan ser referentes de vida e esperanza: Papas, bispos, curas, relixiosos... ten sido moitas veces contrario a canto esixía a súa opción de vida; pero tamén non é menos verdade que o conformismo e a rutina foron facendo de moitos cristiáns/ás, non testemuñas ledos e comprometidos coa mensaxe de Xesús, senón homes e mulleres aburridos, ritualistas e incapaces de alimentar a súa fe coas celebracións e a participación da vida da comunidade, acabando por non atoparlle sentido a súa fe. Cando falamos disto, poucas veces nos damos conta de que ao testemuño dos que fixeron do seguimento de Xesús a súa opción de vida, séguelle o esforzo de todo cristián de coñecer máis e mellor o Evanxeo, ter unha vida de oración asentada sobre a súa propia experiencia e a superación dunha fe de ritos pero totalmente desligada do resto da vida.

Entendemos entón desde canto vimos dicindo a parábola que acabamos de escoitar. A palabra non é pasado. Tampouco é unha simple ilusión que nos emboba e nos distrae das preocupacións e problemas de cada día. Non. A palabra é vida, ilusión, esforzo, tarefa, luz, camiño... que nos vai axudando a darlle a canto facemos un sentido, un porqué, un obxectivo polo que loitar e cara onde orientar as nosas decisións. Non está sobredimensionada para que engane dicindo ser o que non é, senón que busca simplemente que non camiñemos ás escuras nin nas tebras. A palabra é auga, que cae na terra para que dea froito, como a semente do sementador. E sabendo que non toda terra ten o mesmo valor, debemos, para que a palabra non morra sen que dea froito, acollela con atención, vivila con alegría e deixarnos transformar por ela para que as cousas cambien para mellor, e a creatividade nos faga seguidores de Xesús que non viven do pasado, senón que sabendo estar no presente non se deixan afogar por el, por iso se abren e proxectan cara ao futuro, agardando que sexa sempre un futuro que avanza na esperanza, e non queda na nostalxia do que xa pasou. Coma o sementador, tamén nós estamos chamados a facer da nosa vida unha semente que faga crible seguir a Xesús e sentir o gozo de chamarnos cristiáns.

sábado, 5 de julio de 2014

LECTURAS

DOMINGO  XIV  ORDINARIO  -  CICLO A


 
Primeira Lectura     Zac 9, 9-10
LECTURA DO LIBRO DE ZACARÍAS
Velaí vén o teu rei a ti coma pobre
 
            Así fala o Señor:
            Relouca, filla de Sión,
grita de ledicia, filla de Xerusalén.
            Velaí chega o teu rei,
é xusto e protexido do Señor,
humilde e montado nun burro,
si, nun burriño fillo dunha burra.
            Eu acabarei cos carros de Efraim
e cos cabalos de Xerusalén,
acabarase o arco de guerra
e El anunciará a paz ás nacións,
reinará desde un mar a outro mar,
desde o Éufrates aos confíns da terra.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 144, 1-2. 8-9. 10-11. 13cd-14
R/.  (1):  Meu Deus e meu rei, hei bendicir o teu nome por sempre.
Ou: Aleluia.

Meu Deus e meu rei, quero enxalzarte
e bendicir o teu nome por sempre.
Hei bendicirte cada día,
hei loar o teu nome por sempre.

O Señor é clemente e compasivo,
tardo á ira e rico en misericordia.
O Señor é bo para todos,
agarimoso con todas as súas obras.

Que te loen, Señor, as túas obras,
e te bendigan os teus amigos.
Que pregoen a gloria do teu reino,
e falen do teu poder.

O teu reino é reino eterno,
o teu goberno dura por todas as xeracións.
O Señor sostén a todos os que caen
e endereita os que se dobran.


Segunda Lectura     Rm 8, 9. 11-13
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS ROMANOS
Se coa forza do Espírito mortificades as obras do corpo, viviredes
 
            Irmáns:
            Vivide conforme o Espírito, posto que o Espírito de Deus habita en vós: se algún non ten o Espírito de Cristo, ese non é de Cristo.
            Se o Espírito do que resucitou dos mortos a Xesús habita en vós, o mesmo que resucitou a Cristo Xesús dos mortos, vivificará os vosos corpos mortais polo seu Espírito que habita en vós.
            Polo tanto, irmáns, somos de certo debedores, pero non da condición carnal, para vivirmos segundo ela.
            Porque, se vivides segundo a condición carnal, habedes morrer;  pero, se coa axuda do Espírito mortificades as obras do corpo, viviredes.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus


ALELUIA   Cf. Mt 11, 25
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Bendito es ti, Pai, Señor dos ceos e mais da terra,
porque revelaches aos humildes os misterios do Reino.
Aleluia.


Evanxeo     Mt 11, 25-30
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Son bo e humilde de corazón
 
            Naquel tempo, tomou Xesús a palabra e exclamou:
            Eu bendígote, Pai, Señor do ceo e mais da terra, porque lles escondiches estas cousas aos sabios e aos prudentes e llelas revelaches aos pequenos. Así é, Pai, porque iso foi do teu agrado.
            Todas as cousas mas confiou meu Pai; e ninguén coñece ao Fillo agás o Pai, nin coñece ao Pai ninguén agás o Fillo, e aquel a quen o Fillo llo queira revelar.
            Achegádevos a min todos os que estades cansos e oprimidos, que eu vos aliviarei. Cargade co meu xugo e aprendede de min, que son bo e humilde de corazón, e atoparedes acougo para as vosas almas; porque o meu xugo é livián e a miña carga lixeira.


                        Palabra do Señor                             R/. Loámoste, Cristo

viernes, 4 de julio de 2014

REFLEXIÓN

Cando falamos de Deus utilizamos habitualmente expresións que nos van mostrando unha imaxe del bastante afastada das realidades máis cotiás que os seres humanos temos. Así, dicimos que Deus é omnipotente, todopoderoso, eterno…, facéndonos unha imaxe de alguén que está moi por riba de nós e de canto nos preocupa. E esta imaxe desde a que tantas veces temos manifestado e asentado a fe, vai facendo que para moitas persoas Deus non só se afaste do que lles pasa, preocupa ou viven, senón que non signifique nada na súa vida, polo que a fe resúltalles indiferenza na medida na que non supón nada do que lles importa, aflixe ou preocupa. Porén, o profeta Zacarías busca presentarnos un xeito moito máis humano de comprender e vivir, de percibir a vida desde Deus. Fálanos da súa modestia, da súa sinxeleza, da súa humildade… Isto debe levarnos a que caiamos na conta de que temos que repensar a imaxe de Deus desde a que afirmamos crer e vivir valores e actitudes que o teñen a El como centro, forza e sentido. O que nos ha levar a que non busquemos a Deus nin nos pazos, as grandes catedrais, o diñeiro, o poder, as celebracións fastosas que, aínda que esteticamente lle poidan parecer fermosas a moitos, nada ou pouco teñen que ver co que nos pasa, o que sufrimos, canto nos preocupa ou nos fai estar desacougados. Volvamos entón os ollos á Palabra de Deus e deixémonos alimentar por ela, para ver si podemos descubrir, na media en que a lemos, coñecemos e rezamos, razóns para percibir a Deus como Aquel que quere e sabe estar con nós tanto cando somos capaces de rir e aledarnos, como cando as situacións da vida nos van pondo dificultades que temos que ir afrontando e superando. Só así entenderemos o que queremos dicir cando manifestamos que Deus é amor e amigo. Tomemos en serio, e apliquemos tamén, que Deus non é fasto, senón modestia.

Así poderemos bendicilo coas nosas obras, dando morte a canto nos leva a por camiños de soberbia, superioridade, suficiencia ou desapego das persoas necesitadas de nós. Se o que queremos é vivir a vida sabendo e aprendendo a integrar nela a fe, non é necesario facer cousas raras e estrañas, senón coller o rumbo que nos orienta cara un Deus que se implica no que nos pasa, no noso sufrimento e na nosa ledicia; na nosa tristura e na nosa esperanza, para poder logo afastar a tentación ben de crernos superiores aos demais, ben de sentírmonos incapaces e medorentos .O Deus de Xesús é o Deus da vida e de canto fai que o mundo no que vivimos non sexa o mundo no que triúnfan os corruptos, os delincuentes de salón e burocracia, os que aproveitándose da boa fe dos sinxelos e humildes fan negocios que simplemente os benefician a eles empobrecendo aos demais. O Deus no que cremos que nos reúne nesta celebración non é polo tanto o Deus da demagoxia e o engano, senón o do amor .E o amor, como ben di Paulo, só se pode mostrar nas boas obras, que non son de ladrillo e miles de euros, senón do que facemos, non para nós e o noso proveito, senón por e para o ben dos demais.


Só deste xeito entenderemos por que Xesús nos invita a achegarnos a El. Porque nos temos cansado e gastado a favor dos demais, non de buscarnos a nós mesmos, senón de buscalo a El no traballo a favor dun mundo máis xusto e igualitario, no que Deus está presente e nos chama a atopalo na mansedume, que non servilismo, e na humildade do noso facer, dando lugar a un corazón entregado á solidariedade e á causa da paz. Xesús nin nos trae nin nos invita a ter poder, senón que nos mostra o camiño: a sinxeleza e a honestidade do traballo que non deixa que ninguén se aproveite da boa fe dos sinxelos.