sábado, 26 de mayo de 2012

Comentario


O medo nunca é bo compañeiro de viaxe, e a primeira lectura de hoxe claramente nolo di: os Apóstolos, porque tiñan medo, pecháranse na casa. Non saían, non se relacionaban cos demais, non abandonaban a actitude derrotista que lles supuxera canto lle ocorrera a Xesús. O seu medo freaba a misión, da que falabamos o domingo pasado, que lles encomendara Xesús: “Ide e anunciade”. Estando nestas, algo lle ocorre porque comezan a cambiar, e onde había retraemento, vergoña, complexo de inferioridade... comeza a agromar forza, ilusión, alento, gañas de saír e atoparse con xente, necesidade de dicir, compartir, explicar, testemuñar todo o que foran sentindo e descubrido no seu contacto con Xesús. Tomaron conciencia de que xa era hora de deixar atrás o tempo do dó, que había que comezar a poñer as cousas en claro, que o que estaban a facer non respondía ao que sentiran, experimentaran e gozaran con Xesús, que laiarse podía valer por un tempo, pero non levaba a nada se este tempo se ía facendo cada vez máis longo, xa que acababa facendo as súas vidas totalmente estériles. Por iso senten a necesidade de romper con esta actitude e recomezar. Verdade que isto nos resulta familiar? Cantas veces a nós nos ocorre algo parecido? Cantas veces nos deixamos ir e alongamos no tempo estas actitudes fatalistas ás que parece non queremos poñer fin? Eles foron capaces de darlle outro rumbo á vida porque confiaron no que lles dixera Xesús, por iso foron percibindo que algo estaba a cambiar. A presenza do Espírito Santo foise deixando sentir neles, foinos invadindo pouco a pouco. Deste xeito non só as súas actitudes, senón a percepción que tiñan da vida e das cousas foi cambiando. Entenderon ao fin, que a partitura xa estaba escrita, que agora había que interpretala, e os mellores músicos para facelo eran eles. Tamén hoxe segue escrita a partitura, e somos nós, os cristiáns do século XXI os músicos que temos que interpretala.
E ha ser esta unha interpretación na que imos ter o mellor de tódolos directores: o Espírito Santo. El sabe moito de música, ten moita experiencia dirixindo, sabe que corresponde interpretar a cada un, pero de nós vai depender que se produza a mellor das harmonías entre o director e os seus músicos. Unha harmonía que nos chama a que cada un/ha de nós, con instrumentos distintos, colaboremos para que a partitura teña a mellor das interpretacións. Poñamos da nosa parte tódalas calidades, e deixemos que o director, o Espírito Santo, leve a batuta para facer de nós verdadeiros artistas da música de Xesús, cuxas notas resoan no mundo de hoxe. Un mundo apertado, e moitas veces abafado, na desesperación que produce a crise co paro, os recortes, a perda de dereitos sociais ou a ameaza de que o que hoxe están a pasar outros, mañá nos pode ocorre a nós.
Por iso é tan importante sentir a presenza do Espírito Santo nas nosa vidas, para que El, como ocorreu cos apóstolos, tamén nos alente, anime, estimule e mova a non deixarnos caer nin levar da sensación de fracaso e impotencia. Sen ser redentores de nada, a forza da fe ten que levarnos a evitar deixarnos levar da sensación de angustia e derrotismo. Deus é amor, e o seu amor temos que vivilo e transmitilo uns para cos outros. Só sabendo interpretar esta partitura entre todos, conseguiremos entender a razón e o porqué da nosa fe, no hoxe e agora da vida de cada un/ha.

viernes, 25 de mayo de 2012

Lecturas

PENTECOSTÉS
Primeira Lectura     Feit 2, 1-11
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Quedaron cheos do Espírito Santo e puxéronse a falar

            Cando se cumpriron os días de Pentecoste, estaban todos xuntos no mesmo sitio. De súpeto, veu do ceo un ruído coma dun forte golpe de vento que encheu toda a casa onde estaban; e apareceron talmente coma linguas de lume, que, repartidas, foron pousando unha sobre cada un deles.

            Quedaron cheos do Espírito Santo e puxéronse a falar noutras linguas, conforme lles concedía o Espírito.

            Había daquela en Xerusalén xudeus piadosos de todas as nacións da terra. Ao se producir aquel estrondo, xuntouse a xente e ficou moi desconcertada, porque cada un os sentía falar na súa propia lingua. Pasmados e admirados, dicíanlles uns a outros:

            "Olla! E todos estes que están aí a falar non son galileos? E logo como é que os sentimos falar cada un de nós no noso propio idioma nativo? Partos, medos, elamitas, xente da Mesopotamia, Xudea, Capadocia, Ponto, Asia, Frixia e Panfilia, do Exipto e da parte de Libia contra Cirene, forasteiros romanos tanto xudeus coma prosélitos, cretenses e árabes, sentimos falar nas nosas linguas das grandezas de Deus".

                        Palabra do Señor                              R/. Grazas a Deus



SALMO RESPONSORIAL      Sal 103, 1ab e 24 ac. 29bc-30. 31 e 34

R/. (30): Manda, Señor, o teu Espírito e renova a cara da terra.
Ou: Aleluia.

Alma miña, bendí o Señor.
Señor, meu Deus, ti es moi grande,
Cantas son, Señor, as túas obras,
A terra está chea das túas criaturas.

Retiras o teu alento, e expiran,
volvendo ao seu po.
Mandas o teu alento, e son creados
e renovas a cara da terra.

Gloria ao Señor por sempre,
alégrese o Señor coas súas obras.
Que El acolla o meu cantar
e alegrareime eu no Señor


Segunda Lectura      1 Cor 12, 3b-7. 12-13
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS CORINTIOS
A todos nos bautizaron nun único Espírito, para formarmos un único corpo

            Irmáns:
            Ninguén que diga "Renegado sexa Xesús", fala movido polo Espírito de Deus; e ninguén é capaz a dicir "Xesús é o Señor", se non é baixo o influxo do Espírito Santo.

            Hai diversidade de dons, pero un mesmo Espírito. Hai diversidade de servizo s, pero un mesmo Señor. Hai diversidade de realizacións, pero un mesmo Deus, que é quen realiza todo en todos.
            A cadaquén dáselle a manifestación do Espírito para o ben común.
Porque igual que o corpo, sendo un, ten moitos membros e todos estes membros, con seren moitos, non fan máis dun corpo: así tamén Cristo.

            Porque a todos nos bautizaron nun único Espírito, para formarmos un único corpo: tanto xudeus coma gregos, tanto escravos coma libres. E a todos se nos deu a beber un único Espírito.

                        Palabra do Señor                              R/. Grazas a Deus

ALELUIA
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Ven, Espírito Santo, enche o corazón dos teus fieis;
e acende neles o lume do teu amor.
Aleluia.


Evanxeo       Xn 20, 19-23
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Como me mandou a min o Pai, así vos mando eu a vós: recibide o Espírito Santo

            Naquel día, o primeiro da semana, ao serán, estando pechadas as portas onde estaban os discípulos, por medo dos xudeus, chegou Xesús e, poñéndose no medio, díxolles:

            - Paz convosco.

            Dito isto, mostroulles as mans e mais o costado. Os discípulos alegráronse, vendo o Señor.
            El díxolles outra vez:

            Paz convosco: coma o Pai me mandou a min, tamén eu vos mando a vós.

            E dito isto alentou sobre eles, e díxolles:

            Recibide o Espírito Santo: a quen lles perdoedes os pecados, quedaranlles perdoados; a quen llelos reteñades, quedaranlles retidos.

                        Palabra do Señor                              R/. Loámoste, Cristo

Secuencia


        

Ven, Espírito divino,
manda a túa luz do ceo.

Pai amoroso do pobre
don, nos teus dons xeneroso,
luz que penetra nas almas,
fonte de todo consolo.

Ven, hóspede desexado,
descanso do noso esforzo,
tregua no duro traballo,
brisa nas horas de afogo,
gozo que as bágoas enxuga
e reconforta na dor.

Entra ata o fondo da alma,
divina luz, e enriquécenos.
Mira o baleiro do home
se Ti lle faltas por dentro,
mira o que pode o pecado
cando falta o teu alento.

Lava en nós todo o manchado,
rega o árido e sedento,
sanda as feridas do pobo;
amolece o que está teso,
pon calor onde hai friaxe,
dános bo discernimento.

Reparte os teus sete dons
segundo a fe dos teus servos.
Segundo a túa bondade,
dálle ao esforzo o teu premio,
salva a quen busca salvarse
e dános o gozo eterno.
Amén. Aleluia.

sábado, 19 de mayo de 2012

Salmo de agradecemento


Que gusto dá espertar
coa túa luz cada día
e ir contemplando as cousas
coas que encher a vida!
Que gusto verte a ti nelas
rompendo a noite co día!

Na nai que coida dos nenos,
que os mantén e os arroupa
para que vaian medrando
con ilusión e con forza
eu véxote a ti, pai noso,
agarimador da xente toda.

No labrego apaixonado,
loitador comunitario,
que busca no pan a paz
e a forza para o seu traballo
vexo a Xesús defensor
da dignidade dos baixos.

En cada gromo que agroma,
en cada herbiña que apunta,
en cada flor que xa asoma,
no nacer dunha leituga
vexo o Espírito de vida
que á vida feliz me empuxa.

Que gusto dá espertar
e verte nas cousas todas!
Que gusto dá traballar
para que a xustiza as envolva!
Que gusto dá espertar
e cantar a túa gloria!

LECTURAS

A ASCENSIÓN DO SEÑOR - B

Primeira Lectura     Feit 1, 1-11
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Elevouse á vista deles

            O primeiro libro fíxeno, Teófilo, acerca de todo o que Xesús obrou e ensinou desde o comezo, ata o día que foi levado ao ceo, logo de ter dado instrucións polo Espírito Santo aos apóstolos que escollera.

            Ós mesmos que tamén se lles amosara vivo, con moitas probas despois da súa paixón, aparecéuselles durante corenta días e faláballes das cousas referentes ao Reino de Deus.

            E comendo con eles, encomendoulles que non se retirasen de Xerusalén, senón que agardasen a promesa do Pai que me escoitastes a min: porque Xoán bautizou con auga, mais a vós bautizarásevos co Espírito Santo, de aquí a poucos días.

            Os que estaban reunidos preguntábanlle:
-         Señor, é agora cando vas restablecer o Reino de Israel?

            El respondeulles:
-         Non vos acae a vós coñecer o tempo ou a oportunidade que o Pai fixou co seu propio poder. Pero recibiredes a forza do Espírito Santo, que virá sobre vós e seredes as miñas testemuñas en Xerusalén, en toda a Xudea e Samaría e ata os confíns da terra.
-         
            En dicindo isto, elevouse á vista deles e unha nube quitóullelo da súa vista. E estando eles fitando para o ceo mentres el marchaba, presentáronselles dous homes con vestidos brancos, que dixeron:

            Galileos, que facedes ollando para o ceo? Este Xesús que vos foi levado de entre vós ao ceo, ha volver do mesmo xeito que o vistes ir.

                        Palabra do Señor                                          R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL      Sal 46, 2-3. 6-7. 8-9
R/. (6): Deus sobe entre aclamacións, o Señor, ao son de trompetas.
Ou: Aleluia.

Aplaudide, pobos todos,
aclamade a Deus con cancións.
O Señor é excelso e terrible,
o gran rei de toda a terra.

Deus sobe entre aclamacións,
o Señor, ao son de trompetas.
Cantádelle a Deus, cantádelle,
cantádelle ao noso rei, cantádelle.

Deus é o rei de toda a terra:
cantádelle con xeito.
Deus reina sobre as nacións,
sentado no seu trono sagrado.


Segunda Lectura      Ef 1, 17-23
LECTURA DA CARTA DO APÓSTOLO SAN PAULO AOS EFESIOS
Sentouno á súa dereita no ceo

            Irmáns:

            O Deus do noso Señor Xesús Cristo, o Pai da gloria, vos conceda espírito de sabedoría e de revelación, para o coñecerdes ben; que manteña iluminados os ollos da vosa alma, para que comprendades cal é a esperanza da súa chamada, cal a riqueza da gloria da súa herdanza nos crentes, e cal o extraordinario portento do seu poder verbo de nós, os crentes, en consonancia co vigor da súa potencia e da súa forza, que exerceu con Cristo resucitándoo de entre os mortos e sentándoo á súa dereita nos ceos, por riba de todo principado e potestade, de toda virtude e dominación, e por riba de todo título de honra recoñecido neste mundo e tamén no vindeiro.     

            Someteullo todo baixo os seus pés e púxollo por riba de todo como cabeza á Igrexa, que é o seu corpo, a plenitude daquel que o enche todo en todas as cousas.

                        Palabra do Señor                                          R/. Grazas a Deus


ALELUIA      Mt 28, 19a. 20b
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Ide e ensinade a todas as xentes, di o Señor:
eu estou convosco todos os días ata a fin do mundo.
Aleluia.


Evanxeo Mc 16, 15-20
LECTURA DO FINAL DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MARCOS
Foi elevado ao ceo e senta á dereita de Deus

            Naquel tempo, aparecéuselles Xesús aos Once e díxolles:

            Ide polo mundo enteiro, e anunciade a Boa Nova a toda a creación. Quen crea e reciba o bautismo, será salvo; e quen non crea, ha ser condenado.

            Os que crean, irán acompañados destes sinais: No meu nome han botar os demos fóra e falarán linguas novas; collerán serpes coas mans, e se chegan a beber algún veleno, non lles fará mal ningún; imporanlles as mans aos enfer­mos, e estes curarán.

            E o Señor Xesús, despois de lles falar así, foi levado ao ceo e sentou á dereita de Deus.

            Eles saíron a predicar por todas as partes, e o Señor cooperaba e confirmaba a Palabra cos sinais que os acompañaban.

                        Palabra do Señor                             R/. Grazas a Deus

Comentario


Cantas veces a comodidade, o deixar andar, a vulgaridade, o pesimismo, a desilusión... se instalan na nosa vida e todo nos dá igual!. A festa que celebramos hoxe, a Ascensión do Señor, quere ser unha posta de largo, unha toma de conciencia do noso quefacer coma cristiáns, unha chamada a asumir responsabilidades. Porque a relixión entendida só de xeito vertical fixo e fai que moitos cristiáns quedaramos e quedemos mirando cara ao ceo, inmóbiles, cos brazos cruzados, sen preocupármonos das mal chamadas “cousas mundanas”, senón só das “celestiais”. Así, ao contemplarmos a Ascensión de Xesús sentimos ganas de fuxir con el, de abandonar o telexornal da crise, da prima de risco, dos recortes, do paro, da inxustiza, da desigualdade, da incultura... retirándonos á vida privada, ao individualismo, ao illamento, á salvación da alma... desencantándonos do mundo e afastándonos del. Deste xeito, cantas oportunidades perdemos de ser felices, de sentirnos útiles, de realizarnos como persoas botando unha man sen pedir nada a cambio, facendo un rato de compaña a quen se sente só ou a quen está triste ou visitando a quen está enfermo. Por que non daremos descuberto que a fe ten que levarnos xustamente a iso: a andar pola vida doutro xeito, con outro talante, con máis esperanza?.
Que facedes aí plantados mirando ao ceo?; que facedes con esa dobre moral hipócrita á que tan afeitos estamos?; que facedes crispando e sen mover nin un só dedo para que o mundo mude?; que facedes calando diante da que está caendo?; que facedes aí, refuxiados nos cuarteis de inverno de sancristías e templos, sen saír a dar razón da vosa esperanza?. Estas son as preguntas que hoxe se nos chama a responder. A Ascensión constitúe unha invitación a descender, a volver á vila, a deixar as alturas e as nubes, a non empreñar do aire. Hai que poñer os pés no chan, aterrar, mirar ao noso redor e poñernos mans á obra. Porque Deus quere e espera de nós que sexamos cristiáns adultos, en marcha, mirando cara adiante e construíndo sociedade. Porque hoxe tamén hai realidades que cambiar, rostros tristes que aledar, bágoas que enxugar, cadeas que romper. Porque hoxe tamén é tempo de denuncia... pero, do mesmo xeito, tamén é tempo de salvación.
E o escenario onde se desenvolve a nosa tarefa non pode ser outro máis que aquel onde vivimos: o mundo. O noso compromiso cristián ten que levarnos a transformalo desde abaixo e desde dentro, como fixo Xesús. Estamos chamados a mergullarnos na sociedade, a politizarnos, a “mundanizarnos”, dando a nosa man a todos aqueles que, coma nós, traballen por construír a civilización do amor desde o respecto á dignidade da persoa. Non somos mellores ca ninguén, non somos perseguidos (pero tampouco perseguidores), non temos a posesión da verdade, non queremos impoñer... Queremos traballar xuntos e ilusionados, dando testemuño da nosa fe coas nosas actitudes, coas nosas obras e coas nosas palabras. E cada un alí onde desenvolve o seu quefacer cotián: na súa casa, coa súa familia, cos compañeiros de traballo, nas asociacións de veciños, de pais e nais, nas nosas comunidades parroquiais... conscientes e responsables de que así construímos o Reino de Deus. Velaí que queremos ser unha Igrexa en movemento, a que esperamos para empezar a camiñar?.

viernes, 11 de mayo de 2012

LECTURAS

6º DOMINGO DE PASCUA - CICLO B

Primeira Lectura    Feit 10, 25-26. 34-35. 44-48
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Tamén entre os xentís foi derramada a graza do Espírito Santo

                Cando Pedro ía entrar, foi Cornelio á porta e botándoselle aos pés, prostrouse. Pero Pedro levantouno, dicíndolle:
                Érguete, que eu tamén son un home.
                Tomou entón Pedro a palabra e dixo:
                Abofé, vexo que Deus non fai distinción de persoas, senón que acepta ao que lle é fiel e practica a xustiza, sexa da nación que sexa.
                Aínda Pedro estaba a dicir estas cousas, cando o Espírito Santo veu sobre todos os que escoitaban a palabra.
                Tódolos crentes da circuncisión, que viñeran con Pedro, ficaron cheos de asombro ao veren que o don de Espírito Santo tamén se espallaba sobre os pagáns, pois sentíanos falar en linguas e loar a Deus.
                Entón Pedro dixo:
                 Pode alguén negarlle a auga do bautismo aos que recibiron o Espírito Santo o mesmo ca nós?
                E mandou que os bautizasen no nome de Xesús Cristo. Entón pedíronlle que quedase con eles algúns días.

                               Palabra do Señor                                                R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL    Sal 97, 1. 2-3ab. 3cd-4
R/. (cf. 2b): O Señor revela a súa xustiza ante os pobos.
 Ou: Aleluia

Cantade ao Señor un cántico novo,
pois fixo marabillas;
a súa destra deulle a vitoria,
o seu brazo santo.

0 Señor dá a coñecer a súa vitoria,
revela a súa xustiza ante os pobos.
Lembrou a súa misericordia e a súa fidelidade
coa casa de Israel.

Os confíns todos da terra percibiron
a vitoria do noso Deus.
Aclama ao Señor, terra enteira,
rompede a cantar e a tocar.


Segunda Lectura    1 Xn 4, 7-10
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN XOÁN
Deus é amor

                Meus amigos, amémonos uns aos outros, porque o amor vén de Deus; e todo aquel que ama naceu de Deus e coñece a Deus. O que non ama, aínda non coñece a Deus, porque Deus é amor.
                O amor de Deus fíxose ver entre nós en que Deus mandou ao mundo o seu Fillo Unixénito, para que nos dese a súa vida.
                Hai amor dentro de nós, non porque nós teñamos amado a Deus, senón porque El nos amou a nós e mandou o seu Fillo para que expiase os nosos pecados.

                               Palabra do Señor                                                R/. Grazas a Deus


ALELUIA      Xn 14, 23
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Quen me ama, cumprirá a miña palabra, di o Señor;
e o meu Pai amarao e viremos a el.
Aleluia.


Evanxeo     Xn 15, 9-17
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Ninguén ten amor meirande ca este: que un dea a súa vida polos amigos


                 Naquel tempo díxolles Xesús aos seus discípulos:
                - Como me amou o Pai, así vos amei eu: permanecede no meu amor. Se gardades os meus mandamentos, permaneceredes no meu amor, como eu gardei os mandamentos de meu Pai, e permanezo no seu amor.
                Díxenvos estas cousas para que a miña alegría estea en vós, e a vosa alegría sexa plena.
                Este é o meu mandamento: que vos amedes uns a outros como eu vos amei. Ninguén ten amor meirande ca este: que un dea a súa vida polos amigos. Vós sodes amigos meus, se facedes canto eu vos mando.
                Xa non vos chamo servos, que o servo non sabe o que fai o seu señor: a vós trateivos de amigos, pois todo o que lle oín a meu Pai déivolo a coñecer.
                Non me escollestes vós a min, senón que vos escollín eu a vós; e púxenvos para que vaiades e levedes froito e o voso froito permaneza; de xeito que todo o que lle pidades ao Pai no meu nome, volo conceda.
                Mándovos isto: que vos amedes uns a outros.

                               Palabra do Señor                                                R/. Grazas a Deus

sábado, 5 de mayo de 2012

LECTURAS

5º DOMINGO DE PASCUA - CICLO B

Primeira Lectura     Feit 9, 26-31
LECTURA DO LIBRO DOS FEITOS DOS APÓSTOLOS
Contoulles como vira o Señor no camiño

                Naqueles días, cando chegou Saulo a Xerusalén, procuraba xuntarse cos discípulos; pero todos lle tiñan medo, non crendo que fose discípulo de verdade.

                Pero Bernabé, colleuno consigo e levouno onda os apóstolos. Saulo contoulles que vira o Señor no camiño, que lle falara e que en Damasco predicara publicamente no nome de Xesús.

                Conviviu con eles en Xerusalén, predicando con ousadía no nome do Señor. Falaba e discutía tamén cos helenistas, pero estes queríano matar. Ao sabelo, os irmáns levárono para Cesarea e fixérono seguir a Tarso.

                Daquela, a Igrexa tiña paz en toda a Xudea, Galilea e mais Samaría. Crecía coma un edificio, progresaba na fidelidade ao Señor e coa asistencia do Espírito Santo ía aumentando en número.

                               Palabra do Señor                                                R/. Grazas a Deus


SALMO RESPONSORIAL     Sal 21, 26b-27. 28 e 30. 31-32
R/.  (26a):  Ti espertas a miña loanza na asemblea!
Ou:  Aleluia.

Cumprirei os meus votos na  presenza dos que o temen.
0s pobres comerán ata fartarse,
loarán o Señor os que o buscan
e gozarán de vida duradeira.

Lembraranse do Señor e volverán a El
tódolos confíns da terra;
axeonllaranse na súa  presenza
as familias todas dos pobos.
Prostraranse perante El os que repousan na terra,
axeonllaranse na súa  presenza os que baixan ao po.

Eu hei vivir para El,
e hao servir a miña proxenie.
Falarase do Señor á xeración vindeira,
a súa xustiza será revelada ao pobo que ha de nacer:
"Velaí a obra do Señor".


Segunda Lectura    1 Xn 3, 18-24
LECTURA DA PRIMEIRA CARTA DO APÓSTOLO SAN XOÁN
Este é o seu mandamento, que creamos e amemos

                Meus filliños, non amemos de palabra e de lingua, senón con feitos e na verdade. Deste xeito saberemos que vivimos conforme á verdade e sosegaremos o noso corazón diante do tribunal de Deus. Porque aínda que o noso corazón nos acuse, Deus é meirande có noso corazón e coñece todo.
                Meus amigos, se o corazón non nos acusa, temos confianza para nos achegar a Deus e El dános o que lle pidamos, porque cumprimos cos seus mandamentos e facemos o que a El lle agrada.

                Isto é o que El manda: que creamos no seu Fillo Xesús Cristo e que nos queiramos ben uns aos outros, coma el nos mandou.

                O que cumpre cos seus mandamentos está en comuñón con Deus, e Deus en comuñón con el: coñecemos que Deus está en comuñón connosco polo Espírito que nos deu.

                               Palabra do Señor                                                R/. Grazas a Deus


ALELUIA    Xn 15, 4a. 5b
Se non se canta, pódese omitir.

Aleluia, aleluia.
Permanecede en min e eu en vós, di o Señor;
quen permanece en min, dá froito abondoso.
Aleluia.


Evanxeo     Xn 15, 1-8
LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO XOÁN
Quen permanece en min e eu nel, é portador de froito abondoso

                Naquel tempo díxolles Xesús aos seus discípulos:

-          Eu son a verdadeira vide, e meu Pai é o labrador. O bacelo que en min non leva froito, arríncao; e o que leva froito, límpao, para que leve aínda máis froito. Vós xa estades limpos, pola palabra que vos teño falado. Permanecede en min e eu en vós.
                Así como o ramo non pode levar froito pola súa conta, se non permanece na vide, tampouco vós, se non permanecedes en min. Eu son a vide; vós os bacelos.


                Quen permanece en min e eu nel, ese leva froito abondoso, pois fóra de min non podedes facer nada. Se alguén non permanece en min, é coma os ramos arrincados fóra, que secan; apáñanos, bótanos no lume e arden.

                Se permanecedes en min e as miñas palabras permanecen en vós, pedide o que queirades e hásevos facer.

                Nisto é glorificado meu Pai: en que levedes froito abondoso e vos mostredes coma discípulos meus.

                           Palabra do Señor                                                R/. Grazas a Deus